DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Luns, 07 de xuño de 2004 Páx. 8.082

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 108/2004, do 27 de maio, polo que se determinan os órganos competentes para a imposición de sancións en materia sanitaria.

O Decreto 157/1985, do 11 de xullo, regulaba as infraccións e sancións en materia sanitaria, graduando estas e atribuíndo a competencia sancionadora a distintos órganos e autoridades, dentro do ámbito da organización e competencias atribuidas á Comunidade Autónoma de Galicia, por consecuencia da previsión estatutaria contida no artigo 33.1º do Estatuto de autonomía, e polas posteriores transferencias operadas polo Real decreto 1634/1980, do 31 de xullo, tendo en conta tamén a regulación contida no Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, sobre infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da produción agroalimentaria.

A entrada en vigor da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, supuxo un fito importante e transcendente, establecendo no capítulo VI do título 1 (artigos 32 e seguintes) o réxime de infraccións e sancións aplicable en materia de sanidade. Todo isto sen prexuízo da normativa -estatal e autonómica de desenvolvemento posterior e de regulación de ámbitos ou sectores concretos da sanidade.

A Lei 7/2003, de 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia (DOG nº 246, do 19 de decembro) dedica o seu título IX ás infraccións e sancións (artigos 142 e seguintes). Este réxime -segundo determina o artigo 142 da devandita lei- resulta aplicable ás accións ou omisións tipificadas nesta lei e nas leis estatais e autonómicas que lles sexan de aplicación.

Sen embargo, a norma antes citada non establece atribucións competenciais concretas, para a imposición das sancións e medidas que prevé, limitándose o seu artigo 148.1º a conter unha indicación recoñecendo a competencia dos órganos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, se é o caso, para a imposición de sancións por debaixo do límite cuantitativo que o mesmo artigo indica.

Tendo en conta esta circunstancia, e en exercicio da previsión contida na disposición derradeira primeira da Lei 7/2003, do 9 de decembro, cómpre facer o desenvolvemento regulamentario de tal atribución competencial.

Polo tanto, en virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro; por proposta do conselleiro de Sanidade, de conformidade co dictame nº 166/2004, do Consello Consultivo de Galicia; e logo de deliberación

do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e sete de maio de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Órganos competentes.

Sen prexuízo das competencias atribuídas a outras administracións públicas, e do que dispoñan as normas especiais de aplicación, os órganos da Comunidade Autónoma de Galicia competentes para a imposición das sancións previstas na normativa sanitaria serán os seguintes:

a) Os delegados provinciais da consellería competente en materia de sanidade, para a imposición de sancións correspondentes ás infraccións leves.

b) O secretario xeral e os directores xerais, no seu respectivo ámbito competencial en materia de sanidade, para a imposición de sancións correspondentes ás infraccións graves.

c) O conselleiro de Sanidade, para a imposición de sancións correspondentes ás infraccións moi graves, agás nos supostos e contías atribuídas ao Consello da Xunta de Galicia.

d) O Consello da Xunta de Galicia, para a imposición de sancións en contía igual ou superior aos cento vinte mil douscentos dous euros con corenta e tres céntimos (120.202,43 A), así como para os acordos a que se refire o artigo 147.4º, e as medidas previstas no artigo 149 a) e b) da Lei 7/2003, do 9 de decembro.

Artigo 2º.-Competencia para a adopción de medidas cautelares.

1. As sancións anteriores establécense sen prexuízo das medidas previstas nos artigos 149 e 150 da Lei 7/2003, do 9 de decembro, ou outras que veñan previstas en normas específicas aplicables.

2. A competencia para a adopción destas medidas correspóndelle aos delegados provinciais da Consellería de Sanidade, agás o disposto no apartado d) do artigo precedente.

Artigo 3º.-Procedemento.

Os procedementos sancionadores que se instrúan axustaranse aos preceptos procedementais e da potestade sancionadora contidos nos títulos VI e IX da Lei 30/1992, do 26 de novembro (modificada pola Lei 4/1999), sobre réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; e ao Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora; sen prexuízo da lexislación específica aplicable.

Disposición transitoria

Aos procedementos iniciados con anterioridade á entrada en vigor do presente decreto, pero que se atopen pendentes de proposta de resolución, seralles de aplicación o previsto na presente norma.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente

decreto, e especialmente o Decreto 157/1985, do 11 de xullo, polo que se regulaban as infraccións e sancións en materia sanitaria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase o conselleiro competente en materia de sanidade para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do disposto neste decreto.

Santiago de Compostela, vinte e sete de maio de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL