DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Xoves, 15 de xullo de 2004 Páx. 10.161

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 5 de xullo de 2004 pola que se crea o ficheiro de datos de carácter persoal que conforma o Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente Perigosos da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Constitución española, no seu artigo 18.4º, dispón que a lei limitará o uso da informática para garantir o honor e a intimidade persoal e familiar dos cidadáns e o pleno exercicio dos seus dereitos.

Neste sentido, a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, regula o tratamento de datos de carácter persoal rexistrados en soporte físico, así como o uso posterior destes datos polos sectores público e privado. Neste marco, é obxecto desta regulación a garantía e protección dos dereitos fundamentais e liberdades públicas das persoas físicas, e especialmente do seu honor e intimidade persoal e familiar.

O artigo 20.1º da devandita lei dispón que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderá facerse por medio dunha disposición xeral publicada no Boletín Oficial del Estado ou diario oficial correspondente.

Respecto o réxime xurídico no Estado español da tenza de animais perigosos, a Lei estatal 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos, e o Real decreto 287/2002, do 22 de marzo, que a desenvolve, regula a normativa aplicable á tenza de animais potencialmente perigosos e as accións e medidas necesarias co fin de garantir a súa compatibilidade coa seguridade de persoas e bens e doutros animais. Así mesmo, a Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, e o Decreto 153/1998, do 2 de abril, que a desenvolve, reflite as previsións que adoptará a administración sobre tenza e posesión de animais perigosos.

No Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, que desenvolve a Lei estatal 50/1999, regúlase a tenza de animais potencialmente perigosos na Comunidade Autónoma de Galicia e créanse os rexistros galegos de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente Perigosos e de Adestradores Caninos.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a creación dos ficheiros automatizados de datos de carácter persoal alber

gados nos servidores da Consellería de Medio Ambiente que conformarán o Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente Perigosos, segundo se relacionan no anexo.

Artigo 2º.-Contido.

A información que, de acordo co artigo 20.2º da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, se exixe para as disposicións de creación de ficheiros, está contida no anexo desta orde, nos ficheiros creados.

Artigo 3º.-Finalidade e uso dos ficheiros.

Os datos de carácter persoal, rexistrados nos ficheiros automatizados da Consellería de Medio Ambiente, creados pola presente orde só serán utilizados para os fins expresamente previstos no anexo e polo persoal debidamente autorizado.

Artigo 4º.-Cesión de datos.

No suposto de cesión de datos ás administracións públicas haberá que se ater ao disposto na normativa vixente respecto desta materia.

Artigo 5º.-Órganos responsables dos ficheiros.

Serán responsables dos ficheiros os órganos que, en cada caso, figuran no anexo. Así mesmo, no citado anexo enuméranse as unidades ante as que se exercerán os dereitos de acceso, rectificación e cancelación.

Artigo 6º.-Medidas de seguridade.

As medidas de seguridade dos ficheiros están especificadas no correspondente documento de seguridade en función do nivel en que estes se clasifiquen.

Disposición adicional

No caso de cesións dos datos aos servizos de estatística das administracións públicas haberá que aterse, ademais, ao disposto na normativa vixente sobre materia estatística.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2004.

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO I

Ficheiro da Dirección Xeral de Conservación da Natureza

Ficheiro: Regiac, Rexistro de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente Perigosos.

a) Finalidade do ficheiro e uso previsto: rexistro que permitirá o control e seguimento da tenza de animais de compañía e potencialmente perigosos, intentando facer compatible a seguridade e integri

dade física dos cidadáns co uso e desfrute da tenza destes animais.

b) Medidas de seguridade: nivel básico.

c) Estrutura básica: base de datos.

-Datos de carácter identificativo dos propietarios: DNI, nome e apelidos, dirección, teléfono e fax.

-Datos de carácter identificativo das clínicas veterinarias: CIF, razón social e enderezo.

-Datos de carácter identificativo dos veterinarios: DNI, nome e apelidos, dirección, teléfono, fax e número de colexiado.

-Outros datos: ficha do animal, incluíndo os seus datos descritivos do mesmo, número de chip e posible indicación de perigosidade.

d) Órgano responsable do ficheiro:

-Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

-Consellería de Medio Ambiente.

e) Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos que figuran no ficheiro poderán exercerse, no seu caso, ante a unidade ou dependencia responsable do ficheiro, sita na rúa San Lázaro s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña).

f) Procedemento de recollida de datos: os veterinarios acreditados disporán de acceso á aplicación web de Regiac, e serán os responsables de cubrir a través dela a ficha dos animais de compañía aos que atendan, rexistrando entre outros datos o seu número de chip, a súa posible perigosidade, e os datos do correspondente propietario. Por outra banda, será o colexio de veterinarios o encargado de administrar a través da propia aplicación web os datos dos veterinarios acreditados.

g) Cesión de datos: ningunha.

h) Persoas e/ou colectivos afectados: donos de animais de compañía e potencialmente perigosos, e veterinarios que presten asistencia sanitaria a estes animais.

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA