DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Mércores, 30 de xuño de 2004 Páx. 9.347

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 133/2004, do 17 de xuño, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización da obra número 228, Plan Operativo Local 2002 O Páramo-saneamento integral da parroquia de Vilarmosteiro (concello do Páramo).

A Deputación Provincial de Lugo, en sesión do día vinte e un de xuño de dous mil dous, aprobou o proxecto da obra nº 228, Plan Operativo Local 2002 O Páramo-saneamento integral da parroquia

de Vilarmosteiro e, na sesión do vinte e tres de febreiro de dous mil catro, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte da Deputación Provincial de Lugo foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día cinco de maio de dous mil catro.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día vinte e oito de abril de dous mil catro.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente emitiu informe no que expón diversas observacións, co obxecto de maximizar a integración ambiental do proxecto, que foron comunicadas á Deputación Provincial de Lugo con data do dous de xuño de dous mil catro, para o seu cumprimento.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala a deputación, a execución desta obra supón a solución dun problema sanitario que, de non acometerse, suporía un grave risco sanitario ao provocarse a contaminación dos acuíferos que abastecen os pozos de auga potable das vivendas próximas.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de xuño de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución da obra nº 228, Plan Operativo Local 2002 O Páramo-saneamento integral da parroquia de Vilarmosteiro, debendo, de ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que

fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, dezasete de xuño de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local