DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Mércores, 30 de xuño de 2004 Páx. 9.343

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 21 de xuño de 2004 pola que se convocan bolsas para favorecer a investigación no campo dos estudos xacobeos.

O artigo 4.3º do Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, establece que lle corresponde á Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago a dirección e coordinación das actuacións da consellería en materia de promoción do Camiño de Santiago.

De conformidade coa referida disposición, a Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, co fin de favorecer a investigación no campo dos estudos xacobeos, considera necesario convocar unha serie de bolsas para que mozos universitarios, profesores de universidade e investigadores en temas xacobeos poidan participar no VII Congreso Internacional de Estudos Xacobeos «Visitandum est: santos e cultos no Codex Calixtinus».

Para tal fin,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo convoca 20 bolsas para participar no VII Congreso Internacional de Estudos Xacobeos «Visitandum est: santos e cultos no Códex Calixtinus»; que terá lugar en Santiago de Compostela os días 16, 17, 18 e 19 de setembro; este congreso ten como finalidade favorecer e promover a investigación e a análise en relación co Camiño de Santiago.

Artigo 2º.-Importe orzado.

O importe total do crédito destinado para esta convocatoria é de seis mil oitocentos euros (6.800 A). Cada unha das 20 bolsas dividirase en dous conceptos:

-Pola estadía, un máximo de 110 A.

-Por axuda de viaxe, un máximo de 230 A en función da distancia quilométrica, e do medio de transporte empregado.

O devandito importe satisfarao a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta

de Galicia con cargo á aplicación orzamentaria 10.01.353 D.480.0 do orzamento de gastos de 2004, unha vez finalizado o congreso e logo de acreditación de asistencia permanente.

Artigo 3º.-Beneficiarios e natureza xurídica da relación.

1. Poderán optar a estas bolsas:

-Os mozos universitarios.

-Profesores de universidade.

-Investigadores en temas xacobeos.

2. A condición de bolseiro en virtude desta orde non xerará ningún tipo de relación de carácter laboral nin contractual coa Xunta de Galicia e tampouco dará lugar á súa inclusión na Seguridade Social.

3. No caso dos universitarios matriculados en calquera das universidades galegas, a asistencia ao congreso poderá ser imputada como crédito de libre configuración curricular, segundo o establecido no Real decreto 149/1987.

Artigo 4º.-Solicitudes e prazo de presentación.

Os interesados enviarán as súas solicitudes, conforme o modelo oficial anexo a esta orde, e a documentación requirida, á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, edificio administrativo San Caetano, bloque 3, 15771, Santiago de Compostela. Tamén poderán presentar as devanditas solicitudes nas dependencias das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. En todo caso será de aplicación o disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será ata o 24 de xullo de 2004.

Os solicitantes deberán xuntar a seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI da persoa que subscribe a solicitude.

b) Currículum vitae breve e documentación acreditativa do que nel se reflecte.

c) Os estudantes, certificación académica completa ou fotocopia compulsada dela.

d) Os titulados, fotocopia do título ou do recibo do depósito do título compulsadas e certificación académica completa ou fotocopia compulsada dela.

e) Carta de presentación dun investigador de prestixio.

f) Declaración xurada de ter ou non solicitado axudas para a mesma finalidade de calquera outra Administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, e de ser o caso, contías solicitadas.

Artigo 5º.-Tramitación.

A tramitación de toda a documentación presentada levarase a cabo a través do Servizo de Promoción do Camiño de Santiago, con suxeición ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Comisión de valoración.

A comisión de valoración estará integrada por:

-Presidente: o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou a persoa na que delegue.

-Vocais: os membros do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago.

-Secretario: un técnico da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago.

Artigo 7º.-Criterios de adxudicación.

Para a valoración das solicitudes que se presenten, terase en conta o seguinte baremo:

-Currículum vitae: ata catro puntos.

-Certificación académica: ata dous puntos.

-Carta de presentación: ata dous puntos.

Artigo 8º.-Resolución.

A comisión de valoración elevará as propostas de adxudicación das bolsas ao conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que resolverá de conformidade co establecido nesta orde. A resolución notificaráselles aos interesados segundo o establecido no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela os interesados poderán interpoñer potestativamente recurso de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou ben presentar directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data perante a orde xurisdicional contencioso-administrativa.

Artigo 9º.-Obrigas dos beneficiarios.

Unha vez recibidas as notificacións de concesión das bolsas polos beneficiarios, estes, no prazo de cinco días naturais, comunicaranlle por escrito á Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago a súa aceptación ou renuncia. No caso de aceptación

xuntarase con ela certificación bancaria da conta onde desexa que se lle aboe o importe da bolsa.

Se transcorridos os sinalados cinco días non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención, declarándose concluso o procedemento.

Por outra parte os beneficiarios terán que facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Consellería, Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino da bolsa obxecto desta orde (artigo 78.6º i) da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia).

Artigo 10º.-Aboamento das bolsas.

As bolsas aboaranse na contía correspondente, unha vez recibida a acreditación da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago sobre a asistencia permanente ao congreso.

Artigo 11º.-Incidencias.

A xerente de Promoción do Camiño de Santiago resolverá todas as dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación desta convocatoria.

No caso de non cumprir o establecido no artigo 1º desta orde, isto é, non participar no VII Congreso Internacional de Estudos Xacobeos «Visitandum est: santos e cultos no Codex Calixtinus», o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá, por proposta da xerente de Promoción do Camiño de Santiago, anular a bolsa.

Do mesmo xeito, o incumprimento dos compromisos adquiridos de acordo co disposto nesta orde dará lugar á revogación da axuda concedida e, se é o caso, á reclamación das cantidades xa pagadas de conformidade co disposto na lexislación vixente. Así mesmo, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa obxecto desta orde e a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes privados nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta orde orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase a xerente de Promoción do Camiño de Santiago para ditar cantas disposicións considere oportunas no desenvolvemento e interpretación desta orde.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2004.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo