DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Martes, 29 de xuño de 2004 Páx. 9.220

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 8 de xuño de 2004 sobre aplicación de deducións nas taxas de inspección e controis sanitarios oficiais de carnes frescas e carnes de coello e caza.

A Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, contempla a posibilidade de aplicar deducións polos conceptos de persoal auxiliar e axudante, e/ou melloras na ordenación do sacrificio, coa finalidade de adecuar a contía da taxa aos custos reais da inspección veterinaria nestes establecementos.

Despois da experiencia acadada nos últimos cinco anos na xestión destas taxas, constatouse que unha manifesta mellora na xestión dos establecementos de obtención de carnes frescas (número mínimo de sacrificios diarios, organización e planificación estritas no sacrificio, ausencia de tempos mortos ou intervalos de espera, uniformidade dos animais destinados ao sacrificio) supón un aforro considerable no tempo de inspección destas actividades, o que xustifica a necesidade de aplicar este tipo de deducións.

No anexo II, número 08, punto C da devandita Lei 6/2003, do 9 de decembro, disponse que, para a aplicación das deducións obxecto desta orde, cómpre o desenvolvemento regulamentario das condicións que determinen o seu recoñecemento pola Consellería de Sanidade.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1981, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Suxeitos.

1. Cando os titulares da explotación dos establecementos dedicados ao sacrificio de gando, gravados polas taxas establecidas por inspeccións e controis sanitarios oficiais -ante ou postmortem- dos animais para sacrificar, selaxe de canais e cabezas, linguas e vísceras, destinados ao consumo humano, pretendan aplicar na liquidación das ditas taxas as deducións por custo suplido do persoal auxiliar e axudante, e/ou por melloras na ordenación do

sacrificio, previstas na Lei 6/2003, do 9 de decembro, deberán obter previamente o correspondente recoñecemento destas deducións polo delegado provincial da Consellería de Sanidade.

2. Para estes efectos, constitúen suxeitos pasivos das taxas os titulares das explotacións de matadoiros ou lugares de sacrificio.

Artigo 2º.-Requisitos.

1. O recoñecemento previsto no artigo anterior facilitaráselles aos suxeitos pasivos que o soliciten, unha vez que acrediten a realización das seguintes actividades:

a) Para a dedución por custo suplido do persoal auxiliar e axudante:

a.1. Recompilación, supervisión e anotación de toda a documentación de orixe á entrada dos animais no matadoiro, no libro de rexistro de entrada ou sistema de información determinado pola autoridade sanitaria competente, que garanta a rastrexabilidade das reses.

a.2. Supervisión e constancia dos datos para formalizar:

-Libros de control de sacrificio.

-Toda a documentación dos animais procedentes de campañas de saneamento gandeiro, cando for o caso.

-Documentos de liquidación de taxas.

-Certificados de exportación.

-Emisión de certificacións de sacrificio, comisos e outras.

-Sistema de información determinado pola autoridade sanitaria competente.

b) Para a dedución por melloras na ordenación do sacrificio:

b.1. Xustificación de que o número de sacrificios diarios permite a intervención planificada do persoal de inspección.

b.2. Dispoñibilidade dunha organización e planificación estritas para levar a cabo os sacrificios de forma rápida, que permita a intervención óptima do persoal de inspección.

b.3. Ausencia de tempos mortos ou intervalos de espera para o persoal de inspección, motivados por causas imputables ao establecemento.

b.4. Garantir a maior uniformidade posible dos animais destinados ao sacrificio, no relativo á idade e estado de saúde.

b.5. Acreditación do cumprimento dos requisitos contidos na alínea 1.a) deste artigo.

2. Para os efectos do recoñecemento das deducións citadas nas alíneas a) e b) do punto 1 deste artigo, a implantación no matadoiro dalgún sistema informático de xestión e control promovido pola Consellería de Sanidade fará que se presuma -agás proba en contrario- o cumprimento dos extremos e condicións exixidas para aquel recoñecemento.

Artigo 3º.-Recoñecemento das deducións.

1. Para o recoñecemento das deducións, o interesado presentará a correspondente solicitude normalizada segundo o anexo I desta orde, dirixida á Delegación Provincial da Consellería de Sanidade que corresponda, segundo o domicilio do solicitante.

2. Recibida a solicitude, pedirase informe preceptivo e vinculante do coordinador veterinario do establecemento que solicitase a dedución(s), relativo ao cumprimento das condicións recollidas no artigo precedente.

3. Emitido o informe anterior e comprobados os seus termos, o delegado provincial da Consellería de Sanidade emitirá o correspondente recoñecemento da dedución solicitada, que se lle notificará ao solicitante.

4. As deducións previstas desta norma non serán acumulables.

5. O prazo máximo para a expedición do recoñecemento será de dous meses, contados desde a data de presentación da solicitude normalizada. Se, transcorrido o prazo anterior, a delegación provincial da Consellería de Sanidade non se pronunciase expresamente sobre a solicitude, esta entenderase desestimada.

6. O recoñecemento terá unha vixencia dun ano, contado a partir da data da súa expedición. Dentro

dos últimos quince días de vixencia do recoñecemento, os interesados poderán solicitar a renovación do recoñecemento, conforme o modelo normalizado previsto no anexo II desta orde, seguindo a tramitación prevista neste artigo.

7. Contra os acordos dos delegados provinciais da Consellería de Sanidade na materia regulada por esta orde, o interesado poderá interpor recurso de reposición previo ao económico-administrativo ante o órgano que ditou o devandito acordo, de conformidade co previsto no Real decreto 2244/1979, do 7 de setembro, ou reclamación económico-administrativa ante a Xunta Superior de Facenda, de conformidade co previsto no artigo 38.1º d) do Real decreto 391/1996, do 1 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de procedemento nas reclamacións económico-administrativas; sen que se poidan simultanear ambas as dúas impugnacións.

Artigo 4º.-Revogación.

A/s dedución/s concedida/s poderanse revogar cando o interesado deixe de cumprir calquera das condicións que motivaran o seu recoñecemento.

Disposición transitoria

Os acordos de recoñecemento de deducións emitidos con anterioridade á entrada en vigor desta orde continuarán producindo os seus efectos ata a finalización do seu prazo de vixencia.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 16 de novembro de 1998, sobre aplicación das deducións nas taxas de inspeccións e controis sanitarios oficiais de carnes frescas, carnes de aves de curral e coellos; así como aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2004.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA