DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Martes, 27 de xullo de 2004 Páx. 10.670

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 15 de xuño de 2004 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para 2004 incentivos ás familias para a conciliación da vida laboral e familiar.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta Comunidade Autónoma asumiu as funcións e os servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada ata entón polo Instituto Nacional de Emprego (Inem) no ámbito do traballo, o emprego e a formación, cuxo exercicio lle corresponde hoxe en día á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ao abeiro do disposto no Decreto 212/2003, do 3 de abril, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

Transformacións de índole económica, cultural, social e demográfica, orixinan novas demandas de servizos que cubrir, pola dificultade de seren autoabastecidas dentro do contexto familiar. Diferentes colectivos demandan, de xeito crecente, atención especializada nos domicilios, como maiores, nenos e discapacitados, entre outros. Esta nova realidade social implica a necesidade de facilitar a conciliación de traballo e familia.

Desde a perspectiva das políticas activas de emprego, hai que procurar o incremento da poboación activa e ocupada, na senda marcada pola Estratexia Europea do Emprego (EEE). Neste sentido, no Consello Europeo de Lisboa, no ano 2000, estableceuse como un dos obxectivos incrementar o emprego da muller.

Na materialización desta estratexia, a Unión Europea establece anualmente as pautas de actuación axeitadas, en forma de directrices que, pola súa vez, se recollen no Plan Nacional de Acción para o

Emprego (PNAE). Nas derradeiras directrices, correspondentes ao ano 2003, o Consello Europeo considera necesario establecer programas dirixidos a mellorar a oferta de servizos de coidado de nenos e outras persoas dependentes.

Neste contexto sitúase a política de conciliación que a Xunta de Galicia está a desenvolver, co fin de conseguir unha sociedade paritaria, na que homes e mulleres compartan equilibrada e harmonicamente todos os ámbitos da vida persoal e social.

Baixo estas premisas, no eido das actuacións en materia de emprego, esta nova medida de conciliación da vida laboral e familiar, pretende promover a permanencia ou o acceso ao traballo dos compoñentes da unidade familiar, facilitándolles o acceso a un servizo de atención para o coidado de fillos menores e outros familiares dependentes.

Esta medida, ao mesmo tempo que favorece a conciliación da vida laboral e familiar, axuda á profesionalización do sector do traballo no fogar.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras destes incentivos e a súa convocatoria, para o presente exercicio, axústanse ao disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, en especial no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas públicas e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Nos vindeiros exercicios, as axudas recollidas nesta orde financiaranse con cargo aos créditos das aplicacións orzamentarias que, mediante disposición complementaria, se determinen anualmente, logo da aprobación dos proxectos de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio correspondente. Para o exercicio 2004 a dita determinación recóllese na disposición adicional sexta da orde.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, e a convocatoria para o ano 2004 dun programa de incentivos á contratación de empregados de fogar, a través da concesión dunha axuda económica individual e directa ás unidades familiares con fillos menores de seis anos, ou maiores dependentes que precisen da contratación de persoas que presten servizos de atención domiciliaria aos anteriores.

2. Para os efectos desta orde entenderase por persoas dependentes as que se atopan en situación de forte e grande dependencia, que necesitan axuda de terceiras persoas para a realización das actividades da vida diaria cando, individualmente consideradas, non posúan rendas de ningunha natureza superiores ao 150% do salario mínimo interprofesional.

3. As solicitudes, tramitación e resolución destas axudas axustaranse ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, ademais da presente orde.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde:

-As unidades familiares con fillos menores de seis anos a cargo, por nacemento, adopción ou acollemento, ou fillos maiores dependentes.

-As unidades familiares con maiores dependentes, cun grao de parentesco, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive.

2. En ambos os dous casos, sempre que contraten o seu primeiro traballador do fogar, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

Artigo 3º.-Exclusións.

Exclúense dos beneficios establecidos nesta orde:

a) As relacións laborais establecidas co cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes dos titulares da unidade familiar por consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao inclusive.

b) Traballadores que finalizasen unha relación laboral, da mesma natureza, co mesmo empregador nos tres meses anteriores á alta no réxime especial de traballadores do fogar.

Artigo 4º.-Requisitos.

1. Requisitos da unidade familiar.

A) Suposto de fillos a cargo:

a) Os proxenitores, titores ou gardiáns, deberán realizar unha actividade laboral remunerada, xa sexa por conta propia ou por conta allea.

b) As rendas brutas dos proxenitores, titores ou gardiáns, no caso de unidades familiares parentais, non poderán superar a contía, en cómputo anual, de 28.000 euros.

c) No caso de unidades familiares monoparentais, non poderán superar a contía en cómputo anual de 24.200 euros.

B) Suposto de persoas dependentes a cargo:

a) No caso de unidades familiares con persoas dependentes a cargo, por consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao inclusive, os membros da unidade familiar que teñan ao seu cargo as ditas

persoas deberán realizar unha actividade laboral remunerada.

b) As rendas brutas, no caso de unidades familiares parentais, non poderán superar a contía, en cómputo anual, de 28.000 euros.

c) As rendas brutas, no caso de unidades familiares monoparentais, non poderán superar a contía en cómputo anual de 24.200 euros.

C) Os solicitantes deberán acreditar que as responsabilidades familiares concorren no momento da contratación do empregado do fogar da forma que establece o artigo 8º desta orde.

2. Requisitos do empregado do fogar.

Deberá ser unha persoa desempregada, inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego. O traballador desenvolverá a súa actividade, por conta allea, para un único empregador. Estas circunstancias deberán concorrer no momento da contratación.

3. Requisitos da actividade laboral:

a) A relación laboral deberá ser de carácter indefinido, non podendo ser a xornada de traballo inferior a catro horas diarias ou vinte horas semanais.

b) O contrato deberá formalizarse por escrito e deberán constar nel estas condicións.

Artigo 5º.-Incentivos.

1. As unidades familiares que contraten con carácter indefinido un traballador, poderán obter unha axuda, pagadoira dunha soa vez, que consistirá nunha subvención equivalente ao importe do 50% da cota á Seguridade Social con cargo ao empregador, establecida para o ano de cada convocatoria, calculada sobre dúas anualidades, ata un máximo de 1.500 euros.

2. No caso de unidades familiares monoparentais, a contía da axuda será equivalente ao importe do 75% da cota á Seguridade Social, con cargo ao empregador, establecida para o ano de cada convocatoria, calculada sobre dúas anualidades, ata un máximo de 2.000 euros.

3. Ao abeiro deste programa, incentivarase a contratación dun único empregado do fogar por cada unidade familiar.

Capítulo II

Competencia e procedemento

Artigo 6º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións presentadas ao abeiro desta orde, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, corresponderalle ao director xeral de Promoción do Emprego.

Artigo 7º.-Solicitudes e prazos.

1. As solicitudes de axudas dirixiranse ao órgano competente para resolver e presentaranse por cal

quera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os incentivos previstos nesta orde serán de aplicación ás contratacións que, reunindo os requisitos e condicións establecidas nela, se realicen no período comprendido entre o día seguinte de finalizar o prazo establecido na última orde de convocatoria e a última data de finalización de presentación das solicitudes, prevista na orde de convocatoria e financiamento do ano en curso.

Artigo 8º.-Documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos desta orde e deberán ir acompañadas, por duplicado exemplar, un deles orixinal ou copia compulsada, da seguinte documentación:

1. DNI e acreditación do NIF do solicitante; cartilla da Seguridade Social ou tarxeta sanitaria.

2. Fotocopia do libro de familia.

3. Certificado de convivencia expedido polo concello.

4. Declaración da renda correspondente ao derradeiro exercicio de todos os membros da unidade familiar que teñan obriga de presentala, ou certificado negativo de non ter presentada a dita declaración.

5. Certificado de minusvalidez da persoa dependente.

6. DNI do traballador contratado e documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandante de emprego na oficina pública de emprego, así como do tempo de permanencia en desemprego, segundo os datos do informe da vida laboral na Tesourería Xeral da Seguridade Social e contrato de traballo (segundo modelo anexo III).

7. Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas, ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos (segundo o modelo anexo V). Ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (no modelo de solicitude, anexo I).

8. Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade bancaria acreditativa de que o solicitante é titular da conta (segundo o modelo anexo VI).

9. Impreso de declaración de rendas (segundo modelo anexo IV).

Artigo 9º.-Instrución.

1. As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á Dirección Xeral de Promoción do Emprego, para que o servizo com

petente comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos na presente orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase ao interesado para que nun prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, considerarase desistido da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

2. Unha vez realizados os trámites de instrución os expedientes pasarán, para proceder ao seu exame, á comisión de avaliación que será a encargada de formular a proposta de resolución.

3. Para os efectos previstos nesta orde, a comisión de avaliación estará composta polo subdirector xeral de Apoio á Contratación e a Emprendedores, que a presidirá; e serán vogais o xefe do Servizo de Programación e Xestión e o xefe do Servizo de Apoio a Emprendedores; actuará como secretario, con voz pero sen voto, o xefe de sección administrativa do Servizo de Programación e Xestión.

Se por calquera causa, no momento no que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidera asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o director xeral de Promoción do Emprego.

Artigo 10º.-Criterios de valoración.

1. As solicitudes atenderanse en función do nivel de renda da unidade familiar de acordo cos seguintes tramos:

1º tramo: ata 12.000 A.

2º tramo: de 12.001 A a 16.000 A.

3º tramo: de 16.001 A a 20.000 A.

4º tramo: de 20.001 A a 24.000 A.

5º tramo: máis de 24.000 A.

Atenderanse en primeiro lugar as solicitudes das unidades familiares a renda das cales entre no primeiro tramo; e así sucesivamente as que entren nos seguintes tramos ata esgotar a dotación orzamentaria.

2. No suposto de non poder atender todas as solicitudes do último tramo para o que exista crédito orzamentario, a valoración destas correspondentes ao dito tramo de nivel de rendas, farase de acordo co seguinte baremo:

Puntuación

máxima

1Familias monoparentais2 puntos

2Fillos menores de seis anos a cargo, 1 punto por cada fillo2 puntos

3Maiores dependentes, punto por cada persoa dependente2 puntos

Puntuación

máxima

4Discapacitados

* Físicos:

-Grao discapacidade maior de 48% e menor de 65%

-Grao discapacidade igual ou superior ao 65%

* Psíquicos

* Sensoriais:

-Grao de discapacidade menor do 65%

-Grao de discapacidade igual ou superior ao 65%

1 punto

2 puntos

2 puntos

1 punto

2 puntos

En caso de empate, terán preferencia as solicitudes que acadasen maior puntuación nos sucesivos epígrafes, do 1 ao 4, do baremo.

Artigo 11º.-Resolución e recursos.

1. Logo da fiscalización pola intervención, por proposta de resolución da comisión de valoración, a resolución será ditada polo director xeral de Promoción do Emprego por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e deberá serlle notificada aos interesados. As resolucións de concesión ou denegación deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será de seis meses, que se computarán desde a data da entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase a resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, por duplicado exemplar, un deles orixinal ou copia compulsada, no prazo, nos termos e na forma que se estableza na resolución de concesión, da documentación que se exixa de forma expresa nela, entre a que deberá figurar declaración complementaria da establecida no artigo 8º desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

Artigo 12º.-Modificacións da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e eventualmente á súa revogación.

Artigo 13º.-Revogación e reintegros.

1. Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

3. No suposto de variación das condicións tidas en conta para a concesión da axuda, procederá o reintegro parcial das cantidades percibidas polo empregador.

Artigo 14º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios:

1. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

2. O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea.

3. As unidades familiares deberán manter o traballador contratado, como mínimo, durante un período de dous anos, contados desde a data de incorporación. Se antes de transcorrer o dito prazo se produce, por calquera causa, a extinción da relación laboral do traballador incorporado, deberá contratarse un novo traballador do fogar, como mínimo polo tempo que reste ata rematar os dous anos.

A dita substitución deberá realizarse dentro do mes seguinte ao da extinción do anterior contrato, feito que terá que ser comunicado polo empregador

á Dirección Xeral de Promoción do Emprego, dentro dos 20 días seguintes á substitución. Esta nova contratación en ningún caso dará lugar a unha nova axuda. O incumprimento desta obriga suporá o reintegro da subvención concedida nos termos sinalados no artigo 13º desta orde.

4. O empregador, co fin de garantir o mantemento do empregado do fogar subvencionado, e das condicións da unidade familiar tidas en conta para a concesión da axuda ou subvención, deberá presentar, cunha periodicidade semestral, desde a notificación da concesión daquela, a seguinte documentación:

-Boletíns de cotización á Seguridade Social do empregado, declaración de responsabilidades familiares debidamente cuberto e a documentación acreditativa de que se seguen mantendo as responsabilidades familiares que deron lugar á subvención.

A dita obriga manterase durante os dous anos seguintes a aquel no que se concedeu a axuda ou subvención.

Capítulo III

Incompatibilidades e concorrencia

Artigo 15º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. As axudas previstas nesta orde para as contratacións por conta allea serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento do emprego. Serán compatibles, se é o caso, coas bonificacións á Seguridade Social.

2. Os beneficios establecidos nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

Artigo 16º.-Seguimento e control.

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 17º.-Axudas baixo condicións de mínimis.

Os incentivos establecidos nesta orde quedan sometidos ao réxime de axudas de mínimis; polo tanto, non poderán exceder os límites cuantitativos (100.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento CE nº 69/2001 da Comisión da Unión Europea, do 12 de xaneiro, relativo á aplicación dos artigo 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de mínimis (DOCE nº L10, do 13 de xaneiro).

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de

Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nesta orde, agás aqueles que de acordo co artigo 35 f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa se atopan en poder da administración actuante.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais no director xeral de Promoción do Emprego para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos.

Cuarta.-A comprobación da condición de minusválido será realizada directamente polo órgano xestor das axudas agás que fose recoñecida por outra Administración distinta da propia Comunidade Autónoma de Galicia.

Quinta.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

No exercicio 2004, as axudas recollidas nesta orde financiaranse con cargo ao crédito que figura na aplicación orzamentaria 16.04.241A.480.6 código de proxecto 2004 00 414 cun crédito de 300.000 euros que constitúe o importe global para o financiamento desta orde.

Sexta.-As axudas reguladas nesta orde, nos termos previstos nela, serán de aplicación ás contratacións realizadas entre o 1 de xaneiro de 2004 e a data de remate do prazo de presentación de solicitudes, que será de dous meses contados a partir da entrada en vigor desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción do Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2004.

Mª José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais