DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Xoves, 22 de xullo de 2004 Páx. 10.450

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 6/2004, do 12 de xullo, reguladora dos órganos de defensa da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Tribunal Constitucional, na Sentenza número 208, do 11 de novembro de 1999, declarou a inconstitucionalidade da cláusula «en todo ou en parte do mercado nacional» contida expresamente ou por remisión nos artigos 4, 7, 9, 10, 11 e 25, letras a) e c), da Lei 16/1989, do 17 de xullo, de defensa da competencia. A inconstitucionalidade deriva da atribución ao Estado da totalidade da competencia executiva na materia «defensa da competencia», co que se invaden, deste xeito, as competencias que neste campo deben recoñecérselles ás comunidades autónomas que, en virtude dos seus propios estatutos, asumisen a competencia sobre a materia «comercio interior».

Cumprindo o mandato contido na citada sentenza do Tribunal Constitucional, as Cortes Xerais aprobaron a Lei 1/2002, do 21 de febreiro, de coordinación das competencias do Estado e das comunidades autónomas en materia de defensa da competencia. Esta norma establece os mecanismos para que as comunidades autónomas que dispoñan de competencias de execución na materia poidan facer efectivo o seu exercicio.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 30.I.4 do seu Estatuto de autonomía, asumiu competencias executivas sobre defensa da competencia. En particular, correspóndelle o exercicio, dentro do seu territorio, de todas as actuacións executivas de carácter administrativo respecto das condutas previstas nos artigos 1, 6 e 7 da Lei de defensa da competencia, así como o exercicio das competencias relativas ás autorizacións singulares ás que se refire o artigo 4 desa lei, cando tales condutas limiten a libre competencia no ámbito da Comunidade Autónoma, e non afecten un ámbito supraautonómico ou o conxunto do mercado nacional español.

Esta lei ten por obxecto exercitar as devanditas competencias, para o que se crean o Tribunal Galego de Defensa da Competencia e o Servizo Galego de Defensa da Competencia, dentro dun sistema de aplicación compartida da Lei de defensa da competencia, de acordo cos criterios de conexión e cos mecanismos de coordinación, cooperación e información recíproca establecidos na Lei de coordinación das competencias do Estado e das comunidades autónomas nesta materia. Estes órganos serán os encargados da instrución e da resolución dos expedientes: o Tribunal de Defensa da Competencia como organismo autónomo, independente, de resolución e proposta, e o Servizo de Defensa da Competencia, como órgano xerarquizado, de instrución e de vixilancia, integrado na estrutura orgánica da consellaría competente en materia de economía e facenda.

A previsión estatutaria sería de por si razón suficiente para proceder á creación de tales órganos, pois as competencias asúmense para seren exercitadas. Ademais, o desenvolvemento da economía galega exixe a maior eficiencia e vixilancia dos mercados por unha

autoridade próxima e coñecedora do contorno. E todo iso constitúe un argumento decisivo a prol da creación de órganos propios de defensa da competencia cunha estrutura sinxela que poidan atender as necesidades da sociedade e da economía galegas. Polo demais, a creación dos órganos autonómicos non ten por que supoñer unha perda de eficacia na aplicación da Lei de defensa da competencia. Pola contra, se todas as instancias concorrentes actúan baixo o principio de lealdade constitucional, incrementarase tal eficacia. Neste sentido, a Unión Europea ten publicado unha chea de normas de diverso rango sobre a rede de autoridades da competencia e da cooperación entre elas, para salientar que a descentralización na execución implicará unha maior e máis eficaz aplicación das regras da competencia en toda a Unión Europea. Abonda citar como exemplo desta política o Regulamento (CE) 1/2003, do 14 de decembro de 2002, relativo á aplicación das normas sobre competencia previstas nos artigos 81 e 82

do Tratado (DOCE L1/1, do 4 de xaneiro de 2003). Para iso só é preciso articular os criterios de conexión e os mecanismos de cooperación e intercambio de información adecuados para tal fin, partindo do principio de que debe coñecer a autoridade mellor colocada para iso, que non é outra que a do territorio no cal a conduta restritiva produce, con carácter exclusivo ou principal, os seus efectos negativos sobre as condicións de competencia reinantes no mercado.

Polo que respecta á configuración xurídica do Tribunal Galego de Defensa da Competencia, optouse por crear un organismo autónomo dotado de personalidade xurídica propia como solución máis idónea para reforzar a súa imaxe de independencia ante o mercado. É precisamente esta opción a que determina que o tribunal se teña que regular nunha norma con rango de lei. Pola súa parte, o Servizo Galego de Defensa da Competencia non se integra na estrutura do organismo, senón que permanece na consellaría competente en materia de economía e facenda, de modo que ambas fases do procedemento, a instrución e a resolución, se desenvolven de xeito separado e independente.

No título I regúlase o Tribunal Galego de Defensa da Competencia. O capítulo I deste título regula a natureza e funcións do tribunal, o capítulo II a súa organización. As funcións do presidente ou presidenta están definidas no capítulo III e o funcionamento do tribunal no capítulo IV. Finalmente o capítulo V deste título está dedicado ao réxime económico e de persoal e contratación. O título II refírese ao Servizo Galego de Defensa da Competencia, a súa natureza e funcións, así como ao Rexistro Galego de Defensa da Competencia, incluído na estrutura do servizo. O título III inclúe as disposicións xerais, que afectan ambos órganos. O texto péchase cunha disposición transitoria e dúas disposicións derradeiras.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 (do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei reguladora dos órganos de defensa da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Título I

Do Tribunal Galego de Defensa da Competencia

Capítulo I

Natureza e funcións

Artigo 1º.-Natureza xurídica.

1. Créase o Tribunal Galego de Defensa da Competencia como organismo autónomo de carácter administrativo, dotado de personalidade xurídica e orzamento propios, con capacidade de obrar e plena independencia no exercicio das súas competencias.

2. O Tribunal Galego de Defensa da Competencia adscríbese á consellaría competente en materia de economía e facenda.

Artigo 2º.-Fins.

O Tribunal Galego de Defensa da Competencia ten como fin xeral preservar o funcionamento competitivo dos mercados no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, garantindo a existencia neles dunha competencia efectiva.

Artigo 3º.-Funcións.

De acordo co réxime establecido na Lei de coordinación das competencias do Estado e das comunidades autónomas en materia de defensa da competencia, correspóndelle ao tribunal:

1. Resolver os procedementos sancionadores que teñan por obxecto:

a) Acordos, decisións ou recomendacións colectivas, ou prácticas concertadas ou conscientemente paralelas, prohibidas no número 1 do artigo 1 da Lei de defensa da competencia.

b) Condutas de explotación abusiva por unha ou varias empresas da súa posición de dominio no mercado, ou dunha situación de dependencia económica, prohibidas ambas no artigo 6 da Lei de defensa da competencia.

c) Actos de competencia desleal que por falsearen a libre competencia resulten prohibidos conforme o artigo 7 da Lei de defensa da competencia.

Así mesmo, o tribunal, por proposta do Servizo Galego de Defensa da Competencia, poderá adoptar, consonte o establecido na lexislación estatal, as medidas preventivas necesarias tendentes a aseguraren a eficacia da resolución que se dite no seu momento.

2. Resolver os procedementos en materia de autorización de acordos, decisións, recomendacións e prácticas ás que se refire o artigo 1 da Lei de defensa da competencia, nos supostos e cos requisitos previstos no artigo 3 da mencionada lei.

3. As seguintes competencias consultivas e de emisión de informes:

a) Emitir informe, preceptivamente, sobre os proxectos de lei polos que se modifique ou derrogue, total ou parcialmente, este texto legal, así como os proxectos de normas regulamentarias que o desenvolvan.

b) Emitir informe nos procedementos de control das operacións de concentración económica regulados na Lei de defensa da competencia cando así o solicite

o Tribunal de Defensa da Competencia da Administración xeral do Estado.

c) Enviarlle ao Tribunal de Defensa da Competencia da Administración xeral do Estado a información que lle poida solicitar no marco do procedemento de control de concentracións regulado na Lei de defensa da competencia.

d) Solicitar comparecer como parte interesada nos procedementos de control das operacións de concentración económica regulados na Lei de defensa da competencia, cando o proxecto ou a operación afecte empresas radicadas ou con establecementos abertos no territorio da Comunidade galega.

e) Emitir, por requirimento do Servizo de Defensa da Competencia da Administración xeral do Estado, o informe preceptivo, non vinculante, en relación con aquelas condutas que, afectando un ámbito supraautonómico ou o conxunto do mercado nacional, incidan, de forma significativa, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, á que se refire o artigo 5.4 da Lei de coordinación de competencias do Estado e das comunidades autónomas en materia de defensa da competencia.

f) Emitir informe con carácter non vinculante sobre a apertura de grandes establecementos comerciais no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Realizar as funcións de arbitraxe, tanto de dereito coma de equidade, que lle encomenden as leis.

h) Elaborar o informe que, por pedimento do órgano xudicial competente, prevé o artigo 13 da Lei de defensa da competencia sobre as eventuais indemnizacións de danos e perdas derivadas das condutas previstas nos artigos 1, 6 e 7 da mencionada lei, cando os procedementos que teñan por obxecto tales condutas prohibidas lle correspondesen á Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos puntos de conexión establecidos na Lei de coordinación das competencias do Estado e das comunidades autónomas en materia de defensa da competencia.

i) Emitir informe, con carácter facultativo e non vinculante, sobre os proxectos de concesión de axudas a empresas con cargo a recursos públicos, en relación cos seus efectos sobre as condicións de competencia, sen prexuízo das competencias que nesta materia lle corresponden ao Tribunal de Defensa da Competencia da Administración xeral do Estado e á Comisión Europea. Para estes efectos, o concepto de axuda pública será o que define o artigo 19.2 da Lei de defensa da competencia.

j) Elaborar unha memoria anual.

k) Remitirlle anualmente ao Parlamento a memoria de actividades e un informe sobre a situación da competencia en Galicia.

4. Outorgar as autorizacións singulares previstas no artigo 4 da Lei de defensa da competencia, de acordo co establecido na Lei de coordinación das competencias do Estado e das comunidades autónomas na materia.

Así mesmo, corresponderalle asumir todas aquelas competencias que lle atribúa a lexislación aplicable en materia de defensa da competencia.

Capítulo II

Organización

Artigo 4º.-Composición.

1. O Tribunal Galego de Defensa da Competencia estará rexido polo pleno, integrado polo presidente ou presidenta e dous vogais.

2. O presidente ou a presidenta e os vogais teñen a consideración de altos cargos e serán nomeados polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro competente en materia de economía e facenda, entre xuristas, economistas e outros profesionais de recoñecido prestixio con máis de dez anos de exercicio profesional.

3. O nomeamento do presidente ou presidenta e dos vogais será por un período de cinco anos, renovable por unha soa vez. Non obstante, ao expirar o prazo do seu mandato continuarán no exercicio das súas funcións deica a toma de posesión dos novos vogais ou, se é o caso, do presidente ou presidenta.

O presidente ou presidenta, nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade e agás delegación expresa nalgún dos vogais, será substituído polo vogal de maior antigüidade e, a igualdade de antigüidade, polo de maior idade.

4. Os membros do tribunal exercerán a súa función con dedicación absoluta e estarán sometidos ao réxime de incompatibilidades establecido con carácter xeral para os altos cargos da Administración autonómica.

5. O tribunal estará asistido por un secretario.

Artigo 5º.-Causas de cesamento e suspensión no exercicio do cargo.

1. Os cargos de presidente ou presidenta e vogal son inamovibles, sen que poidan ser cesados, suspendidos nin declarados incapaces, agás nos casos e na forma previstos nas leis.

2. O presidente ou presidenta e os vogais cesarán no seu cargo:

a) Por renuncia.

b) Por expiración do termo do seu mandato.

c) Por incompatibilidade sobrevida, estimada por decisión administrativa ou xudicial firme, de acordo co réxime de incompatibilidades de altos cargos.

d) Por teren sido condenados por delito.

e) Por incapacidade permanente.

f) Por destitución, acordada polo Consello da Xunta de Galicia, por iniciativa, polo menos, dalgún membro do tribunal, por incumprimento grave dos deberes do seu cargo.

3. O presidente ou presidenta e os vogais do Tribunal Galego de Defensa da Competencia só poderán ser suspendidos no exercicio do seu cargo:

a) Cando se ditase contra eles auto de procesamento ou de apertura de xuízo oral en procedementos por delito.

b) Cando se acorde en expediente disciplinario ou de declaración de incapacidade transitoria.

c) Por sentenza firme condenatoria que impoña a suspensión como pena principal ou accesoria.

Capítulo III

O presidente ou presidenta do Tribunal Galego

de Defensa da Competencia

Artigo 6º.-Funcións.

1. Correspóndenlle ao presidente ou presidenta do tribunal as seguintes funcións:

a) A súa representación ordinaria e a representación ordinaria deste e a convocatoria das sesións do pleno.

b) Manter a boa orde e o goberno do tribunal, velando polo adecuado cumprimento e a aplicación das súas normas de organización e funcionamento.

c) Representar a Comunidade Autónoma de Galicia no Consello de Defensa da Competencia, creado pola Lei 1/2002, do 21 de febreiro, de coordinación das competencias do Estado e das comunidades autónomas en materia de defensa da competencia.

d) A xefatura do persoal do organismo.

e) A ordenación do gasto e autorización de ingresos.

f) Presentar a memoria anual do tribunal mediante comparecencia perante a Comisión de Economía do Parlamento de Galicia antes do 30 de xuño de cada ano, na que dará conta das actividades do tribunal no exercicio anterior e dos seus obxectivos para o seguinte.

2. O presidente ou presidenta do tribunal poderá delegar en calquera dos vogais as funcións que considere adecuadas.

Capítulo IV

Funcionamento

Artigo 7º.-Funcionamento do tribunal.

1. O pleno do tribunal quedará validamente constituído cando estea presente o presidente ou presidenta e a metade polo menos dos vogais. Nos casos de substitución do presidente ou presidenta previstos no artigo 4.3, para a válida constitución do tribunal, deberán estar presentes os dous vogais.

Os acordos adoptaranse por maioría de votos dos asistentes. No caso de empate decidirá o voto de quen presida.

2. O seu funcionamento regularase por esta lei e pola normativa de desenvolvemento dela e, no seu defecto, pola lexislación aplicable aos órganos colexiados das administracións públicas.

3. Actuará como secretario un funcionario do corpo superior da Administración da Xunta de Galicia adscrito á consellería competente en materia de economía e facenda.

Capítulo V

Réxime económico e de persoal

Artigo 8º.-Dos recursos do tribunal.

Para o cumprimento dos seus fins, o Tribunal Galego de Defensa da Competencia dispoñerá dos seguintes recursos económicos:

a) As consignacións orzamentarias que lle sexan asignadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Os bens e dereitos que constitúan o seu patrimonio, así como, se é o caso, os produtos e as rendas deles.

c) Os ingresos propios que estea autorizado a percibir.

d) Calquera outro recurso que lle poida corresponder, de conformidade co previsto nas leis.

Artigo 9º.-Do réxime orzamentario e contable.

1. O Tribunal Galego de Defensa da Competencia elaborará anualmente un anteproxecto de orzamento coa estrutura que sinale a consellaría competente en materia de economía e facenda e remitirallo a esta para, se é o caso, proceder á súa elevación ao Consello da Xunta e posterior remisión ao Parlamento integrado nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

2. Correspóndelle ao tribunal a administración, a xestión e a recadación dos seus propios dereitos económicos así como a autorización dos gastos contidos nos seus orzamentos e a ordenación dos seus pagamentos.

3. O seu réxime orzamentario, económico-financeiro e de contabilidade será o establecido para os organismos autónomos na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 10º.-Do persoal e da contratación.

O persoal ao servizo do Tribunal Galego de Defensa da Competencia será funcionario ou laboral nos mesmos termos que os establecidos pola normativa aplicable no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

A contratación do tribunal rexerase polas normas xerais de contratación das administracións públicas.

Título II

Do Servizo Galego de Defensa da Competencia

Artigo 11º.-Natureza.

Créase o Servizo Galego de Defensa da Competencia, dentro da estrutura orgánica da consellaría competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia. O seu nivel e estrutura interna serán establecidos pola normativa de desenvolvemento desta lei.

Artigo 12º.-Funcións.

Correspóndelle ao Servizo Galego de Defensa da Competencia a investigación e vixilancia dos mercados e mais a instrución dos expedientes sancionadores e de autorización en materia de defensa da competencia.

En concreto, o servizo levará a cabo as seguintes funcións:

a) Instruír os expedientes por condutas incluídas no ámbito de aplicación desta lei, consonte os procedementos en materia de acordos e prácticas prohibidas e autorizadas establecidos na Lei de defensa da competencia.

b) Vixiar a execución e o cumprimento das resolucións que se adopten en aplicación desta lei.

c) Levar o Rexistro Galego de Defensa da Competencia.

d) Auxiliar o tribunal na execución das súas competencias consultivas, de estudo e emisión de informes.

e) Promover e acordar a terminación convencional dos procedementos tramitados como consecuencia de condutas prohibidas pola Lei de defensa da competencia.

f) Colaborar, no ámbito das súas funcións, cos organismos homónimos das comunidades autónomas e da Administración xeral do Estado. En especial, corres-

póndelle ao servizo a competencia para realizar e recibir as notificacións ás que se refiren os artigos 2.1, parágrafo primeiro, e 2.2, parágrafo primeiro, da Lei 1/2002, do 21 de febreiro.

Artigo 13º.-Deber de colaboración e funcións de investigación e inspección.

1. Toda persoa natural ou xurídica ten o deber de colaborar co Servizo de Defensa da Competencia, segundo o establecido no artigo 32 da Lei de defensa da competencia.

2. Os funcionarios autorizados polo Servizo de Defensa da Competencia para realizar funcións de investigación e inspección actuarán de acordo co disposto nos artigos 33 e 34 da mesma lei.

Artigo 14º.-Do rexistro.

1. Créase o Rexistro Galego de Defensa da Competencia, no que se inscribirán os acordos, as decisións, as recomendacións e prácticas autorizadas polo tribunal e mais os que declarase prohibidos total ou parcialmente, así como os acordos adoptados polo servizo que non teñan sido obxecto de recurso.

2. O rexistro será xestionado polo servizo. Para estes efectos, o tribunal daralle traslado das súas resolucións.

3. O rexistro será público. A publicidade farase efectiva mediante consulta ou certificación.

Título III

Disposicións xerais

Artigo 15º.-Normas de procedemento.

Os órganos galegos de defensa da competencia aplicaranlles aos procedementos que tramiten as normas de procedemento establecidas na lexislación estatal na materia e, con carácter supletorio, o que dispoña a normativa sobre procedemento administrativo común.

Artigo 16º.-Recursos.

1. Os actos do servizo que decidan directa ou indirectamente o fondo do asunto, determinen a imposibilidade de continuar o procedemento ou produzan indefensión poderán ser obxecto de recurso en alzada perante o tribunal nos termos que establece a normativa aplicable en materia de defensa da competencia.

2. A adopción de medidas preventivas e as resolucións definitivas que dite o tribunal esgotan a vía administrativa e contra elas poderanse interpoñer os recursos establecidos na normativa sobre procedemento administrativo común.

Artigo 17º.-Publicación no Diario Oficial de Galicia.

As resolucións sancionadoras do Tribunal Galego de Defensa da Competencia publicaranse no Diario Oficial de Galicia. O tribunal poderá así mesmo acordar a publicación das súas resolucións non sancionadoras.

Artigo 18º.-Representación na Xunta Consultiva en materia de conflitos.

O conselleiro competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia nomeará os representantes da Comunidade Autónoma na Xunta Consultiva en materia de conflitos de entre os integrantes dos órganos autonómicos de defensa da competencia.

Artigo 19º.-Convenios de colaboración.

O Tribunal Galego de Defensa da Competencia poderá subscribir convenios de colaboración con outros

órganos con competencia na materia para a instrución e a resolución dos procedementos que teñan por obxecto condutas que sexan competencia das partes asinantes. Os convenios establecerán as formas e os mecanismos concretos a través dos que se instrumentará esta colaboración.

Artigo 20º.-Relacións coas administracións públicas.

As administracións públicas están obrigadas a subministrárenlles aos órganos de defensa da competencia regulados nesta lei toda a información que requiran para o exercicio das súas funcións, así como os informes que lles soliciten. Así mesmo, calquera organismo que teña coñecemento de feitos que poidan ser contrarios ás previsións desta lei daralle traslado ao Servizo Galego de Defensa da Competencia de toda a información e documentación de que dispoña, co fin de que, de proceder, se inicie a tramitación dos correspondentes expedientes.

Artigo 21º.-Deber de segredo.

Todas as persoas que tomen parte na tramitación dos expedientes previstos nesta lei ou que coñezan tales expedientes por razón da súa profesión ou cargo están obrigadas a gardaren segredo. A violación deste deber de sixilo considerarase falta disciplinaria moi grave.

Disposición transitoria

Nomeamento do primeiro tribunal.

No prazo de tres meses desde a publicación desta lei no Diario Oficial de Galicia, o Consello da Xunta de Galicia nomeará o presidente ou presidenta e os vogais do tribunal.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento regulamentario.

Autorízase o Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro competente en materia de economía e facenda, para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta lei.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor aos tres meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de xullo de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente