DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Luns, 28 de xuño de 2004 Páx. 9.155

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 21 de xuño de 2004 pola que se convoca un Curso de verán sobre a xestión urbanística de bens públicos.

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 2004 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase, en colaboración coa Revista de Derecho Urbanístico y Medio Ambiente e co Concello de Sada, un Curso de verán sobre a xestión urbanística de bens públicos, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Os bens titularidade das administracións públicas non se atopan na marxe do urbanismo, senón que participan na xestión urbanística, ao igual ca os bens dos cidadáns, pero baixo regras xurídicas en ocasións diferentes.

Neste curso, preténdese analizar as singularidades que presenta a achega de bens de titularidade das distintas administracións públicas, xa sexan de dominio público xa patrimoniais, no proceso de xestión urbanística. Analizarase desde cómo afecta a existencia dos bens públicos ao cálculo do aproveitamento tipo e a delimitación das áreas de reparto, ata a delimitación do réxime actual do dereito de reversión, pasando pola definición do réxime xurídico do subsolo na lexislación urbanística de Galicia.

Este curso non só está deseñado para os responsables das administracións públicas titulares dos bens públicos, senón tamén para os promotores privados que habitualmente se atopan con bens públicos no proceso da xestión urbanística.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-Réxime xurídico básico dos bens titularidade da Administración pública. Características do dominio público dos bens patrimoniais.

-Especialidad dos bens públicos na xestión urbanística. Efectos no cálculo do aproveitamento tipo e da delimitación de áreas de reparto. A participación dos bens públicos na equidistribución.

-Réxime xurídico das dotacións e equipamento urbanístico. Modalidades da obtención e réxime de utilización. A reversión de terreos expropiados e modificación de usos por alteración do planeamento.

-Réxime xurídico dos patrimonios municipais do solo: constitución, bens integrantes e réxime de alleamento. Especialidades da lexislación galega.

-A construción de obras públicas: procedemento de autorización e a incidencia no territorio. Obras públicas e iniciativa privada.

-Réxime xurídico da utilización urbanística do subsolo.

3. Destinatarios.

Persoal ao servizo da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e data: o curso convocado desenvolverase no salón de actos da Casa da Cultura de Sada (A Coruña), sito na avda. do Porto, s/n, da citada localidade, os días 14 e 15 de xullo de 2004.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o luns, día 12 de xullo de 2004.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública, Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscricións fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 13 de xu11o, de 8.30 a 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso, así como a de cancelalo, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ao remate do curso, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a el, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2004.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública