DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Martes, 27 de xullo de 2004 Páx. 10.679

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 17 de xuño de 2004, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo na mediación do AGA do convenio colectivo do sector de limpeza de edificios e locais.

Visto o texto do acordo asinado o día 31 de maio de 2004, na mediación realizada ao abeiro do establecido no Acordo Interprofesional Galego sobre Solución Extraxudicial de Conflitos Colectivos de Traballo (AGA), respecto do convenio colectivo do sector de limpeza de edificios e locais e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, artigo 2.f) do Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, artigo 17.a) do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA) e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo que consta nesta delegación provincial.

Segundo.-Ordenar o seu depósito no Servizo de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 17 de xuño de 2004.

Joaquín Macías Sánchez

Delegado provincial de Pontevedra

Ref.AGA11/2004.

O 10-4-2004 solicítase ante o Servizo de Solución de Conflitos do Consello Galego de Relacións Laborais, promoción do procedemento de conciliación-mediación ante a problemática que afecta a eficacia do convenio colectivo do sector de limpezas de edificios e locais da provincia de Pontevedra, que pode provocar un grave conflito en todo o sector, designando mediador a José Mª Casas de Ron.

Comunicada polo Servizo de Solución de Conflitos do Consello Galego de Relacións Laborais a promoción do procedemento, e nomeamento do actuante como conciliador-mediador, con data do 30-4-2004, constitúe a mesa de conciliación/mediación para o convenio colectivo no sector de limpeza de edificios e locais de Pontevedra.

Queda constituída a mesa de mediación polos seguintes asistentes: Paulina Díaz Lamela, Manuel Falque Gestoso, Alfonso Regueiro Costas, Adolfo González González, e Francisco Pazos Pesado, (en

representación da Asociación Provincial de Limpieza de Edificios y Locales de Pontevedra); Manuel Lago Andrés, Salvador Fernández de la Cigoña Fraga, Cristina Martín Vázquez e José Félix Valderrey de la Huerga (en representación da Asociación Profesional de Empresas de Limpieza-ASPEL); Manuel Zabala Iglesias e Pilar Briones Viceiro (en representación de CIG); Rosa Mª Acuña Salgado (en representación de UGT); Carmen Segurana Bedrina, Francisco Estévez Rodríguez e Ángeles Lobato Pintos (en representación de CC.OO.).

O mediador-conciliador comunícalles ás partes que en todo o procedemento se cumprirán os principios de garantía establecidos no Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo, de igualdade das partes, audiencia e posibilidade de contradición, significando tamén que entende que poderá propoñer alternativas, ante a hipótese de non avance polas partes na solución do conflito presentado.

Na citada sesión, todas as partes lle comunican ao mediador e achegan a documentación oportuna para estes efectos que xustifican o procedemento de conciliación solicitado, e por outra parte, motivan a situación de atasco das relacións entre partes motivadas precisamente polo dito conflito.

Sen prexuízo disto, o mediador-conciliador percibe que non existe diferenza actual sobre o fondo da cuestión, como é a necesidade inmediata de que o sector dispoña dunha norma colectiva de eficacia xeral, norma que non estea suxeita aos avatares de pronunciamentos xurisdicionais sobre asuntos xa superados e que, porén, motivan, no momento presente, inestabilidade empresarial e confusión no sector; é dicir, o que as partes queren, na vontade de todas do total cumprimento da norma sectorial de aplicación, é un auténtico convenio estatutario de eficacia xeral, cuestión esta que o mediador-conciliador valora como principal e que indica o camiño para a consecución dun acordo, iter lóxico cando, 1º) Todas as partes, non soamente teñen a vontade de cumprir, senón que, na realidade práctica, cumpren, aplicando o establecido na norma sectorial; 2º) A súa vontade é a de que o sector dispoña dunha norma de eficacia xeral; 3º) O que impediu xustamente a existencia desta norma de carácter xeral

foi unha cuestión que o paso do tempo converteu en inaplicable e fóra de lugar na actualidade.

Sobre esta base o mediador-conciliador preséntalle á comisión de negociación os seguintes aspectos que emanaron das propias partes en litixio, sen outro mérito para o mediador que o da súa simple ordenación para efectos dialécticos.

1) O primeiro é que estamos ante unha presenza de vontade unánime de negociación colectiva, que no seu momento non se perfeccionou polas diferenzas existentes nunha única cuestión material, como é a que afecta á cláusula de revisión do artigo 25 do convenio colectivo, publicado no DOG do 14-8-2003, que, como se dicía nos parágrafos ante

riores, o simple transcurso do tempo colocou fóra de lugar e inaplicable.

2) As dúas asociacións empresariais e o resto de representacións sindicais participaron na negociación do convenio integramente, en todas as súas fases e en todas as súas reunións, coa discrepancia producida na última.

3) Todas as empresas de ambas organizacións empresariais ou patronais cumpren e aplican a norma sectorial. Os reunidos que, en definitiva, son a comisión negociadora do convenio colectivo, representan a unidade de negociación exixible para o ámbito de aplicación do convenio, e representan e teñen a suficiente capacidade e lexitimación para negociar un acordo, convenio colectivo estatutario, cuxo procedemento, forma e contido se regula no título III do Estatuto dos traballadores.

As partes manifestan, de forma expresa, a diverxencia material que existiu e a súa superación polo transcurso do tempo; efectuada esta manifestación igualmente indican a súa vontade superadora e integradora para a consecución do acordo de eficacia xeral e estatutaria, ante o cal o mediador da fe de que a solución acordada polas partes, por instancia do actuante se basea nas anteriores premisas, para o cal se estendeu unha acta asinada polo conciliador-mediador e que foi lida ás partes e incorporada ao expediente de mediación e que recolle os puntos anteriores, concertando pois unha acción modificativa dado que, como negociadoras, as asociacións empresariais e centrais sindicais antes relacionadas, teñan capacidade suficiente para pacto desta natureza, co fin de que, perfeccionado o seu acordo conforme os artigos 1254 e seguintes do Código Civil, e, reunindo os requisitos exixidos polo Estatuto dos traballadores para negociar e concluír un convenio colectivo de carácter estatutario e

eficacia xeral, modificando a natureza do anterior acordo de eficacia limitada, pola presenza nesta mesa de negociación de todas aquelas partes coas capacidades e lexitimacións anteditas, superado polo paso do tempo o único motivo material de diverxencia e que provocou que o anterior acordo non fose de eficacia xeral.

Recoñecéndose as partes como interlocutores válidos, acordan a citada acción modificatoria e transforman o anterior pacto de eficacia limitada noutro novo que reúne todos os requisitos para a súa natureza estatutaria e eficacia xeral, remitindo o Servizo de Solución de Conflitos este acordo á autoridade laboral para que así sexa tido en conta, rexistrado e depositado na sección correspondente para o efecto, e publicado, todo iso conforme o artigo 90.2º de la Lei do Estatuto dos traballadores aprobado por Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, asinándoo todas as partes xuntamente co mediador designado, en Vigo o 31 de maio de 2004.