DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Venres, 16 de xullo de 2004 Páx. 10.206

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 155/2004, do 25 de xuño, polo que se modifica o Decreto 35/2004, do 6 de febreiro, polo que se regulan as subvencións aos arrendatarios no marco do programa Bolsa de Vivenda en Aluguer do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

No marco das actuacións autonómicas en materia de vivenda, e co obxectivo de fomentar o aluguer, a Xunta de Galicia aprobou o Decreto 35/2004, do 6 de febreiro, polo que se regulan as subvencións aos arrendatarios dentro do programa Bolsa de Vivenda en Aluguer.

Este decreto, publicado no DOG do 17 de febreiro de 2004, permitía subvencionar aos colectivos de baixos ingresos que formalizasen un contrato de arrendamento dentro do programa Bolsa de Vivenda en Aluguer. A Xunta de Galicia, sensibilizada polo fenómeno social da violencia de xénero e á vista das medidas preventivas que leva parellas, que implican na maioría dos casos unha necesidade de vivenda para as vítimas, incorpora agora unha nova medida de axuda a este colectivo subvencionándolles o aluguer sen exixir o cumprimento duns ingresos mínimos para poder acceder ao programa, existindo unicamente o límite máximo, común a todos os beneficiarios, de 3,5 veces o salario mínimo interprofesional (SMI). Para iso, deberán acreditar os seus ingresos así como a súa especial situación de víctima de violencia de xénero, sendo compatibles estas subvencións ao aluguer coas demais axudas que perciban doutras administracións públicas.

En segundo lugar, a través desta modificación, a Xunta de Galicia trata de incentivar e facilitar aínda máis o acceso á vivenda polos colectivos economicamente máis desfavorecidos, tomando como único e exclusivo requisito o dos ingresos, establecéndose necesaria a obtención de 0,7 veces o SMI para poder

beneficiarse das axudas ao aluguer, en termos brutos, como mínimo, e ata 3,5 veces o SMI como máximo, cando anteriormente era necesaria a obtención duns ingresos netos ponderados comprendidos entre unha vez e 2,5 veces o SMI. Polo tanto, rebáixase o importe dos ingresos mínimos requiridos a 0,7 veces o SMI e increméntase o límite máximo a 3,5 veces o SMI, co obxecto de harmonizar o límite de ingresos co establecido nas axudas autonómicas á vivenda.

En virtude do anterior, e por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e cinco de xuño de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Modifícase o artigo 1 do Decreto 35/2004, que queda redactado nos seguintes termos:

«A presente disposición ten por obxecto promocionar e incentivar, mediante subvencións a fondo perdido en réxime de concorrencia competitiva, o aluguer de vivendas preferentemente nas sete grandes cidades galegas coas súas áreas de influencia. Deste modo téntase facilitar o acceso a unha vivenda aos sectores da poboación con ingresos brutos comprendidos entre 0,7 e 3,5 veces o SMI. Aquelas persoas que acrediten seren vítimas da violencia de xénero no terán que xustificar ingresos mínimos».

Artigo 2º.-Modifícase o requisito segundo do artigo 4, que quedará redactado nos seguintes termos:

«A renda máxima do aluguer mensual non poderá ser superior a 450 euros, con carácter xeral, agás as excepcións que xustificadamente se prevexan, aplicadas con carácter restrictivo».

Artigo 3º.-Modifícase o parágrafo 1º do artigo 6, que queda redactado nos seguintes termos:

«Poderán ser beneficiarios destas axudas as unidades convivenciais que formalicen un contrato de arrendamento dun aluguer subvencionable cuxos ingresos brutos anuais se atopen entre 0,7 e 3,5 veces o SMI. Aquelas persoas que acrediten seren vítimas de violencia de xénero non terán que xustificar ingresos mínimos».

Artigo 4º.-Modifícase o artigo 7 nos seguintes termos:

«A Comunidade Autónoma de Galicia, con cargo aos orzamentos do Instituto Galego da Vivenda e Solo e dentro das dispoñibilidades orzamentarias que poidan consignarse en cada exercicio económico, que se cuantificarán nas respectivas ordes anuais, poderá subvencionar a renda de aluguer nos seguintes termos:

Os inquilinos asumirán, en todo caso, a parte da renda de aluguer que represente o 20% dos ingresos ponderados da unidade convivencial.

O IGVS subvencionará a fondo perdido a diferenza entre este custo asumido polo inquilino e a renda

máxima de aluguer subvencionable. Considérase renda máxima de aluguer subvencionable a seguinte:

-Para unidades convivenciais con ingresos ponderados de ata 1,5 veces o SMI: a que represente o 50% dos ingresos ponderados da unidade.

-Para unidades convivenciais con ingresos ponderados comprendidos entre 1,5 e 2,5 veces o SMI: a que represente o 40% dos ingresos ponderados da unidade.

-Para unidades convivenciais con ingresos ponderados comprendidos entre 2,5 e 3,5 veces o SMI: a que represente o 30% dos ingresos ponderados da unidade».

No caso de que a renda de aluguer da vivenda supere a renda máxima de aluguer subvencionable, será o inquilino o que teña que asumir o exceso.

A subvención concederase por doce meses, producindo efectos desde a data da sinatura do contrato de arrendamento.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, exceptuado este último caso para as vítimas de violencia de xénero.

No caso de contratos superiores a un ano ou de prórrogas dos contratos de aluguer, o beneficiario deberá achegar, nos dez primeiros días do mes anterior ao vencemento de cada anualidade do contrato, a documentación pertinente para que lle sexan revisadas as condicións de outorgamento da subvención para a seguinte anualidade. Para o caso de que o beneficiario non reúna os requisitos establecidos, non se concederá a subvención.

Seguirá tendo dereito á subvención o beneficiario que, tendo cumpridas as condicións no momento inicial, presente no momento da revisión uns ingresos inferiores a 0,7 veces o SMI, quedando establecida a subvención nas contías aprobadas inicialmente.».

Artigo 5º.-Modifícase o artigo 8.2º nos seguintes termos:

«Por ingresos, a contía, en número de veces o SMI, do importe dos ingresos brutos ou íntegros que figure na correspondente declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas ou, no seu defecto, do importe que apareza no certificado de rendas facilitado pola Axencia Tributaria ou, se é o caso, o que figure como tal no certificado de retencións do empregador ou calquera outra documentación que os acredite».

Engádese ao artigo 8.3º un derradeiro parágrafo co seguinte texto:

«Non se aplicará a ponderación de ingresos cando a súa aplicación supoña a exclusión do solicitante por non acadar os ingresos mínimos».

Artigo 6º.-No artigo 9, modifícase a alínea b) e engádese unha nova alínea f) nos seguintes termos:

«b) Copia compulsada do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente ao exercicio inmediatamente anterior ao momento da solicitude, e certificado das rendas expedido nos termos do Real decreto 1190/2000, do 23 de xuño, pola Axencia Estatal de Administración Tributaria. De non estar obrigado a presentar a declaración do IRPF, copia de notificación-liquidación emitida pola Axencia Estatal da Administración Tributaria para os que presentaron o modelo de solicitude de devolución 104-105, e certificado acreditativo do nivel de rendas do correspondente exercicio expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria. Nos demais casos, declaración responsable de todos os ingresos obtidos e certificado acreditativo do nivel de rendas do correspondente exercicio expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria que corresponda, xuntando, ademais, os seguintes documentos: declaración das circunstancias familiares, certificado das retribucións e retencións da empresa ou

empresas en que estivese de alta no dito exercicio e, de ser o caso, certificado de pensións ou prestacións periódicas, certificado do INEM e certificados das entidades bancarias de rendementos do capital mobiliario ou, de ser o caso, calquera outra documentación que permita acreditar os ingresos obtidos.

f) No caso de vítimas de violencia de xénero, copia da orde de protección».

Artigo 7º.-O artigo 20 queda modificado nos seguintes termos:

«A presente subvención resulta incompatible con calquera outra axuda destinada ao aluguer de vivenda agás no caso de vítimas de violencia de xénero».

Disposición adicional

Modifícanse os anexos I, II e III de solicitude do Decreto 35/2004, do 6 de febreiro.

Disposición transitoria

Aplicaranse os novos coeficientes do artigo 3 ás subvencións concedidas á data de entrada en vigor deste decreto, procedendo, se é o caso, ás modificacións pertinentes.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de xuño de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Alberto Núñez Feijoo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda