DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Martes, 20 de xullo de 2004 Páx. 10.299

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 158/2004, do 7 de xullo, polo que se desenvolve o desfrute a tempo parcial dos permisos incluídos no artigo 70.4º da Lei 4/1988, da función pública de Galicia.

O punto 4º do artigo 70 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, na súa redacción actual, introducida pola Lei 9/2003, do 23 de decembro, de medidas tributarias e administrativas, determina a necesidade de desenvolver regulamentariamente o aproveitamento a tempo parcial dos permisos que nel se inclúen.

A modificación introducida consiste precisamente na posibilidade de flexibilizar o aproveitamento do permiso nos supostos de parto, adopción ou acollemento, tanto preadoptivo como permanente, recollidos no citado punto.

Con esta medida preténdese potenciar o reparto das responsabilidades familiares entre as nais e pais, a mellora no coidado dos fillos polos proxenitores, así como posibilitar que os funcionarios manteñan vinculación co seu posto de traballo.

En atención ao exposto, por proposta da Consellería de Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, con informe favorable da Comisión de Persoal, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de xullo de dous mil catro

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten como finalidade regular o aproveitamento a tempo parcial dos permisos incluídos no punto 4º do artigo 70 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Artigo 2º.-Procedemento.

1. O expediente para obter o permiso para o aproveitamento a tempo parcial dos permisos a que se refire o artigo anterior, iniciarase por solicitude do interesado e concluirá por resolución do órgano competente para a súa concesión.

2. Para tal efecto, á solicitude que debe presentar o interesado acompañarase informe do/a xefe/a do servizo en que estivera destinado o funcionario en que se acredite que quedan debidamente cubertas as necesidades do servizo, ou sobre as razóns que impiden a súa concesión.

O/A secretario/a xeral da consellería de destino ou órgano equivalente do organismo ou ente no que preste servizos o persoal de que se trate, á vista da solicitude e informe correspondente, notificará a resolución no prazo máximo de dez días pola que quedará formalizado o acordo para o aproveitamento do permiso na modalidade a tempo parcial ou, de ser o caso, a súa denegación.

3. O réxime de aproveitamento a tempo parcial poderá obterse tanto ao inicio do permiso como nun momento posterior, e poderá estenderse a todo o período da súa duración ou a parte daquel, sen prexuízo do disposto na regra primeira do artigo 3 do presente decreto.

Artigo 3º.-Regras para o aproveitamento dos permisos a tempo parcial.

O aproveitamento a tempo parcial dos permisos incluídos no punto 4º do artigo 70, da Lei 4/1988, do 26 de maio, axustarase ás seguintes regras:

Primeira.-Este dereito poderá ser exercido tanto pola nai como polo pai, no caso de que ambos os dous traballen e en calquera dos supostos do aproveitamento simultáneo ou sucesivo do período de descanso.

No suposto de parto, a nai non poderá facer uso desta modalidade do permiso durante as seis semanas inmediatas posteriores a este, que serán de descanso obrigatorio.

Segunda.-O período durante o que se aproveite o permiso ampliarase proporcionalmente en función da xornada de traballo que se realice, sen que, en ningún caso, se poida superar a duración establecida para os citados permisos.

Terceira.-O aproveitamento do permiso nesta modalidade será ininterrompido. Unha vez acordado, soamente poderá modificarse o réxime pactado, sempre que se producisen circunstancias sobrevidas e debidamente xustificadas, mediante novo acordo entre o órgano competente para a concesión de permisos e o funcionario afectado, por iniciativa deste e debido a causas relacionadas coa súa saúde ou a do menor.

Cuarta.-Durante o período do aproveitamento do permiso a tempo parcial, o funcionario non poderá realizar servizos extraordinarios fóra da xornada que deba cumprir nesta modalidade.

Artigo 4º.-Incompatibilidades.

O aproveitamento a tempo parcial dos permisos incluídos no punto 4º do artigo 70 da Lei 4/1988, do 26 de maio, será incompatible co exercicio simultáneo polo mesmo funcionario do dereito previsto na letra f) do punto 1º do artigo citado, no que se regula o dereito no suposto de diminución da xornada por garda legal.

Igualmente, será incompatible co exercicio do dereito á excedencia para o coidado de fillos e fami

liares regulado no artigo 55.4º da Lei 4/1988, do 26 de maio.

Disposición derradeira

Entrada en vigor.

O presente decreto entrará en vigor aos 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de xullo de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública