DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Martes, 20 de xullo de 2004 Páx. 10.298

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 157/2004, do 7 de xullo, polo que se modifica o regulamento de réxime disciplinario dos funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia aprobado polo Decreto 94/1991, do 20 de marzo.

En virtude do Decreto 94/1991, do 20 de marzo, aprobouse o regulamento de réxime disciplinario dos funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, publicándose no Diario Oficial de Galicia nº 58, do 25 de marzo, data na que estaba plenamente vixente a Lei de procedemento administrativo do 17 de xullo de 1958, que foi na súa maior parte derrogada pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Desde a aprobación do Regulamento outras normas afectaron o réxime disciplinario dos funcionarios.

A Lei 30/1992, do 26 de novembro, tamén modificada por normas posteriores desde a súa entrada en vigor en 1992, introduce modificacións no procedemento administrativo establecido na Lei de 1958, en especial ao derrogar o capítulo II do seu título IV ao que expresamente se remite o regulamento no seu artigo 15.2º. Entre outros cambios no procedemento administrativo está o da fixación dun prazo máximo no que debe notificarse a resolución que recaia e que o vixente regulamento non sinala.

A alínea b) do artigo 3º do Regulamento de réxime disciplinario dos funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia modifícase para incluír entre as faltas moi graves as establecidas no artigo 31.1º.b) da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, que ten o carácter de base do réxime estatutario dos funcionarios públicos ao amparo do artigo 149.1º.18 da Constitución, modificado pola Lei 62/2003, do 30 de decembro.

Os artigos 8, 9 e 10 do regulamento modifícanse atendendo á sentenza número 419/2003 da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O artigo 14 axústase á Lei orgánica 10/1995, do 23 de novembro, pola que se aproba o vixente Código penal.

Así mesmo, modifícase a redacción do número 2º do artigo 15 do regulamento, coincidindo coa modificación que introduciu en termos homólogos a lexislación do Estado mediante a disposición adicional terceira da Lei 22/1993, do 29 de decembro, de medidas fiscais, de reforma do réxime xurídico da función pública e da protección por desemprego. O número 1º do artigo 19 do regulamento modifícase para substituír as referencias a preceptos da Lei de procedemento administrativo de 1958 polas correspondentes á Lei 30/1992, do 26 de novembro. Por último, en aplicación da disposición adicional oitava da Lei 30/1992, do 26 de novembro, en relación co artigo 42 da mesma lei, modifícase o artigo 28

do regulamento fixándose un prazo máximo para ditar e notificar a resolución dos expedientes disciplinarios.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública de Galicia, co informe favorable da Comisión de Persoal, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de xullo de dous mil catro

DISPOÑO:

Artigo único.-Introdúcense as seguintes modificacións no regulamento de réxime disciplinario dos funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia aprobado polo Decreto 94/1991, do 20 de marzo:

Un. Modifícase a alínea b) do artigo 3º, que queda redactada como segue:

«Toda actuación que supoña discriminación por razón de orixe racial ou étnica, relixión ou convicións, discapacidade, idade ou orientación sexual, sexo, lingua, opinión, lugar de nacemento ou veciñanza ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social, así coma o acoso por razón de orixe racial ou étnica, relixión ou convicións, discapacidade, idade ou orientación sexual e o acoso sexual».

Dous. Suprímese a alínea d) do artigo 8º.

Tres. Modifícase o número 3 do artigo 9º, que queda redactado como segue:

«3. As faltas leves soamente poderán ser corrixidas coa sanción que se sinala na letra e) do artigo 8º».

Catro. Suprímese o número 2 do artigo 10º.

Cinco. Modifícase o segundo parágrafo do artigo 14º, que queda redactado como segue:

«Non obstante, cando se trate de feitos que puidesen ser constitutivos dalgún dos delitos cometidos polos funcionarios públicos contra a administración pública e contra as garantías constitucionais, tipificados no título XIX e no capítulo V do título XXI do libro II do Código penal, deberá suspenderse a tramitación do expediente disciplinario ata tanto recaia resolución xudicial».

Seis. Modifícase o número 2 do artigo 15º, que queda redactado como segue:

«2. O procedemento rexerase por este regulamento e, no seu defecto, polas normas contidas nos títulos preliminar, I, II, III, IV, V, VII, VIII e X da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común».

Sete. Modifícase o número 1 do artigo 19º, que queda redactado como segue:

«1. Seranlles de aplicación ao instrutor e mais ao secretario as normas relativas á abstención e recusación establecidas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común».

Oito. Engádese un novo número 3 ao artigo 28º, coa seguinte redacción:

«3. O prazo máximo no que deberá ditarse e notificarse a resolución non poderá exceder de seis meses desde a data do acordo de iniciación».

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de xullo de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública