DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Martes, 06 de xullo de 2004 Páx. 9.658

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 28 de xuño de 2004 pola que se regula a autorización de establecemento e cambio de porto base de buques.

A Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado define o concepto de porto base de buques pesqueiros e determina nos seus artigos 66 e 67 que o establecemento e os cambios de porto base serán outorgados pola Comunidade Autónoma correspondente, cando se trate de cambios de base entre portos da mesma comunidade, así como que os cambios de base entre portos de distintas comunidades precisarán de informe daquelas para seren autorizados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Con anterioridade o Real decreto 1838/1997, do 5 de decembro, en materia de ordenación do sector pesqueiro, regulaba o inicio da actividade pesqueira e os establecementos e cambios de base de buques pesqueiros.

Na Comunidade Autónoma de Galicia a Orde do 9 de xuño de 1998 regulou a autorización de establecemento e cambio de base de buques pesqueiros determinando no ámbito da súa competencia o procedemento a seguir para a súa concesión.

Non obstante, a disposición normativa existente no momento actual resulta insuficiente e, por tanto, debe ser modificada no sentido de que, tendo en conta as características e particularidades de cada porto, sirva de instrumento de planificación e posibilite a optimización da comercialización e a mellora na prestación de servizos.

Por outra parte, resulta tamén necesario acometer a dita regulación sen esquecer as situacións de feito que tradicionalmente existían na nosa comunidade autónoma, como é o caso daquelas confrarías de pescadores que no seu ámbito territorial carecían dunha instalación portuaria adecuada para o desenvolvemento da súa actividade, pero que manteñan unha destacada e tradicional vinculación social e económica con outros portos distintos.

Por todo isto, oídas as federacións provinciais de confrarías de pescadores,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente norma ten por obxecto regular o establecemento e cambio de porto base de buques pesqueiros e auxiliares de acuicultura no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Concepto de porto base.

1. Enténdese por porto base aquel desde o cal o buque desenvolva a maior parte das súas acti

vidades de inicio das mareas, despacho e comercialización das capturas.

2. Se o buque pesca fóra de caladoiro nacional, o porto base será aquel co que manteña unha vinculación socioeconómica destacable, de acordo co que se estableza regulamentariamente.

Artigo 3º.-Establecemento do porto base.

1. A autorización de construción dun buque pesqueiro ou auxiliar de acuicultura levará consigo o establecemento do seu porto base.

2. Para tales efectos, as solicitudes de autorización de nova construción de buques pesqueiros que se dirixan á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, deberán indicar o porto que se pretenda como base para o novo buque.

3. Correspóndelle á Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca autorizar o establecemento de porto base, logo de informe da Dirección Xeral de Recursos Mariños e, se é o caso, da correspondente autoridade portuaria ou órgano competente en materia de portos sobre se as características e particularidades do porto se adaptan ás necesidades do buque e sobre as posibilidades de comercialización e prestación de servizos.

Artigo 4º.-Cambios de base entre portos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os cambios de base entre portos da Comunidade Autónoma de Galicia requirirán autorización da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos que será outorgada:

a) Pola Dirección Xeral de Recursos Mariños, se o cambio de base ten lugar entre portos de distinta provincia.

b) Pola delegación territorial correspondente, se o cambio de base ten lugar entre portos dunha mesma provincia.

Artigo 5º.-Requisitos para o cambio de base.

Para seren autorizados os cambios de base entre portos da Comunidade Autónoma de Galicia, respectando sempre os dereitos tradicionais da frota, deberán cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que as características e particularidades do porto se adapten ás necesidades do buque.

b) Que existan posibilidades de comercialización e de prestación de servizos.

c) Que non se contraveñan, se é o caso, as medidas de contención do esforzo pesqueiro ou marisqueiro relativas ás augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6º.-Tramitación de solicitudes de cambio de base.

1. A solicitude de autorización de cambio de base entre portos da Comunidade Autónoma de Galicia

deberá ser formulada polo armador interesado, de acordo co modelo que figura anexo á presente orde, dirixíndoa ao órgano competente para a súa resolución segundo os supostos previstos no artigo 4º.

2. Coa dita solicitude presentará a seguinte documentación:

a) Fotocopia DNI/NIF do solicitante.

b) Copia compulsada da folla de asento do buque actualizada.

c) Copia do título administrativo habilitante para o exercicio da actividade pesqueira ou de acuicultura.

d) Informe da autoridade portuaria ou órgano competente na materia de portos en cuxo ámbito inclúa o porto ao que pretenda cambiarse a base do buque, sobre se as características e particularidades do porto se adaptan ás necesidades do buque, e sobre as posibilidades de comercialización e prestación de servizos.

e) Impreso de autoliquidación de taxas por tramitación.

f) Informe das confrarías de pescadores dos porto afectados no caso de cambio de base de embarcacións que se dediquen as artes de pesca condicionadas a plans de explotación específicos.

Artigo 7º.-Resolución.

1. A resolución favorable ao cambio de base será comunicada polo órgano competente ao Rexistro de buques da Comunidade Autónoma de Galicia, ao armador interesado, á Dirección Xeral de Recursos Pesqueiros da Secretaría Xeral de Pesca Marítima, así como ás confrarías de pescadores dos portos afectados e á autoridade portuaria do porto no que se vai establecer a nova base.

2. O prazo máximo en que debe notificarse a resolución é de seis meses contados a partir da solicitude. O vencemento do dito prazo sen que se notificara a resolución lexitimará os interesado a entender estimada a súa resolución polo silencio administrativo.

Artigo 8º.-Efectividade do cambio de base.

1. O cambio de porto base levarase a cabo e será notificado polo interesado no prazo máximo de tres meses contados desde a notificación ao armador da autorización.

2. Transcorrido o dito prazo sen que o cambio de base se fixera efectivo e notificado, a autorización deixará de ter validez.

Artigo 9º.-Cambios de base entre portos de distintas comunidades autónomas, cando algún deles sexa da Comunidade Autónoma de Galicia.

1. Os armadores de embarcacións con base nun porto da Comunidade Autónoma de Galicia que desexen cambiar a súa base a un porto doutra comunidade autónoma deberán presentar a súa solicitude

ante a Dirección Xeral de Recursos Mariños da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos acompañada da documentación prevista nas letras a, b, c e d do artigo 6.2º.

2. A Dirección Xeral de Recursos Mariños emitirá informe sobre o cambio de base solicitado e dará traslado da solicitude e de toda a documentación á Secretaría Xeral de Pesca Marítima para a súa resolución.

3. Correspóndelle igualmente á Dirección Xeral de Recursos Mariños emitir informe sobre o cambio de porto base a un porto da Comunidade Autónoma de Galicia dun buque procedente doutro fóra do seu territorio, logo de consulta á autoridade portuaria do porto solicitado.

Artigo 10º.-Infraccións e sancións.

Terán a consideración de infraccións os incumprimentos ao disposto na presente orde e serán sancionados de acordo co establecido na lexislación autonómica en materia de protección de recursos marítimo-pesqueiros.

Disposición adicional

Única.-Aqueles buques que tivesen porto base na Comunidade Autónoma de Galicia, con anterioridade á publicación desta orde, e non estean incluídos no Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia á entrada en vigor desta, non poderán efectuar as súas descargas en ningún porto de Galicia.

Disposición transitoria

Única.-Aqueles armadores e as súas tripulacións que tradicionalmente manteñen unha vinculación social e económica cunha confraría que carece no seu ámbito dun porto, ou este é inadecuado para a comercialización ou atracada das embarcacións, poderán ser socios da citada confraría ata que exista un porto que cumpra as necesidades destes colectivos.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogada a Orde do 9 de xuño de 1998, pola que se regulaba a autorización de establecemento e cambio de base de buques pesqueiros.

Quedan derrogadas, así mesmo, cantas disposicións de igual ou interior rango se opoñan á presente orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultase o director xeral de Estruturas e Mercados de Pesca para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2004.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos