DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Luns, 19 de xullo de 2004 Páx. 10.254

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 7 de xullo de 2004 pola que se crea a Comisión de Coordinación de Calidade da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde.

O sistema sanitario debe adaptarse de forma continua aos cambios sociais e aos avances da tecnoloxía, axustándose aos novos desafíos. O envellecemento, as maiores necesidades e demandas da poboación e dos profesionais, a incorporación das últimas innovacións técnicas e o mantemento do equilibrio financeiro supoñen aspectos fundamentais no deseño dunha organización moito máis creativa e flexible.

Para avanzar no desenvolvemento deste cambio continuo, é necesario reorganizar os procedementos utilizando os instrumentos axeitados. Por este motivo son numerosas as experiencias de mellora en unidades da Consellería de Sanidade e do Sergas, entre as que destaca a utilización de sistemas de xestión de calidade, que constitúen un instrumento global de xestión enfocado á mellora continua aplicable a todos os procesos de xestión e prestación de servicios. É necesario coordinar as iniciativas en xestión de calidade, aproveitando as experiencias das diferentes unidades para a súa extensión no sistema sanitario.

Por todo isto, cómpre a coordinación das iniciativas en xestión de calidade, aproveitando as experiencias das diferentes unidades para a súa extensión no sistema sanitario público na Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, e co obxecto de alcanzar estes fins, no uso das facultades que me confiren o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 22 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Créase a Comisión de Coordinación de Calidade da Consellería de Sanidade e do Sergas, como órgano asesor coa finalidade de propoñer medidas técnicas de coordinación das actuacións de calidade nos centros directivos dependentes da Consellería de Sanidade e o Servicio Galego de Saúde, así como nos centros asistenciais.

Artigo 2º.-Composición.

1. A Comisión de Coordinación de Calidade terá a seguinte composición:

a) Presidente: o secretario xeral da Consellería de Sanidade.

b) Secretario: designado polo conselleiro de Sanidade, terá a condición de membro da comisión con voz e voto.

c) Vogais:

-Un representante de cada dirección xeral da Consellería de Sanidade e de cada división xeral do Sergas, proposto polo director da dirección xeral ou división correspondente e designado polo conselleiro de Sanidade.

-Tres vocais propostos polo secretario xeral do Sergas e designados polo conselleiro de Sanidade, entre os técnicos de comisións de calidade das unidades periféricas e centros asistenciais.

2. A devandita comisión estará adscrita á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade.

Artigo 3º.-Funcións.

Correspóndelle á Comisión de Coordinación de Calidade as seguintes funcións no ámbito da Consellería de Sanidade e do Sergas:

a) Propoñer criterios básicos comúns nas actuacións en calidade.

b) Emitir informe sobre as actuacións e plans de calidade.

c) Propoñer mecanismos de coordinación nas actuacións en calidade.

d) Emitir informe sobre os plans e actividades de formación sobre xestión de calidade.

e) Difundir a información e documentación sobre as experiencias en calidade das unidades e centros da Consellería de Sanidade e do Sergas.

f) Canalizar o apoio aos novos proxectos de calidade polas unidades con máis experiencia.

g) Propoñer a estrutura e contidos da páxina web e na intranet do Sergas no relativo a actuacións de xestión de calidade.

Artigo 4º.-Normas de organización e funcionamento.

1. A Comisión de Coordinación de Calidade reunirase, mediante convocatoria do seu presidente, cada vez que se precise do seu asesoramento sobre as actuacións de calidade, e polo menos unha vez ao ano.

2. O presidente da comisión poderá dispoñer que, co obxecto de prestar o axeitado asesoramento, asistan ás reunións da comisión os técnicos que considere conveniente en función da natureza dos asuntos que haxa que tratar. Estas persoas participarán con voz, pero sen voto.

3. Esta comisión terá carácter permanente e manterase mentres a Consellería de Sanidade o estime necesario para o desenvolvemento das accións que lle son conferidas por esta orde.

4. Para o non previsto nesta orde, a Comisión de Coordinación de Calidade rexerase no seu funcionamento polo disposto na Lei 30/1992, do 26 de

novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999 e pola Lei 24/2001.

Artigo 5º.-Grupos de traballo.

1. A Comisión de Coordinación de Calidade poderá constituír grupos de traballo para o estudo de temas específicos. Estes grupos de traballo estarán integrados por membros da devandita comisión, de entre os que se nomeará un coordinador, así como por outros expertos e técnicos, non membros, que o presidente da comisión designe por proposta do coordinador.

2. Os grupos de traballo informarán periodicamente á comisión do desenvolvemento das actividades encomendadas. Cada uno destes grupos disolverase unha vez alcanzados os obxectivos para os que foi creado.

Artigo 6º.-Asesoramento.

A comisión e os grupos de traballo, a través do seu presidente, poderán solicitar asesoramento aos expertos que consideren oportunos para as funcións que se lles encomendan.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral da Consellería de Sanidade para adoptar as medidas adecuadas en relación coa execución e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2004.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA