DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Luns, 14 de xuño de 2004 Páx. 8.397

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE E VOLUNTARIADO

DECRETO 116/2004, do 27 de maio, polo que se crea a Comisión Galega para a Prevención da Violencia no Deporte.

En virtude do disposto no artigo 27.22º do Estatuto de autonomía de Galicia, a nosa comunidade autónoma asume competencias na materia de promoción do deporte e da axeitada utilización do lecer.

No exercicio desta competencia, o Parlamento galego aprobou a Lei 11/1997, do 22 de agosto, xeral do deporte de Galicia, norma que establece, na súa exposición de motivos, que «... a Administración autonómica promoverá e impulsará as medidas de

prevención, control e represión (....) no referente á violencia no deporte e nos espectáculos deportivos».

En relación a esta consideración, é competencia da administración deportiva galega, sen prexuízo da preceptiva colaboración coa administración do estado, «aplicar as medidas necesarias para evitar a violencia no deporte» (artigo 11.1º alínea f) da Lei 11/1997), labor en que, seguindo o preceptuado no mesmo texto legal, deberán colaborar as federacións deportivas galegas (artigo 32 alínea n).

Deste xeito, e como unha das medidas amparadas no artigo 11.1º alínea f) da Lei 11/1997, constitúese a Comisión Galega para a Prevención da Violencia no Deporte pola que se pretende previr, na comunidade autónoma de Galicia, todo tipo de accións e manifestacións de violencia no ámbito deportivo galego, actuacións todas elas contrarias aos valores e principios que deben presidir o xogo limpo.

Atendendo a todas estas consideracións, dacordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e por proposta da conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, en uso das atribucións que lle son concedidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubre, logo da deliberación da Xunta de Galicia na súa reunión de vinte e sete de maio de dous mil catro

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Constitúe o obxecto deste decreto a creación da Comisión Galega para a Prevención da Violencia en el Deporte, órgano colexiado adscrito á consellería competente en materia de deportes, que asume funcións en materia de prevención da violencia no ámbito deportivo galego.

Artigo 2º.-Funcións.

Son funcións da Comisión Galega para a Prevención da Violencia no Deporte:

1. Cooperar coas diferentes administracións públicas, coa Comisión Nacional contra a Violencia nos Espectáculos Deportivos, así como cos clubs, federacións e ligas profesionais, en calquera medida ou actuacións encamiñadas á prevención de comportamentos violentos na práctica deportiva galega. Para estes efectos, e sen prexuízo doutros mecanismos de cooperación que se poidan habilitar, a Comisión Galega para a Prevención da Violencia no Deporte remitirá ás referidas institucións e entidades, os estudos, informes e memorias que se elaboren no ejercicio das súas competencias.

2. Elaborar informes e estudos sobre as causas e os efectos da violencia no deporte.

3. Recoller e publicar anualmente os datos sobre a violencia nas competicións deportivas realizadas en Galicia.

4. Recomendar aos clubs galegos e ás federacións deportivas galegas, así como ás ligas profesionais, a adecuación das súas normas de funcionamento interno ás medidas que se poidan adoptar coa finalidade de previr a violencia no deporte galego.

5. Propor ás administracións públicas, así como aos diferentes axentes deportivos e sociais, accións de prevención da violencia no deporte, e isto mediante campañas publicitarias, xornadas, foros de discusión ou calquera outros medios que poidan garantir a axeitada consecución do fin perseguido pola comisión.

6. Informar preceptivamente, nun prazo máximo dun mes contado desde a recepción do respectivo proxecto, sobre as disposicións que, no ámbito da comunidade autónoma de Galicia, se diten en materia de espectáculos e competicións deportivas, disciplina deportiva e regulamentacións sobre instalacións deportivas.

7. Impulsar, en coordinación coas institucións competentes en materia de educación, o desenvolvemento práctico de actuacións concretas no ámbito educativo, tales como unidades didácticas ou cursos de formación de profesorado, encamiñadas á prevención da violencia no deporte.

8. Propor ás autoridades encargadas de exercer a potestade sancionadora en materia de espectáculos públicos a incoación de expedientes sancionadores nesta materia, así como asesorar, mediante a emisión de informes, aquelas autoridades, cando así lle sexa requirido por elas.

9. Calquera outras funcións que lle sexan atribuidas.

Artigo 3º.-Composición.

1. A Comisión Galega para a Prevención da Violencia no Deporte estará composta por:

A) Presidente: o titular da consellería competente en materia de deporte.

B) Vicepresidente: o titular da dirección xeral competente en materia de deporte.

C) Vogais:

a. Un representante da Administración do Estado, designado polo delegado do Goberno en Galicia.

b. Un representante das forzas e corpos de seguranza do Estado, designado polo delegado do Goberno.

c. O titular da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil.

d. O titular da Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa.

e. O titular da Dirección Xeral de Xustiza.

f. O presidente do Colexio de Xornalistas de Galicia.

g. O director xeral da Compañía de Radio-Televisión de Galicia.

h. Dous presidentes das federacións deportivas galegas.

i. Un presidente do colexio ou comité de árbitros dunha federación de deportes colectivos.

j. Dous representantes dos deportistas, profesionais ou amateur.

k. Dous presidentes dos clubes deportivos máis representativos de Galicia atendendo ao número de socios, aforo de instalacións ou á súa participación en ligas nacionais de máximo nivel e categoría.

Os vogais relacionados nas alíneas h, i, j e k, serán designados polo titular da consellería competente en materia de deporte por proposta das respectivas entidades.

2. Actuará como secretario, con voz pero sen voto, un membro do persoal da dirección xeral competente en materia de deporte designado para o efecto polo titular da consellería con competencias en materia deportiva.

3. Os vogais da Comisión Galega para a Prevención da Violencia no Deporte serán nomeados por resolución do titular da consellería competente en materia de deporte, cesando no cargo por algunha das seguintes causas:

a) Por cesar no cargo en función de que foron designados vogais da comisión;

b) Nos supostos previstos nas alíneas a, b, h, i, j e k do artigo 3.1º letra C), por remoción acordada polo titular da consellería con competencias en deportes, por proposta dos órganos que os designaron ou propuxeron e, en todo caso, polo transcurso de catro anos desde o seu nomeamento.

Artigo 4º.-Funcionamento da comisión.

A Comisión Galega para a Prevención da Violencia no Deporte reunirase, en sesión ordinaria, cuadrimestralmente.

Non obstante o anterior, reunirase tamén en sesión extraordinaria cando o presidente o considere oportuno; cando así o solicitaren, ao menos, un terzo dos seus membros, a fin de deliberar sobre os asuntos que estes propuxesen para a súa inclusión na orde do día; e, finalmente, cando así fose necesario a fin de dar cumprimento ao sinalado no artigo 2.6º deste decreto.

Artigo 5º.-Grupos de traballo.

Dentro da Comisión Galega para a Prevención da Violencia no Deporte poderán constituírse tantos grupos de traballo como se consideren oportunos para o fin de garantir a óptima consecución das súas funcións.

Disposición adicional

Única.-Réxime xurídico.

No non previsto nesta norma observarase o disposto na Lei 30/1992, do 26 novembro, de réxime xurídico

das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no relativo aos órganos colexiados.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A comisión constituirase no prazo de 1 mes a partir da entrada en vigor desta norma.

Segunda.-Autorízase o titular da consellería competente en materia deportiva para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación do disposto neste decreto, agás aquelas relativas ao funcionamento interno da propia comisión, que serán establecidas por ela mesma.

Terceira.-Esta norma entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de maio de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e

Voluntariado