DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Luns, 28 de xuño de 2004 Páx. 9.151

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 3 de xuño de 2004, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Automóviles de Tuy, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Automóviles de Tuy, S.A., con nº de código 3600132, que tivo entrada no rexistro único do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo o día 19-5-2004, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, con data do 6-5-2004. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que

consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordenar o seu depósito no Servizo de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 3 de xuño de 2004.

Joaquín Macías Sánchez

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa Automóviles de Tuy, S.A.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio afectará a todos os traballadores da empresa Automóviles de Tuy, S.A., así como a aqueles que entren ao servizo desta durante a vixencia do dito convenio.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Estas normas obrigan á totalidade do persoal ocupado pola empresa, tanto se realizan función técnica como manual, agás unicamente aquelas persoas ás que alude o artigo 2 do vixente Estatuto dos traballadores. Todos os conceptos salariais teñen carácter normativo e condición mínima indispensable.

Artigo 3º.-Compensación de melloras.

As condicións pactadas son compensables na súa totalidade coas que xa viñesen rexendo por mellora voluntaria concedida pola empresa.

Artigo 4º.-Absorción.

As melloras que por disposición legal ou regulamentaria poidan establecerse no futuro serán absorbibles polos aumentos acordados neste convenio, sempre e cando superen os beneficios que se concedan no seu conxunto.

Artigo 5º.-Situacións persoais.

Respectaranse as situacións persoais que con carácter de cómputo anual excedan destas normas estritamente ad personam.

Artigo 6º.-Duración, vixencia, prórrogas e denuncia.

Este convenio terá unha duración de dous anos. A súa vixencia, para todos os efectos, comezará en data do 1 de abril de 2004.

O convenio entenderase tacitamente prorrogado por períodos anuais, mentres non sexa denunciado por calquera das partes, en forma e en data, e cunha anticipación mínima de trinta días aos seus respectivos vencementos, con traslado da denuncia á outra parte e no devandito prazo, axustándose en canto a esa materia se refira ao vixente Estatuto dos traballadores.

Artigo 7º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo ordinaria será de 1.826 horas e 27 minutos de traballo efectivo, non podendo realizar máis de 9 horas diarias e 40 semanais. Emporiso, acórdase a distribución da xornada nos termos que se refliten no cadro de quendas que se estableza, á marxe deste convenio (non formando parte del), de tal xeito que o posible exceso da xornada nalgunha quenda se poida compensar con outro de xornada inferior, de xeito que no cómputo trisemanal non se excedan as 40 horas de traballo efectivo, respectándose o criterio actual de descanso semanal existente coas adaptacións necesarias para cumprir a lexislación vixente.

Artigo 8º.-Organización do traballo.

A organización do traballo é facultade e responsabilidade da dirección da empresa.

Sen mingua desa facultade, a modificación das quendas ou establecemento doutras novas deberá ser negociado entre a dirección e o comité de empresa, podendo este último presentar propostas ou emitir informe ao respecto.

Se non se produce acordo entre as partes, a implantación dun novo sistema de traballo, (entendendo como tal a modificación substancial ou implantación de novas quendas), será facultade e decisión da dirección da empresa. Con independencia das accións xudiciais que lles poidan corresponder aos afectados, a dirección e o comité comprométense a non opoñerse no caso de que os afectados soliciten a intervención do AGA, ao abeiro do disposto no seu regulamento.

Artigo 9º.-Licenzas.

No caso de matrimonio, as licenzas serán de quince días naturais, e aboaranse co salario convenio.

Artigo 10º.-Permisos.

A empresa concederá permisos ao persoal segundo segue:

-Por intervención cirúrxica grave ou enfermidade grave do cónxuxe, fillos ou pais: 3 días.

-Por morte do cónxuxe: 4 días.

-Por morte de fillos, pais ou irmáns: 3 días.

-Por morte de avós: 2 días.

-Por morte de tíos carnais, afíns e consanguíneos: 1 día.

-Por matrimonio de fillos, irmáns ou pais, coincidindo co día da súa voda: 1 día.

-Por traslado do seu domicilio habitual: 1 día.

-Polo tempo necesario para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

-Para funcións sindicais aos representantes do persoal: haberá que aterse ao lexislado nesta materia.

No caso de morte ou enfermidade grave ou intervención cirúrxica grave do cónxuxe, pais ou fillos, a partir de 300 km: 1 día máis por cada viaxe.

Artigo 11º.-Vacacións.

Os traballadores afectados por este convenio desfrutarán dun período de vacacións anual de trinta días naturais e un día máis por cada oito anos de traballo.

No caso do que o traballador estea desfrutando vacacións e sexa chamado pola dirección para traballar durante un período non inferior a unha semana, o devandito traballador terá dereito a desfrutar o período que lle reste de vacacións e un día máis, nas datas nas que segundo as necesidades de organización da empresa se fixen de común acordo co traballador.

O pagamento das vacacións farase efectivo no derradeiro día de traballo antes do comezo do desfrute, para aqueles traballadores que así o soliciten cunha antelación mínima de cinco días. O resto dos traballadores percibirán o importe daquelas coa nómina de fin de mes.

Artigo 12º.-Horas extraordinarias estruturais.

Para efectos do previsto no Real decreto 92/1983, e na Orde do 1 de marzo de 1983, do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, sobre cotización adicional de horas extraordinarias estruturais, consideraranse como tales as que se realicen con ocasión de accidentes ou para solucionar necesidades urxentes e apremiantes que veñan exixidas de inmediato polo servizo, as que obedecen a períodos punta de produción, ausencias imprevistas, cambios de quenda e outras circunstancias de carácter estrutural derivadas da propia natureza da actividade do transporte. A toma e deixa do servizo computarase adaptándose á ordenanza laboral de transportes por estrada.

A hora extraordinaria aboarase a 6,88 euros.

Artigo 13º.-Soldos e salarios.

Os soldos e salarios que lle corresponden ao persoal afectado por este convenio son os que figuran nas táboas anexas, máis antigüidade, se é o caso. Para o segundo ano de vixencia páctase o acrecentamento dos salarios, que terá efecto con data 1 de abril de 2005, consistente no IPC que oficialmente se determine o 31 de decembro de 2004 correspondentes ao dito ano 2004.

Para o terceiro ano de vixencia páctase o incremento dos salarios que terá efecto con data do 1 de abril de 2006, consistente no IPC que oficialmente se determine o 31 de decembro de 2005 correspondente ao dito ano 2005 máis medio punto.

Artigo 14º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias do ano aboaranse na contía de trinta días e serán calculadas sobre a táboa salarial que corresponde, máis a antigüidade, se é o caso. Denominaranse, 25 de xullo, Nadal e paga de marzo, e serán feitas efectivas antes do 22 de xullo, 22 de decembro e 15 de marzo, respectivamente.

Artigo 15º.-Condutores-perceptores.

O condutor-perceptor, cando desempeña ao mesmo tempo as funcións de condutor e cobrador, percibirá, ademais da remuneración correspondente á súa categoría, un complemento salarial por posto de traballo, igual ao 20% do seu salario base máis antigüidade, se é o caso, por tal cometido.

Artigo 16º.-Complemento de transporte e complemento de entrega de recadación.

Tal e como figura na táboa anexa, os traballadores da empresa terán dereito a percibir un complemento de transporte e entrega por recadación diaria, na contía que se especifica en cada categoría profesional.

Artigo 17º.-Axudas de custo.

Devengarán axudas de custo enteiras os que saian da súa residencia antes das 12.00 horas e regresen despois das cero horas.

Percibirase o importe correspondente ao xantar sempre que o traballador saia da súa residencia antes das 12.00 horas e volva despois das 14.00 horas.

O importe das axudas de custo será o que a continuación se reflicte:

Comidas en servizos discrecionais: 9,62 euros.

Outras comidas e cea: 4,81 euros.

Durmida: 11,41 euros.

Axuda de custo completa: 25,84 euros.

Os desprazamentos a Portugal e restantes países estranxeiros, gastos pagos, segundo xustificantes de facturas.

A empresa terá a facultade de asumir o pagamento do aloxamento e comida do traballador en substitución das axudas de custo.

Artigo 18º.-Traballos en domingos e festivos.

Os domingos e festivos aboaranse a 43,33 euros, agás que a empresa dea descanso compensatorio.

Artigo 19º.-Uniformes, roupa de traballo.

Todo persoal de movemento será dotado dun xersei cada ano, dous pantalóns, dúas camisas de manga longa e dúas de manga curta tamén cada ano, unha gravata cada dous anos e unha zamarra ou anorak cada cinco anos.

Dotarase o persoal de taller de catro fundas de traballo ao ano e un par de botas de seguridade cada ano.

Dotarase os lavacoches de botas, roupas de auga ou calquera outra peza de roupa necesaria para o desempeño da súa función.

A entrega de toda peza de roupa nova exixirá, se é o caso, devolución da substituída.

Artigo 20º.-Retirada de carné de conducir.

No caso de que por infracción administrativa se produza a retirada do carné de conducir a un condutor por un período non superior a cento oitenta días, durante a vixencia do convenio, ben sexa conducindo un vehículo da empresa ou particular, e neste caso de vehículo particular, sempre que sexa á ida ou á volta do traballo, esta comprométese a facilitarlle ao condutor afectado o posto de traballo máis axeitado, de acordo coa súa categoría profesional, sempre que non proceda como consecuencia de alcoholemia e/ou consumo de drogas.

Artigo 21º.-Pagamento de multas.

As multas por infraccións de tráfico imputables á culpa ou imprudencia do traballador serán aboadas por este. No caso de que a infracción sexa imputable á empresa, será aboada por esta.

Artigo 22º.-Seguros de accidente laboral.

No caso de falecemento do traballador por accidente laboral ao servizo da empresa, esta comprométese a aboarlle ao traballador, ben directamente ou por medio dunha compañía de seguros coa que contrate unha póliza que cubra o dito risco, a contía de 4.207,08 euros.

Se a consecuencia de accidente laboral ao servizo da empresa, a comisión médica cualificadora da Seguridade Social determina a incapacidade permanente absoluta ou a grande invalidez do traballador, a empresa comprométese a aboar nas mesmas condicións do parágrafo anterior, a contía de 15.626,31 euros ao devandito traballador.

Artigo 23º.-Incapacidade temporal.

Nas situacións de incapacidade temporal derivadas de accidente de traballo, a empresa completará cun máximo de tres meses, contados desde a data da baixa, a prestación económica da Seguridade Social ata o importe íntegro do salario do convenio.

Nas situacións de incapacidade temporal derivadas de accidente de traballo que motive hospitalización, a empresa completará, polo tempo que dure a hospitalización, e cun máximo de seis meses, incluíndo o período de tres meses citado no parágrafo anterior, a prestación económica da Seguridade Social ata o importe íntegro do salario do convenio.

Nas situacións de incapacidade temporal derivadas de enfermidade común que motive hospitalización, a empresa completará, polo tempo que dure a hospitalización, e cun máximo de seis meses, a prestación económica da Seguridade Social ata o importe íntegro do salario do convenio.

Artigo 24º.-Xubilación.

1. A empresa e traballadores poderán pactar, logo da existencia de común acordo por ambas as partes,

xubilacións anticipadas aos 64 anos, de conformidade co disposto no Real decreto 1194/1985, do 14 de xullo, debendo a empresa substituílos simultaneamente ao seu cesamento por xubilación por outros traballadores nas condicións previstas no devandito real decreto.

2. O traballador que se xubile anticipadamente, sempre que leve ao servizo da empresa un mínimo de cinco anos ininterrompidos, percibirá desta un premio por xubilación, segundo a táboa seguinte:

Aos 60 anos: 8.414,17 euros.

Aos 61 anos: 6.611,13 euros.

Aos 62 anos: 4.808,10 euros.

Aos 63 anos: 2.103,54 euros.

Aos 64 anos: 1.502,53 euros.

Percibirase a cantidade correspondente á idade de xubilación anticipada segundo a táboa anterior sempre que a dita xubilación se realice dentro do prazo de tres meses desde que o traballador cumpra a idade. De superarse este prazo, a contía será a seguinte inferior.

No suposto de que durante a vixencia do convenio se reducise a idade de xubilación, a escala da táboa anterior reduciríase tamén, co obxecto de que os 8.414,17 euros se percibisen cinco anos antes da idade regulamentaria e correlativamente ás demais contías ata chegar aos 1.502,53 euros que se percibirían un ano antes da idade regulamentaria.

Esta contía será independente da liquidación que por cesamento lle corresponda ao traballador.

Este premio non o percibirá o traballador que se acolla ao establecido no punto 1 deste artigo sobre xubilación anticipada segundo o Real decreto 1194/1985, do 14 de xullo.

Artigo 25º.-Acción sindical.

Neste punto haberá que aterse ao disposto no Estatuto dos traballadores.

Artigo 26º.-Cota sindical.

Por requirimento individual dos traballadores afiliados a sindicais legalmente constituídas, a empresa descontará da nómina mensual dos traballadores o importe da cota sindical correspondente. O traballador en tal operación remitiralle á dirección da empresa ou ao comité un escrito no que exprese a súa conformidade con el.

Artigo 27º.-Modalidades de contratación.

Contrato para o fomento da contratación indefinida.

Con obxecto de facilitar a colocación estable dos empregados suxeitos a contratos temporais, a dirección da empresa poderá converter estes en contratos para o fomento da contratación indefinida cuxo réxi

me xurídico e efectos serán os que establece a disposición adicional primeira da Lei 63/1997, do 26 de decembro.

Artigo 28º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente previsto neste convenio haberá que aterse ao disposto na extinguida ordenanza laboral de transportes por estrada mentres non sexa substituída por convenio nacional, así como na lexislación laboral e demais disposicións legais vixentes.

Artigo 29º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e cumprimento das cláusulas deste convenio, e en xeral para entender en cantas cuestións deriven da aplicación deste, establécese unha comisión paritaria integrada por un número igual de representantes económicos e do comité de empresa signatarios do convenio. A comisión citada elixirá o presidente desta, que non poderá ser membro do citado órgano.

Artigo 30º.-Partes asinantes.

Este convenio foi subscrito polo director-xerente da empresa, en representación da parte económica e polos membros do comité en representación da parte social.

Este convenio redáctase en galego e castelán.

Disposición adicional

Unha vez extinguido o prazo de validez deste convenio, se no prazo de dous meses non se chegase a un acordo para a sinatura dun novo convenio de empresa, as partes comprométense a negociar o pase ao convenio provincial de trasporte de viaxeiros.

Táboa de salarios

CategoríasEurosCompl. transp.Compl. ent. re.

-Persoal administrativo
Oficial de primeira714,24 mes60,89 mes
Oficial de segunda665,04 mes60,89 mes
Auxiliar administrativo626,05 mes
AspiranteSalario mínimosegundo idade

-Persoal de movemento
Inspector24,36 día60,89 mes
Condutor23,96 día60,89 mes
Condutor-perceptor23,96 día60,89 mes15,84 mes
Cobrador20,82 día60,89 mes15,84 mes

-Persoal de taller
Xefe de taller896,92 mes60,89 mes
Oficial de primeira24,60 día60,89 mes
Oficial de segunda23,96 día60,89 mes
Oficial de terceira23,07 día60,89 mes
Mozo de taller20,17 día60,89 mes
AprendicesSalario mínimosegundo idade
Lavacoches675,99 mes60,89 mes
Lavac. a tempo parcial675,99 mes40,89 mes
Expendedores de billetes659,76 mes