DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Martes, 15 de xuño de 2004 Páx. 8.470

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 8 de xuño de 2004 pola que se convoca un concurso público de méritos para a selección do profesorado bolseiro de lingua, literatura e cultura galegas para as universidades de Extremadura, Granada, A Habana, Oxford e Rennes.

O Goberno galego, a través da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, promociona o ensino da lingua, a literatura e a cultura galegas entre a colectividade non galega ou galega que vive no exterior. Este labor de difusión da cultura galega lévase a cabo a través de varias liñas de actuación, entre as que se atopa a creación de centros de estudos en colaboración con máis de corenta universidades. Os centros ofrecen estudos de lingua, literatura e cultura galegas a universidades de fóra de Galicia. Cada centro de estudo créase pola sinatura dun convenio de colaboración entre a consellería e maila correspondente universidade.

A falta de persoal cualificado para levar a cabo o labor de ensino da lingua, a literatura e a cultura galegas nas universidades receptoras súplese coa coa convocatoria dun concurso público de méritos para a selección dun profesorado bolseiro que preste os seus servizos nas propias institucións docentes.

En consecuencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócase un concurso público de méritos para a selección de profesorado bolseiro de lingua, literatura e cultura galegas para as universidades de Extremadura, Granada, A Habana, Oxford (The Queen's College) e Rennes (Université Rennes 2 Haute Bretagne).

Artigo 2º.-Suxeitos.

1. Poderán participar neste concurso as persoas que teñan a cidadanía española ou sexan nacionais de países membros da Unión Europea estando en posesión do título de licenciado en filoloxía galega ou nas subseccións de galego-portugués de filoloxía hispánica ou nas subseccións de galaico-portugués de filoloxía románica. No caso dos funcionarios en servicio activo, terán que obter a excedencia voluntaria por interese particular no seu posto de traballo para seren nomeados profesores bolseiros.

2. Quedan excluídas aquelas persoas que, reunindo estes requisitos, están a exercer ou exerceron como profesor bolseiro de lingua, literatura e cultura galegas e que obtivesen praza en anteriores convocatorias.

Artigo 3º.-Duración.

1. O nomeamento dos seleccionados como profesores bolseiros abranguerá o curso académico 2004-2005. Este período inicial de actuación poderase ir renovando, sucesivamente, para un novo ano académico ata completar unha estadía máxima total (computado o tempo como profesor substituto) de cinco anos académicos, na institución universitaria, sempre que esta circunstancia non contraveña o que dispón a normativa de cada unha das universidades receptoras canto á estadía do profesorado bolseiro.

2. Para cada unha desas renovacións anuais, o profesorado bolseiro deberá reunir, no penúltimo mes do correspondente ano académico, os seguintes requisitos:

-Presentar na Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a memoria-resumo do ano académico que remata, co visto e prace da universidade.

-Contar con informes favorables tanto do profesor responsable do Centro de Estudos Galegos da universidade de destino como da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Unha vez resolto o concurso de acordo co establecido no artigo 10º desta orde, o profesor bolseiro só poderá desenvolver a súa actividade na universidade para que foi seleccionado.

4. A renuncia á praza por parte do profesor bolseiro unha vez nomeado, cubrirase cun candidato entre os solicitantes que concorran a esta convocatoria, por orde de puntuación. Para tal efecto poderase celebrar de novo a entrevista a que fai referencia o punto seis do anexo II.

Artigo 4º.-Actividade.

O profesorado bolseiro encargarase da programación e da organización das necesarias actividades de difusión e promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas (non só na universidade senón tamén dentro do seu ámbito de influencia), baixo a dirección do profesor responsable do Centro de Estudos Galegos e impartirá a docencia das materias que se concreten no convenio de colaboración que asinen a consellería e maila universidade respectiva. En todo caso, a súa dedicación académica e maila consideración dentro da universidade axustarase á normativa da propia institución docente.

Artigo 5º.-Dotación económica.

1. A dotación correspondente á retribución do profesorado bolseiro financiarase, logo da sinatura do correspondente convenio, ben con cargo á subvención que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria lle outorgue a cada unha das universidades, ben directamente pola propia consellería con cargo á aplicación orzamentaria 07.06.353E.780.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2004, segundo o que se detalla no seguinte cadro e que para o último trimestre do ano serán:

UniversidadeAplicación orzamentariaImportePagamento

Extremadura07.06.353E.741.03.305,76 APola propia universidade

Granada07.06.353E.780.23.305,73 APola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

A Habana07.06.353E.780.26.175,64 APola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

Oxford07.06.353E.790.04.507,50 APola propia universidade

Rennes07.06.353E.780.23.756,24 APola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

2. Nesa retribución considéranse incluídos todos os conceptos (viaxes, estadía ...).

3. Non obstante o disposto no artigo 6º.2 desta orde, o profesorado bolseiro presentará, antes do derradeiro pagamento, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para

un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

4. O profesorado bolseiro queda obrigado a reintegrar, total ou parcialmente, o importe da retribución percibida no suposto de incumprimento ou renuncia das condicións establecidas nesta orde.

5. O profesorado bolseiro queda obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Dirección Xeral de Política Lingüística, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

1. As persoas interesadas presentarán a solicitude no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou por calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Utilizarán o formulario de solicitude que figura como anexo I desta orde e achegarán cando menos a documentación recollida no mencionado anexo.

2. Ademais, as persoas interesadas presentarán entre a documentación que acompañe a solicitude unha declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para un mesmo proxecto ou actividade perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

Artigo 7º.-Prazos de presentación.

1. O prazo de presentación das solicitudes será de corenta días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Os defectos nas solicitudes notificaránselles aos interesados, que terán un prazo de dez días para emendaren os erros ou as omisións. Transcorrido ese prazo, e se non se producir a emenda, as peticións arquivaranse sen máis trámite ou deixaranse sen puntuar os méritos que non se xustifiquen debidamente, segundo corresponda.

Artigo 8º.-Órgano informante.

As solicitudes e a documentación acreditativa examinaraas e valoraraas unha comisión presidida polo director xeral de Política Lingüística e composta polos seguintes membros:

-O subdirector xeral de Promoción e Ensino da Lingua Galega.

-O xefe do Servicio de Plans e Programas de Ensino da Lingua Galega.

-Por parte de cada universidade, un membro (ou persoa en que delegue) da comisión de seguimento prevista no convenio asinado coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Política Lingüística, que actuará de secretario con voz pero sen voto.

Actuarán como suplentes:

A xefa do Servizo de Xestión e Promoción Lingüística.

O xefe de Sección de Plans e Programa do Ensino da Lingua Galega.

Artigo 9º.-Criterio de adxudicación.

Para levar a cabo o seu traballo, a comisión valorará os aspectos recollidos no anexo II desta orde.

Artigo 10º.-Resolución.

1. Rematado o seu traballo, a comisión presentaralle un informe ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, que resolverá notificándolle á universidade o nomeamento. A aceptación por parte de cada universidade determinará a condición de profesorado bolseiro.

2. O prazo máximo para resolver a convocatoria será de seis meses, contados a partir da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. De non resolverse a convocatoria neste prazo, as solicitudes entenderanse desestimadas.

3. A resolución porá fin á vía administrativa e notificaráselles aos solicitantes. Contra ela poderán interpor un recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente un recurso contencioso-adminstrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 11º

A resolución prevista no artigo 10º desta orde estará condicionada á sinatura previa dos convenios entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e cada unha das respectivas universidades.

Artigo 12º

A resolución prevista no artigo 10º desta orde poderá ser modificada polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, por alteración das condicións que se tiveron en conta para a selección do profesorado bolseiro, e en todo caso, pola obtención concorrente de axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais. O acto polo que se acorde a modificación da resolución será ditado logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lles dará audiencia ás persoas interesadas.

Artigo 13º

Esta orde réxese polo establecido no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 11 de decembro).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2004.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria