DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Martes, 27 de xullo de 2004 Páx. 10.646

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 15 de xullo de 2004 pola que se modifica o Regulamento da denominación de orixe Monterrei e do seu consello regulador.

Por Orde do 3 de decembro de 1992 da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes recoñécese inicialmente e con carácter provisional a denominación de orixe Val de Monterrei, aprobándose definitivamente mediante a Orde do 25 de novembro de 1994 o Regulamento da denominación de orixe Monterrei e do seu consello regulador, modificándose posteriormente por Orde do 22 de novembro de 1995.

Transcorridos case que dez anos desde a primeira aprobación do seu regulamento, esta denominación acadou un considerable desenvolvemento, tanto na comercialización como na mellora das diferentes estruturas produtivas que a conforman, as industrias e as explotacións vitivinícolas, nas que se acometeron importantes e necesarias reestruturacións.

Así, no que fai referencia ao potencial vitivinícola desta denominación a reconversión realizada deu lugar á recuperación de superficies de cultivo que se atopaban en franco retroceso, ou nalgún caso chegando ao abandono produtivo, dando lugar ao mesmo tempo a unha reorientación das producións máis axeitadas para esta denominación.

O conxunto destas circunstancias fan necesario que se realice unha actualización no relativo ás variedades coas que se elaboran os viños pertencentes a esta denominación, toda vez que rematou o período transitorio establecido para algunhas delas no propio regulamento.

En consecuencia, tras o pedimento do sector interesado, unha vez avaliados os informes técnicos necesarios e de conformidade co artigo 30.I.3 e 4

do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das compentecias que me confire a Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo 5 do Regulamento de denominación de orixe Monterrei e o seu consello regulador, aprobado pola Orde do 25 de novembro de 1994 e modificado pola Orde do 22 de novembro de 1995, que queda redactado como se expresa a continuación:

«Artigo 5º.

1. A elaboración dos viños protexidos realizaranse exclusivamente con uva das seguintes variedades:

Variedades recomendadas:

Brancas: Dona Branca (Moza Fresca), Godello e Treixadura.

Tintas: Mencía e Merenzao (María Ardoña ou Bastardo).

Variedades autorizadas:

Tintas: Tempranillo (Arauxa).

2. O consello regulador poderá propoñer á consellería competente en materia de agricultura que sexan autorizadas novas variedades que, tras os ensaios e experiencias convenientes, se comprobe que producen mostos de calidade, aptos para a elaboración de viños protexidos».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2004.

Juan Miguel Díz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL