DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Luns, 28 de xuño de 2004 Páx. 9.157

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 1 de xuño de 2004 pola que se crean ficheiros de datos de carácter persoal da Universidade de Santiago de Compostela.

O artigo 20 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (LOPD), establece que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só se poderán facer por medio de disposición xeral publicada no Boletín Oficial del Estado ou diario oficial correspondente.

A Universidade de Santiago de Compostela aprobou a regulación dos seus ficheiros para a súa adecuación á LOPD mediante Resolución do 24 de xuño do 2002 (DOG do 9 de agosto), pero tanto a reflexión producida no seo da elaboración do Plan estratéxico das TIC, como a implantación efectiva de medidas de seguridade, así como a realización de novos servizos ou actividades por conta da USC, fixeron aconsellable a creación de novos ficheiros de protección de datos que se engaden aos xa existentes, así como a modificación dos existentes por reorganizacións administrativas producidas na Universidade de Santiago de Compostela.

Deste xeito, créase un ficheiro de bolsas que recolla tanto as da universidade, as do MECD, como as de servizos propios tales como o Sistema Universitario de Residencias, así como un ficheiro que recolla os posibles investidores e promotores que queiran participar en proxectos de creación de empresas.

Na súa virtude, e co fin de dar cumprimento ao mandato legal do artigo 20 da LOPD, sobre creación

ou modificación de ficheiros que conteñan datos de carácter persoal xestionados pola Universidade de Santiago de Compostela, e de lles asegurar aos administrados o exercicio dos seus lexítimos dereitos,

DISPOÑO:

Primeiro.-Créase o ficheiro de Xestión de bolsas, axudas e subvencións, e o ficheiro de Xestión de investidores e proxectos. A súa descrición contense no anexo desta resolución, indicando o nivel de medidas de seguridade básico, medio ou alto correspondente a cada un destes ficheiros, en aplicación do Real decreto 994/1999, do 25 de xuño, regulamento de medidas de seguridade dos ficheiros automatizados que conteñan datos de carácter persoal.

Segundo.-Modifícase o Ficheiro 6. Servizo Universitario de Residencias aprobado por Resolución do 24 de xuño de 2002 (DOG do 9 de agosto), na súas letras f) e g), no seguinte sentido:

«f) Órgano da Administración responsable dos ficheiros:

Vicerreitor/a de Extensión Cultural e Servizos á Comunidade Universitaria.

g) Servizos ou unidades ante os que se poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación ou oposición:

Vicerreitor/a de Extensión Cultural e Servizos á Comunidade Universitaria».

Terceiro.-Os ficheiros que se indican no anexo rexeranse polas disposicións xerais e instrucións que se detallen para cada un deles, e estarán sometidos, en todo caso, ás normas legais e aos regulamentos de superior rango que lles sexan aplicables.

Cuarto.-A aprobación desta resolución non supón a supresión de ningún ficheiro de datos de carácter persoal, polo que non é necesaria a aplicación do disposto no artigo 20.3º da LOPD.

Quinto.-Ademais das cesións previstas para cada un dos ficheiros, poderanse realizar cesións sempre que así se recolla nunha norma ou para os efectos de lles remitir datos aos servizos estatísticos, tanto estatais como da comunidade autónoma, para o desenvolvemento das funcións propias destes servizos ou entidades, e cos límites establecidos na lei.

Sexto.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2004.

Senén Barro Ameneiro

Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO

Ficheiro 10: Xestión de bolsas, axudas e subvencións.

a) Finalidade do ficheiro e usos previstos para este:

Ficheiro para a concesión e xestión de bolsas e axudas do MECD, da USC e bolsas do Servizo Universitario de Residencias (SUR).

b) Persoas ou colectivos sobre os que se pretende obter datos de carácter persoal ou resulten obrigados a subministralos:

Alumnos de 1º, 2º e 3º ciclo, títulos propios, CAP, posgrao, alumnos dos programas de intercambio e mobilidade, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos.

c) Procedemento de recollida de datos de carácter persoal:

Declaracións, formularios e transferencia de datos por medios electrónicos, magnéticos ou telemáticos.

d) Estrutura básica do ficheiro e descrición dos tipos de datos de carácter persoal incluídos nel:

-Estrutura de base de datos relacional.

-Tipos de datos:

* Identificativos e persoais.

* De circunstancias familiares, sociais e académicas.

* Económico-financeiros e patrimoniais.

e) Cesións de datos de carácter persoal e, de ser o caso, transferencias de datos que se prevexan a países terceiros:

* Xunta de Galicia.

* Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

* Consello de Coordinación universitaria.

* ANECA.

f) Órgano da Administración responsable do ficheiro:

Vicerreitor de estudantes e relacións institucionais.

g) Servizos ou unidades ante os que se poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación ou oposición:

Vicerreitor de estudantes.

h) Medidas de seguridade con indicación do nivel exixible:

Nivel medio.

Ficheiro 11. Xestión de investidores e proxectos.

a) Finalidade do ficheiro e usos previstos para el:

Base de datos de investidores e promotores coa finalidade de pór en contacto promotores con proxectos empresariais en busca de financiamento con investidores adscritos á rede Uniban. O uso do ficheiro permitirá a xestión de todo o procedemento de recolla da información, circulación dos proxectos con criterios selectivos, e facilitar o encontro entre promotores e investidores.

b) Persoas ou colectivos sobre os que se pretende obter datos de carácter persoal ou que resulten obrigados a subministralos:

-Investidores: persoas físicas ou xurídicas que de modo voluntario decidan adherirse á rede de investidores privados Uniban co fin de atopar proxectos ou empresas en que investir e, se é o caso, achegar os seus coñecementos en materia de xestión, experiencia e a súa rede de contactos.

-Promotores: persoas con algunha vinculación co ámbito universitario con proxectos empresariais innovadores ou empresas innovadoras xa constituídas que andan á procura de financiamento.

c) Procedemento de recolla de datos de carácter persoal:

Declaracións, formularios e transferencia de datos por medios electrónicos, magnéticos ou telemáticos.

d) Estrutura básica do ficheiro e descrición dos tipos de datos de carácter persoal incluídos nel:

-Estrutura de base de datos relacional.

-Tipos de datos:

* Identificativos.

* Perfil do investidor.

* Perfil do proxecto.

e) Cesións de datos de carácter persoal e, de ser o caso, transferencias de datos que se prevexan a países terceiros:

Non se prevén cesións de datos. A posibilidade de ceder datos a terceiros como outras redes de investidores, incluso de terceiros países, sempre se realizará co consentimento dos afectados.

f) Órgano da Administración responsable do ficheiro:

Vicerreitor de investigación e innovación.

g) Servizos ou unidades ante os que se poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación ou oposición:

Vicerreitor de investigación e innovación.

h) Medidas de seguridade con indicación do nivel exixible:

Nivel básico.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA