DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Mércores, 28 de xullo de 2004 Páx. 10.789

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 16 de xullo de 2004 pola que se establece o uso da CIE-9-MC, 4ª edición en castelán actualizada ao ano 2004, para a codificación diagnóstica na Comunidade Autónoma de Galicia.

O conxunto mínimo básico de datos de hospitalización de agudos (CMBDH) é unha colección de parte dos datos de que dispoñen os establecementos sanitarios con réxime de internamento sobre cada paciente atendido, e que recollen, no momento da alta, do informe clínico e/ou historia correspondente. O informe de alta hospitalaria é o documento básico de información para o paciente hospitalizado e para os profesionais dos distintos niveis asistenciais.

Respecto a utilidade do CMBDH, como é ben coñecido, resulta un elemento fundamental na información a nivel asistencial, de xestión do propio hospital, de planificación, epidemiolóxico, e de investigación.

Son requisitos imprescindibles para a operabilidade do conxunto mínimo básico de datos a exhaustividade e a normalización dos criterios de codificación, que implican codificación centralizada, persoal especificado con formación homoxénea e a utilización dun sistema de clasificación axeitado.

O sistema de clasificación máis utilizado internacionalmente é a Clasificación Internacional de Enfermidades, 9ª revisión, modificación clínica

(CIE-9-MC), que sofre modificacións periódicas para adaptarse aos cambios e avances das ciencias biomédicas.

O conxunto mínimo básico de datos de hospitalización de agudos regúlase en Galicia por orde da Consellería de Sanidade do 7 de abril de 1993 (Diario Oficial de Galicia número 77, do 26 de abril).

A Resolución do 6 outubro de 2000, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade, establece o uso da CIE-9-MC, 4ª edición en castelán para a codificación diagnóstica en Galicia (Diario Oficial de Galicia número 212, do 2 de novembro).

Na Comunidade Autónoma de Galicia realízase o esforzo de transformar o histórico de CMBDH autonómico á última edición da CIE que estea en vigor, co fin de permitir a explotación de series temporais de grande importancia tanto para a planificación como para a xestión.

En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire a disposición derradeira primeira da orde da Consellería de Sanidade do 7 de abril de 1993,

DISPOÑO:

Artigo único.

Primeiro.-Todos os centros sanitarios galegos con réxime de internamento quedan obrigados a utilizar, para a elaboración do conxunto mínimo básico de datos de hospitalización de agudos (CMBDH) a Cla

sificación Internacional de Enfermidades, 9ª revisión, modificación clínica (CIE-9-MC) na súa cuarta edición en castelán reactualización a 2004, nas altas producidas a partir do día 1 de xaneiro de 2004.

Segundo.-O histórico do CMBDH autonómico transformarase a CIE-9-MC, 4ª edición en castelán reactualización 2004.

Queda sen efecto, a partir do 31 de decembro de 2003, a Resolución do 6 de outubro de 2000, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade, que establece o uso da CIE-9-MC, 4ª edición en castelán, para a codificación diagnóstica en Galicia (Diario Oficial de Galicia número 212, do 2 de novembro de 2000).

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2004.

Manuel Antonio Silva Romero

Secretario xeral do Servizo Galego de Saúde

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA