DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Luns, 07 de xuño de 2004 Páx. 8.086

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 110/2004, do 27 de maio, polo que se regulan os humidais protexidos.

A Comunidade Autónoma de Galicia vén desenvolvendo nos últimos anos un importante labor orientado á protección legal e ao uso sustentable dos humidais, incluíndo un gran número destes ecosistemas dentro da proposta galega da Rede Natura 2000. A conservación e xestión destes medios encontra na actualidade un novo réxime legal, ao introducir a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, dentro das figuras de espazos protexidos a de humidais protexidos, outorgable aos lugares que cumpran unha función de importancia internacional, nacional ou autonómica na conservación dos recursos naturais e que sexan declarados como tales.

A importancia dos humidais galegos non vén determinada unicamente polos seus valores ecolóxicos e de reserva da biodiversidade, senón polos beneficios directos e indirectos que fornecen a vida cotiá dos cidadáns.

Durante séculos os humidais foron considerados como ermos e zonas insalubres, polo que foron obxecto de políticas e programas de desecación e saneamento. Nos dous últimos séculos a conversión de humidais en terras agrícolas foi xeralizada en toda España, desde a segunda metade do século XX, as maiores transformacións debéronse tamén ao desenvolvemento industrial, de infraestruturas e urbanístico para explotación turística.

A valoración social dos humidais experimentou nas últimas décadas un vertixinoso cambio. Os humidais pasaron de ser áreas improdutivas e insás, manifestamente mellorables, que terán que constituír elementos clave na conservación da biodiversidade e do uso sustentable do territorio. Nesa liña son salientables os traballos de mellora e recuperación destes hábitats que a Administración pública está levando a cabo para a restauración de moitas áreas húmidas degradadas.

A gran riqueza e diversidade dos compoñentes bióticos e abióticos dos humidais fan que se encontren entre os ecosistemas máis complexos e produtivos do planeta. Posúen unha gran variedade de hábitats de transición entre os ambientes terrestre e acuático, e xogan, polo tanto, un importante papel na conservación da biodiversidade e o desenvolvemento económico.

A Lei 9/2001, de conservación da natureza, de Galicia (DOG nº 171, do 4 de setembro), supón o instrumento legal máis actual na normativa autonómica en materia de ambiente. Segundo se manifesta no seu artigo 1, ten como obxecto establecer normas encamiñadas á protección, restauración e mellora dos recursos naturais e á axeitada xestión dos espazos naturais e da flora e fauna silvestre. Dentro dos réximes de protección estipulados outórgase unha figura específica para os humidais e des

tácase a necesidade de promover e contribuír a unha mellor conservación dos humidais galegos atendendo á súa especial fraxilidade e valor desde o punto de vista ambiental.

Polo tanto, e en virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e sete de maio de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Concepto.

De acordo co establecido polo artigo 14 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza:

Entenderase por humidal protexido as extensións de marismas, pantanos, turbeiras ou superficies cubertas de auga, sexan estas de réxime natural ou artificial, permanentes ou temporais, estancadas ou correntes, doces, salobres ou salgadas, incluídas as extensións de auga mariña en que a profundidade en marea baixa non exceda seis metros, que á vez cumpran unha función de importancia internacional, nacional ou autonómica na conservación dos recursos naturais e que sexan declaradas como tales.

Poderán comprender zonas ribeiregas, costeiras, ou adxacentes, así como as illas ou extensións mariñas de profundidade superior aos seis metros en marea baixa cando estas se encontren dentro do humidal.

Artigo 2º.-Criterios caracterizadores dun humidal protexido.

1. Un humidal poderá ser declarado protexido cando cumpra algún dos seguintes criterios:

1.1. Que sexa considerado constitutivo dunha paisaxe natural entendida como aqueles espazos, incluídos augas continentais e espazos marítimos que conteñan elementos e sistemas naturais de especial interese ou valores naturais sobresaíntes, tanto debidos á acción e evolución da natureza como derivados da actividade humana, así como cando albergue hábitats ou especies que aparezan recollidos nas listaxes oficiais de rango internacional, nacional ou da Comunidade Autónoma de Galicia, así como outras especies que posúan unha gran singularidade no mantemento da biodiversidade dos humidais de Galicia.

1.2. Cando sexa importante para o mantemento de funcións ecolóxicas, con especial atención naqueles que desempeñen unha función hidrolóxica apreciable no funcionamento natural dunha bacía hidrolóxica ou dun sistema costeiro importante.

1.3. Cando supoña un exemplo raro ou único dun tipo de humidal representativo dunha unidade bioxeográfica particular.

1.4. Cando sustente poboacións de especies vexetais ou animais importantes para manter a diversidade biolóxica, ou ben representen poboacións illadas ou no límite da súa área de distribución.

1.5. Cando sustente nunha etapa crítica do seu ciclo biolóxico especies vexetais ou animais características dos humidais ou lles ofrezan refuxio nos períodos en que prevalecen condicións adversas.

1.6. Cando sustente de maneira regular unha poboación importante de aves acuáticas invernantes (excluídos os láridos), ou ben se sustenta de maneira regular o 10% dos individuos da poboación española invernante dunha especie de ave acuática.

1.7. Cando posúa interese paleoambiental, histórico, cultural ou etnográfico.

2. A Xunta de Galicia poderá declarar tamén humidais protexidos aqueles que historicamente tivesen cumprido estes criterios e se encontren actualmente nunha situación de degradación.

Artigo 3º.-Delimitación do humidal protexido.

1. Para a declaración dun humidal protexido será necesario efectuar previamente a súa identificación e delimitación técnica baseándose nos tipos de medios ecolóxicos e na presenza de hábitats e poboacións de especies características.

2. Consonte o disposto na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, na delimitación do humidal poderanse establecer, ademais, unha zona periférica de protección que funcionará como área de amortecemento que evitará impactos directos sobre o humidal e cuxo uso deberá ser regulado no correspondente instrumento de planificación conforme o especificado na propia lei.

Artigo 4º.-Limitacións e prohibicións.

De conformidade co artigo 14.2º da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, con carácter xeral e sen prexuízo das normas específicas establecidas no instrumento de planificación de cada humidal protexido, tanto no humidal como na súa zona periférica de protección, prohíbense os seguintes usos e actuacións:

1. A introdución de especies de flora e fauna non autóctonas agás as especies hortofrutícolas e as de acuicultura que figuran nos plans de explotación de recursos mariños aprobados pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, logo do informe favorable da Consellería de Medio Ambiente.

2. As actividades que directa ou indirectamente poidan producir o desecamento ou a alteración hidrolóxica do humidal.

3. As actividades, verteduras sólidas e líquidas de calquera natureza que afecten de forma negativa, directa ou indirectamente, a calidade das augas superficiais ou subterráneas que alimentan e manteñen o funcionamento do humidal.

4. A modificación do réxime hidrolóxico e composición das augas, así como a alteración dos seus

límites e medios ecolóxicos, fóra dos casos previstos nos instrumentos de planificación hidrolóxica aprobados.

5. As modificacións da cubeta e das características morfolóxicas do humidal, o recheo do humidal con calquera tipo de material, así como a alteración topográfica da súa zona periférica de protección.

6. A extracción de area, turba ou outro tipo de sedimentos.

7. A construcción de edificacións ou infraestruturas de calquera tipo, incluída a apertura de infraestruturas viarias.

8. A utilización de produtos praguicidas, funxicidas ou fitocidas no humidal que lle poidan afectar, e que teña un grao de toxicidade que estea cualificado como de tóxico ou moi tóxico para as persoas e para as especies terrestres e acuícolas, de acordo co establecido na Regulamentación técnico-sanitaria para a fabricación, comercialización e utilización de praguicidas.

9. A instalación de tendidos eléctricos, de telefonía, así como antenas de telefonía móbil.

10. A emisión de ruídos que perturben ou incidan negativamente sobre a fauna.

11. As queimas non autorizadas de todo tipo de vexetación que resulten incompatibles coa conservación do humidal.

12. Calquera actividade deportiva ou recreativa non compatible co mantemento das funcións ou valores por que se teña declarado.

13. Calquera outra actividade non recollida anteriormente que poida prexudicar significativamente a conservación do humidal.

Artigo 5º.-Excepcións.

A Consellería de Medio Ambiente poderá excepcionar o réxime xeral de uso e limitación dos humidais protexidos conforme as prescricións contidas no instrumento de planificación do humidal aprobado mediante decreto, por proposta da Consellería de Medio Ambiente.

Artigo 6º.-Da catalogación e declaración.

A Consellería de Medio Ambiente é o órgano competente para a tramitación dos expedientes de catalogación, declaración, revisión e descatalogación dos humidais protexidos.

Artigo 7º.-Procedemento de catalogación e declaración.

1. A declaración dos humidais protexidos será iniciada pola Consellería de Medio Ambiente. Non obstante o anterior e para estes efectos, os interesados poderán solicitar da Consellería de Medio Ambiente a declaración de humidais protexidos, que deberá materializarse a través dunha memoria técnica onde se describan os criterios que xustifiquen a súa proposta, tipos de medios, hábitats, especies que albergan, así como estado de conservación, localización, delimitación con cartografía escala 1:10.000 ou

1:5.000 do espazo, titularidade da propiedade do solo, usos do solo da zona de influencia, riscos actuais ou potenciais, outros datos de interese.

A memoria será valorada na delegación provincial da Consellería de Medio Ambiente onde se sitúe o humidal, polo Servizo de Espazos Naturais e Biodiversidade, que emitirá un informe que, xunto coa memoria técnica, serán remitidos á Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

2. Os humidais protexidos serán declarados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Medio Ambiente.

3. A Consellería de Medio Ambiente poderá promover a descatalogación dun humidal cando, de forma natural, teñan desaparecido as circunstancias que motivaron a súa declaración. A dita descatalogación será aprobada por decreto da Xunta de Galicia. En caso de que a desaparición destas condicións estea ocasionada por unha actuación humana, seralle de aplicación o réxime sancionador establecido na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, sen prexuízo da obriga de restauración por parte do infractor, segundo establece o artigo 70 da citada lei.

Artigo 8º.-Relación de humidais protexidos.

Decláranse como humidais protexidos os que aparecen relacionados no anexo I deste decreto.

Disposición adicional

Única.-De acordo co establecido na lexislación estatal e no convenio internacional sobre humidais, a declaración como sitio RAMSAR dun humidal implicará automaticamente a súa consideración como humidal protexido cos efectos inherentes a esta declaración.

Disposición transitoria

Única.

1. Excepcionalmente, ata o momento da aprobación do instrumento de planificación dun espazo declarado como humidal protexido, e sempre que non supoña pór en perigo o estado de conservación favorable do humidal, poderán quedar sen efecto as prohibicións e limitacións contidas no artigo 4, após a autorización expresa da Consellería de Medio Ambiente e cando concorra algunha das circunstancias seguintes:

a) Se da súa aplicación derivan efectos prexudiciais para a saúde e a seguranza das persoas.

b) Para previr prexuízos para cultivos, gando, bosques, pesqueiras, calidade das augas, sexan estes de índole ecolóxico ou económico.

c) Por razóns de interese público prevalente após o estudo doutras alternativas e a asunción, se for o caso, das medidas correctoras pertinentes.

d) Cando sexa necesario por motivos de xestión, restauración ou fomento do uso público compatible.

e) Cando sexa necesario por motivos de investigación ou educación.

2. Estas autorizacións concederanse logo de solicitude expresa do interesado dirixida ao conselleiro de Medio Ambiente, presentada consonte o anexo II deste decreto.

3. O conselleiro de Medio Ambiente resolverá estas solicitudes no prazo máximo de 3 meses, nos cales concretará o tipo de actividade, o ámbito territorial a que se estende e a duración desta autorización, que non poderá exceder de dous meses.

No suposto de construcións ou edificacións en que concorran razóns de interese público, esta excepción terá carácter permanente.

A Consellería de Medio Ambiente poderá solicitar calquera tipo de documentación adicional relacionada co obxecto da solicitude.

Se no prazo de tres meses a partir da data de entrada da solicitude no órgano competente para a súa tramitación non estivese resolta e notificada, entenderase estimada por silencio administrativo, consonte o previsto no artigo 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e isto sen prexuízo da obriga de resolver expresamente prevista no artigo 42 da devandita lei.

4. Contra a resolución poderase interpoñer o recurso de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente nos prazos e termos previstos nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

Única.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de maio de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO I

Nome do humidalSuperficie (ha)

Ría de Ribadeo563,44

Ría de Ortigueira e Ladrido2.985,28

Lagoa e areal de Valdoviño740,70

Complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo982,90

Complexo intermareal Umia-O Grove-A Lanzada2.476,72