DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Xoves, 08 de xullo de 2004 Páx. 9.810

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 1 de xullo de 2004 pola que se dispón a publicación da modificación dos estatutos da Mancomunidade do Salnés.

A Mancomunidade do Salnés tramitou unha modificación dos seus estatutos; tendo en conta a entidade dela, en aras dunha maior seguridade xurídica, levouse a efecto un novo texto íntegro dos ditos estatutos, que foron aprobados de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local e 143 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e no que se seguiron os trámites que se sinalan a continuación:

Primeiro.-A proposta de modificación dos estatutos foi aprobada pola asemblea xeral dos concellos membros da mancomunidade, en sesión celebrada o 21 de decembro de 2002.

Segundo.-Con data 2 de xuño de 2003, a Dirección Xeral de Administración Local emitiu informe sobre a modificación dos estatutos da Mancomunidade do Salnés, no que se fixeron constar diversos extremos.

Terceiro.-Os estatutos foron expostos a información pública durante o prazo dun mes, mediante edicto publicado no BOP (nº 11, do 17-1-2004).

Cuarto.-Cumpriuse o trámite previsto no artigo 143.1º b) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de

Administración local de Galicia, no que se refire á Deputación Provincial de Pontevedra.

Quinto.-Constan certificacións dos acordos relativos á aprobación definitiva da modificación dos estatutos, nos que se incorpora o contido dos informes emitidos polos órganos correspondentes.

Sexto.-A Comisión Xestora da Mancomunidade, en sesión celebrada o día 13 de novembro de 2003, acordou aprobar definitivamente a modificación.

Sétimo.-Remítese pola mancomunidade unha copia do texto dos estatutos para a súa íntegra publicación no Diario Oficial de Galicia.

Por todo isto,

DISPOÑO:

A publicación íntegra dos estatutos modificados da Mancomunidade do Salnés, de conformidade co establecido no artigo 143.1º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, que se recollen como anexo desta orde e que substituirán os anteriores.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2004.

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local

ANEXO

Estatutos da Mancomunidade do Salnés

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

De conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, do artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e artigos 31 ao 38 do Regulamento de poboación e demarcación territorial das entidades locais, do 11 de xullo de 1986, modifícanse os estatutos da Mancomunidade do Salnés, integrada polos concellos de Cambados, Grove (O), Illa de Arousa (A), Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa; quedando así constituída e estruturada, con plena capacidade xurídica para o cumprimento dos fins que se indican nos presentes estatutos, polos que se rexerá a súa organización e o seu funcionamento.

Artigo 2º

A súa denominación, como xa estaba acordado, e se indica no artigo anterior, é a de Mancomunidade do Salnés.

Artigo 3º

Os órganos de goberno e administración situaranse no Centro Comarcal Exposalnés (Paseo da Calzada s/n, Cambados), sede tamén da Fundación Comarcal do Salnés.

Mediante acordo adoptado a este respecto, a xunta da mancomunidade poderá celebrar reunións específicas en calquera das casas dos concellos que integren a mancomunidade.

Capítulo II

Dos órganos de goberno e administración do seu funcionamento e réxime xurídico

Artigo 4º

1) Os órganos de goberno da mancomunidade serán: o presidente, o vicepresidente, a xunta da mancomunidade e a comisión executiva.

Presidente: o presidente da mancomunidade será elixido entre os membros da xunta da mancomunidade, pola propia xunta, mediante acordo adoptado pola maioría absoluta dos seus membros, na sesión extraordinaria de constitución da xunta da mancomunidade. Para iso constituirase unha mesa de idade, presidida polos alcaldes de maior e menor idade, asistidos polo secretario da mancomunidade. A duración do mandato coincidirá co da xunta da mancomunidade e co das corporacións locais, permanecendo en funcións desde a convocatoria de eleccións municipais, ata a constitución da nova xunta; salvo substitución por algunha das causas establecidas na lexislación local.

Vicepresidente: o vicepresidente da mancomunidade, que así mesmo será elixido entre os membros da xunta da mancomunidade, na mesma sesión extraordinaria e tamén mediante acordo adoptado por maioría absoluta.

Vogais: serán vogais todos os demais membros da xunta da mancomunidade.

A xunta da mancomunidade estará formada por vinte e sete membros, que serán nove alcaldes dos concellos mancomunados, ou concelleiros en quen deleguen, ademais de dous concelleiros nomeados por cada un dos concellos, en acordos plenarios, nos que serán elixidos nunha única votación, votando cada concelleiro a un só candidato. Poderán ser candidatos todos os concelleiros da corporación respectiva.

Correspóndelle á xunta da mancomunidade as atribucións reguladas expresamente nos presentes estatutos e aquelas outras que a lexislación de réxime local lle atribúe ao pleno municipal.

A xunta da mancomunidade pode delegar o exercicio das súas atribucións no presidente e na comisión executiva, agás as que teñen carácter indelegable, nos termos regulados na lexislación de réxime local para o pleno dos concellos.

A xunta da mancomunidade estará integrada polo presidente, o vicepresidente e os vocais que serán todos os demais membros da xunta da mancomunidade.

A comisión executiva estará presidida polo presidente da mancomunidade e integrada polo vicepresidente e por todos os alcaldes (ou concelleiros

delegados) dos concellos que integran a mancomunidade.

2) A xunta da mancomunidade poderá acordar a creación de comisións informativas presididas polos alcaldes e integradas por representantes de todos os concellos, membros da xunta da mancomunidade.

3) Os membros electivos da xunta da mancomunidade cesarán nos seus cargos, cando cesen nos que motivaron a súa elección como membros da mesma; non obstante os membros cesantes continuarán as súas funcións soamente para a administración ordinaria ata a toma de posesión dos seus sucesores.

Artigo 5º

a) Do presidente: o presidente da mancomunidade ostenta a súa representación e correspóndelle a convocatoria e presidencia das sesión da xunta da mancomunidade e da comisión executiva, a superior dirección, inspección e impulso dos servizos, obras e xestións que se leven a cabo, exercendo as facultades de carácter económico, sancionador, e todas aquelas que a lexislación de réxime local lle asigna ao alcalde e, de ser preciso, lle delegue expresamente a xunta da mancomunidade.

O presidente pode delegar as súas atribucións, salvo as mencionadas no artigo 21.3º da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, nos termos, alcance e contido que para o alcalde se establece na lexislación de réxime local.

O vicepresidente substituirá o presidente, na totalidade das súas funcións, nos casos de ausencia, enfermidade ou impedimento que imposibilite a este para o exercicio das súas atribucións, así como desempeñar as funcións do presidente no suposto de vacante ata a toma de posesión do novo presidente.

b) Da comisión executiva: de carácter activo e, en canto o seu funcionamento, será asimilable o que para a xunta de goberno establece a lexislación de réxime local. É atribución propia da comisión executiva a asistencia permanente ao presidente no exercicio das súas atribucións. Así mesmo, a comisión executiva exercerá as atribucións que lle delegue o presidente ou a xunta da mancomunidade. O réxime das delegacións do presidente e da xunta na comisión executiva rexerase polo disposto nos artigos 43, 44 e 51 do Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais e demais lexislación de réxime local que lle sexa de aplicación.

Do persoal

Artigo 6º.-Secretaría, Intervención e Tesourería.

As funcións de secretaría e de intervención, serán exercidas por un ou dous funcionarios correspondentes á escala de habilitación de carácter nacional, coas subescalas que correspondan segundo a clasificación que realice a Comunidade Autónoma, de conformidade co establecido no Real decre

to 1732/1994, do 29 de xullo, e integraranse no cadro de persoal da Mancomunidade do Salnés.

A función de tesourería, ao abeiro do artigo 92.4º da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local en concordancia co artigo 2 do Real decreto 1732/1994 poderá ser atribuída pola xunta da mancomunidade a un funcionario da mancomunidade ou a un membro da propia xunta.

Artigo 7º

Para o desenvolvemento das funcións e traballos burocráticos de oficina, a mancomunidade contará con persoal propio, integrado por funcionarios de carreira, contratados en réxime de dereito laboral e persoal eventual que desempeñe postos de confianza ou asesoramento especial; segundo se especifique no cadro de persoal que aprobe anualmente a través do orzamento a xunta da mancomunidade, con suxeición ao establecido na lexislación de réxime local.

Constitución e réxime de sesións

Artigo 8º

A) A xunta da mancomunidade constituirase en sesión pública, convocada con catro días hábiles de antelación polo presidente en funcións, dentro dos dous meses seguintes aos da data de constitución das corporacións locais que integran a mancomunidade. No suposto de que o presidente da mancomunidade, presidente en funcións ata a constitución da xunta da mancomunidade que resulte da constitución das corporacións locais que a integran, non resultase electo como membro destas, a presidencia en funcións da Mancomunidade do Salnés será asumida polo alcalde electo de maior idade de entre os alcaldes dos concellos integrantes da mancomunidade.

As sesións da xunta da mancomunidade poderán ser:

a) Ordinarias.

b) Extraordinarias.

c) Extraordinarias de carácter urxente.

A periodicidade das sesións ordinarias será establecida pola xunta da mancomunidade en sesión extraordinaria, que convocará o presidente dentro dos trinta días seguintes o da sesión constitutiva da xunta da mancomunidade.

Celebrarase sesión extraordinaria, nalgunha das modalidades indicadas, cando así o decida o presidente ou o solicite a cuarta parte dos membros que compoñen a xunta da mancomunidade.

B) A comisión executiva celebrará sesión constitutiva, a convocatoria do presidente, dentro dos dez días seguintes á constitución da xunta da mancomunidade.

As sesións da comisión executiva poderán ser: a) Ordinarias. b) Extraordinarias. c) Extraordinarias de carácter urxente.

A periodicidade das sesións ordinarias será fixada na sesión de constitución da comisión executiva.

As sesións extraordinarias e urxentes terán lugar, cando con este carácter, sexan convocadas polo presidente.

Artigo 9º

En consideración a que as convocatorias deberán enviarse aos alcaldes dos concellos da mancomunidade, para que estes á súa vez as fagan chegar aos concelleiros membros da xunta, as convocatorias ordinarias ou extraordinarias, salvo as de carácter urxente, deberán estar en posesión dos membros da xunta da mancomunidade, cando menos con catro días hábiles de antelación á data da súa celebración.

As convocatorias da comisión executiva efectuaranse con dous días hábiles de antelación.

A xunta da mancomunidade constitúese validamente coa asistencia dun tercio do número legal dos seus membros.

Para a válida constitución da comisión executiva requírese a asistencia da maioría absoluta dos seus compoñentes.

En todo caso, en ambos os dous órganos requírese a asistencia do presidente e do secretario da mancomunidade, ou dos seus legais substitutos.

Ordinariamente as sesións celebraranse no Centro Comarcal Exposalnés. Non obstante, a xunta da mancomunidade e segundo o establecido no artigo 3 destes estatutos, logo de acordo, poderá celebrar sesións específicas en calquera das casas do concello dos municipios que compoñen a mancomunidade, sempre que se xustifique debidamente esta excepción.

Artigo 10º.-Adopción de acordos.

O réxime para a adopción de acordos da xunta da mancomunidade e da comisión executiva será o mesmo que, para o pleno e comisión de goberno dos concellos en xeral, establece a normativa de réxime local.

A adopción de acordos producirase mediante votación ordinaria, salvo que a propia xunta da mancomunidade acorde, para un caso concreto, a votación nominal ou secreta, se fosen procedentes.

Os acordos con carácter xeral, adoptaranse por maioría simple dos membros presentes, salvo que se trate de materias, que sexan competencia da mancomunidade que requiran unha maioría especial, nese caso será necesario o quórum que se exixe no artigo 47.2º da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local. En caso de votacións con resultado de empate, efectuarase unha nova votación e, de persistir o dito empate, decidirá o voto de calidade do presidente.

Artigo 11º

O secretario da mancomunidade levantará acta de todas e cada unha das sesións que celebren a xunta da mancomunidade e a comisión executiva, levando,

baixo a súa responsabilidade libros de actas independentes para as sesións da xunta da mancomunidade e da comisión executiva coas mesmas formalidades que a Lei establece para os concellos, e que terá a consideración do instrumento público solemne, levando en todas as súas follas, debidamente foliadas, a rúbrica do presidente e o selo da mancomunidade.

Poderase, así mesmo, acordar a mecanización das actas, segundo o establecido nas disposicións aplicables ás entidades de réxime local.

Non serán válidos os acordos adoptados que non se atopen recollidos nos devanditos libros de actas.

Artigo 12º

Os acordos da xunta da mancomunidade, da comisión executiva, cando actúe por delegación e as resolucións do presidente esgotarán a vía administrativa, e todos os recursos ou reclamacións que poidan formularse contra os mesmos deberán suxeitarse ao réxime xurídico aplicable ás entidades de réxime local.

Capítulo III

Fins da mancomunidade, competencias e formas de xestión

Artigo 13º

Os fins da mancomunidade que se establecen son os que se indican a continuación, e, a adscrición aos mesmos será voluntaria para cada concello, e, en consecuencia, os concellos que non se acollan a algún dos servizos non terán que contribuír os gastos que estes ocasionen:

-Xestión para a execución, ou futura ampliación, das obras de instalacións de redes xerais para o abastecemento de auga ou para eliminación de residuais, así como dos servizos de bombeo e depuración, que afecten os concellos da mancomunidade, de acordo cos correspondentes proxectos técnicos redactados, ou que se redacten para tal efecto.

-Executar así mesmo, directamente, ou xestionar a execución polos medios que se coiden máis axeitados, da instalación das redes secundarias de todos os concellos da mancomunidade, ou das ampliacións que poidan ser precisas, para conseguir, en todo caso, un total funcionamento destes servizos de abastecemento de augas e de eliminación de residuais.

-Prestación dos servizos de mantemento do abastecemento de auga e de depuración de residuais aos concellos da mancomunidade que os precisen e soliciten, segundo as fórmulas que acorde a xunta da mancomunidade.

En todo caso o coidado e mantemento da rede xeral primaria de abastecemento de auga, do mecanismo de bombeo e a súa depuración, así como a depuración das augas residuais, en depuradoras que afecten a dous ou máis concellos, serán da competencia da mancomunidade.

-Creación e sostemento dun parque de maquinaria para obras en vías públicas, que afectará a todos os concellos da mancomunidade, que demanden a súa participación e contribúan aos gastos ocasionados.

-Creación e mantemento dun centro mancomunado de benestar social e loita contra a drogodependencia, que afectará a todos os concellos da mancomunidade.

-Realización de xestións e actividades para a potenciación do turismo na comarca que atinxe á mancomunidade.

-Realización de xestións e actividades de promoción e potenciación de todos os sectores industriais, agrícolas, marítimos, comerciais e de servizos, que atinxan aos concellos da mancomunidade.

-Realización de xestións e actividades conducentes á creación dun servizo comarcal de loita contra incendios, salvo que se teña asumido, ou se asuma, este fin por outros organismos.

-Realización de xestións e actividades conducentes á creación, prestación ou adxudicación dos servizos de recollida, tratamento, transferencia e eliminación de residuos sólidos urbanos, de xeito mancomunado, a través dos medios que en cada caso se coiden máis axeitados.

-Realización de xestións para a consecución de redes de saneamento de augas fecais, para todos os concellos integrantes da mancomunidade.

-Estudo e informe das obras de infraestrutura, cando afecten a máis dun concello, e teñan lugar dentro dos municipios abranguidos pola mancomunidade.

-Realización de xestións para a creación dun servizo de seguridade cidadá.

-Creación dun servizo de coordinación de actividades culturais e deportivas dos concellos da mancomunidade.

-Fomento do desenvolvemento dos concellos que compoñen a mancomunidade, realizando as peticións e xestións coas diferentes administracións, institucións, empresas e calquera outro organismo público ou privado, competentes nos diferentes aspectos: turístico, vías de comunicación, infraestruturas e servizos, transportes, educación, sanidade, seguridade cidadá, e calquera outras materias en xeral que poidan ser comúns aos concellos que integran a mancomunidade e que exixan dunha acción unida dos mesmos, a fin de lograr axudas de todo tipo para a consecución das finalidades que se pretendan.

-Potenciación e xestión de programas e actividades de carácter social, cultural, de promoción económica, comunicacións, etc. (programas de emprego, de formación, axuda á infancia, integración de persoas con discapacidades, drogodependencia e alcoholismo, etc.).

-Consecución de solo industrial dentro da comarca.

-Consecución e xestión de mellora en materia de sanidade dentro da mancomunidade.

-Consecución e xestión dun servizo ou escola de orientación agropecuaria, de produtos do mar, hortofrutícolas, florais e forestais.

-Consecución e xestión dun servizo mancomunado de recollida e protección de animais abandonados.

-Calquera outro que acorde a xunta da mancomunidade dentro das finalidades das entidades locais, ben directamente ou a petición dos plenos dos concellos atinxidos.

Artigo 14º

Mediante acordos plenarios, adoptados polos concellos interesados, coas mesmas formalidades que se requiren para a modificación dos estatutos poderanse incluír na mancomunidade novas finalidades.

Artigo 15º

As competencias da mancomunidade serán as mesmas que as leis de réxime local atribúen ás corporacións locais, naquelas materias que resulten de aplicación, segundo os seus fins.

Os acordos da mancomunidade referendados, no seu caso, polos concellos, cando fose procedente, relativos ao establecemento e desenvolvemento dalgún dos fins descritos no artigo 13º, ou daqueles que se poidan incluír, obrigarán só a aqueles concellos que dispoñan incluírse nas ditas finalidades.

Artigo 16º

A execución das obras ou prestación do servizos poderá levalos a cabo a mancomunidade, por contratación, administración, arrendamento, concesión, ou calquera outra das formas de xestión das admitidas pola lexislación vixente.

Capítulo IV

Dos recursos económicos e o seu réxime

Artigo 17º

Para a realización das súas finalidades, a mancomunidade poderá contar cos seguintes recursos:

a) O capital fundacional, que aporten os concellos mancomunados, se así se acordase.

b) As cantidades que deba achegar cada un dos concellos, segundo acorde a xunta da mancomunidade, tendo en conta que afecten a cada un dos concellos.

c) Os ingresos que poidan obterse do patrimonio da mancomunidades, se fose o caso.

d) Subvención e outros ingresos de dereito público.

e) Taxas ou prezos pola prestación de servizos ou realización de actividades da súa competencia, conforme as ordenanzas que se aproben, se fosen procedentes.

f) Contribucións especiais para execución de obras e ampliación ou mellora de servizos, nos concellos que estivesen atinxidos.

g) Os recursos procedentes de operacións de crédito.

h) Todos aqueles outros recursos permitidos pola vixente lexislación ás entidades locais.

Artigo 18º

O réxime das achegas municipais ás que se refire o apartado b) do artigo anterior, será o seguinte:

-Os gastos xerais de funcionamento (persoal, administración, etc.), repartiranse por partes iguais entre todos os concellos da mancomunidade.

-Para cubrir os gastos dos servizos que especificamente atinxan ao grupo de concellos que quede establecido, segundo os oportunos acordos da xunta da mancomunidade, terase en conta, nos casos de subministración de auga, eliminación de residuais, ou de residuos sólidos urbanos, o consumo que cada concello ocasione, segundo as medicións que resulten procedentes. Noutra orde, establecerase unha cota para cada un deles que virá determinada polo resultado de multiplicar o módulo que se acorde pola xunta da mancomunidade, polo número de habitantes de cada concello, ou calquera outro que fixe dita xunta.

-As achegas que así mesmo correspondan a cada concello especificamente para obras, prestación de servizos e realización de programas que lle afecten de forma directa e, en todo caso, na proporción que acorde a xunta da mancomunidade, tendo en conta todas as circunstancias que concorran en cada un dos concellos.

-Os concellos da mancomunidade veñen obrigados a aceptar e facerse cargo dos gastos e demais obrigas que se deriven dos acordos adoptados, co voto favorable dos seus representantes.

-Para facer fronte a posibles gastos extraordinarios, a xunta da mancomunidade acordará, por maioría absoluta, a cantidade que lle corresponda a cada un dos concellos atinxidos, tendo en conta o número de habitantes de cada un deles, ou as circunstancias que especificamente poidan afectarlle.

-Respecto ao reparto dos intereses que se devenguen por demora, por parte dos concellos, do aboamento do importe facturado mensualmente pola empresa encargada do servizo de bombeo e depuración da auga da mancomunidade ou de subministración de enerxía eléctrica, aplicaranse proporcionalmente á débeda de cada concello acumulada ata o momento en que a empresa entregue a correspondente liquidación polo dito concepto, segundo o acordo da comisión xestora do 18-10-1996.

O mesmo criterio de reparto aplicarase aos intereses que se devenguen por demora por parte dos concellos no aboamento do importe facturado pola empresa encargada da xestión do servizo de depuración de augas residuais.

No entanto, e segundo os acordos adoptados pola comisión xestora en sesións do 21-10-1994 e 18-8-1995, queda autorizada a presidencia da mancomunidade para solicitar da Xunta de Galicia a retención de ata o 25% mensual, con cargo á participación nos tributos do Estado, da débeda do concello ou concellos atinxidos, ata a total cancelación da mesma.

Artigo 19º

O patrimonio da mancomunidade estará constituído por toda clase de bens, dereitos e accións que

lexitimamente se adquiran ou se aporten, ben no intre da súa constitución ou con posterioridade á mesma.

Para o debido control das súas existencias, formarase un inventario de bens, de acordo co establecido no Regulamento de bens das entidades locais.

A participación de cada concello en dito inventario virá determinada polas cotas da súa participación na consecución do seu patrimonio.

Artigo 20º

A xunta da mancomunidade formará e aprobará anualmente un orzamento único, coas mesmas formalidades e de conformidade co establecido polas disposicións aplicables nesta materia ás demais corporacións locais. Así mesmo, rexeranse polas devanditas disposicións o desenvolvemento, fiscalización económica, así como o rendemento das contas anuais correspondentes.

Artigo 21º

O presidente da mancomunidade exercerá, pola condición que desempeña, as funcións de ordenador de pagamentos e todas as demais que, no aspecto económico, lle correspondan, aos alcaldes respecto aos seus concellos.

Artigo 22º

A contabilidade correrá a cargo do secretario-interventor e do tesoureiro, segundo as tarefas que lle correspondan a cada un, de acordo coa normativa de réxime local establecida para os concellos en xeral.

Artigo 23º

Para o coñecemento, exame e fiscalización da xestión económica, o presidente renderá, ao remate de cada exercicio, a conta xeral do orzamento, á que engadirá a liquidación do mesmo e demais documentación establecida pola lexislación vixente. A tramitación e aprobación das mesmas adaptarase ás disposicións aplicables ás demais entidades de réxime local.

Artigo 24º

A cobranza e administración das contribucións que se acorden impoñer por execución de obras, prestación de servizos, etc., ata o seu ingreso no erario da mancomunidade, levaranse a efecto por cada un dos concellos mancomunados, dentro dos seus municipios, ou ben polo O.R.A.L., previa a correspondente tramitación do expediente de delegación no dito organismo.

Capítulo V

Duración, modificación, adhesión, separación e disolución da mancomunidade

Artigo 25º

Dado o carácter permanente dalgúns dos fins que a motivan, a mancomunidade constitúese con duración indefinida.

Artigo 26º

A xunta da mancomunidade poderá acordar, de oficio ou por instancia dos concellos que a constitúen, a iniciación da modificación dos estatutos.

Para calquera modificación dos estatutos seguirase o mesmo procedemento que para a súa aprobación, de conformidade co establecido no artigo 35.2º do Regulamento de poboación e demarcación territorial das entidades locais, do 11 de xullo de 1986, e co disposto polo artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Artigo 27º

Constituída a mancomunidade, poderán adherirse á mesma por procedemento idéntico ao da súa constitución, os concellos que así o soliciten e se atopen comprendidos nas condicións previstas nos presentes estatutos, e sexa factible a súa incorporación, asumindo, unha vez incorporados, as obrigas que lle correspondan segundo o dispoñan os termos da adhesión. Esta adhesión poderá facerse para todos ou algún dos fins da mancomunidade, segundo os acordos que se adopten.

As adhesións que se soliciten terán que ser informadas favorablemente pola xunta da mancomunidade, que poderá establecer as condicións que coide oportunas, tanto de tipo económico como doutra índole, para o concello ou concellos que pidan a incorporación, adhesión que levará consigo a correspondente modificación dos estatutos.

Artigo 28º

Por trámites semellantes ao da adhesión, poderá separase da mancomunidade calquera dos concellos que a integran, logo do correspondente aviso, que deberá realizarse cun ano de antelación, segundo establece o artigo 143.3º da LALGA, e sen deixar de cumprir durante o dito prazo, cos compromisos contraídos.

Así mesmo, será preciso o informe da xunta da mancomunidade, sen que poida ter carácter vinculante.

Recibido o aviso previo a que se fai referencia, procederase a iniciar a tramitación, e efectuarase a liquidación que tanto do pasivo como do activo lle puidese corresponder.

Artigo 29º

A mancomunidade poderá disolverse:

a) Por desaparición das finalidades que motivaron a súa constitución, ou por ser asumida a súa prestación polo Estado, comunidade autónoma, deputación ou organismo específico.

b) Por integrarse noutra mancomunidade que poida constituírse nun futuro.

c) Por acordo da xunta da mancomunidade, que deberá ser referendado posteriormente por acordos dos concellos que a integran, adoptados con idénticos requisitos aos da súa constitución.

d) Por calquera outra causa establecida por disposición de obrigado cumprimento.

Artigo 30º

En caso de disolución da mancomunidade practicarase liquidación de todos os bens e dereitos que posúa, e o resultado positivo ou negativo, será atribuído a cada un dos concellos que a forman, na mesma proporción que a establecida para a fixación das achegas da mancomunidade.

A liquidación deberá precisar, así mesmo, en que situación quedará o persoal da entidade tras a disolución da mancomunidade.

Disposición derradeira

O presidente da mancomunidade, unha vez aprobada a presente modificación dos estatutos da mancomunidade, solicitará, no prazo dun mes, do rexistro de entidades locais, a inscrición ou toma de razón da devandita modificación á vez que remitirá copia certificada dos estatutos modificados á consellería competente en materia de réxime local para a súa íntegra publicación no DOG e, comunicarallos á Administración do Estado; e, en definitiva, dos datos inscritos ou, se é o caso, da cancelación rexistral se se acordase disolver a mancomunidade, tendo en conta, en todo caso, o disposto polo Decreto 371/1998, do 10 de decembro, polo que se regula o rexistro de entidades locais de Galicia, e a orde do seu desenvolvemento, de 8 de marzo do ano 2000.

Dereito supletorio:

En todo o non previsto nos presentes estatutos, estarase, no que lle resulte de aplicación, ao disposto sobre as materias que lle atinxen, pola Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; pola Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; polo texto refundido de réxime local aprobado por Decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril; polo Regulamento de poboación e demarcación das entidades locais, do 11 de xullo de 1986; polo Real decreto 3568/1986, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, e polas demais disposicións de réxime local que resulten de aplicación.