DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Venres, 18 de xuño de 2004 Páx. 8.707

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 16 de xuño de 2004 pola que se modifica o procedemento de devolución das retencións practicadas nos pagamentos de cupón da débeda pública emitida pola Xunta de Galicia.

O procedemento actual de devolución das retencións practicadas no pagamento dos cupóns da débeda pública da Xunta de Galicia regúlase nas seguintes disposicións.

1. Resolución do 22 de outubro de 1993, da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, pola que se establece o procedemento de devolución de oficio das retencións sobre rendementos procedentes de débeda da Xunta de Galicia aos non residentes que non operen en España por medio de establecemento permanente.

2. Resolución do 3 de xullo de 2001, da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, pola que se establece o procedemento de devolución de oficio das retencións sobre rendementos procedentes da débeda pública da Xunta de Galicia, aos suxeitos pasivos do imposto de sociedades e aos investidores non residentes que operen en España a través de establecemento permanente.

No punto 6º de ambas disposicións establécese que en cada vencemento de xuros a Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro transferirá por unha parte, á conta aberta para tal efecto no Banco de España, o importe líquido dos xuros que resulte da aplicación do tipo xeral de retención e por outra parte, a través da entidade xestora, transferirá as cantidades retidas tanto aos non residentes que non operen en España por medio de establecemento permanente, como aos suxeitos pasivos do imposto de sociedades e aos investidores non residentes que operen en España a través de establecemento permanente.

Por la súa parte o Real decreto 1948/2000, do 1 de decembro, establece que os procedementos de pagamento de xuros correspondentes á débeda do Estado rexistrada na Central de Anotacións que, en virtude da normativa vixente, estean exceptuadas de retención, sexan aplicables tamén á débeda emitida polas comunidades autónomas e as entidades locais, sempre e cando esta estea rexistrada na Central de Anotacións e a Comunidade Autónoma o ente local emisor da débeda teña asinado un convenio co Banco de España onde se determine que o servizo de devolución de retencións practicadas nos pagamentos de cupón será realizada polo Banco de España.

De acordo coa Lei 44/2002, do 22 de novembro, de medidas de reforma do sistema financeiro, desde o 1 de abril de 2003, a Sociedade de Xestión dos Sistemas de Rexistro, Compensación e Liquidación, S.A.U. (IBERCLEAR) asumiu as funcións de

rexistro, compensación e liquidación de valores de Mercado da Débeda Pública en Anotacións. Tales funcións estaban previamente encomendadas á Central de Anotacións de Débeda Pública, xestionada polo Banco de España.

A débeda pública emitida pola Comunidade Autónoma de Galicia atopábase rexistrada na Central de Anotacións antes da publicación da Lei 44/2002, do 22 de novembro, e en consecuencia, actualmente en IBERCLEAR. Así mesmo, a Comunidade Autónoma ten subscrito un convenio de colaboración co Banco de España desde o ano 1993, aínda vixente se ben en data do 15 xuño de 2004 foi modificada a cláusula 7ª, establecéndose que o Banco de España adebedará na conta de tesourería da Xunta de Galicia, o importe líquido dos xuros, así como o importe das devolucións das retencións practicadas sobre os rendementos da débeda pública da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto a investidores non residentes que non operen a través de establecemento permanente en España, como a calquera outro investidor, nos casos que proceda, de acordo coa lexislación vixente e a forma que regulamentariamente se estableza.

Baseándose en todo o anterior e para os efectos de modificar o procedemento de devolución da retención antes referido,

DISPOÑO:

Artigo único.-O procedemento de devolución das retencións que de acordo coa lexislación vixente se practiquen nos pagamentos de cupón da débeda emitida pola Comunidade Autónoma de Galicia, será xestionado polo Banco de España de acordo cos procedementos que regulamentariamente este estableza.

Disposición derrogatoria

Esta orde deixa sen efecto as resolucións do 22 de outubro de 1993 e do 3 de xullo de 2001, da Dirección Xeral de Política Financeira e do Tesouro, polo que se establecen os procedementos de devolución de oficio das retencións sobre rendementos procedentes de débeda da Xunta de Galicia aos non residentes que non operen en España por medio de establecemento permanente, así como aos suxeitos pasivos do imposto de sociedades e aos investidores non residentes que operen en España a través de establecemento permanente.

Así mesmo, quedan sen efecto, as referencias ás resolucións anteriormente mencionadas que se conteñen nas ordes da Consellería de Economía e Facenda que establezan as condicións de emisión da débeda pública da Comunidade Autónoma de Galicia en circulación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Financeira e Tesouro para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2004.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda