DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Venres, 09 de xullo de 2004 Páx. 9.875

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

DECRETO 141/2004, do 1 de xullo, polo que se modifica o Decreto 50/2002, do 14 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria.

O Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia en Fontefiz adícase á conservación e recuperación das razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción.

No ano 1991 puxéronse en marcha os distintos programas deseñados no Plan Integral de Mellora Xenética do Vacún en Galicia (PIMX), para a recuperación das nosas razas bovinas en perigo de extinción (Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa). Posteriormente, estas actividades estendéronse a outras especies, amparadas no novo Programa de Mellora Gandeira de Galicia 2002-2006, que veu substituír o PIMX, cunha implicación do centro que varía segundo a especie de que se trate e que vai desde a total adicación a unha adicación moi importante (Galiña de Mos, Ovella Galega e Porco Celta, Cabalo de Pura Raza Galega e razas caninas -Guicho ou Quisquelo, Can de Palleiro, Perdigueiro Galego e Podenco Galego-).

Pola súa singularidade e especialidade é necesario que este centro conte con autonomía de organización diferenciada, que redunde nunha maior eficacia e eficiencia dos recursos económicos e humanos.

En consecuencia, e por proposta do conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, co previo informe das consellerías de Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de xullo de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o Decreto 50/2002, do 14 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria, modificado polo Decreto 161/2003, do 13 de febreiro, engadindo ao punto 1º do artigo 8, relativo á Subdirección Xeral de Gandaría unha nova unidade baixo o punto 1.5:

«1.5. Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia: corresponderalle a preservación dos recursos zooxenéticos autóctonos de Galicia».

Disposición derrogatoria

Queda derrogada calquera disposición de rango igual ou inferior que se opoña ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-As modificacións que se establecen neste decreto non supoñen incremento de gasto.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural para ditar as normas complementarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Terceira.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de xullo de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural