DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Martes, 13 de xullo de 2004 Páx. 10.026

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 11 de xuño de 2004 pola que se autoriza o cambio de titularidade e de denominación do centro privado San Roque de Vigo (Pontevedra).

Examinado o expediente que presenta o centro privado San Roque de Vigo (Pontevedra), código 36011609, no que solicita o cambio de titularidade e de denominación do devandito centro.

Resultando que mediante certificación catastral se acredita que a titularidade do centro privado San Roque de Vigo corresponde a Caixa de Aforros de Vigo, Ourense e Pontevedra.

Tendo en conta que o expediente foi tramitado pola Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra, que se remite cos informes correspondentes.

Vistos a Lei 1/1990, do 3 de outubro (BOE do 4 de outubro), de ordenación xeral do sistema educativo; a Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro (BOE do 24 de decembro), de calidade da educación; o Real decreto 1537/2003, do 5 de decembro (BOE do 10 de decembro), polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas escolares de réxime xeral; o Decreto 133/1995, do 10 de maio (DOG do 22 de maio), sobre autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias e a Orde do 20 de setembro de 1995 (DOG do 15 de decembro) que o desenvolve.

Considerando que concorre no expediente os requisitos exixidos nas disposicións vixentes para poder acceder ao solicitado.

Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa

DISPÓN:

Primeiro.-Autorizar o cambio de titularidade do centro privado San Roque de Vigo (Pontevedra) a favor de Caixa de Aforros de Vigo, Ourense e Pontevedra, con todos os dereitos e obrigas contraídas polo cesionista Caja de Ahorros Municipal de Vigo, sen prexuízo das responsabilidades que poidesen recaer sobre o anterior titular do centro por actos ou omisións realizados antes do cambio de titularidade que se autoriza.

O cambio de titularidade non afectará o réxime de funcionamento do centro.

Segundo.-Autorizar o cambio de denominación do centro privado San Roque do concello de Vigo pasando a denominarse centro privado Colegio Hogar Caixanova.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación

da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2004.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria