DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Mércores, 28 de xullo de 2004 Páx. 10.775

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 24 de maio de 2004, da Dirección Xeral do Maior e de Persoas con Discapacidade, pola que se fixa o prazo para a presentación de solicitudes para a realización de convenios de reserva e ocupación de prazas de tipoloxía asistida en centros residenciais para maiores e se establece o prezo máximo da praza/día.

Polo Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, estableceuse a estrutura orgánica da Xunta de Galicia

creándose a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais. O Decreto 212/2003, do 3 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais considera esta consellería como o órgano da Administración autonómica ao que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de política de servizos sociais.

A Orde do 16 de maio de 1995, modificada pola Orde do 8 de xullo de 2002, da Consellería de Sanidade e Servizos Sociais (hoxe Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais), pola cal se regula o establecemento de convenios de colaboración en materia de reserva e ocupación de prazas en centros residenciais e vivendas tuteladas para a terceira idade, establece a posibilidade de que as entidades de iniciativa privada sen ánimo de lucro poidan ofertar prazas para a súa reserva e ocupación, logo do asinamento do correspondente convenio. Neste exercicio, e tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias e as necesidades dos nosos maiores, só se prevé levar a cabo convenios de reserva e ocupación de prazas residenciais de tipoloxía asistida.

A mesma orde, no artigo 8.2º sinala que a Dirección Xeral do Maior e de Persoas con Discapacidade fixará anualmente o prazo para presentar solicitudes por parte das entidades interesadas na subscrición dos citados convenios, e o seu artigo 6 sinala que esta dirección xeral establecerá o custo máximo da praza/día ocupada.

Por todo isto, en uso das facultades que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro.-O prazo para presentar solicitudes para a formalización dos convenios a que se refire a Orde do 16 de maio de 1995, modificada pola Orde do 8 de xullo de 2002, será de corenta días hábiles, contados a partir do día seguinte ao publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Segundo.-O custo máximo por praza/día ocupada nos centros residenciais cos que a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais estableza convenios de reserva e ocupación de prazas, durante o ano 2004 será o seguinte:

* Praza de persoa asistida: 45,56 euros/día.

Terceiro.-As obrigas contraídas pola consellería para o financiamento das prazas conveniadas imputaranse á aplicación orzamentaria 16.02.212B.262, para a que se establece un crédito máximo inicial de 247.386 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias na citada aplicación.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2004.

Elisa Madarro González

Directora xeral do Maior e de Persoas

con Discapacidade