DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Xoves, 10 de xuño de 2004 Páx. 8.238

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 28 de maio de 2004 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, Igape, que aproba a reorganización do seu persoal directivo.

O Consello de Dirección do Igape, na súa reunión celebrada o día 27 de maio de 2004, adoptou o seguinte acordo:

De acordo co previsto na Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, acórdase por unanimidade dos membros asistentes ao Consello de Dirección do instituto a reorganización do seu persoal directivo.

Punto 1º.-Órganos superiores de dirección do instituto.

Para o desenvolvemento das funcións que o Igape ten encomendadas e recollidas no artigo 4 da Lei 5/1992, do 10 xuño, de creación do instituto, conta cos seguintes órganos superiores:

1.1. O presidente.

1.2. O director xeral.

1.1. Ao presidente, que será, por razón do seu cargo, o conselleiro de Economía e Facenda, correspóndelle a representación do Igape en toda clase de actos ou negocios xurídicos e exercerá no seu nome accións e recursos e demais competencias que se lle asignan na precitada Lei 5/1992, no seu artigo 11.

1.2. Ao director xeral, que será nomeado polo Consello de Dirección, por proposta do conselleiro, correspóndelle exercer as competencias que se establecen no artigo 12 da Lei 5/1992 e aquelas que lle fosen expresamente delegadas polo presidente ou polo Consello de Dirección.

Punto 2º.-Persoal directivo do instituto.

O Instituto Galego de Promoción Económica estrutúrase nos seguintes órganos directivos:

2.1. Área de Promoción, Innovación e Información Empresarial.

2.2. Área de Financiamento.

2.3. Secretaría Xeral.

2.4. Delegacións dos centros de promoción de negocios do instituto no exterior.

2.5. Área de Seguimento e Coordinación de Programas.

Conforme as directrices, criterios e instrucións directas que emanen dos órganos superiores do instituto e baixo a dependencia orgánica do director xeral, aos directores de cada unha das áreas e dele-

gacións en que se estrutura o Igape, corresponderalles o desenvolvemento das seguintes funcións:

2.1. Área de Promoción, Innovación e Información Empresarial.

Ao responsable da Área de Promoción, Innovación e Información Empresarial corresponderalle propoñer e desenvolver as actividades e iniciativas que se consideren necesarias para a consecución dos obxectivos do instituto e especialmente dirixidas á potenciación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia da actividade económica, promovendo a creación de empresas e as actividades creadoras de emprego, favorecendo a modernización e a innovación tecnolóxica e organizativa das empresas galegas, fomentando a prestación de servizos a empresas e o desenvolvemento da relación científica e tecnolóxica entre os centros universitarios, técnicos e de investigación e as empresas produtivas, así como promovendo accións de divulgación dos instrumentos e fondos dos que dispoñen as administracións públicas españolas e Unión Europea para o apoio das actividades económicas.

Neste ámbito competencial, dependerán funcionalmente desta área as delegacións dos centros de promoción de negocios do instituto no exterior que dirixirán as súas actuacións, todo iso sen prexuízo da dependencia orgánica destas do director xeral e os poderes de representación do Igape no país de que se trate, que lles sexa outorgado.

Para o desenvolvemento das súas funcións, a Área de Promoción, Innovación e Información Empresarial estrutúrase nas seguintes subdireccións:

2.1.1. Subdirección de Promoción.

2.1.2. Subdirección de Difusión Tecnolóxica.

2.1.3. Subdirección de Información Especializada.

2.1.4. Subdirección de Internacionalización.

2.1.1. Subdirección de Promoción, que exercerá, baixo a dependencia directa do director da área, as seguintes funcións:

a) Estudar, propoñer e desenvolver toda clase de actividades en materia de promoción de iniciativas empresariais encamiñadas á creación de novas empresas e consolidación das existentes.

b) Buscar e propoñer posibles alternativas viables ante situacións graves de crises de empresas galegas, a partir dos correspondentes estudos de viabilidade.

c) Desenvolver as actividades que resulten necesarias para a busca de novos proxectos de investimento en Galicia desde o exterior.

d) Promoción e divulgación nacional e internacional de todos os instrumentos postos á disposición dos empresarios españois e estranxeiros para a localización de proxectos empresariais en Galicia.

e) Organizar todas as actuacións encamiñadas á presentación e divulgación fóra de Galicia das oportunidades de investimentos en Galicia.

f) Acompañamento en Galicia aos empresarios estranxeiros que estean analizando a localización dun proxecto de investimento en Galicia. Obtención e facilitación da información demandada polos empresarios estranxeiros que sexa necesaria para decidir a súa localización en Galicia.

g) Por delegación do director da área, controlar as actividades dos centros de promoción de negocios do instituto no exterior, en materia de captación de investimentos.

h) Realizar un seguimento continuado da actualidade económica referente a proxectos de expansión internacional.

i) Planificar e coordinar as funcións de promoción e apoio á captación de proxectos de investimento das bolsas de promoción exterior.

j) Impulsar, coordinar e supervisar a actividade de axentes colaboradores para a captación de proxectos de investimento en Galicia.

k) Efectuar o deseño e seguimento de estudos que sobre materia económica teñan un interese estratéxico en materia de captación de investimentos.

l) Asegurar a coordinación e colaboración coas distintas unidades operativas do instituto en materias do seu ámbito de actuación.

m) Propoñer novas iniciativas que, tanto en materia de axudas, como de prestación de servizos, e no ámbito de competencias asinadas ao Igape, amplíen ou melloren o marco de actividades que desenvolve o instituto, en función do seu coñecemento das necesidades e inquietudes dos distintos axentes económicos.

n) Todas aquelas actividades que no exercicio das súas funcións lle sexan encomendadas polo responsable da área.

2.1.2. Subdirección de Difusión Tecnolóxica, que exercerá, baixo a dependencia directa do director da área, as seguintes funcións:

a) Impulsar e desenvolver toda clase de iniciativas encamiñadas a fomentar as iniciativas innovadoras no ámbito da Comunidade Autónoma.

b) Analizar, emitir informes e seguir os plans empresariais integrais: diagnósticos, plans de empresas...

c) Coordinar e propoñer os mecanismos de colaboración que resulten oportunos coas distintas entidades públicas ou privadas, coa finalidade de apoiar toda clase de iniciativas innovadoras.

d) Desenvolver todas as actividades necesarias para a promoción e difusión dos programas de apoio aos proxectos e iniciativas emprendedoras e a mellora competitiva das Pemes galegas.

e) Coordinar, supervisar e controlar o desenvolvemento das actividades encargadas ao Centro Europeo de Empresas e Innovación de Galicia, S.A.

f) Elaborar e xestionar a comunicación externa do Igape.

g) Xestionar, tramitar, propor, resolver e liquidar os expedientes administrativos que lle correspondan por razón de materia, en función das competencias establecidas nas bases reguladoras dos diferentes programas do Igape.

h) Asegurar a coordinación e colaboración coas distintas unidades operativas do instituto en materias do seu ámbito de actuación.

i) Propoñer novas iniciativas que, tanto en materia de axudas, como de prestación de servizos, e no ámbito de competencias asinadas ao Igape, amplíen ou melloren o marco de actividades que desenvolve o instituto, en función do seu coñecemento das necesidades e inquietudes dos distintos axentes económicos.

j) Todas aquelas actividades que no exercicio das súas funcións lle sexan encomendadas polo director da área.

2.1.3. Subdirección de Información Especializada, que exercerá, baixo a dependencia directa do director da área, as seguintes funcións:

a) Promover e desenvolver todas as actuacións necesarias para a divulgación dos fins e as actividades do instituto entre os distintos sectores económicos e axentes sociais. No ámbito da Comunidade Autónoma, planificación e impartición de xornadas informativas dirixidas a difundir e divulgar os programas e servizos do Igape, organización e participación en eventos, feiras, congresos e xornadas de contido e interese empresarial.

b) Contribuír, coordinadamente coas distintas institucións públicas implicadas, a facilitarlles o acceso aos particulares á información dos distintos programas de axudas e apoios que en materia de promoción e dinamización da actividade económica poidan resultarlles de interese.

c) Coordinación das oficinas territoriais do instituto.

d) Mantemento e actualización dun soporte informativo sobre os programas de axudas nos distintos ámbitos da administración e que poidan ser de aplicación aos proxectos emprendedores e empresariais.

e) Coordinación dos servizos telemáticos para a constitución de novas empresas coa forma xurídica de sociedade limitada nova empresa por medio dos puntos de asesoramento e inicio de tramitación (PAIT) para os promotores das novas iniciativas empresariais.

f) Propoñer novas iniciativas que, tanto en materia de axudas, como de prestación de servizos, e no ámbito de competencias asinadas ao Igape, amplíen ou melloren o marco de actividades que desenvolve o instituto, en función do seu coñecemento das necesidades e inquietudes dos distintos axentes económicos.

g) Xestión do sistema de atención telemática, que permite distribuír coordinada e automaticamente as chamadas de información e integrar as funcionalidades telefónicas, para proporcionar unha xestión de resposta por todos os medios telemáticos aos usuarios do servizo.

h) Elaborar, impulsar, recopilar e difundir toda clase de campañas de promoción e publicacións, incluída a súa contratación e control, que permitan tanto a divulgación das distintas actividades do instituto, como de toda aquela información e estudos que promovan o desenvolvemento económico de Galicia.

i) Xestionar o centro de documentación, biblioteca e hemeroteca básica para a promoción económica.

j) Asegurar a coordinación e colaboración coas distintas unidades operativas do instituto en materias do seu ámbito de actuación.

k) Todas aquelas actividades que no exercicio das súas funcións lle sexan encomendadas polo director da área.

2.1.4. Subdirección de Internacionalización, que exercerá, baixo a dependencia directa do director da área, as seguintes funcións:

a) Propoñer e desenvolver toda clase de actividades encamiñadas a fomentar e apoiar a internacionalización da PEME galega.

b) Por delegación do director da área, controlar as actividades dos centros de promoción de negocios do instituto no exterior, en materia da internacionalización da empresa galega.

c) Impulsar, coordinar e organizar unha rede de axentes colaboradores do Igape para o fomento da expansión exterior da empresa galega.

d) Impulsar e coordinar o mantemento dunha base de datos de axentes comerciais libres por sectores e países.

e) Impulsar e coordinar unha rede de cooperación entre Pemes galegas e internacionais.

f) Crear, coordinar e planificar un servizo de asesoramento técnico en temas de internacionalización: financiamento, seguros á exportación, loxística, lexislación...

g) Organizar a creación e/ou divulgación no exterior da oferta exportadora de Galicia.

h) Organizar e coordinar un servizo de información ao empresariado galego de oportunidades comerciais no exterior.

i) Planificar e coordinar as funcións de promoción e apoio á captación de proxectos de investimento das bolsas de promoción exterior.

j) Asegurar a coordinación e colaboración coas distintas unidades operativas do instituto en materias do seu ámbito de actuación.

k) Propoñer novas iniciativas que, tanto en materia de axudas, como de prestación de servizos, e no ámbito de competencias asinadas ao Igape, amplíen ou melloren o marco de actividades que desenvolve o instituto, en función do seu coñecemento das necesidades e inquietudes dos distintos axentes económicos.

l) Todas aquelas actividades que no exercicio das súas funcións lle sexan encomendadas polo director da área.

2.2. Área de Financiamento.

Ao responsable da Área de Financiamento correspóndelle a xestión dos distintos tipos de axudas que para incentivar o desenvolvemento e o fomento da actividade empresarial se executan a través do Igape, conforme a normativa reguladora correspondente, e encamiñando as súas actuacións, con dilixencia e obxectividade, a garantir o cumprimento dos obxectivos e fins previstos tanto na normativa específica como os que con carácter xeral, se lle encomenden ao instituto.

Para o desenvolvemento das súas funcións a Área de Financiamento estrutúrase nas seguintes subdireccións:

2.2.1. Subdirección de Programas de Acceso ao Crédito.

2.2.2. Subdirección de Xestión de Proxectos.

2.2.3. Subdirección de Liquidación de Proxectos.

Sen prexuízo das tarefas específicas que se lle asignan a continuación, desenvolverán de xeito específico e integrado todas aquelas actuacións que por razóns operativas lle sexan encomendadas pola dirección da área.

2.2.1. Subdirección de Programas de Acceso ao Crédito, que exercerá, baixo a dependencia directa do director da área, as seguintes funcións:

a) Impulsar e propoñer toda clase de iniciativas de apoio e melloras na xestión do instituto que redunden no fomento e na dinamización das actividades empresariais no ámbito do investimento, a creación de empresas, a innovación e a mellora da competitividade.

b) Elevar proposta de resolución dos expedientes de avais e préstamos e axudas financeiras presentados ao abeiro dos decretos de avais e préstamos e programa de empresas en crises ou calquera outros que lle correspondan por razón de materia.

c) Xestionar, liquidar e realizar o seguimento dos convenios que se formalicen polo Igape con institucións financeiras e de garantía, que lle sexan asinadas polo director da área.

d) Potenciar e xestionar programas de apoio doutras administracións e institucións públicas que melloren a capacidade operativa das empresas galegas en materias do seu ámbito competencial.

e) Participar e/ou supervisar as actuacións das comisións de valoración.

f) Analizar as propostas de modificacións, prórrogas e proposta de resolución de incidencias que se presenten na tramitación dos expedientes.

g) Propoñer a resolución de recursos administrativos.

h) Xestionar o orzamento correspondente aos programas xestionados.

i) Elaborar informes de xestión, seguimento e valoración de resultados respecto ao impacto das liñas de axudas xestionadas e o seu grao de eficiencia e eficacia respecto aos fins propostos.

j) Asegurar a coordinación e colaboración coas distintas unidades operativas do instituto en materias de seu ámbito de actuación.

k) Todas aquelas actividades que no exercicio das súas funcións lle sexan encomendadas polo director da área.

2.2.2. Subdirección de Xestión de Proxectos, que exercerá, baixo a dependencia directa do director da área, entre outras, as seguintes funcións:

a) Impulsar e propoñer toda clase de iniciativas de apoio e melloras na xestión do instituto que redunden no fomento e na dinamización das actividades empresariais no ámbito do investimento, a creación de empresas, a innovación e a mellora da competitividade.

b) Elevar proposta de resolución dos expedientes administrativos presentados nos programas de subvencións a fondo perdido sobre investimentos, mellora competitiva e emprendedores ou calquera outros que lle sexan asignados pola dirección da área.

c) Potenciar e xestionar programas de apoio doutras administracións e institucións públicas que melloren a capacidade operativa das empresas galegas en materias do seu ámbito competencial.

d) Participar e/ou supervisar as actuacións das comisións de valoración.

e) Analizar as propostas de modificacións, prórrogas e proposta de resolución de incidencias que se presenten na tramitación dos expedientes.

f) Propoñer a resolución de recursos administrativos.

g) Propoñer os documentos contables ata a fase de compromiso dos gastos correspondentes aos programas xestionados (fase AD).

h) Elaborar informes de xestión, seguimento e valoración de resultados respecto ao impacto das liñas de axudas xestionadas e o seu grao de eficiencia e eficacia respecto aos fins propostos.

i) Asegurar a coordinación e colaboración coas distintas unidades operativas do instituto en materias do seu ámbito de actuación.

j) Todas aquelas actividades que no exercicio das súas funcións lle sexan encomendadas polo director da área.

2.2.3. Subdirección de Liquidación de Proxectos, que exercerá, baixo a dependencia directa do director da área, as seguintes funcións:

a) Impulsar e propoñer toda clase de iniciativas de apoio e melloras na xestión do instituto que redunden no fomento e na dinamización das actividades empresariais no ámbito do investimento, a creación de empresas, a innovación e a mellora da competitividade.

b) Xestionar e liquidar as solicitudes de cobramento dos expedientes administrativos presentados nos programas de subvencións a fondo perdido sobre investimentos, mellora competitiva e emprendedores ou calquera outro que lle sexan encomendados pola dirección da área.

c) Potenciar e xestionar programas de apoio doutras administracións e institucións públicas que melloren a capacidade operativa das empresas galegas en materias do seu ámbito competencial.

d) Participar e/ou supervisar as actuacións das comisións de valoración.

e) Analizar as propostas de modificacións, prórrogas e proposta de resolución de incidencias que se presenten na tramitación dos expedientes.

f) Propoñer a resolución de recursos administrativos.

g) Propoñer os documentos contables ata a fase de proposta de pagamento dos gastos correspondentes aos programas xestionados (fase OK).

h) Elaborar informes de xestión, seguimento e valoración de resultados respecto ao impacto das liñas de axudas xestionadas e o seu grao de eficiencia e eficacia respecto aos fins propostos.

i) Asegurar a coordinación e colaboración coas distintas unidades operativas do instituto en materias do seu ámbito de actuación.

j) Todas aquelas actividades que no exercicio das súas funcións lle sexan encomendadas polo director da área.

2.3. Secretaría Xeral.

Correspóndenlle a esta área o desenvolvemento de todas as iniciativas e actuacións encamiñadas a asegurar o funcionamento operativo dos servizos do instituto, abarcando por tanto dentro de seu ámbito competencial o deseño, impulso, desenvolvemento, seguimento e control económico-financeiro e de procedementos internos do Igape, a xestión integral dos seus recursos humanos orientando a este respecto a súa actividade á integración do persoal nos obxectivos do instituto así como todas aquelas actuacións dirixidas á contratación dos bens e servizos necesarios para o seu funcionamento e o mantemento das súas instalacións.

Para o desenvolvemento das súas competencias, a Secretaría Xeral estrutúrase nas seguintes subdireccións:

2.3.1. Subdirección de Xestión Económico-Financeira.

2.3.2. Subdirección de Servizos Xurídicos, Deseño e Control de Procedementos.

2.3.1. Subdirección de Xestión Económico-Financeira, que exercerá, baixo a dependencia do secretario xeral, as seguintes funcións:

a) Elaborar o anteproxecto de orzamentos do instituto, e as correspondentes programacións plurianuais.

b) Informar e instrumentar as modificacións orzamentarias que resulten.

c) Desenvolver todas as actuacións necesarias para o adecuado seguimento e control da xestión orzamentaria, propoñendo os axustes orzamentarios que resultasen necesarios para garantir unha xestión equilibrada do instituto.

d) Xestionar a materialización dos ingresos do instituto.

e) Elaborar e xestionar o orzamento de tesouraría.

f) Elaborar estatísticas e informes de seguimento da xestión económico-financeira do Igape.

g) Elaborar as contas anuais e toda clase de operacións contables do instituto.

h) Realizar a xestión integral dos recursos humanos do instituto, abarcando todas as actuacións que en materia de persoal e relacións laborais se consideren necesarias.

i) Xestionar a subministración de material e mantemento de instalacións.

j) Asegurar a coordinación e colaboración coas distintas unidades operativas do instituto en materias do seu ámbito de actuación.

k) Todas aquelas actividades que no exercicio das súas funcións lle sexan encomendadas polo director da área.

2.3.2. Subdirección de Servizos Xurídicos, Deseño e Control de Procedementos, á que lle corresponde exercer as funcións propias dun órgano de deseño, seguimento e supervisión dos procedementos internos de funcionamento do instituto e dos servizos xurídicos dirixindo as súas actuacións a dotar o ente do marco axeitado para o desenvolvemento das súas actividades con axilidade e con todas as garantías de obxectividade, eficacia e eficiencia que lle resultan exixibles.

Baixo a dependencia directa do secretario xeral e entre outras, exercerá as seguintes funcións:

a) Propoñer, desenvolver e supervisar os procedementos administrativos que cumprindo todos os requisitos normativos aplicables, faciliten a xestión do instituto.

b) Propoñer a regulación interna da xestión dos procedementos administrativos e verificar o seu cumprimento.

c) Deseñar e implementar o desenvolvemento integral dos procesos mecanizados de todos os procedementos administrativos e actuacións do instituto.

d) Elaborar, refundir e modificar as propostas de regulación normativa que lle correspondan ao instituto, ben a iniciativa das áreas de xestión correspondentes ou ben a iniciativa propia.

e) Exercer o asesoramento xurídico do instituto.

f) Tramitar e elevar á Consellería de Economía e Facenda todas as disposicións e actos que deban de ser obxecto de autorización polos órganos superiores da Xunta de Galicia, así como, se é o caso dos acordos tomados.

g) Levar a cabo a xestión patrimonial das empresas participadas polo instituto.

h) Realizar a tramitación administrativa dos expedientes de contratación.

i) Asistir ao secretario na preparación dos consellos de dirección e a tramitación dos seus acordos.

j) Levar o rexistro de todas as entradas e saídas de documentos do exterior.

k) Elaborar toda a información que haxa de subministrarse aos órganos de control internos e externos do ente.

l) Levar a cabo todas as actuacións de coordinación e colaboración cos órganos de control que resulten necesarias.

m) Asegurar a coordinación e colaboración coas distintas unidades operativas do instituto en materias do seu ámbito de actuación.

n) Todas aquelas actividades que no exercicio das súas funcións lle sexan encomendadas polo director da área.

2.4. Delegacións dos centros de promoción de negocios do instituto no exterior.

Dependendo organicamente do director xeral, os delegados do instituto nos centros de promoción de negocios no exterior dependerán funcionalmente da Dirección de Promoción, Innovación e Información Empresarial sen prexuízo da súa coordinación coas restantes áreas e outorgaránselles os poderes de representación do Igape, nos países dos que se trate, con todas as facultades necesarias para o normal cumprimento de todos os cometidos que lle sexan asignados.

As actividades que desenvolverán á fronte das correspondentes delegacións esténdense a todas aquelas que resulten necesarias para a promoción económica da Comunidade Autónoma de Galicia no

ámbito territorial correspondente e en particular serán as seguintes:

a) A captación de investimentos estranxeiros para a súa instalación en Galicia.

b) Apoio á busca de oportunidades de negocio para a empresa galega.

c) Favorecer a expansión exterior das empresas galegas.

d) Prestarlles apoio loxístico e soporte físico ás empresas galegas para a negociación e subscrición de acordos empresariais.

e) En xeral, calquera outra actividade que contribúa positivamente ao desenvolvemento da economía de Galicia.

Toda a súa actividade estará sometida á normativa aplicable do instituto e axustarase aos procedementos que se establezan, debendo contraer compromisos ou obrigas en nome do Igape unicamente cando con carácter previo fosen asignados os recursos orzamentarios correspondentes e baixo a supervisión e seguimento da Dirección de Promoción.

2.5. Área de Seguimento e Coordinación de Programas. Ao responsable da Área de Seguimento e Coordinación de Programas corresponderanlle as actividades de:

1. Análise e seguimento do nivel de desenvolvemento e implantación dos distintos programas xestionados polo Igape, en particular:

a) Elaboración de análises sobre os resultados dos diferentes programas en execución (nivel de demanda, tipoloxía das solicitudes recibidas, das solicitudes concedidas e denegadas, etc.).

b) Seguimento da eficacia na execución operativa dos procesos de xestión asociados a cada programa. Identificación dos factores clave de seguimento, (tempos de resposta a solicitantes, atención de reclamacións ou queixas, avaliación de cargas de traballo por programa...). Preparación de informes periódicos.

c) Participación na definición de obxectivos de resultados dos programas.

d) Control do grao de cumprimento de obxectivos por programas e por áreas xestoras.

e) Participación nos análises de riscos de operacións financeiras do instituto (avais, préstamos...).

f) Seguimento da execución orzamentaria do instituto.

g) Participación na definición e produción da información de xestión para a dirección.

2. Estudo e proposta da metodoloxía de análises permanente sobre a problemática e as necesidades do tecido produtivo galego, en particular:

a) Identificación e análises do grao de satisfacción dos solicitantes e beneficiarios dos diferentes programas do instituto.

b) Seguimento sectorial das necesidades e problemática das empresas que compoñen o tecido produtivo da comunidade.

c) Seguimento do contorno económico e normativo das empresas e da economía galega.

3. Proposta á Dirección Xeral das iniciativas e actuacións que resulten oportunas de cara a asegurar o maior nivel de eficacia e eficiencia na súa aplicación, con especial referencia a:

a) Os programas que en materia de servizos ás empresas se desenvolvan polo Igape, tanto no ámbito do asesoramento e de consultoría, como no ámbito financeiro.

b) A identificación das necesidades de formación dos recursos humanos do instituto e da elaboración dos plans correspondentes.

c) A mellora continua dos procesos de xestión e tramitación do instituto.

d) Definir os planes de formación do persoal do instituto de cara a asegurar a mellora continua dos recursos humanos dispoñibles.

Para o desenvolvemento das súas funcións, a Área de Seguimento e Coordinación de Programas contará co apoio das correspondentes subdireccións xestoras das restantes áreas do instituto e actuará coordinadamente cos directores de área respectivos.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2004.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego

de Promoción Económica