DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Mércores, 21 de xullo de 2004 Páx. 10.379

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia.

Desde a creación, a finais do século XIX, das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación ata os nosos días, estas corporacións de dereito público teñen pasado por diversas etapas, derivadas tanto de factores económicos ou sociais como políticos ou xurídicos.

Destas etapas é importante destacar como feitos xurídicos relevantes, por un lado, a Lei de bases de 1911, onde se estableceu o modelo continental de adscrición forzosa e pagamento obrigatorio de cotas, e, por outro, a Lei 3/1993, do 2 de marzo, básica das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, ditada ao abeiro do artigo 149.1.18 da Constitución española, onde se establece o marco xurídico para a regulación destas corporacións, adaptando á nova configuración xurídico-política do Estado que deriva do texto constitucional as estruturas xurídicas ás que se deben someter as cámaras.

Nesta nova organización política do Estado, e no denominado bloque da constitucionalidade, atópase o Estatuto de autonomía de Galicia, onde, no seu artigo 27.29, se lle outorga á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva en materia de cámaras de comercio, industria e navegación.

Dentro deste urdido xurídico-político incardínase a Lei de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, coa que se pretende, por unha parte, completar o soporte xurídico estable, adaptándoo á realidade galega, e imposto, se non dunha forma positiva e preceptiva pola Lei básica de 1993, si de forma negativa ao deixar á lexislación das comunidades autónomas o desenvolvemento dos seus preceptos, e, por outra, ao servir de soporte a estas institucións para afrontar os novos retos que se impoñen, tanto desde o punto de vista social e económico como das novas tendencias da ciencia da administración, onde a administración pública, noutros tempos omnipresente, require, cada vez máis, de colaboracións de entidades externas que coadxuven á consecución de fins públicos, aspectos estes onde as cámaras se manifestaron, desde a súa creación en 1886, como organizacións especialmente eficaces, pola súa dobre condición de entidades de representación de intereses económicos e de

colaboradoras da administración pública.

Con esta lei vénse completar o marco normativo das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, remitindo en varios dos seus preceptos a normas regulamentarias que permitirán ir axustando a vida cameral ás diversas vicisitudes nas que se atopen, todo isto sen necesidade de modificar a normativa de superior rango. En suma, preténdese,

por unha parte, darlle unha estabilidade á actuación das cámaras e, por outra, establecer un mecanismo que evite determinadas ataduras xurídicas que impidan a evolución destas corporacións, de seu áxiles como consecuencia dos intereses que representan.

Por outra parte, esta lei pretende dotar dos instrumentos adecuados para, respectando a diversidade de cada institución, buscar o consenso para a realización de programas de acción conxunta de todas as cámaras, proxectando unha idea homoxénea da institución e un proxecto de sistema cameral galego, a partir dunhas cámaras localmente fortes, plural e efectivo, con lexitimidade social e adecuada formación, que é o obxectivo por conseguir, mediante a creación do Consello Galego de Cámaras, que nace como o órgano de coordinación e impulso de actuacións mancomunadas de todas as cámaras, buscando a obtención dunhas maiores economías de escala. Unha maior aproximación a todas as empresas de cada demarcación, adecuando os instrumentos que posúen as cámaras á esencia dos servizos que hai que prestar, e a busca dun marco de colaboración coas asociacións empresariais que permita que as súas actuacións se complementen, son igualmente obxectivos que se marcan coa creación da dita corporación de

dereito público con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

Dentro destes desenvolvementos regulamentarios é importante destacar os regulamentos de réxime interior das cámaras, a través dos que se pretende que a regulamentación de cada unha das cámaras se adapte o máximo posible á súa propia realidade intrínseca, evitando que a busca dunha uniformidade excesiva supoña unha mingua da eficacia dunhas cámaras respecto doutras. Neste ámbito son abundantes as remisións aos regulamentos de réxime interior, permanecendo os preceptos da lei como meramente supletorios en defecto de previsións nos ditos regulamentos.

Hai que significar que esta lei asenta ao longo do seu articulado un tratamento igualitario na linguaxe, así como a promoción do uso da lingua galega por parte destas corporacións.

Esta lei estrutúrase en sete capítulos.

No capítulo I, dedicado ás disposicións xerais, mantense o carácter tradicional de corporacións de dereito público das cámaras, sen esquecer a posibilidade de persecución de intereses privados. En canto ás funcións de carácter público que se lles encomendan, ademais das establecidas na Lei 3/1993, asígnanse outras, nas que se pon de manifesto o carácter de entidades colaboradoras coa administración; colaboración que se reforza a través da previsión de delegación de funcións e de encomenda de xestión que pode realizar a administración pública galega nas ditas corporacións.

Así mesmo, débese destacar a importancia que a lei lle concede á promoción do comercio no exterior, do turismo e dos produtos galegos.

No capítulo II, relativo ao ámbito territorial, preténdese tanto o mantemento da situación actual como, para o mellor cumprimento das súas funcións, prever a posibilidade de disolución, creación, fusión ou integración de cámaras e modificación da súa demarcación cameral, buscando sempre unha tendencia cara á unificación de recursos e o mantemento de representación destas corporacións en todo o territorio. Representación que se consegue tanto pola exixencia dunha cámara en cada provincia como coa previsión de creación de delegacións.

O capítulo III, dedicado á organización, atópase dividido en seis seccións. Nas catro primeiras regúlanse os órganos de goberno das cámaras, sendo estes o pleno, o comité executivo e a presidencia, estando integrado o comité executivo por quen ocupe a presidencia da corporación, as vicepresidencias e a tesouraría e mais por un número de vogais que non poderá ser inferior a tres nin superior a seis. En canto aos ditos órganos de goberno, as funcións máis importantes que desenvolverán as cámaras resérvanselle ao pleno da corporación, permitíndose en determinados casos facer uso da delegación delas. Na sección quinta establécense os criterios xerais polos que se debe rexer o persoal das cámaras, onde, sen prexuízo do seu carácter de persoal sometido ao dereito laboral, se trata de garantir a súa imparcialidade, independencia e profesionalidade no desenvolvemento das funcións que as cámaras teñen encomendadas. Dentro deste ámbito é importante destacar a secretaría xeral, que, encargada

de velar pola legalidade dos acordos dos órganos de goberno, haberá de exercer as súas funcións con imparcialidade e estrito sometemento á legalidade. Na sección sexta, dedicada ao regulamento de réxime interior, establécense os criterios mínimos, tanto de contido como de estrutura, aos que se deben adaptar aqueles, partindo sempre da liberdade das cámaras, que respectando as normas imperativas regulen a súa organización da forma máis adecuada á súa propia idiosincrasia, todo isto sen manter allea a administración, tanto desde o punto de vista da aprobación dos regulamentos como da posibilidade de promover a súa modificación.

No capítulo IV, baixo a rúbrica do réxime electoral, respéctase a tradición electoral destas corporacións, mantendo o sistema de elección por medio de grupos e categorías, facilitándose, así mesmo, a participación, mediante a posibilidade de poder emitir o voto por correo.

O capítulo V está dedicado ao réxime económico e orzamentario, no que se recollen as vías de ingresos e a obriga de elaboración e liquidación de orzamentos, así como o sistema contable e os mecanismos de control financeiro destas corporacións, afondando no principio de autofinanciamento parcial instaurado pola lei básica e no sistema de fiscalización pública dos orzamentos.

No capítulo VI créase e regúlase o Consello Galego de Cámaras, configurándoo como unha corporación de dereito público con personalidade xurídica propia

e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins. Con isto preténdese, fundamentalmente, dar satisfacción a determinados intereses que afectan a toda a Comunidade Autónoma e que dificilmente pode satisfacer cada unha das cámaras de forma illada, sendo o órgano de coordinación e impulso de actuacións comúns das cámaras, obtendo así unha mellor asignación dos recursos dispoñibles, sen prexuízo do seu carácter de órgano de colaboración coa Administración autonómica.

O capítulo VII está dedicado ao réxime xurídico, onde, de acordo co previsto na Lei 3/1993, se somete a contratación e o réxime patrimonial ao dereito privado, debendo respectarse os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade. Por outra parte, e ante a eventualidade dunha posible inactividade da administración pública nas súas funcións de tutela, que podería impedir o normal funcionamento das cámaras, establécese o silencio administrativo como positivo para os supostos de que non se resolvese expresamente. No ámbito da suspensión e disolución dos órganos de goberno das cámaras, ademais de recoller o xa previsto na Lei básica de 1993, establécese un prazo de alegacións de quince días, que en casos extraordinarios pode ser reducido a cinco, de tal forma que dentro dos procedementos de suspensión e disolución se establece como preceptivo darlle cumprimento ao principio de contradición.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 (do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta lei ten por obxecto a regulación das cámaras oficiais de comercio, industria e, se é o caso, navegación da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a creación e regulación do Consello Galego de Cámaras.

Artigo 2º.-Natureza xurídica.

As cámaras oficiais de comercio, industria e, se é o caso, navegación da Comunidade Autónoma de Galicia son corporacións de dereito público e configúranse como órganos consultivos e de colaboración coas administracións públicas, especialmente coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, sen menoscabo dos intereses privados que perseguen. Para o cumprimento dos seus fins gozarán de personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar. A súa estrutura e funcionamento deberán ser democráticos.

Artigo 3º.-Finalidade.

As cámaras, de acordo co establecido no artigo 1.2 da Lei 3/1993, do 22 de marzo, básica das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, ademais do exercicio das funcións de carácter público

que lles atribúe a presente lei e das que lles poidan encomendar ou delegar as administracións públicas, teñen como finalidade a representación, promoción e defensa dos intereses xerais do comercio, a industria e, se é o caso, a navegación. Así mesmo terán como finalidade a prestación de servizos ás empresas que exerzan as indicadas actividades, sen prexuízo da liberdade sindical e de asociación empresarial e da representatividade e actuacións doutras organizacións empresariais ou sociais legalmente constituídas.

Artigo 4º.-Funcións.

1. Ás cámaras corresponderalles o exercicio das seguintes funcións:

a) A prestación de servizos de información, formación, asesoramento e asistencia técnica ao seu electorado. Para estes efectos as cámaras poderán levar a cabo calquera clase de actividades que contribúan á promoción e defensa do comercio, industria e navegación de Galicia, con especial atención ás microempresas, tanto no relativo á súa creación como para o desenvolvemento da súa actividade.

b) As funcións de carácter público-administrativo legalmente atribuídas.

c) A xestión de servizos públicos ou a realización de funcións que lles encomenden ou deleguen as administracións públicas na forma prevista nas leis.

2. Así mesmo, correspóndelles ás cámaras o exercicio das funcións público-administrativas que se enumeran a continuación, das que o seu contido e procedemento poderán desenvolverse regulamentariamente. Estas funcións entenderanse sen prexuízo das actuacións que desenvolvan outras institucións ou organizacións legalmente constituídas:

a) Elaborar estatísticas do comercio, a industria e a navegación de Galicia e realizar enquisas de avaliación e estudos dos distintos sectores comerciais, industriais e navieiros, así como publicalos e difundilos, con suxeición, en todo caso, ao disposto na Lei 12/1989, do 9 de maio, sobre función estatística pública, na Lei 7/1993, do 24 de maio, de modificación da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, e nas demais disposicións aplicables.

b) Promover e cooperar na organización de feiras e exposicións.

c) Difundir e impartir formación non regulamentada referente á empresa.

d) Colaborar nos programas de formación permanente establecidos polas empresas, por centros docentes públicos ou privados e, se é o caso, polas administracións públicas competentes, dentro dos termos que se establezan.

e) Crear e administrar lonxas de contratación e bolsas de subcontratación, logo da autorización da Administración autonómica.

f) Emitir informe sobre os proxectos de disposicións xerais emanados da Comunidade galega que afecten directamente os intereses xerais do comercio, a industria e a navegación, nos supostos e coas condicións e alcance que o ordenamento xurídico determine.

g) Colaborar na execución dos programas públicos de axudas ás empresas nos termos que se establezan en cada caso, así como xestionar os servizos públicos relacionados con elas, cando a súa xestión lle corresponda á Administración autonómica e sempre que así se estableza nas súas respectivas normas.

h) Colaborar cos órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia emitindo informe sobre os estudos, traballos e accións que se realicen sobre a ordenación do territorio, medio ambiente e localización industrial e comercial.

i) Designar as persoas que, se é o caso, exerzan as funcións de arbitraxe institucional previstas no artigo 14.1.a) da Lei 60/2003, do 23 de decembro, de arbitraxe, así como participar no sistema arbitral de consumo, sen prexuízo do establecido no artigo 2.1.i) da Lei básica de cámaras.

j) Difundir as actividades e os programas de apoio dirixidos ás empresas e participar na elaboración deles, cando así se determine.

k) Colaborar na promoción comercial e turística, desenvolver actividades de apoio e estímulo ao comercio exterior, en especial á exportación, e apoiar e fomentar a presenza dos produtos e servizos galegos no exterior.

3. Para o adecuado desenvolvemento das súas funcións, as cámaras poderán, co obxecto de conseguir un máis eficaz cumprimento dos fins que teñen encomendados en beneficio das empresas da súa circunscrición, logo da autorización do órgano competente da Administración autonómica en materia de cámaras, promover ou participar, xunto a outras entidades públicas ou privadas, en asociacións, consorcios, fundacións, sociedades civís ou mercantís de carácter público ou privado, ou entidades de natureza análoga, así como establecer os oportunos convenios de colaboración con outras cámaras.

Para o outorgamento da citada autorización deberá xustificarse a necesidade ou conveniencia da promoción ou participación prevista.

4. As cámaras elaborarán dentro do primeiro semestre de cada ano unha memoria que recolla todas as actividades e servizos desenvolvidos durante o exercicio anterior, segundo as súas funcións recoñecidas, e que lle deberá ser remitida ao órgano competente en materia de tutela de cámaras.

5. No desenvolvemento das funcións público-administrativas descritas neste artigo, así como na súa xestión interna, as cámaras normalizarán o uso do idioma galego.

Artigo 5º.-Delegación de funcións e encomenda de xestión.

1. O Consello da Xunta de Galicia, logo do informe do Consello Galego de Cámaras, poderá delegar en todas ou nalgunha das cámaras o exercicio de funcións ou a xestión de actividades atribuídas á Administración da Comunidade Autónoma, sempre que sexan plenamente compatibles coa súa natureza e funcións. Na tramitación do expediente, que haberá de acreditar a concorrencia de circunstancias técnicas, económicas, sociais, xurídicas ou territoriais que aconsellen a delegación, darase audiencia á cámara ou cámaras afectadas.

2. A Administración autonómica poderalles encomendar ás cámaras a realización de actividades de carácter material, técnico ou de servizos da súa competencia cando razóns de eficacia ou de carencia de medios técnicos idóneos para o seu desempeño así o aconsellen. A encomenda de xestión formalizarase a través dun convenio entre a Administración da Comunidade Autónoma e a cámara ou cámaras afectadas no que se fará constar a actividade ou actividades obxecto da encomenda, o prazo de vixencia desta, a natureza e alcance da xestión encomendada e, se é o caso, os medios económicos que se habilitan por ambas as partes. Toda encomenda de xestión deberá ser obxecto de informe previo polo Consello Galego de Cámaras.

Artigo 6º.-Servizos mínimos obrigatorios.

A Administración autonómica poderá, logo do informe favorable do Consello Galego de Cámaras, declarar servizos mínimos obrigatorios para cada cámara respecto das funcións previstas no artigo 4 desta lei, con audiencia das cámaras afectadas naqueles casos en que os servizos mínimos non tiveran carácter xeral para todas elas.

Capítulo II

Ámbito territorial

Artigo 7º.-Ámbito territorial.

1. En cada provincia existirá polo menos unha cámara oficial de comercio, industria e, se é o caso, navegación. O seu ámbito competencial aplicarase na súa demarcación. Tamén poderán existir cámaras de distinto ámbito territorial, das que a súa creación e integración se axustará ao procedemento establecido nesta lei.

2. Non poderán integrarse nin fusionarse cámaras pertencentes a distintas provincias. Tampouco poderán existir cámaras cun ámbito que abranga dúas ou máis provincias, nin cámaras cunha demarcación que non coincida, polo menos, cun termo municipal.

Artigo 8º.-Requisitos e supostos de creación de cámaras.

1. A creación de novas cámaras só poderá realizarse sobre a base de intereses comerciais, industriais ou navieiros específicos e sempre que a entidade resultante conte con recursos suficientes para o cumprimento satisfactorio das súas funcións e non

supoña mingua na calidade dos servizos que viñan sendo prestados.

2. Poderán crearse novas cámaras:

a) Por fusión de dúas ou máis cámaras de ámbito infraprovincial.

O procedemento iniciarase cos acordos, adoptados pola maioría absoluta dos membros dos plenos, favorables á fusión das distintas cámaras afectadas.

b) Por integración dunha ou máis cámaras de ámbito infraprovincial. Poderase iniciar o procedemento cando unha cámara, durante catro exercicios consecutivos, liquide cun déficit superior ao 20% dos seus ingresos ou non alcance a porcentaxe mínima de autofinanciamento, previsto na Lei básica 3/1993, do 22 de marzo, mediante ingresos non provenientes do recurso cameral permanente, ou cando a administración tutelante, tendo en conta os intereses xerais do comercio, industria e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia e logo do informe favorable do Consello Galego de Cámaras, o considere conveniente.

Artigo 9º.-Disolución de cámaras.

As cámaras de ámbito infraprovincial poderán disolverse por acordo do pleno respectivo adoptado en sesión convocada para o efecto. Para a validez do acordo requirirase o voto favorable de dúas terceiras partes dos membros do pleno e posterior aprobación polo Consello da Xunta. A Administración autónoma determinará, logo do informe do Consello Galego de Cámaras, a corporación na que deba integrarse a cámara disolta, podendo incorporarse a varias xa existentes, establecéndose neste caso as novas demarcacións camerais.

Artigo 10º.-Modificación de demarcacións.

O Consello da Xunta de Galicia poderá alterar a demarcación territorial das cámaras:

a) Cando estas, conxuntamente, así o acorden por maioría de dous terzos dos membros do pleno.

b) Cando o soliciten máis de dous terzos do electorado dos termos municipais por segregar dunha cámara para agregalos a outro limítrofe que representen, polo menos, o 50% das cotas do recurso cameral permanente deles e conten co acordo do pleno da cámara á que se agregarían os ditos termos municipais.

c) Cando a administración tutelante, tendo en conta os intereses xerais do comercio, industria e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia e logo do informe favorable do Consello Galego de Cámaras, o considere conveniente.

Artigo 11º.-Normas comúns para os procedementos de creación, disolución e modificación das demarcacións camerais.

1. A creación, a disolución e a modificación das demarcacións camerais realizarase por decreto do Consello da Xunta de Galicia.

2. Nos supostos de fusión, disolución e modificación da demarcación cameral a instancia do pleno ou do electorado de acordo co previsto no artigo 10.a) e b), requirirase autorización do órgano tutelar, que poderá denegala por medio de resolución motivada. Transcorridos seis meses desde a entrada da solicitude no rexistro do órgano tutelar sen que se ditase resolución expresa, esta entenderase desestimada. Nos devanditos supostos, será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia o acordo cameral ou a solicitude do electorado que promove o expediente.

3. Nos supostos de creación dunha nova cámara ou modificación da súa demarcación, promovidas polo órgano tutelar, o procedemento iniciarase mediante a publicación da orde correspondente.

4. En todos os casos, agás no suposto de disolución, será preceptiva a audiencia da cámara ou cámaras afectadas, así como o informe do Consello Galego de Cámaras.

Artigo 12º.-Creación de delegacións.

1. Co fin de garantir en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia o eficaz e pleno cumprimento das funcións de carácter público-administrativo que se lles atribúen ás cámaras, así como a mellor prestación dos seus servizos, estas poderán crear delegacións naquelas áreas ou zonas nas que a súa importancia económica o aconselle, dentro da súa demarcación territorial.

2. O órgano tutelar poderá recomendarlles ás cámaras o establecemento de delegacións cando exista un núcleo de empresas suficientemente representativas para xustificar a proximidade dos servizos.

3. En cada delegación existirá un delegado que será designado e separado polo pleno da cámara. O procedemento de designación e cesamento e as súas funcións determinaranse no regulamento de réxime interior de cada cámara.

Capítulo III

Organización

Artigo 13º.-Órganos de goberno das cámaras oficiais de comercio, industria e, se é o caso, navegación de Galicia.

Os órganos de goberno das cámaras son o pleno, o comité executivo e a presidencia.

Sección 1ª

Do pleno

Artigo 14º.-O pleno.

1. O pleno é o órgano supremo de goberno e de representación da cámara, ten un mandato de catro anos e estará composto por:

a) Os vogais que, en número non inferior a dez nin superior a sesenta, e que se determinen no regulamento de réxime interior de cada cámara, serán elixidos mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto entre todo o electorado da cámara, clasificado

en grupos e categorías, en atención á importancia económica relativa dos diferentes sectores representados e na forma que regulamentariamente se estableza.

b) Os vogais que, en número do 15% dos sinalados no parágrafo anterior, serán elixidos polos membros do pleno sinalados na letra anterior, entre persoas de recoñecido prestixio na vida económica galega, propostos polas organizacións empresariais á vez intersectoriais e territoriais máis representativas, na forma que regulamentariamente se determine. Para este fin, as ditas organizacións deberán propoñer unha lista de candidaturas que supere nun terzo o número de vogais que hai que cubrir.

2. Sempre que estea previsto nos regulamentos de réxime interior de cada cámara, os plenos destas poderán elixir un número de vogais cooperadores, nun número que non poderá ser superior a unha quinta parte dos e das vogais electos, de entre persoas de recoñecido prestixio, que non poderán formar parte do comité executivo nin representar a cámara en entidades ou organismos públicos ou privados. Poderán asistir ao pleno con voz pero sen voto, sempre que fosen convocados para o efecto.

3. A condición de membro do pleno é única e indelegable, non tendo carácter retribuído.

4. Os membros do pleno teñen o dereito e o deber de asistir, con voz e voto, ás sesións que este leve a cabo.

5. O pleno cesa tras a convocatoria de eleccións, permanecendo en funcións ata a toma de posesión dos seus novos membros.

6. A estrutura e composición do pleno, no referente á súa distribución por grupos e categorías, revisarase e actualizarase antes de cada período electoral. Para esta revisión e actualización teranse en conta as variables relacionadas co crecemento económico dos diferentes sectores económicos galegos, todo isto de acordo coas directrices establecidas polo órgano tutelar.

7. Regulamentariamente determinarase o réxime de provisión de vacantes no pleno.

Artigo 15º.-Atribucións.

1. Como órgano supremo da cámara, correspóndenlle ao pleno as seguintes atribucións:

a) A elección e cesamento de quen exerza a presidencia.

b) O control e fiscalización dos demais órganos de goberno da cámara.

c) A aprobación provisional do regulamento de réxime interior e das súas modificacións, para a súa remisión ao órgano tutelar para os efectos da súa aprobación definitiva.

d) A aprobación dos convenios de colaboración e cooperación coas administracións públicas e con calquera outra entidade.

e) A adopción dos acordos relativos á creación ou participación da cámara en asociacións, fundacións e sociedades civís ou mercantís, así como dos acordos para a súa supresión ou finalización da participación.

f) A aprobación, por proposta do comité executivo, do cadro de persoal, así como dos criterios para a súa cobertura.

g) A aprobación inicial do orzamento e das contas anuais da cámara, así como o seu sometemento ao órgano tutelar para a súa aprobación definitiva.

h) A elección e cesamento dos membros do pleno que teñan que formar parte do comité executivo.

i) A aprobación inicial das bases da convocatoria para a provisión do posto de quen ocupe a secretaría xeral.

j) O nomeamento e cesamento de quen ocupe a secretaría xeral.

k) O nomeamento e cesamento do persoal de alta dirección ao servizo da cámara.

l) A aprobación dos informes que se teñan que remitir ás administracións públicas.

m) A adopción de acordos sobre o exercicio de accións e a interposición de recursos ante calquera xurisdición.

n) O alleamento de patrimonio e a concertación de operacións de crédito.

ñ) A aprobación dos plans anuais de actuación e xestión da cámara.

o) A constitución de comisións consultivas e de ponencias.

p) O nomeamento de representantes da cámara noutras entidades.

q) Cantas outras atribucións lle confiran as leis expresamente.

2. Conforme o procedemento previsto no regulamento de réxime interior, o pleno da cámara poderá delegar e revogar, sen prexuízo da súa comunicación ao órgano tutelar, o exercicio das súas atribucións no comité executivo, agás as enumeradas nos apartados a), b), c), e), f), g), h), i), j), k) e n) do punto primeiro deste artigo. As delegacións en materia de xestión financeira decaerán automaticamente coa aprobación de cada orzamento anual. En calquera caso, as delegacións conferidas polo pleno non poderán exceder do seu período de mandato, extinguíndose automaticamente no momento en que se renove o pleno da cámara.

Sección 2ª

Do comité executivo

Artigo 16º.-Composición.

1. O comité executivo é o órgano permanente de xestión, administración e proposta da cámara, que

será elixido polo pleno de entre os seus vogais con dereito a voto e por un mandato de duración igual ao destes e estará formado polas persoas que ocupen a presidencia, dunha a tres vicepresidencias, a tesouraría e un número de vogais que non será superior a seis nin inferior a tres, que se fixará no regulamento de réxime interior de cada cámara. Os cargos do comité executivo non serán remunerados.

2. O órgano tutelar poderá nomear unha persoa representante da Administración autonómica que, sen condición de membro, terá voz pero non voto nas sesións do comité executivo, ás que deberá ser convocada nas mesmas condicións que os seus membros.

3. No regulamento de réxime interior de cada cámara, preverase o exercicio das funcións dos membros do comité executivo nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade.

Artigo 17º.-Atribucións.

Correspóndenlle ao comité executivo as seguintes atribucións:

a) Realizar ou ordenar a realización de informes e estudos relacionados cos fins da corporación.

b) Propoñerlle ao pleno os plans anuais de actuación e xestión corporativa, así como realizar e dirixir os xa aprobados, dándolle conta a aquel do seu cumprimento.

c) Elaborar os proxectos de orzamentos e presentalos ao pleno para a súa aprobación.

d) Confeccionar as liquidacións de orzamentos e as contas anuais e presentalas ao pleno para a súa aprobación.

e) Elaborar os proxectos do cadro de persoal, así como os criterios para a súa cobertura, para a súa aprobación polo pleno.

f) A contratación do persoal, agás o de alta dirección.

g) Aprobar as resolucións correspondentes á liquidación, así como as relativas á recadación do recurso cameral permanente.

h) Aprobar e revisar o censo electoral e resolver as impugnacións a este.

i) En casos de urxencia debidamente motivada, adoptar acordos sobre materias competencia do pleno susceptibles de delegación, dándolle conta a este para que proceda á súa ratificación na primeira sesión que realice e que terá lugar, como máximo, no prazo de trinta días.

j) Velar polo normal funcionamento dos servizos da cámara.

k) Exercer as competencias que lle sexan delegadas ou encomendadas polo pleno.

l) Exercer aquelas competencias da cámara que non estean expresamente atribuídas a outro órgano.

Artigo 18º.-Perda da condición de membro do pleno e do comité executivo.

1. Ademais de pola causa prevista no artigo 14.5, a condición de membro do pleno perderase, coas garantías e réxime de recursos establecidos nesta lei, por algunha das seguinte causas:

a) Cando desapareza calquera dos requisitos legais de elixibilidade que concorreron para a súa elección.

b) Por resolución administrativa ou xudicial firme que anule a súa elección ou proclamación como membro dunha candidatura.

c) Pola falta de asistencia inxustificada ás sesións do pleno, por tres veces consecutivas ou catro veces non consecutivas, dentro do ano natural, logo da incoación do expediente administrativo no que se lle dará audiencia ante o pleno.

d) Por dimisión ou renuncia, ou calquera causa que incapacite para o desempeño do cargo.

e) Por falecemento dos que teñan a consideración de persoas físicas ou pola extinción da personalidade xurídica no caso dos membros do pleno con forma societaria.

2. Pola súa parte, e ademais da terminación ordinaria dos seus mandatos, tanto quen exerza a presidencia como os cargos do comité executivo cesarán:

a) Pola perda da condición de membro do pleno.

b) Por acordo do pleno, adoptado por maioría absoluta na forma que no regulamento de réxime interior se estableza.

c) Por renuncia ao cargo, aínda que se manteña a condición de membro do pleno.

d) Por falta de asistencia inxustificada ás sesións do comité executivo, por tres veces consecutivas ou catro veces non consecutivas, dentro do ano natural, logo da incoación do expediente administrativo no que se lle dará audiencia ante o pleno.

3. O procedemento para a cobertura das vacantes será o que se determine en cada regulamento de réxime interior, de conformidade co que regulamentariamente estableza a Administración autonómica. As persoas elixidas para ocupar vacantes no pleno, no comité executivo ou na presidencia serano soamente polo tempo que reste para cumprir o mandato durante o cal se producira a vacante.

Sección 3ª

Da presidencia

Artigo 19º.-Elección.

1. O presidente é o órgano de goberno que ten a representación da cámara e exerce a presidencia de todos os seus órganos colexiados. É responsable da execución dos acordos do pleno e do comité executivo.

2. Será elixido polo pleno de entre os seus membros, na forma que determinen os regulamentos de

réxime interior de cada cámara e supletoriamente na forma que regulamentariamente determine a Administración autonómica. Para resultar elixido, o candidato deberá obter o voto favorable da maioría absoluta dos membros do pleno. De non se obter a dita maioría, procederase a unha segunda votación, e resultará elixido quen obteña o maior número de votos. En caso de empate, procederase no terceiro día hábil seguinte a unha nova votación. De persistir o empate, resultará elixida a empresa que teña maior antigüidade no exercicio da actividade empresarial dentro da circunscrición cameral, agás que concorra á elección algún dos vogais do artigo 14.1.b), neste caso elixirase por sorteo.

Artigo 20º.-Cesamento.

1. Quen exerza a presidencia cesará, ademais de polas causas previstas no artigo 18.2, como consecuencia de:

a) Substitución da persoa física designada para ter a representación da persoa xurídica titular do cargo.

b) Convocatoria de eleccións para a renovación do pleno, actuando en funcións durante o dito período.

c) A aprobación, por maioría absoluta do pleno, dunha moción de censura, que deberá ser proposta, polo menos, por unha quinta parte do número de membros do pleno, en sesión realizada para o efecto, e que incluirá necesariamente a proposta dun candidato á presidencia da cámara.

d) Dimisión.

e) Sentenza firme que implique a súa inhabilitación para o cargo.

f) Falecemento.

g) Perda da condición de membro do pleno.

2. Cando concorra calquera destes supostos, a presidencia da cámara pasará a ser exercida por quen desempeñe as vicepresidencias, pola súa orde, ata a elección de novo presidente ou presidenta, de acordo co previsto no regulamento de réxime interior.

Artigo 21º.-Atribucións.

1. Á presidencia da cámara correspóndenlle as seguinte atribucións:

a) Convocar, presidir e dirixir as sesións do pleno, do comité executivo e de calquera outro órgano da cámara, dirimindo co seu voto de calidade os empates que se produzan.

b) Executar os acordos dos órganos colexiados da cámara.

c) Dispoñer gastos dentro dos límites que o pleno estableza e ordenarlle á tesouraría todos os pagamentos, debéndolle render contas ao pleno.

d) Asumir e levar a representación da cámara nos actos oficiais.

e) Presidir os organismos e as institucións que dependan ou poidan depender no sucesivo da cámara.

f) Asinar a correspondencia oficial da cámara.

g) Visar as actas e as certificacións que dos acordos deban librarse.

h) Adoptar as medidas disciplinarias que procedan, de acordo co establecido no regulamento de réxime interior.

i) Representar á cámara en todos os actos xurídicos e exercitar os dereitos e as accións que a ela correspondan.

j) En casos de extrema urxencia, adoptar as resolucións que sexan necesarias para garantir o adecuado funcionamento da cámara e dos servizos camerais, dándolle conta ao comité executivo na primeira sesión que este celebre e que terá lugar, como máximo, no prazo de trinta días.

k) Delegar a súa representación nos termos previstos no punto segundo deste artigo.

l) Dispoñer o reparto de asuntos, temas ou cuestións ás comisións consultivas, cando, ao seu xuízo, deban ser obxecto de estudo ou exame previo á consideración do pleno.

m) Sen prexuízo das funcións atribuídas aos órganos de goberno, a presidencia dispoñerá sobre os aspectos formais ou accesorios que sexan necesarios para a boa marcha da cámara e das actividades corporativas.

n) Exercer cantas outras funcións lle encomenden as leis e o regulamento de réxime interior.

2. A presidencia poderá delegar e revogar o exercicio das súas atribucións nas vicepresidencias, agás a relativa á presidencia do pleno e do comité executivo, e isto sen prexuízo dos casos de substitución previstos nos artigos 20.2 e 22.2 desta lei, decaendo a delegación automaticamente coa extinción do mandato de quen exerza a presidencia. O regulamento de réxime interior poderá prever a posibilidade de delegacións especiais a favor de calquera membro do pleno para a dirección e xestión de asuntos determinados.

Sección 4ª

Das vicepresidencias

Artigo 22º.-Designación, cesamento e funcións.

1. As persoas que exerzan as vicepresidencias serán elixidas e separadas por acordo do pleno de cada cámara, de entre os seus membros, conforme o establecido no regulamento de réxime interior.

2. Quen exerza as vicepresidencias substituirá, pola súa orde, a persoa que ocupe a presidencia nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante.

3. Quen desempeñe as vicepresidencias exercerá ademais aquelas funcións que lle sexan delegadas pola presidencia, de acordo co previsto no artigo 21.2 desta lei.

Sección 5ª

Do persoal

Artigo 23º.-Réxime xurídico.

1. Todo o persoal, incluído quen ocupe a secretaría xeral e o persoal de alta dirección ao servizo das cámaras, quedará suxeito ao dereito laboral, sen prexuízo do disposto na disposición transitoria oitava da Lei 3/1993, do 22 de marzo, básica das cámaras.

O regulamento de réxime interior de cada cámara establecerá o réxime do persoal ao servizo da cámara así como o procedemento para a súa contratación, que deberá adecuarse aos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade da convocatoria.

2. Así mesmo quedarán sometidos ao réxime de incompatibilidades que se establezan no regulamento de réxime interior de cada cámara. En calquera caso, o desempeño dun posto de traballo ao servizo das cámaras será incompatible co exercicio de calquera cargo, profesión ou actividade, pública ou privada, que poida impedir ou menoscabar o estrito cumprimento dos seus deberes ou comprometer a súa imparcialidade ou independencia.

3. Anualmente, o pleno de cada cámara aprobará un cadro de persoal no que se relacionarán, debidamente clasificados, todos os postos de traballo, con expresión da súa denominación, funcións e categoría.

Artigo 24º.-A secretaría xeral.

1. Cada cámara terá un secretario xeral retribuído, que conte coa titulación de licenciatura en dereito.

2. Quen ocupe a secretaría xeral ten como funcións, ademais daquelas que expresamente lle atribúa o regulamento de réxime interior ou que, se é o caso, lle delegue expresamente a presidencia ou o propio comité executivo, velar pola legalidade dos acordos dos órganos de goberno da cámara, debendo facer, cando proceda, as advertencias pertinentes en tal sentido e dando fe pública dos actos e acordos adoptados por elas; para estes efectos asistirá ás sesións dos órganos de goberno con voz pero sen voto.

3. O nomeamento da persoa que ocupe a secretaría xeral correspóndelle ao pleno da cámara, logo da convocatoria pública, da que as súas bases serán aprobadas polo órgano tutelar. Tanto o acordo de nomeamento como o de cesamento deben ser adoptados de forma motivada pola metade máis un dos membros do pleno.

4. Quen ocupe a secretaría dirixirá todos os servizos da cámara, e do seu funcionamento responderá ante o comité executivo, agás naqueles casos nos que as cámaras dispoñan a creación dunha dirección xeral. Esta función será desempeñada por unha persoa vinculada pola relación laboral de carácter especial de alta dirección que dirixirá aqueles servizos da cámara previstos no regulamento de réxime interior e do funcionamento dos cales será responsable ante o comité executivo.

5. O regulamento de réxime interior determinará a forma e os supostos en que deba ser substituído quen ocupe a secretaría xeral, con ocasión de ausencia temporal, vacante, enfermidade ou calquera outro suposto de impedimento temporal.

6. A persoa que desempeñe a secretaría haberá de exercer as súas funcións con autonomía funcional, imparcialidade e estrito sometemento á legalidade. Para o desenvolvemento delas goza de inmobilidade de acordo co establecido no parágrafo seguinte.

7. Sen prexuízo do establecido na normativa laboral, quen ocupe a secretaría só poderá ser destituído das súas funcións pola comisión dalgunha das faltas que, con carácter obxectivo e taxado, estean previstas no regulamento de réxime interior de cada cámara. A súa apreciación compételle ao pleno, mediante acordo motivado, adoptado pola metade máis un dos seus membros en sesión extraordinaria convocada para o efecto e logo da instrución dun expediente no que se lle dará audiencia á persoa interesada.

A instrución do expediente corresponderalle ao membro do comité executivo que este designe, non podendo concorrer á sesión do pleno na que se adopte a decisión sobre a súa destitución.

Contra o acordo do pleno poderá interpoñerse recurso administrativo ante o órgano tutelar.

Artigo 25º.-Persoal de alta dirección.

Os regulamentos de réxime interior establecerán, con suxeición á normativa laboral, todas as cuestións relativas ao persoal de alta dirección ao servizo da cámara, non sendo de aplicación a este persoal a previsión de modificación contractual da indemnización establecida no artigo 11.1 do Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto.

Sección 6ª

Regulamento de réxime interior

Artigo 26º.-Aprobación e modificación do regulamento de réxime interior.

1. Correspóndelle ao órgano tutelar a aprobación dos regulamentos de réxime interior das cámaras así como das súas modificacións. Igualmente poderá, de acordo co establecido no artigo 7.3 da Lei 3/1993, promover a modificación deles.

2. Os regulamentos de réxime interior das cámaras sometidos a aprobación consideraranse aprobados se, transcorridos tres meses desde a entrada da solicitude no rexistro do órgano tutelar, este non denegara expresamente a súa aprobación, formulara obxeccións na súa contra ou promovera a súa modificación.

3. No suposto de que o órgano tutelar, de oficio ou como consecuencia da presentación dun regulamento de réxime interior, promovera a súa modificación, deberá sinalar o prazo, non inferior a dous meses, para un novo envío do regulamento, a súa

modificación ou as alegacións que se consideren oportunas.

4. Recibidas as alegacións, ou transcorrido o prazo de dous meses sen que se recibise a nova proposta, ou cando esta non se axuste á modificación requirida, o órgano competente en materia de cámaras ditará a resolución que se considere procedente, incluída unha nova redacción do regulamento de réxime interior.

5. Presentado o texto corrixido dentro do prazo establecido ou as alegacións á modificación proposta, entenderanse estimadas estas ou aprobada a modificación cando transcorreran dous meses desde a súa presentación no rexistro do órgano tutelar.

Artigo 27º.-Contido do regulamento de réxime interior.

1. No regulamento de réxime interior constará, entre outros extremos, a estrutura do seu pleno, o número e forma de elección dos membros do comité executivo e, en xeral, as normas de funcionamento dos seus órganos de goberno, organización e réxime do persoal ao servizo da cámara.

2. Así mesmo no regulamento de réxime interior estableceranse os mecanismos adecuados para asegurar o normal funcionamento da cámara, no non previsto nesta lei e nas súas normas de desenvolvemento regulamentario.

3. Incluiranse como anexos ao regulamento de réxime interior a estrutura e a composición do pleno no referente á súa distribución por grupos e categorías, elaborado de acordo co establecido no artigo 14.6 desta lei, así como o réxime de persoal ao servizo da cámara.

Capítulo IV

Réxime electoral

Artigo 28º.-Dereito de sufraxio activo.

Terán a condición de electores as persoas naturais ou xurídicas, nacionais ou estranxeiras, que exerzan actividades comerciais, industriais ou navieiras nos termos establecidos no artigo 6 da Lei 3/1993, do 22 de marzo, básica de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación.

Artigo 29º.-Dereito de sufraxio pasivo.

1. As persoas que formen parte das candidaturas aos órganos de goberno de cada cámara, ademais de reunir os requisitos necesarios para ser electoras, deberán:

a) Ter a nacionalidade española ou a dun Estado membro da Unión Europea.

b) Levar, como mínimo, dous anos de exercicio na actividade empresarial nos territorios citados.

c) Non se atopar en descuberto no pagamento do recurso cameral permanente.

d) Non estar en situación de inhabilitación por sentenza firme durante o prazo que esta determine.

2. Para ser candidato a formar parte do pleno será necesario, ademais, estar incluído no censo electoral dentro do grupo e categoría por representación da cal se opta.

3. As persoas doutra nacionalidade poderán ser candidatas de acordo co principio de reciprocidade, e sempre que cumpran os requisitos esixidos nos números anteriores, con excepción do apartado 1.a) anterior.

4. As persoas naturais ou xurídicas que exerzan actividades correspondentes a diversos grupos ou diversas categorías do mesmo grupo do censo dunha cámara teñen dereito de sufraxio activo e pasivo en cada un deles. Se resultasen elixidas en máis dun grupo ou categoría deberán optar pola representación nos órganos de goberno de só un deles.

Artigo 30º.-Censo electoral.

1. O censo electoral de cada cámara comprenderá a totalidade do seu electorado, clasificado por grupos e, se é o caso, por categorías.

2. A súa revisión será anual e realizarase con data do día 1 de xaneiro de cada ano.

3. Os grupos comprenderán colectivos formados por suxeitos pasivos do imposto de actividades económicas ou tributo que o substitúa. Cada grupo poderase subdividir en categorías en atención á importancia económica relativa dos diversos sectores representados e de acordo co que regulamentariamente se estableza.

Artigo 31º.-Publicidade do censo electoral.

1. Aberto o proceso electoral, e dentro dos prazos que regulamentariamente se establezan, cada cámara deberá expoñer o seu censo ao público, no enderezo corporativo, nas súas delegacións e naqueloutros lugares que coide oportuno.

2. As reclamacións sobre a inclusión ou exclusión das empresas nos grupos e categorías correspondentes poderán presentarse desde o momento no que se inicie a exposición dos censos ao público ata o termo do prazo que regulamentariamente se estableza.

3. Correspóndelle ao comité executivo da cámara resolver as reclamacións ás que se fai referencia no apartado anterior, nos prazos que regulamentariamente se determinen.

4. Contra os acordos do comité executivo as persoas interesadas poderán interpoñer recurso administrativo ante o órgano tutelar, nos termos previstos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 32º.-Convocatoria de eleccións, publicidade e contido.

1. Corresponderalle ao órgano tutelar, logo da consulta ás cámaras, a convocatoria de eleccións para a renovación dos membros dos plenos destas.

2. A convocatoria deberá conter:

a) Os días e horas en que cada grupo ou categoría debe emitir o voto para a elección dos seus representantes.

b) O número de colexios electorais e os lugares onde se deban instalar.

c) Os prazos e o modelo de documento para o exercicio do voto por correo.

d) As sedes das xuntas electorais.

3. A convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia e cada cámara daralle publicidade nas súas sedes sociais e nas súas delegacións así como mediante a publicación do anuncio no diario de maior circulación na súa correspondente demarcación territorial, sen prexuízo da súa maior difusión a través doutros medios de comunicación que considere oportunos.

Artigo 33º.-Xuntas electorais.

1. Publicada a convocatoria, no prazo que regulamentariamente se estableza, constituirase en cada cámara unha xunta electoral que terá como finalidade garantir a transparencia e obxectividade do proceso electoral.

2. Cada xunta electoral integrarase por tres representantes do electorado da cámara elixidos polo pleno desta de acordo co procedemento regulamentariamente previsto, e por dúas persoas designadas polo órgano tutelar, exercendo unha delas as funcións de presidente. No suposto de que alguén designado polo pleno presentara a súa candidatura ao proceso electoral será substituído por algunha das persoas que previamente deben ser elixidas polo pleno da cámara para estes efectos.

3. A presidencia nomeará unha persoa que ocupe a secretaría da xunta electoral con voz pero sen voto entre o funcionariado do órgano tutelar ou do persoal da cámara respectiva.

4. O mandato das xuntas electorais prolongarase, trala celebración das eleccións, ata o momento no que proceda a súa disolución, que se fixará regulamentariamente, e unha vez efectuada a toma de posesión dos cargos electos.

5. As cámaras poñerán á disposición da xunta electoral os medios persoais ou materiais necesarios para o exercicio das súas funcións. Igualmente, as xuntas electorais poderán solicitar o asesoramento do secretario ou secretaria da cámara respectiva.

6. Contra os acordos das xuntas electorais poderase interpoñer recurso de alzada ante o órgano tutelar, que solicitará en todo caso o informe da comisión de seguimento do proceso electoral á que se refire o artigo 35.

7. No que resulte compatible coa súa natureza e funcións seralles de aplicación ás xuntas electorais o réxime de funcionamento dos órganos colexiados previsto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 34º.-Presentación e proclamación de candidaturas.

1. Publicada a convocatoria no Diario Oficial de Galicia procederá a presentación de candidaturas ante a secretaría da cámara respectiva. As candidaturas serán avaladas pola sinatura como mínimo do 4% do electorado do grupo ou, se é o caso, da categoría correspondente. Se o número de electores do grupo ou categoría fora superior a douscentos, será suficiente coa sinatura de dez deles para a presentación da candidatura.

2. Correspóndelle á xunta electoral respectiva, despois de comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos para a presentación das candidaturas, a proclamación destas.

3. A xunta electoral reflectirá nunha acta a proclamación das candidaturas e as incidencias que houbera. Desta enviaráselle copia certificada á delegación provincial do órgano tutelar e darase publicidade do seu contido mediante anuncio fixado no enderezo da cámara e nas súas delegacións, que se publicará polo menos nun dos xornais de maior circulación da súa circunscrición.

4. Os prazos de presentación e proclamación de candidaturas determinaranse regulamentariamente.

Artigo 35º.-Comisión de seguimento do proceso electoral.

1. Dentro da administración tutelante, constituirase unha comisión para o seguimento do proceso electoral, composta por dous representantes das cámaras designados polo Consello Galego de Cámaras e outros dous designados polo órgano competente en materia de tutela das cámaras.

2. A comisión para o seguimento do proceso electoral emitirá informe sobre todos aqueles asuntos que se lle sometan en relación co proceso electoral e elección e proclamación dos membros dos órganos de goberno das cámaras.

Naqueles casos nos que non exista unanimidade dentro da comisión, os membros disidentes emitirán voto particular.

3. O dito informe, cos votos particulares, seralle remitido á consideración do órgano competente en materia de cámaras, o cal, á vista daquel, ditará unha resolución motivada que terá carácter vinculante.

Artigo 36º.-Voto por correspondencia.

Os electores que prevexan que na data das eleccións non poden comparecer nos colexios electorais poderán exercer o seu dereito ao voto emitíndoo por correo con suxeición aos requisitos que se establezan regulamentariamente.

Artigo 37º.-Funcionamento dos órganos de goberno durante o período electoral.

Desde a convocatoria de eleccións ata a constitución dos novos órganos de goberno, os órganos de goberno saíntes deberán limitar as súas actuacións á xestión, á administración e á representación

ordinarias da corporación, adoptando e executando os acordos e levando a cabo as actuacións que fagan falta para o funcionamento normal das cámaras e para o cumprimento das súas funcións.

Capítulo V

Réxime económico e orzamentario

Sección 1ª

Réxime económico

Artigo 38º.-Financiamento.

Para o financiamento das súas actividades, as cámaras dispoñerán dos seguintes ingresos:

a) O rendemento dos conceptos integrados no denominado recurso cameral permanente, que regula o capítulo III da Lei 3/1993, do 22 de marzo.

b) O rendemento, se é o caso, derivado da elevación pola Comunidade Autónoma, da alícuota cameral xirada sobre as cotas tributarias do imposto de actividades económicas ou tributo que o substitúa.

c) Os ingresos ordinarios e extraordinarios obtidos polos servizos que presten e, en xeral, polo exercicio das súas actividades.

d) Os recursos que as administracións públicas destinen a sufragar o custo dos servizos público-administrativos ou a xestión de programas que, se é o caso, lles sexan encomendados.

e) Os produtos, rendas e incrementos do seu patrimonio.

f) As contribucións voluntarias do seu electorado.

g) As subvencións, legados ou donativos que poidan recibir.

h) Os procedentes das operacións de crédito que se realicen.

i) Calquera outro que lles poida ser atribuído por lei, en virtude de convenio ou por calquera outro procedemento de conformidade co ordenamento xurídico.

Artigo 39º.-Elevación do recurso cameral.

No marco da lexislación básica e dentro dos límites establecidos nela, as leis de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia poderán elevar as alícuotas do recurso cameral permanente xirado sobre as cotas do imposto de actividades económicas ou calquera outro que o substitúa por riba do tipo xeral, así como afectar o dito incremento, total ou parcialmente, á realización de funcións de carácter público-administrativo das cámaras ou ao financiamento complementario do Consello Galego de Cámaras.

Artigo 40º.-Recurso cameral permanente: obriga de pagamento, devengo e a súa recadación.

No referente á obriga de pagamento e devengo, así como para a recadación e en xeral os demais extremos relativos ao recurso cameral permanente, haberá que aterse ao disposto na Lei 3/1993, do 22 de marzo.

Artigo 41º.-Información sobre recadación do recurso cameral permanente.

As cámaras, ao enviaren a liquidación dos orzamentos anuais, daranlle conta ao órgano tutelar do número e contía das cotas non satisfeitas das distintas exaccións que o compoñen, achegando unha memoria explicativa da situación dos ditos expedientes ou se é o caso os oportunos xustificantes.

Artigo 42º.-Subvencións e doazóns.

As cámaras de Galicia soamente poderán conceder subvencións e efectuar doazóns se se atopan directamente relacionadas cos seus propios fins e non exceden globalmente do 5% do orzamento ordinario de ingresos líquidos do recurso cameral permanente de cada exercicio, agás autorización expresa do órgano competente en materia de cámaras.

Artigo 43º.-Porcentaxe máxima de financiamento con cargo ao recurso cameral permanente e fondos de reserva.

1. Os ingresos de cada cámara procedentes do recurso cameral permanente non poderán exceder do 60% dos totais da corporación.

Para estes efectos, non se computarán, entre os ingresos da cámara, os procedentes do endebedamento, nin, entre os que proveñan do recurso cameral permanente, as porcentaxes del que se atopen preceptivamente afectados a unha finalidade concreta, como o Plan cameral de promoción das exportacións e a función de colaboración coas administracións competentes en tarefas de formación sinaladas no artigo 2 da Lei 3/1993 e 4 do presente texto legal.

2. Cando os ingresos procedentes do recurso cameral permanente, excluídos os mencionados no parágrafo segundo do apartado anterior, superen o límite do 60% sinalado, o exceso deberá destinarse á constitución dun fondo de reserva.

Da dita reserva soamente se poderá dispoñer, en exercicios sucesivos, para complementar os ingresos procedentes do recurso cameral permanente ata alcanzar a porcentaxe máxima permitida en relación cos ingresos doutra procedencia.

No caso de que, transcorridos cinco anos desde a finalización do exercicio no que se constituíu a reserva, esta ou os seus rendementos non puidesen ser aplicados na forma antes sinalada, destinaranse ao financiamento dos plans de actuación conxunta do Consello Galego de Cámaras para a promoción e internacionalización de empresas, produtos e servizos galegos, ou, alternativamente, devolveránselle a quen ingresara as cotas do recurso cameral permanente en proporción ás súas respectivas contribucións.

3. Cando a recadación efectiva da parte do recurso cameral permanente afectado ao Plan cameral de promoción das exportacións resulte superior aos gastos e investimentos efectuados para o financiamento do dito plan, a cámara constituirá unha reserva patrimonial, materializada en dispoñible a curto prazo, da que unicamente se poderá dispoñer en exercicios

seguintes para financiar as actividades incluídas no mencionado plan.

4. Ademais dos fondos de reserva, regulados no parágrafo anterior, e para facer fronte a baixas de recadación en exercicios sucesivos ou a gastos urxentes ou imprevistos, as cámaras deberán constituír, cos superávits dos orzamentos ordinarios, unha reserva obrigatoria materializada en dispoñible a curto prazo ata que alcance o 50% do orzamento total de ingresos liquidados no último exercicio pechado.

Artigo 44º.-Suxeición ao réxime de contabilidade e orzamento.

1. A actividade financeira das cámaras está suxeita ao réxime de contabilidade e orzamento, polo que a súa estrutura orzamentaria e contable se someterá aos principios contidos na normativa en vigor.

2. As cámaras están obrigadas a reflectir no libro diario o movemento dos seus ingresos e gastos, así como as variacións da súa situación patrimonial, confeccionando, polo menos trimestralmente, un cadro que reflicta a execución orzamentaria dos ingresos e gastos, e a realizar con igual periodicidade o correspondente balance que exprese a situación patrimonial, económica e financeira da corporación. Os fins da contabilidade cameral serán os seguintes:

a) Facilitar a análise económica das actividades da cámara.

b) Coñecer o movemento e situación da súa tesouraría.

c) Rexistrar diariamente o movemento dos seus ingresos e gastos e poñer de manifesto a composición e valoración do seu patrimonio.

d) Determinar os resultados das actividades da cámara.

e) Permitir o establecemento das previsións orzamentarias e a anotación diaria da execución do orzamento.

f) Permitir a comparación da información coas do resto das cámaras de Galicia e cos exercicios anteriores.

3. O órgano tutelar poderá ditar as disposicións oportunas a fin de que o sistema contable e orzamentario aplicado polas cámaras sexa único e uniforme para todas elas e permita coñecer en todo momento o patrimonio de cada unha delas, as súas relacións con terceiros e os resultados económicos da súa actividade.

4. As cámaras elaborarán un orzamento anual ordinario, que coincidirá co ano natural, no que se consignarán a totalidade dos ingresos que se prevexa liquidar e as obrigas que poidan recoñecerse no período, debendo, en todo caso, manterse o equilibrio orzamentario. Os créditos do estado de gastos destinaranse exclusivamente á finalidade específica para a que fosen autorizados no orzamento. Non poderán adquirirse compromisos de gasto por contía superior ao importe dos créditos autorizados no

correspondente estado de gastos. Malia o disposto neste apartado, poderán efectuarse ampliacións e transferencias de crédito entre capítulos así como calquera outra modificación do orzamento, sempre que se xustifiquen debidamente as causas que as motivan e se observe o procedemento previsto para a súa aprobación.

5. Para a realización de obras e servizos non previstos no orzamento ordinario do exercicio, e para aqueles gastos, servizos e obras que se realicen con carácter non habitual, deberán formalizarse orzamentos extraordinarios, e os proxectos destes, unha vez aprobados polo pleno, someteranse á aprobación do órgano competente.

Artigo 45º.-Operacións especiais.

As cámaras poderán allear e gravar os seus bens, se ben para os actos de disposición sobre inmobles e valores e para a formalización de operacións de crédito precisan unha expresa autorización previa do órgano tutelar, que poderá denegala mediante resolución motivada.

Sección 2ª

Réxime orzamentario

Artigo 46º.-Elaboración e aprobación dos orzamentos.

1. As cámaras elaborarán os seus orzamentos ordinarios e extraordinarios ordenados por capítulos, artigos, conceptos e partidas.

2. Para os efectos económicos e orzamentarios o exercicio coincidirá co ano natural. O peche da contabilidade, a determinación de resultados e a rendición de contas referenciaranse cada ano ao 31 de decembro.

3. A elaboración do proxecto de orzamentos corresponderalle ao comité executivo, que deberá presentalos ao pleno da cámara para a súa aprobación inicial.

4. Os plenos das cámaras, sobre a base da proposta elaborada polo comité executivo, aprobarán o proxecto de orzamento ordinario para o ano seguinte, antes do 1 de novembro, e elevarano seguidamente ao órgano competente.

5. Os orzamentos deberán ser presentados ao órgano tutelar para a súa aprobación definitiva, xuntando a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa do orzamento.

b) Programa de actuación e investimentos previstos.

c) Programa de financiamento e das súas actuacións.

d) Estado de execución dos orzamentos vixentes.

e) Cadro de persoal, especificando as categorías e retribucións por todos os conceptos de cada posto de traballo.

6. Os orzamentos entenderanse aprobados definitivamente se, transcorridos dous meses desde a

súa presentación ao órgano tutelar, este non manifestara formalmente reparo ningún.

7. Se o orzamento non se atopase aprobado definitivamente ao comezar o exercicio económico, entenderase prorrogado automaticamente o orzamento consolidado do exercicio anterior.

Artigo 47º.-Liquidación e fiscalización dos orzamentos e contas anuais.

1. As cámaras elaborarán e aprobarán as contas anuais e liquidacións de orzamentos da súa corporación, que conterán os seguinte documentos:

a) Memoria económica.

b) Liquidación anual do orzamento ordinario, así como dos orzamentos extraordinarios xa executados, e estado de execución dos orzamentos extraordinarios en curso de realización.

c) Balance de situación anual e conta de perdas e ganancias que reflictan a situación patrimonial e financeira da corporación.

2. O comité executivo deberá formular as contas anuais no prazo máximo de tres meses desde o peche do exercicio. As ditas contas serán sometidas a un informe de auditoría, e presentaranse, xunto coa liquidación do orzamento ordinario do exercicio pechado, antes do 31 de maio, ao pleno da cámara para a adopción do acordo que proceda. O pleno deberá pronunciarse antes do 30 de xuño.

3. As contas anuais, o informe de auditoría, a liquidación do orzamento ordinario e o certificado do contido do acordo do pleno remitiránselle nun prazo máximo de dez días ao órgano tutelar para a súa aprobación definitiva.

4. A aprobación entenderase concedida se non media obxección ningunha no prazo de tres meses a partir da súa recepción.

5. A administración tutelante poderá requirir da cámara toda aquela documentación complementaria que coide procedente e, no seu labor de fiscalización, deberá recibir toda a colaboración que requira da cámara e ter libre acceso, se o considera necesario, á documentación interior da auditoría certificante e a recibir desta os informes complementarios que solicite.

6. Ao abeiro do previsto no artigo 23.2 da Lei 3/1993, a fiscalización superior do destino dado ás cantidades percibidas polas cámaras e polo Consello Galego de Cámaras procedentes dos rendementos do recurso cameral permanente así como da elevación das súas alícuotas corresponderalle, nos termos previstos na súa normativa reguladora, ao Consello de Contas de Galicia.

Artigo 48º.-Responsabilidades.

As persoas que xestionen bens e dereitos das cámaras oficiais de comercio, industria e, se é o caso, navegación de Galicia quedarán suxeitas a indemnizar os danos e perdas que poidan causarlles por accións e omisións realizadas intervindo dolo, culpa ou neglixencia grave con infracción da normativa

vixente, con independencia da responsabilidade penal ou doutra orde que lles poida corresponder.

Capítulo VI

Consello Galego de Cámaras

Artigo 49º.-Natureza.

1. Créase o Consello Galego de Cámaras como organismo de representación, relación e coordinación das cámaras e como organismo consultivo e colaborador da Xunta de Galicia.

2. O Consello Galego de Cámaras constitúese como corporación de dereito público con personalidade xurídica e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

3. O Consello Galego de Cámaras está integrado por representantes da totalidade das cámaras da Comunidade Autónoma galega.

4. O Consello Galego de Cámaras terá o seu enderezo na cidade sede do Goberno galego, sen prexuízo de que os seus órganos colexiados poidan realizar sesións en calquera lugar da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co que se estableza no seu regulamento de réxime interior.

Artigo 50º.-Funcións do consello.

Sen prexuízo das competencias atribuídas ás cámaras, son funcións do consello:

a) Defender de forma global e integrada os intereses do comercio, da industria e da navegación no ámbito da Comunidade Autónoma.

b) Promover a arbitraxe mercantil.

c) Representar o conxunto das cámaras de Galicia ante as administracións públicas e demais entidades, públicas ou privadas, sen prexuízo da competencia propia de cada cámara.

d) Ser o órgano de coordinación e impulso das actuacións comúns das cámaras e de promoción do máximo desenvolvemento das súas funcións.

e) Potenciar a prestación de servizos mancomunados entre as cámaras.

f) Coordinar a emisión de informes, por requirimento das administracións públicas, naqueles asuntos de carácter intersectorial que afecten o comercio, a industria ou a navegación da Comunidade Autónoma e teñan un ámbito ou repercusión superior ao de cada unha das cámaras que o integran.

g) Coordinar a elaboración e actualización de estatísticas do comercio, a industria e a navegación, de acordo coas previsións contidas na Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, e normativa que a desenvolva, e realizar as enquisas de avaliación e os estudos necesarios que permitan coñecer a situación dos distintos sectores de Galicia, coordinando as actuacións realizadas polas cámaras nestas materias.

h) Establecer servizos de asesoramento e apoio ás cámaras galegas ou acordar convenios de cola

boración con estas, logo da autorización do órgano tutelar.

i) Mediar e dirimir nos conflitos ou discrepancias que se formulen entre as cámaras galegas.

j) Establecer convenios con outras entidades públicas e privadas, así como plans de actuación conxunta das cámaras galegas e as propostas de financiamento correspondentes, con especial atención á promoción dos produtos, da industria e do turismo exterior.

k) Emitir informe sobre os proxectos de disposicións xerais emanados da Comunidade galega que afecten directamente os intereses do sector do comercio, da industria ou dos servizos representados polas cámaras, nos supostos e coas condicións e alcance que o ordenamento xurídico determine.

l) Propoñer a aprobación de normas en asuntos que afecten directamente os intereses xerais do comercio, industria e navegación de Galicia.

m) Colaborar coa Administración autonómica, nos supostos en que sexa requirido por esta, emitindo informes ou realizando estudos, proxectos, traballos e accións en materia de comercio, industria e navegación que afecten o conxunto da Comunidade Autónoma ou máis dunha demarcación cameral.

n) Asesorar a Administración autonómica en temas referentes ao comercio, á industria e á navegación por iniciativa propia ou cando así sexa requirido por ela, así como propoñerlle cantas reformas xulgue necesarias para a defensa e fomento daqueles.

ñ) Nos supostos e coas condicións e alcance que estableza a Administración autonómica, corresponderalle colaborar, se é o caso, na tramitación de programas públicos de axudas ás empresas, na xestión de servizos públicos e no desempeño das funcións administrativas que se lle encomenden e participar naqueles proxectos de infraestruturas e servizos comúns que afecten o conxunto da Comunidade galega.

o) Prestar outros servizos ou realizar outras actividades, a título oneroso ou lucrativo, que redunden en beneficio dos intereses representados polas cámaras que o integran.

p) Elaborar anualmente, e de acordo co realizado por cada unha das cámaras, un censo público de todas as empresas radicadas no ámbito da Comunidade Autónoma, así como das súas delegacións, axencias e establecementos.

q) Coordinar calquera outra función de carácter público-administrativo que lle encomende a Administración autonómica.

r) Cantas outras atribucións lle confiran as leis expresamente.

Artigo 51º.-Órganos de goberno.

1. Os órganos de goberno e administración do Consello Galego de Cámaras son o pleno, o comité executivo e a presidencia.

2. O Consello Galego de Cámaras contará cunha persoa que desenvolva as funcións da secretaría. A súa elección e funcións serán as establecidas no artigo 24 desta lei.

Artigo 52º.-O Pleno.

O Pleno do Consello Galego de Cámaras, órgano supremo de goberno e representación deste, estará composto por:

-Os presidentes ou presidentas de todas as cámaras oficiais de comercio, industria e, se é o caso, navegación da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Tres vogais consultores elixidos polos demais membros do pleno de entre persoas de recoñecido prestixio nos ámbitos empresariais de Galicia.

-A persoa que ocupe a secretaría, que actuará con voz pero sen voto.

-Un representante do órgano tutelar, con voz pero sen voto.

A composición do pleno actualizarase periodicamente, unha vez concluído o proceso electoral nas cámaras galegas.

Artigo 53º.-Comité executivo.

O Comité Executivo do Consello Galego de Cámaras é o seu órgano de xestión, administración e proposta, e estará composto polas persoas que ocupen a presidencia do consello, a secretaría e catro membros do pleno elixidos da forma que estableza o regulamento de réxime interior, tendo o presidente ou presidenta voto de calidade en caso de empate.

Artigo 54º.-A presidencia.

1. Quen exerza a presidencia será elixido polos membros do Pleno do Consello Galego de Cámaras, en sesión convocada para o efecto, e recaerá naquel membro do pleno do consello que nunha primeira votación obteña o maior número de votos, esixíndose en todo caso maioría absoluta; de non alcanzarse a dita maioría, procederase a unha segunda votación entre o segundo e cuarto día seguintes, quedando elixido quen obteña maior número de votos.

2. A presidencia exerce a representación do Consello Galego de Cámaras e preside os seus órganos colexiados sendo responsable da execución dos seus acordos. Terá as funcións que lle asigna esta lei e o regulamento de réxime interior. Así mesmo, posúe a representación das cámaras galegas naqueles órganos ou institucións nos que esta representación sexa precisa.

O regulamento de réxime interior poderá prever a creación dunha vicepresidencia do consello, que substituirá a quen exerza a presidencia como regulamentariamente se determine e que deberá ser membro do comité executivo.

Artigo 55º.-Regulamento de réxime interior.

1. O consello rexerase por un regulamento de réxime interior que se someterá á aprobación do órgano competente, por proposta do consello. A aprobación e modificación do dito regulamento de réxime inte

rior deberá aprobarse co voto favorable, polo menos, dos dous terzos do Pleno do Consello Galego de Cámaras.

2. No regulamento de réxime interior estableceranse, entre outros extremos, as normas de funcionamento dos órganos colexiados, a organización e o réxime do persoal ao servizo do consello.

3. As disposicións que se prevexan nesta lei relativas ás cámaras e á normativa vixente en materia de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación aplicaranse, con carácter subsidiario, ao consello, aos seus órganos de goberno e ao seu persoal.

Artigo 56º.-Réxime económico e orzamentario.

1. Os ingresos permanentes do Consello Galego de Cámaras estarán constituídos polas contribucións das cámaras na contía que fixe anualmente o consello ao aprobar os seus orzamentos. A contribución de cada cámara non debe ser inferior ao 3% do rendemento do recurso cameral permanente que resulte da última liquidación orzamentaria, unha vez deducidos os gastos de recadación. Esta porcentaxe será a mesma para todas as cámaras.

2. O consello tamén poderá contar con outros recursos eventuais como contribucións voluntarias, donativos e subvencións, así como polo rendemento, se é o caso, derivado da elevación pola Comunidade Autónoma, da alícuota cameral xirada sobre as cotas do imposto de actividades económicas ou tributo que o substitúa, ou calquera outro previsto pola lexislación vixente.

3. O réxime económico e orzamentario, no que sexa compatible, rexerase polo disposto no capítulo V desta lei.

Capítulo VII

Réxime xurídico

Artigo 57º.-Normativa de aplicación.

1. As cámaras de Galicia e o Consello Galego de Cámaras rexeranse polo establecido nesta lei e nas súas normas de desenvolvemento, nos respectivos regulamentos de réxime interior e na Lei 3/1993, do 22 de marzo, básica das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación.

2. Seralles de aplicación con carácter supletorio a lexislación referente á estrutura e funcionamento das administracións públicas en canto sexa conforme coa súa natureza e finalidades.

3. A contratación e o réxime patrimonial das cámaras rexeranse polo dereito privado, agás disposición legal en contrario, con sometemento aos principios de publicidade, concorrencia e obxectividade, agás que a natureza da operación que se vaia realizar sexa incompatible con eles.

Artigo 58º.-Tutela.

1. As cámaras de Galicia, así como o Consello Galego de Cámaras, están suxeitas no exercicio da súa actividade á tutela da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A función de tutela comprende as facultades e obrigas contidas nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento, así como o exercicio das potestades administrativas de aprobación, fiscalización, resolución de recursos e suspensión e disolución dos seus órganos de goberno.

3. A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia dispoñerá dun período de dous meses a partir da entrada no órgano competente das solicitudes formais das cámaras para a resolución delas, agás naqueles casos en que esta lei prevexa prazos distintos.

Artigo 59º.-Reclamacións e recursos.

1. As resolucións das cámaras, ditadas en exercicio das súas competencias de natureza público-administrativa, así como as que afecten o seu réxime electoral, serán impugnables ante a xurisdición contencioso-administrativa, logo do recurso administrativo formulado ante o órgano tutelar.

2. As liquidacións e demais actos relativos á xestión e recadación do recurso cameral permanente serán susceptibles de reclamación económico-administrativa.

3. As actuacións da cámara noutros ámbitos e, singularmente, as de carácter laboral dilucidaranse ante os xulgados e tribunais competentes.

4. As actuacións das cámaras poderán ser obxecto de queixa ou reclamación ante o órgano tutelar por parte do electorado. Á vista da reclamación formulada, daráselle traslado dela á cámara respectiva para que no prazo de quince días formule as alegacións que considere convenientes. Transcorrido o dito prazo, o órgano competente resolverá o que coide pertinente.

Artigo 60º.-Deber de información e de emisión de informes.

1. As cámaras de Galicia deberán remitirlle á Administración da Comunidade Autónoma, nos prazos e na forma que determinen os regulamentos de réxime interior, copia ou extracto de todos os acordos que adopten os seus órganos de goberno en relación coas súas funcións público-administrativas. Os titulares da presidencia e, se é o caso, da secretaría serán os responsables do cumprimento do deber de información.

2. A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia poderá solicitar a ampliación ou aclaración da información á que se refire o apartado anterior, así como calquera outra que considere de interese relacionado.

3. Nos supostos previstos por esta lei nos que se esixa de modo preceptivo a emisión de informe por parte das cámaras ou do Consello Galego de Cámaras, haberán de remitirllo ao órgano competente no prazo máximo de trinta días. En caso contrario entenderase que o seu ditame é favorable á pretensión formulada. Naqueles asuntos nos que o informe teña carácter vinculante tanto o consello como, se é o caso, as cámaras haberán de resolver expresamente.

Artigo 61º.-Suspensión e disolución dos órganos de goberno das cámaras.

1. O Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia poderá suspender a actividade dos órganos de goberno das cámaras no caso de que produzan transgresións do ordenamento xurídico vixente que, pola súa gravidade ou reiteración, fagan aconsellable esta medida, así como nos supostos de imposibilidade de funcionamento normal daqueles.

Para estes efectos, concederáselles un prazo de quince días á cámara afectada e ao Consello Galego de Cámaras para que efectúen as alegacións que consideren convenientes, podendo reducirse o dito prazo a cinco días naqueles casos nos que o transcurso daquel prazo poida supoñer prexuízos de imposible ou difícil reparación.

2. O acordo de suspensión determinará o seu prazo de duración, que non poderá exceder de tres meses, así como o órgano que terá ao seu cargo a xestión dos intereses das cámaras durante este período.

3. Se, transcorrido o prazo de suspensión, subsistisen as razóns que deron lugar a ela, procederase, dentro do prazo dun mes, á disolución dos órganos de goberno, así como á convocatoria de novas eleccións, manténdose nas súas funcións, ata a constitución dos novos órganos camerais, o órgano designado no acordo de suspensión.

Disposicións adicionais

Primeira.-No prazo dun ano desde a entrada en vigor desta lei, as cámaras adaptarán ao contido dela os seus actuais regulamentos de réxime interior.

Segunda.-Cando esta lei lle atribúa competencias á consellaría competente en materia de cámaras, ou á Xunta de Galicia sen especificar o órgano concreto desta encargado de exercelas, ou xenericamente á Administración autonómica, entenderase cando proceda que as mencións se refiren á dirección xeral que teña as competencias en materia de comercio ou ao órgano administrativo ao que as futuras reestruturacións orgánicas lle atribúan con carácter xeral a tutela sobre as cámaras.

Disposicións transitorias

Primeira.-En tanto non se produzan as circunstancias que motiven un procedemento de modificación dos previstos no capítulo II desta lei, as cámaras seguirán exercendo as súas funcións nas súas respectivas circunscricións actuais.

Segunda.-A exixencia de licenciatura en dereito prevista no artigo 24 desta lei non se lles aplicará aos actuais secretarios xerais das cámaras, en tanto se manteñan na secretaría respectiva e ata a nova convocatoria pública da praza.

Terceira.

1. Quen ocupe a Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia convocará aos presidentes ou presidentas das cámaras galegas para a elección dos vogais consultores. Constituído o pleno, a dirección xeral convocará novamente os seus membros para a elección da presidencia e do comité

executivo. En ambos os casos, e en tanto non se designe unha persoa que ocupe a secretaría xeral do consello, actuará como tal o secretario ou secretaria de maior idade das cámaras galegas.

2. Mentres non se aprobe o regulamento de réxime interior do Consello Galego de Cámaras, o órgano tutelar ditará as normas necesarias para o seu bo funcionamento. O dito regulamento presentarase para a súa aprobación nun prazo máximo de seis meses desde a constitución do consello.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-Queda derrogado o Decreto 14/1980, do 19 de xuño, polo que se crea o Consello Consultivo e Colaborador das Cámaras Oficiais de Comercio, Industria e, se é o caso, Navegación de Galicia.

Segunda.-Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O Regulamento xeral de cámaras establecido polo Decreto 1291/1974, do 2 de maio, modificado polos reais decretos 753/1978, do 27 de marzo, e 816/1990, do 22 de xuño, e o Decreto 116/1997, do 14 de maio, polo que se regula o réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia, serán de aplicación subsidiaria ao establecido nesta lei e nas súas normas de desenvolvemento.

Segunda.-Facúltase a Xunta de Galicia para ditar as normas de desenvolvemento desta lei.

Santiado de Compostela, oito de xullo de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA