DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Mércores, 14 de xullo de 2004 Páx. 10.091

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 148/2004, do 7 de xullo, polo que se regula a concesión de préstamos polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para financiar proxectos en materia de innovación tecnolóxica.

O Decreto 133/2002 polo que se regula a concesión de prestamos polo Instituto Galego de Promoción Económica, contemplou xa a posibilidade de autorizar mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia a ampliación do ámbito dos préstamos do Igape a liñas diferentes ás xa existentes de financiamento de proxectos cualificados como emprendedores ou producións audiovisuais.

A innovación tecnolóxica é un elemento clave para aumentar a produtividade das empresas e sobre todo a súa competitividade, converténdose así nun instrumento de primeira orde para lograr o desenvolvemento económico de Galicia. Considérase, polo tanto, conveniente que o sector da innovación, estratéxico para a nosa actividade económica, poida acceder a esta liña de servizos, necesaria para obter o financiamento necesario para a súa posta en marcha.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de xullo de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O Igape, no desempeño das súas funcións, poderá conceder préstamos ou créditos destinados a financiar o desenvolvemento e/ou a implantación en Galicia de proxectos empresariais en materia de innovación tecnolóxica.

Os proxectos financiables poderán referirse a:

1.1. Actividades de desenvolvemento relativas a:

a) Investigación industrial: entendida como investigación planificada ou os estudos críticos que teñan por obxecto a adquisición de novos coñecementos que poidan resultar de utilidade para a creación de novos produtos, procesos ou servizos, ou contribuír a mellorar os existentes.

b) Actividades de desenvolvemento precompetitivas: consistentes na materialización dos resultados da investigación industrial nun plano, bosquexo ou deseño para produtos, procesos ou servizos novos, modificados ou mellorados, destinados á súa venda ou á súa utilización, incluída a creación dun primeiro prototipo non comercializable. Pode abarcar tamén, a formulación conceptual e o deseños doutros produtos, procesos ou servizos.

c) Proxectos de demostración: destinados ao desenvolvemento de experiencias piloto ou demostracións para aplicacións industriais ou para a súa explotación comercial.

2.2. Implantación de proxectos de innovación dirixidos á produción directa de novos produtos, á creación de novos procesos ou á prestación de novos servizos ou a obter melloras substanciais nos xa existentes.

Artigo 2º

Poderán acollerse aos préstamos regulados neste decreto as sociedades mercantís que desenvolvan os seus proxectos de innovación na Comunidade Autónoma de Galicia e que pertenzan aos sectores de actividade recollidos no Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica 2002-2005, esto é:

-Recursos agropecuarios.

-Recursos mariños.

-Recursos forestais.

-Recursos enerxéticos e mineiros.

-Biotecnoloxía e tecnoloxías farmacéuticas e de ciencias da saúde.

-Tecnoloxías da alimentación.

-Tecnoloxías ambientais.

-Tecnoloxías dos materiais.

-Tecnoloxías da construción e da conservación do patrimonio.

-Tecnoloxías da información e das comunicacións.

-Tecnoloxías de deseño e produción industrial.

-Educación.

-Saúde pública.

-Turismo, ocio e deporte.

-Dereito, economía e empresa.

-Sociedade da información.

Excepcionalmente, o Igape tamén poderá conceder préstamos ou créditos a empresas para actividades ou proxectos que se realizarán fóra da Comunidade Autónoma, valorándose neste caso especialmente o mantemento da actividade en Galicia do solicitante.

Artigo 3º

As operacións financeiras destinaranse a atender os gastos e investimentos para o desenvolvemento e/ou implantación do proxecto de innovación, debendo condicionarse as disposicións á xustificación documental do seu destino, mediante documentos contables de valor probatorio suficiente, ou mediante a comprobación do cumprimento do plan de disposición de fondos que previamente aprobase. A tal fin, os prestameiros ou acreditados comprometeranse expresamente a facilitar ao Instituto Galego de Promoción Económica a inspección e control para a comprobación da realidade dos investimentos e gas

tos financiados coa operación, así como a situación da solvencia da empresa, podendo, para tales efectos, verificar os balances, contas de resultados e demais estados de libros contables.

Artigo 4º

A concesión de préstamos ou créditos polo Igape farase dentro das dispoñibilidades financeiras do fondo que para este fin se estableza a partir das dotacións orzamentarias do instituto, incrementadas se é o caso polos importes que se deriven dos convenios ou concertos que para tal efecto o Igape subscriba con entidades públicas ou privadas.

Artigo 5º

Corresponde ao Igape a análise das solicitudes e a aprobación ou denegación das operacións financeiras, así como o establecemento das súas condicións segundo as características de cada proxecto.

Artigo 6º

O Consello de Dirección do Igape aprobará as condicións dos préstamos ou créditos, o importe das comisións que se é o caso devenguen e as garantías que dado o caso proceda tomar. Os prazos de disposición, amortización e carencia das operacións adaptaranse ás características e necesidades de cada proxecto.

Artigo 7º

O Instituto Galego de Promoción Económica poderá allear directamente os bens inmobles ou mobles que adquirise en procedementos xudiciais e, inclusive, os que se adquiran en pagamento de débedas das que sexa acredor. Así mesmo, poderá adxudicar directamente contratos de explotación respecto aos mencionados bens.

Artigo 8º

Son obrigas do prestameiro ou acreditado da operación, someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o Instituto Galego de Promoción Económica nos termos contidos neste decreto, e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral de acordo co previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. A tal fin, quedan obrigados á conservación de toda a documentación orixinal que acredite a realidade dos investimentos e gastos financiados coa operación.

Artigo 9º

Trimestralmente o Igape dará conta ao Parlamento das operacións de crédito e préstamo vixentes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O conselleiro de Economía e Facenda poderá ditar as normas necesarias para a aplicación do que neste decreto se dispón.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de xullo de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda