DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Venres, 04 de xuño de 2004 Páx. 7.963

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 106/2004, do 27 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente.

Polos decretos 306/2001, do 15 de decembro, e 310/2001, do 17 de decembro, estableceuse a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e dos seus departamentos; pola súa vez, polo Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, estableceuse a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, que foi modificada polos decretos 333/2002, do 22 de novembro, e 366/2003, do 2 de outubro.

Para efectos de cumprir os principios de eficacia, desconcentración e racionalización da organización da Consellería de Medio Ambiente, cómpre promulgar un novo decreto de estrutura no que se recollan, nun texto único, modificacións xa realizadas e outras que permitan acadar unha mellor consecución dos seus obxectivos en atención aos devanditos principios.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, logo de informe das consellerías da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e sete de maio de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Medio Ambiente é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ao que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións que en materia de ambiente e conservación da natureza se establecen nos artigos 27.10º, 11º, 15º e 30º e 29.4º do Estatuto de autonomía de Galicia e demais normativa de aplicación, en especial na normativa sobre protección ambiental de Galicia.

Artigo 2º

1. Para o desempeño das súas funcións a Consellería de Medio Ambiente estrutúrase nos seguintes órganos:

I. O Conselleiro.

II. Secretaría Xeral.

III. Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais.

IV. Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

V. Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

VI. Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible.

VII. Delegacións provinciais.

VIII. Órganos colexiados.

2. Adscríbese á Consellería de Medio Ambiente o organismo autónomo Augas de Galicia.

I. O Conselleiro

Artigo 3º

O Conselleiro é a superior autoridade da consellería e con tal carácter está investido das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

II. Secretaría Xeral

Artigo 4º

1. A Secretaría Xeral exercerá as competencias e funcións establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, así como aquelas que lle sexan delegadas polo titular da consellería.

2. A Secretaría Xeral contará, como órgano de apoio, coa Vicesecretaría Xeral que, baixo a súa dependencia directa e con nivel orgánico de subdirección xeral, exercerá as seguintes funcións:

a) A elaboración, por requirimento do secretario xeral, de estudos e propostas de actuación sobre aspectos relativos á estruturación, planificación, organización, métodos de traballo e de mellora da xestión dos diferentes procedementos administrativos.

b) O asesoramento e a realización de estudos e informes de carácter xurídico-administrativo nas materias competencia do departamento que lle sexan encomendadas polo secretario xeral.

c) O estudo, por pedimento do secretario xeral, dos expedientes que teñan que elevarse ao Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Secretarios Xerais.

d) O rexistro e arquivo das disposicións legais emanadas da consellería, así como levar a cabo as compilacións e refundicións das normas emanadas desta.

e) A coordinación das publicacións e edicións audiovisuais da consellería e as funcións relativas á representación dela na Comisión de Publicacións da Xunta de Galicia, así como a información xeral e a difusión das publicacións ambientais.

f) A coordinación e o seguimento dos proxectos de obras da consellería e da execución material destes, así como funcións de inspección relativas ao funcionamento dos servizos, propoñendo, se é o caso, as medidas correctoras que procedan.

g) Substituír o secretario xeral da consellería nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante deste.

h) En xeral, cantos asuntos lle sexan encargados, por razón da súa competencia, polo secretario xeral.

A Vicesecretaría Xeral contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo Técnico Xurídico, coas funcións de:

a) Informe e tramitación de todos os proxectos de disposición de carácter xeral que elaboren os distintos centros directivos da consellería, das recompilacións e refundicións de normas e, en xeral, de todos aqueles asuntos que por razón da súa competencia lle sexan encomendados polo secretario xeral.

b) Preparación e informe dos asuntos que se elevarán ao Consello da Xunta de Galicia e ás comisións delegadas e o traslado dos seus acordos, así como informe sobre os recursos presentados contra os actos administrativos emanados da consellería.

c) Coordinación da publicación de toda clase de disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da consellería que deban ser publicados no Diario Oficial de Galicia.

d) Coordinación das actuacións da consellería en relación coas fundacións de interese galego sobre as que esta exerza o protectorado, levando para ese efecto os libros de rexistro.

2.2. Servizo de Apoio Técnico e Administrativo, coas funcións de asistencia técnica ao vicesecretario para o exercicio das súas funcións e custodia do rexistro e arquivo das disposicións legais emanadas da consellería. Para ese efecto, formulará os informes que por razón da súa competencia lle sexan requiridos pola Vicesecretaría Xeral.

3. Para o exercicio das súas funcións, a Secretaría Xeral estrutúrase nas seguintes unidades:

3.1. Subdirección Xeral de Recursos Humanos e Coordinación Administrativa, que exercerá as funcións relativas ao persoal funcionario e laboral e a xestión económica relativa aos gastos de persoal, a coordinación dos servizos de carácter xeral e do réxime interno do funcionamento; así mesmo, encargarase dos asuntos referentes ao sistema de informatización e proceso de datos e a racionalización administrativa de todos os servizos da consellería.

Para iso contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

3.1.1. Servizo de Persoal e Coordinación Administrativa, coas funcións de ordenación e control da xestión dos recursos humanos da consellería, en especial da xestión e a administración ordinaria do persoal funcionario e laboral e o seguimento e control do rexistro deste persoal, así como das relativas á coordinación administrativa, rexistro xeral e unidade de información.

3.1.2. Servizo de Informática, coas funcións de asesoría técnica, execución, proposta, coordinación e supervisión dos plans de informatización de todas as unidades administrativas da consellería, para automatizar, axilizar e mellorar o seu funcionamento, sen prexuízo das competencias da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e das estipulacións contidas no Decreto 255/2003, do 8 de maio.

Para este efecto corresponderanlle as seguintes funcións:

a) Administración de sistemas, incluíndo a súa instalación, mantemento e actualización.

b) Atención e formación dos usuarios.

c) Detección de oportunidades de novos desenvolvementos, planificación e execución deles e xestión e mantemento dos desenvolvementos en fase de explotación.

d) Definición e cumprimento das políticas de seguridade e protección de datos, en coordinación coa Dirección Xeral de Organización e Sistemas Informáticos de acordo coas competencias que ten asignadas a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e das estipulacións contidas no Decreto 255/2003.

e) Selección do material e productos necesarios para implantar os cambios tecnolóxicos ao servizo das necesidades emerxentes na consellería.

3.2. Subdirección Xeral de Xestión Orzamentaria e Contratación, que exercerá as funcións relativas á elaboración dos anteproxectos de orzamentos da consellería, a súa execución, seguimento e coordinación así como a tramitación dos expedientes de contratación administrativa.

Para iso contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

3.2.1. Servizo de Xestión Orzamentaria, coas funcións de confección dos anteproxectos de orzamentos da consellería, control da xestión económica dos orzamentos e execución do gasto das diversas unidades da consellería, elaboración de informes de xestión, tramitación de expedientes de modificación orzamentaria, seguimento e control das contas autorizadas da consellería, elaboración de instrucións para unha correcta xestión, así mesmo, encargarase de todos aqueles asuntos ou materias que pola súa natureza análoga lle sexan encomendados.

3.2.2. Servizo de Contratación, coas funcións de coordinación e, se é o caso, elaboración dos pregos de cláusulas administrativas e prescricións técnicas dos contratos da consellería, elaboración de informes e instrucións sobre a materia, seguimento e control da execución dos expedientes de contratación, seguimento e control dos convenios en que sexa parte a consellería; así mesmo, encargarase de todos aqueles asuntos ou materias que pola súa natureza análoga lle sexan encomendados.

4. Integradas organicamente na Secretaría Xeral, e con nivel orgánico de subdirección xeral, existirán as seguintes unidades:

4.1. Asesoría jurídica.

4.2. Intervención Delegada.

III. Dirección Xeral de Montes

e Industrias Forestais

Artigo 5º

1. A Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais exercerá as competencias e funcións atribuídas á consellería en materia da ordenación, fomento e mellora da produción forestal, industrialización e comercialización de produtos de primeira transformación da madeira, así como as medidas da loita contra os incendios forestais.

En relación coas actuacións comprendidas dentro destes ámbitos competenciais e sen prexuízo das funcións atribuídas á Secretaría Xeral da consellería no artigo 4.2º f), supervisará e inspeccionará os proxectos de obras e a súa execución material, tanto nos supostos

de adxudicación como nos de execución pola Administración.

2. Para o exercicio das súas funcións, a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais estrutúrase nas seguintes unidades:

2.1. Subdirección Xeral de Recursos Forestais, que exercerá as funcións relativas á conservación e fomento dos recursos forestais, a regulación e ordenación dos seus aproveitamentos; o asesoramento técnico e administrativo das comunidades propietarias de montes en man común, a xestión do rexistro xeral dos montes veciñais en man común, as accións tendentes ao deslinde dos ditos montes e calquera outra función legalmente establecida en relación coa defensa e protección deles; así mesmo, exercerá funcións relativas ao fomento e mellora da produción forestal e da industrialización e comercialización de produtos de primeira transformación da madeira.

Para iso contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1.1. Servizo de Xestión de Montes, que se encargará da administración e xestión dos montes da Comunidade Autónoma de Galicia, exercerá as funcións que legalmente procedan en relación cos de utilidade pública, os de entidades locais e os das comunidades veciñais en man común ou de particulares que sexan obxecto de consorcio ou de convenio; xestionará o catálogo de montes de utilidade pública; realizará a planificación e execución das accións para o control da produción e comercialización de sementes, plantas de viveiro e material vexetal forestal; e o control e defensa contra as pragas e enfermidades forestais.

2.1.2. Servizo de Produción e Industrias Forestais que realizará o asesoramento técnico e administrativo dos propietarios forestais; as accións de mellora e fomento das estruturas de produción forestal; o fomento do asociacionismo; a mellora da calidade dos produtos forestais e das súas canles de comercialización; así mesmo, a xestión do rexistro de industrias forestais de primeira transformación da madeira e o fomento da industrialización dos produtos forestais.

2.2. Subdirección Xeral de Defensa contra Incendios Forestais, que exercerá as funcións de programación, execución, avaliación e seguimento das medidas e accións contra os incendios forestais; a elaboración de estudos e análise de causalidade e a coordinación de medios na loita contra os incendios forestais.

Para iso contará coas seguintes unidades co nivel orgánico de servizo:

2.2.1. Servizo de Programación, que se encargará das análises e estudo da causalidade; elaboración de plans, dotación de infraestruturas e medios de defensa contra os incendios forestais.

2.2.2. Servizo de Organización e Control de Medios, que se encargará da organización dos sistemas de vixilancia e detección de incendios forestais e da execución de plans e programas de loita contra estes.

3. Baixo a dependencia orgánica e funcional directa do director xeral existirá o Servizo de Planificación e Apoio que realizará funcións de control, xestión e

seguimento daqueles asuntos que lle sexan encomendados.

Así mesmo, esta unidade ten baixo a súa dependencia o Observatorio para a Xestión Forestal Sostible, coas funcións de elaboración e planificación das liñas de traballo tendentes ao establecemento e definición dos coñecementos e tecnoloxías adecuadas para a implantación de niveis crecentes de xestión produtiva e ordenada dos bosques. Para tal efecto, o Observatorio para a Xestión Forestal Sostible estudará os modelos existentes e analizará as demandas do sector forestal, tanto público como privado, de cara á elaboración de plans, programas e proxectos acordes coa optimización da explotación dos recursos forestais, incentivando e regulando a implantación da certificación forestal.

IV. Dirección Xeral de Conservación da Natureza

Artigo 6º

1. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza exercerá as competencias e funcións atribuídas á consellería en materia de protección, conservación, restauración, mellora, recuperación e divulgación dos recursos naturais, cinexéticos e piscícolas e a adecuada xestión dos espazos naturais, da flora e fauna silvestres, da paisaxe e dos elementos singulares da gea da Comunidade Autónoma galega, a difusión dos seus valores e o uso e desfrute do medio natural e dos seus elementos etnográficos e a súa preservación para as xeracións futuras. Encargarase de promover unha defensa global da natureza e dos seus recursos, da conservación e xestión específica dos espazos que o necesiten particularmente, en especial a rede galega de espazos protexidos e da consolidación e promoción da Rede Natura 2000 de Galicia.

En relación coas actuacións comprendidas dentro destes ámbitos competenciais e sen prexuízo das funcións atribuídas á Secretaría Xeral da consellería no artigo 4.2º f), supervisará e inspeccionará os proxectos de obras e a súa execución material, tanto nos supostos de adxudicación como nos de execución pola Administración.

2. Para o exercicio das súas funcións, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza estrutúrase nas seguintes unidades:

2.1. Subdirección Xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, que exercerá as funcións relativas á protección, conservación, xestión, restauración, mellora, recuperación, divulgación e promoción dos recursos naturais e a xestión da flora e fauna silvestres e dos espazos naturais. Encargarase do desenvolvemento das medidas tendentes á aplicación da normativa sobre conservación da natureza e de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade.

Así mesmo, promoverá a planificación, ordenación, xestión e divulgación dos recursos naturais, en especial dos espazos protexidos, de forma que se compatibilice a conservación da natureza co seu ordenado aproveitamento, desenvolvemento, uso e desfrute.

Para iso contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo.

2.1.1. Servizo de Conservación de Espazos Naturais, que se encargará das funcións de xestión, conservación e divulgación dos espazos naturais, en especial da rede galega de espazos protexidos e da Rede Natura 2000 de Galicia, así como as funcións de xestión e todas aquelas derivadas da ordenación e uso público do medio natural e os seus elementos etnográficos.

2.1.2. Servizo de Conservación da Biodiversidade, que se encargará da preservación dos hábitats naturais e dos taxóns, así como das accións para a conservación e mellora das poboacións da fauna e flora silvestres, da elaboración e xestión de programas, proxectos e os informes técnicos para a protección e preservación do medio natural e da paisaxe, da xestión dos centros de recuperación de fauna silvestre e da aplicación da normativa da protección de animais domésticos e salvaxes en catividade.

2. Subdirección Xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas, que exercerá as funcións de programación, fomento e xestión dos recursos cinexéticos e piscícolas en augas continentais, a través da ordenación dos ditos recursos, con especial incidencia na divulgación, formación e promoción específica destas materias.

Para iso contará coa seguinte unidade con nivel orgánico de servizo.

2.2.1. Servizo de Caza e Pesca Fluvial, que realizará as funcións de xestión e fomento dos recursos cinexéticos e piscícolas, a inspección e control dos centros de acuicultura continental e granxas cinexéticas, e da súa xestión cando dependan da Administración autonómica.

V. Dirección Xeral de Calidade

e Avaliación Ambiental

Artigo 7º

1. A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental exercerá as competencias e funcións en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana, o fomento de sistemas e estratexias de corrección da dita incidencia, así como o desenvolvemento tecnolóxico e a súa posta en marcha para o logro da adecuada protección ambiental.

En relación coas actuacións comprendidas dentro destes ámbitos competenciais e sen prexuízo das funcións atribuídas á Secretaría Xeral da consellería no artigo 4.2º f), supervisará e inspeccionará os proxectos de obras e a súa execución material, tanto nos supostos de adxudicación como nos de execución pola Administración.

2. Para o exercicio das súas funcións a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental estrutúrase nas seguintes unidades:

2.1. Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental, que exercerá as funcións de xestión das actuacións derivadas da aplicación dos instrumentos preventivos que figuran na Lei de protección ambiental de Galicia e o resto de lexislación ambiental preventiva, en especial a autorización ambiental integrada; as derivadas

da normativa de ecoxestión, ecoauditoría e ecoetiquetaxe; así mesmo xestionará e realizará o seguimento dos pactos ambientais.

Para iso contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1.1. Servizo de Prevención Ambiental, que exercerá as funcións relacionadas con todos os trámites técnicos e administrativos relativos aos expedientes de aplicación dos instrumentos preventivos recollidos na lexislación de protección ambiental de Galicia e as funcións relacionadas con todos os trámites técnicos e administrativos relacionados coa autorización ambiental integrada.

2.1.2. Servizo de Xestión e Intervención Ambiental, que exercerá as funcións relacionadas coa xestión e seguimento dos pactos ambientais; a elaboración dos procedementos de ecoetiquetaxe, ecoxestión e ecoauditoría e a tramitación dos expedientes de homologación de empresas e equipamentos de avaliación de impactos, de control da calidade ambiental e de seguimento e inspección ambiental; así como a promoción de instrumentos de xestión e responsabilidade ambiental.

2.2. Subdirección Xeral de Calidade Ambiental, que exercerá as funcións de fomento da calidade ambiental e da xestión dos residuos incluídos no ámbito de aplicación da normativa de residuos.

Para iso contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.2.1. Servizo de Fomento da Calidade Ambiental, que se encargará da planificación, programación e realización das infraestruturas que vaia executar a Consellería de Medio Ambiente para unha adecuada xestión dos residuos, da xestión da recuperación de solos contaminados, de áreas degradadas por vertedoiros de residuos sólidos urbanos e seguimento e, se é o caso, execución pola Administración dos plans de restauración de explotacións mineiras ao raso, sen prexuízo, neste último caso das competencias da consellería competente en materia de minaría.

2.2.2. Servizo de Control de Xestión de Residuos, que exercerá as funcións de control da xestión dos residuos e das accións de desenvolvemento dos plans de xestión de residuos incluídos no ámbito de aplicación da Lei básica de residuos; a tramitación das autorizacións de xestores e produtores de residuos e procedementos de declaración de solos contaminados; e a colaboración coas consellerías correspondentes no control da xestión dos residuos non incluídos no ámbito de aplicación da referida lei, especialmente coa Consellería de Sanidade, no control da xestión dos residuos producidos nos establecementos sanitarios e coa Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, no control da xestión dos residuos producidos nas explotacións agrícolas e gandeiras así como daqueles que vaian ser utilizados como fertilizantes ou para outra aplicación de uso agropecuario, o fomento das accións de redución, reciclaxe e recuperación de residuos e dos programas de cola

boración cos concellos e con outras organizacións para aplicación das accións indicadas.

2.3. Subdirección Xeral de Tecnoloxía e Control Ambiental que exercerá as funcións de impulso, promoción e desenvolvemento tecnolóxico en materia de ambiente industrial; e o conxunto das actividades correctoras e ambientais encamiñadas ao cumprimento da normativa ambiental e control de actividades ambientais; e en particular de coordinación da inspección ambiental.

Para iso contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.3.1. Servizo de Tecnoloxía Ambiental, que se encargará do estudo e análises das mellores técnicas dispoñibles para facilitar a integración do respecto ao ambiente nos procesos produtivos das industrias; do establecemento das condicións que faciliten a transferencia de tecnoloxías limpas e técnicas de protección ambiental e de propoñer e establecer instrumentos económicos para incentivar a aplicación de sistemas de produción e tecnoloxías respectuosas co ambiente e de tratamentos ambientais.

2.3.2. Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia a quen lle corresponderá a realización de estudos, análises e informes técnicos sobre establecemento de parámetros, técnicas e procedementos analíticos previstos nas normas ambientais, todo iso de conformidade co previsto no Decreto 164/1999, do 27 de maio, polo que se establecen as competencias e funcións do Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia; así como as funcións de control da calidade ambiental e, en especial, o seguimento e control do Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes no ámbito da Comunidade Autónoma, das redes de calidade do aire en Galicia; o seguimento dos resultados das redes de control e vixilancia da calidade das augas continentais e marítimas de Galicia, en coordinación coa Administración hidráulica e pesqueira; o asesoramento e asistencia aos concellos en materia de aplicación da normativa contra a contaminación acústica de Galicia.

VI. Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible

Artigo 8º

1. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible exercerá as competencias e funcións en materia de promoción do desenvolvemento sostible da sociedade galega; o fomento da participación cidadá a través das políticas de información e formación; o impulso á investigación e o desenvolvemento tecnolóxico para a mellora do contorno; o deseño e seguimento dos proxectos de cooperación internacional correspondentes ao ámbito de actuación da consellería; a proposta e tramitación de convenios, acordos ou pactos con entidades públicas ou privadas para o logro dos seus obxectivos; a participación en foros nacionais e internacionais para efectos de facilitar o fluxo dos coñecementos máis actuais entre os distintos sectores interesados; o desenvolvemento de estudos e informes en materia de ambiente; e a xestión dos órganos de representación e participación social adscritos.

En relación coas actuacións comprendidas dentro destes ámbitos competenciais e sen prexuízo das funcións atribuídas á Secretaría Xeral da consellería no artigo 4.2º f), supervisará e inspeccionará os proxectos de obras e a súa execución material, tanto nos supostos de adxudicación como nos de execución pola Administración.

2. Para o exercicio das súas funcións estruturarase nas seguintes unidades:

2.1. Subdirección Xeral de Fomento do Desenvolvemento Sostible, que exercerá as funcións de elaboración de estratexias e programas que contribúan a acadar o apropiado nivel de desenvolvemento sostible; o establecemento das medidas necesarias para a súa efectiva implantación; o impulso, promoción, desenvolvemento e coordinación das iniciativas adoptadas por entidades públicas e privadas creadas para o establecemento das estratexias de desenvolvemento sostible, en particular o apoio ás iniciativas locais para a implantación da Axenda 21; o seguimento da política ambiental da Unión Europea, en particular o VI Programa de acción comunitaria en materia de ambiente; a elaboración, análise e seguimento, en colaboración coa Consellería de Economía e Facenda, de indicadores económicos relacionados co desenvolvemento sostible; o estudo e a análise do conxunto de medidas tendentes á diminución dos efectos prexudiciais que se deriven dos fenómenos globais, en particular do cambio climático; e a

xestión dos órganos de representación e participación social adscritos.

Para iso contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1.1. Servizo de Planificación da Sostibilidade, que exercerá as funcións de elaboración, coordinación e seguimento da estratexia galega de desenvolvemento sostible; de impulso á integración do referente ambiental nas distintas políticas sectoriais; de elaboración, coordinación e seguimento da estratexia galega fronte ao cambio climático; de apoio técnico ao exercicio por parte do titular do centro directivo das funcións que ten atribuídas como autoridade ambiental de Galicia, en particular as derivadas da súa condición de membro da Rede de Autoridades Ambientais de España; da xestión dos órganos de participación da Consellería de Medio Ambiente relativos á integración ambiental e ao desenvolvemento; das actuacións dirixidas á integración do ambiente nas accións dos fondos comunitarios, e en particular no proceso de programación, realización, seguimento e avaliación das accións financiadas por estes fondos e a realización das actuacións que se deriven da Directiva 2001/42/CE do

Parlamento europeo e do consello, do 27 de xuño de 2001, relativa á avaliación de determinados plans e programas no ambiente.

2.1.2. Servizo de Promoción da Sostibilidade, que exercerá as funcións de coordinación e seguimento da elaboración das iniciativas e programas de sostibilidade local, Axendas 21 locais, impulsados pola consellería; de apoio e seguimento da implantación de instrumentos de sostibilidade nas empresas gale

gas, memorias de sostibilidade, especialmente nas Pemes; de coordinación e impulso de proxectos de cooperación internacional para a implantación do desenvolvemento sostible, de coordinación e seguimento dos observatorios das axendas 21 locais implantadas en Galicia; de apoio técnico á difusión, comunicación e formación das actuacións en materia de sostibilidade desenvolvidas pola Xunta de Galicia ou en coordinación con ela.

2.2. Subdirección Xeral de Información, Formación e Prospectiva Ambiental, que exercerá as funcións de fomento e potenciación do libre fluxo da información ambiental entre os sectores interesados e os cidadáns, promovendo a participación destes últimos; a formación e consolidación dunha conciencia social para a protección e mellora do contorno; desenvolvemento de actuacións relativas á difusión e divulgación ambiental; o establecemento de criterios obxectivos co fin de lle dar coherencia e impulso á formación continua de técnicos e de persoal en xeral, en todas as cuestións que afecten o ambiente e o desenvolvemento sostible, a coordinación e execución de actividades informativas e formativas relacionadas co desenvolvemento sostible e coa protección e mellora do ambiente, e dirixidas ao conxunto da sociedade; o impulso, promoción, desenvolvemento e coordinación de iniciativas de investigación en materia de ambiente, baseadas en criterios de sostibilidade.

Para isto contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.2.1. Servizo de Formación e Divulgación Ambiental, que se encargará da promoción, deseño, execución e seguimento de programas e accións de concienciación para a sostibilidade dirixidas ao conxunto da sociedade; do establecemento de accións e actividades formativas e divulgativas dirixidas á cidadanía, sobre desenvolvemento sostible; da elaboración e promoción de programas e módulos tendentes á integración do ambiente e da sostibilidade no currículo educativo das ensinanzas regradas, para os efectos da súa proposta á Administración educativa, así como apoiar e fomentar a implantación das Axendas 21 escolares nos centros educativos; e da execución, seguimento e perfeccionamento da Estratexia Galega de Educación Ambiental.

2.2.2. Servizo de Información e Prospectiva Ambiental, que exercerá as funcións da xestión do punto focal da Rede Eionet da Axencia Europea do Medio Ambiente, e do mantemento e mellora do Sistema de Información Ambiental de Galicia (SIAM); do establecemento de criterios comúns para a elaboración de estatísticas ambientais por parte da consellería, coordinando para este fin os seus distintos servizos, sen prexuízo das competencias do Instituto Galego de Estatística; do deseño e execución de instrumentos de fomento e promoción da investigación, desenvolvemento e innovación en materia de ambiente e desenvolvemento sostible, en colaboración coa Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento; da xestión do sistema de predicción meteorolóxica de Galicia;

e de propoñer e incentivar a análise e os estudos sobre as condicións técnicas, científicas, económicas e sociais da realidade futura do ambiente.

2.3. Subdirección Xeral do Centro de Investigacións Forestais e Ambientais de Lourizán, que exercerá as funcións de planificación, deseño e execución das liñas de investigación científico-técnicas vinculadas ao campo forestal e ambiental de cara á obtención de resultados de investigación, acordes coas necesidades prioritarias establecidas polos xestores públicos. En consecuencia, realizará proxectos de investigación coordinada, concertada e converxente, e tamén efectuará propostas técnicas, proxectos demostrativos e programas de formación en colaboración cos centros de investigación nacionais e internacionais, entidades oficiais e particulares que se determinen.

VII. Delegacións provinciais

Artigo 9º

1. As funcións e competencias da Consellería de Medio Ambiente serán exercidas a nivel provincial polas delegacións provinciais.

2. Á fronte de cada delegación provincial existirá un delegado do que dependerán todos os servizos, unidades ou centros da consellería de carácter territorial que radiquen no ámbito da súa competencia, coas excepcións derivadas desta estrutura orgánica.

O delegado provincial depende orgánica e funcionalmente do conselleiro e exercerá as competencias e funcións establecidas no Decreto 5/1987, do 14 de xaneiro, e aquelas que lle sexan encomendadas.

3. Para o exercicio das súas funcións contarán coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

Secretaría, correspóndenlle, baixo a autoridade e supervisión do delegado, o exercicio das funcións relativas ao réxime interior, á tramitación administrativa, xestión de persoal, elaboración do anteproxecto de orzamento da delegación, a administración, control contable e xustificación de créditos que se asignen e, en xeral, prestarlle asesoramento e asistencia técnica e administrativa ao delegado, a quen substituirá nas funcións en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

Servizo Técnico Xurídico, coas funcións de estudo, tramitación e formulación, de ser o caso, de propostas de resolución de expedientes sancionadores, elaboración de informes e dictames sobre os actos administrativos emanados da delegación provincial, e, en xeral, tramitación de todos aqueles asuntos que por razón da súa competencia lle sexan encomendados polo delegado provincial.

Servizo de Montes e Industrias Forestais, exercerá no ámbito provincial as funcións da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais en materia de xestión de montes e produción e industrias forestais.

Servizo de Defensa contra Incendios Forestais, exercerá no ámbito provincial as funcións da Dirección

Xeral de Montes e Industrias Forestais en materia de prevención e extinción de incendios forestais.

Servizo de Conservación da Natureza, exercerá no ámbito provincial as funcións da Dirección Xeral de Conservación da Natureza en materia de espazos naturais e biodiversidade e recursos cinexéticos e piscícolas.

Servizo de Calidade e Avaliación Ambiental, exercerá no ámbito provincial as funcións da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

VIII. Órganos colexiados

Artigo 10º

1. Adscríbese á Consellería de Medio Ambiente o Consello Galego de Medio Ambiente. A presidencia do consello será asumida polo conselleiro de Medio Ambiente; a vicepresidencia polo director xeral de Desenvolvemento Sostido e a secretaría polo subdirector xeral de Calidade Ambiental, manténdose a composición dos restantes membros do consello.

Artigo 11º

1. Adscríbese á Consellería de Medio Ambiente o Comité Galego de Pesca Fluvial. A presidencia do comité será asumida polo director xeral de Conservación da Natureza.

2. Adscríbense á Consellería de Medio Ambiente os comités provinciais de pesca fluvial. A presidencia dos comités será asumida polos delegados provinciais da Consellería de Medio Ambiente.

Artigo 12º

1. Adscríbese á Consellería de Medio Ambiente o Comité Galego de Caza. A presidencia do comité será asumida polo director xeral de Conservación da Natureza.

2. Adscríbense á Consellería de Medio Ambiente os comités provinciais de caza. A presidencia dos comités será asumida polos delegados provinciais da Consellería Medio Ambiente.

Artigo 13º

1. Adscríbense á Consellería de Medio Ambiente os xurados provinciais de Montes Veciñais en Man Común. A presidencia dos xurados será asumida polos respectivos delegados provinciais e as secretarías por funcionarios designados polos presidentes.

2. Adscríbense á Consellería de Medio Ambiente os comités provinciais de Montes. A presidencia dos referidos comités será asumida polos respectivos delegados provinciais da Consellería de Medio Ambiente e as secretarías por funcionarios designados polos presidentes.

IX. Rexistro

Artigo 14º

Adscríbese á Consellería de Medio Ambiente o Rexistro de Asociacións Protectoras do Medio Ambiente.

Disposición transitoria

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido das subdireccións ou servizos existentes con anterioridade, autorízase o conselleiro de Medio Ambiente, por proposta do secretario xeral, a readscribir o persoal afectado a postos do mesmo ou inferior nivel, sempre que sexan postos de libre designación, ou adscribilos con carácter temporal, sempre que non exista posto de igual nivel, a outros de inferior nivel se se tratase de postos de provisión por concurso ata que, neste último caso, os ditos postos sexan cubertos na forma establecida regulamentariamente, sen que, en ningún caso, supoña a readscrición ou adscrición cambio de residencia.

Todo isto sen prexuízo do disposto nos artigos 27.5º e 62.4º da Lei da función pública de Galicia, e na Lei 9/1987, do 12 de maio, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ao servizo das administracións públicas, así como das competencias que poida ter atribuídas nesta materia a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Medio Ambiente para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de maio de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA