DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Xoves, 01 de xullo de 2004 Páx. 9.411

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 22 de xuño de 2004 pola que se establece o número de unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nos niveis de educación infantil, primaria e educación especial.

Por Orde do 17 de xuño de 2003 (DOG do 27 de xuño) establécese o número de unidades e os postos de traballo docentes que corresponde prover por funcionarios do corpo de mestres nas escolas de educación infantil, colexios de educación primaria, colexios de educación infantil e primaria, colexios de educación especial e centros públicos integrados.

Tendo en conta a situación demográfica galega, que orixina a modificación de unidades nun importante número de centros públicos en que se imparte educación infantil e/ou educación primaria, resulta aconsellable a publicación da totalidade dos centros públicos dependentes desta consellería coas unidades e os correspondentes postos de traballo docentes nos niveis educativos de referencia.

Polo anteriormente exposto, e tendo en conta o artigo 31 do Estatuto de autonomía e que o artigo 1 do Decreto 454/2003, do 26 de decembro (DOG do 19 de xaneiro), establece que lle corresponde á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a competencia en materia de educación.

Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa

DISPÓN:

Primeiro.-Establecer o número de unidades e os postos de traballo docentes que corresponde prover aos funcionarios do corpo de mestres nos seguintes centros:

a) Escolas de educación infantil, colexios de educación primaria e colexios de educación infantil e primaria (anexo I).

b) Colexios de educación especial (anexo II).

c) Colexios rurais agrupados (anexo III).

d) Centros públicos integrados (anexo IV).

Segundo.-Suprimir os centros que figuran no anexo V.

Terceiro.-Aos centros que como consecuencia das modificacións previstas nos puntos anteriores vexan incrementado o número de postos de traballo, aplicaráselles o establecido na Orde do 30 de marzo de 1992 (DOG do 21 de abril) pola que se regula a mobilidade dos funcionarios pertencentes ao corpo de mestres nos propios centros por incremento de postos de traballo. Estes novos postos poderán ser solicitados polos profesores con destino definitivo no centro que conten coa oportuna habilitación e accedesen a este por concursos anteriores ao convocado no curso 1990/1991, sempre que non obtivesen novo posto de traballo nel como consecuencia doutros procesos de adscrición ou de mobilidade no propio centro; non obstante o anterior, poderanos solicitar os profesores que, estando en posesión da correspondente habilitación, estean adscritos a postos de traballo que se vexan afectados por diminución, nun número máximo igual á redución de postos.

Así mesmo, aplicarase a Orde do 23 de xullo de 1991 (DOG do 19 de agosto) pola que se regula o sistema de provisión de prazas pertencentes ao corpo de mestres afectados polo traslado do seu posto de traballo como consecuencia da escolarización total ou parcial do alumnado noutro centro próximo.

Cuarto.-Queda derrogada a Orde do 17 de xuño de 2003 (DOG do 27 de xuño), pola que se establece o número de unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nos niveis de educación infantil, primaria e educación especial, e se modifica o punto terceiro da Orde do 30 de marzo de 1992.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltanse as direccións xerais de Persoal e de Centros e Ordenación Educativa a dictar as instrucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Os procesos de mobilidade regulados na devandita Orde do 30 de marzo de 1992 (DOG do 21 de abril) que se produzan como consecuencia desta orde, desenvolveranse durante o mes de setembro de 2004 e terán efectividade do 1 de setembro de 2004.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2004.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria