DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Luns, 28 de xuño de 2004 Páx. 9.148

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 26 de xuño de 2004 pola que se ditan normas para garantir os servizos esenciais durante a folga convocada para o día 30 de xuño de 2004, na Universidade de Santiago de Compostela.

O exercicio do dereito de folga queda condicionado ao mantemento dos servizos esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño).

O artigo 3 do devandito decreto faculta os conselleiros competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga determine o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, e o persoal preciso para prestalos.

A fixación deles faise de acordo co seguinte criterio: os servizos mínimos para fixar para o período de folga non poderán exceder, en cada centro, departamento, servizo, etc., do número de persoas que normalmente permanecen neles con ocasión dun domingo ou día festivo, agás que se trate de órganos que tales días permanezan pechados, en cuxo caso terán que aterse ás quendas establecidas para os sábados.

O secretario xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG) comunicou a convocatoria de folga do

colectivo antes sinalado para o día 30 de xuño de 2004, desde as 00.00 ata as 24.00 horas.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga a Administración autonómica, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais (que se fan sempre para a satisfacción dos dereitos fundamentais dos cidadáns, desde a óptica dos bens e interese da persoa), que se determina, logo de acordo das partes, da seguinte forma:

Universidade de Santiago de Compostela:

Reitorado:

-1 funcionario/a no rexistro.

-1 secretario/a do reitor ou auxiliar administrativo/a.

Campus de Santiago de Compostela:

-1 persoa por centro e outra por biblioteca nos seguintes:

* Facultade de Filoloxía.

* Facultade de Química.

* Facultade de Xeografía e Historia.

* Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

* Biblioteca Xeral.

* Biblioteca Concepción Arenal.

-1 persoa por residencia e quenda.

Campus de Lugo:

No centro Biblioteca Intercentros:

-1 funcionario/a no rexistro.

-1 persoa no centro e dúas na biblioteca.

-1 persoa por residencia e quenda.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2004.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria