DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Xoves, 03 de xuño de 2004 Páx. 7.889

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 19 de maio de 2004 pola que se regula a adscrición de forma temporal, en comisión de servizo e por petición do interesado, dos funcionarios dos corpos docentes en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en atención a situacións persoais especiais por motivos de saúde.

A Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación, establece na súa disposición adicional oitava a facultade das comunidades autónomas para ordenar a súa función pública docente, no marco das súas competencias, respectando en todo caso, as normas básicas contidas nela, así como as bases do réxime estatuario dos funcionarios públicos docentes constituídas polas disposicións contidas na Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, modificada pola Lei 23/1988, do 28 de xullo.

A disposición adicional primeira do Real decreto 2112/1998, do 2 de outubro, polo que se regulan os concursos de traslados de ámbito nacional para a provisión de prazas correspondentes aos corpos docentes, establece que as administracións educativas poderán adscribir de forma temporal, en comisión de servizos, a tarefas propias do seu corpo en prazas distintas do destino que se ocupa, a aqueles funcionarios afectados por unha notoria mingua de facultades físicas, psíquicas ou sensoriais, sempre que tal diminución das súas capacidades non sexa susceptible da declaración de incapacidade permanente.

É coñecida por esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a existencia de situacións persoais de extrema gravidade por motivos de saúde, que poden afectar os funcionarios públicos docentes dependentes dela; situacións que, dificilmente poderían ter solución por outra vía, polo que debe arbitrarse un procedemento regrado para autorizar comisións de servizo por motivos de saúde sen que en ningún caso poida servir de base para a consideración deste como unha forma extraordinaria de concurso de traslados.

O procedemento previsto trata de garantir o cumprimento do principio de igualdade así como a valoración das circunstancias persoais de extrema necesidade creando para iso a comisión de valoración, a nivel autonómico, coa función de emitir informes preceptivos, valorando as circunstancias concorrentes en cada caso, de xeito que sirva de fundamento á resolución do órgano competente para autorizar as comisións obxecto desta orde, coa finalidade de que se respecte a uniformidade e obxectividade nos criterios que motivan a concesión.

Co obxecto de fixar as condicións e o procedemento administrativo das referidas adscricións procede regular, para o ámbito desta comunidade autónoma, estas situacións non consideradas na normativa ata agora vixente.

De acordo co establecido con anterioridade

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O procedemento e a convocatoria ten por obxecto posibilitar a adscrición de forma temporal, en comisión de servizos, a tarefas propias do seu corpo en prazas distintas do destino que se ocupa, a funcionarios docentes que imparten ensinanzas escolares, por motivos de saúde. Para tal efecto, considerarase que a comisión de servizos posúe motivos de saúde cando teña por finalidade adscribir a funcionarios afectados por situacións que impliquen unha notoria mingua das facultades físicas, psíquicas ou sensoriais, sempre que tal diminución das súas capacidades non sexa susceptible da declaración de incapacidade permanente, ou cando existan razóns de enfermidade grave do seu cónxuxe, parella de feito ou dun familiar en primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, que conviva e dependa exclusivamente del e non exista posibilidade dunha axeitada atención ao tratamento na localidade do seu destino.

En calquera caso, esta adscrición temporal en comisión de servizos noutra localidade estará supeditada á existencia de praza vacante ou necesidade de profesorado para o curso académico correspondente.

Artigo 2º.-Solicitantes.

Poderán solicitar adscrición temporal a tarefas propias do seu corpo, en réxime de comisión de servizos por motivos de saúde, a distinta localidade do seu centro de destino que reúna os requisitos necesarios para poder atender o problema de saúde, os funcionarios de carreira en servizo activo dos corpos docentes que impartan ensinanzas escolares ou persoal interino que lle corresponda ser nomeado conforme a normativa aplicable, polos motivos sinalados no artigo anterior.

Artigo 3º.-Outros requisitos.

1. Con carácter xeral os profesores haberán de solicitar localidades situadas a unha distancia superior a 50 km do centro cando teña o seu destino definitivo. Excepcionalmente, poderán solicitar prazas cunha distancia inferior ou na mesma localidade cando as razóns por motivos de saúde alegadas así o aconsellen de xeito indudable.

2. Aqueles profesores que desfrutaron durante este curso escolar ou anteriores dunha comisión de servizos por motivos de saúde, deberán ter solicitado en cantos concursos xerais de traslados para a obtención de destino definitivo puidesen participar desde

a súa primeira comisión de servizos polos mesmos motivos, todas as localidades que na solicitude de adscrición temporal por motivos de saúde cubran nesta convocatoria.

3. Cando a solicitude se realice por enfermidade grave do seu cónxuxe, parella de feito ou dun familiar en primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, este debe convivir e depender exclusivamente do solicitante.

Artigo 4º.-Solicitudes.

Os profesores interesados deberán presentar unha instancia axustada ao modelo que se xunta como anexo a esta orde.

Na dita solicitude deberán enumerarse, por orde de preferencia, as localidades que se solicitan.

Artigo 5º.-Documentación.

Ademais da solicitude sinalada no artigo anterior, deberán presentar:

a) Informe médico oficial acreditativo da enfermidade alegada.

b) Probas diagnósticas médicas (análises, radiografías, etc.) relacionadas coa enfermidade motivo da solicitude.

c) Copia compulsada do libro de familia, así como certificado de convivencia expedido polo concello correspondente, no suposto de que o afectado por motivos de saúde sexa un familiar do profesor incluído nos supostos recollidos no artigo 1º.

d) Outra documentación xustificativa.

Artigo 6º.-Informe.

A inspección médica da correspondente delegación provincial onde preste os servizos realmente, á vista da documentación presentada e de calquera outro documento ou historial clínico que puidese constar nos arquivos da delegación provincial e que se considere pertinente, así como dos recoñecementos, inspeccións ou outras circunstancias e actuacións que se estimen oportunas para acreditar a veracidade da enfermidade alegada ou da gravidade desta, emitirá o informe correspondente, que terá carácter preceptivo.

Para a emisión deste informe, os interesados deberán estar localizables pola inspección médica correspondente por se fose necesario por esta completar o dito informe ou celebrar unha entrevista para mellor apreciar as circunstancias que puidesen concorrer no solicitante. O incumprimento desta condición por causa imputable ao interesado podería dar lugar á perda dos seus dereitos.

Artigo 7º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

A solicitude e a documentación sinaladas no artigo 5º desta orde, dirixidas ao delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da provincia onde se presten servizos realmente, poderán presentarse en calquera das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou ben na forma prevista no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes recibidas en lugares distintos á delegación provincial onde o solicitante preste realmente os seus servizos haberán de remitirse a esta ultima para os efectos do informe sinalado no artigo anterior.

O prazo de presentación de solicitudes será do 16 ao 31 de maio de cada ano, ambos os dous inclusive.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

Unha vez recibidas as solicitudes e emitidos os correspondentes informes pola inspección médica, o delegado provincial remitiralle á Dirección Xeral de Persoal toda a documentación para que, con carácter previo á resolución que proceda, se solicite preceptivamente informe á comisión de valoración que se constituirá para o efecto como órgano consultivo na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, integrada por:

O director xeral de Persoal ou persoa en quen delegue, que a presidirá.

-Ata un máximo de tres funcionarios da Dirección Xeral de Persoal coa categoría de xefe de servizo ou subdirector.

-Un delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

-Dous inspectores médicos

-Un funcionario da Dirección Xeral de Persoal, que actuará como secretario.

-Todos eles serán designados polo director xeral de Persoal.

-Os sindicatos integrantes da mesa sectorial de persoal docente non universitario poderán nomear a un representante por sindicato para asistir ás sesións da comisión.

Artigo 9º.-Resolución.

A Dirección Xeral de Persoal proporalle ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria a resolución na que declarará a procedencia ou

improcedencia da concesión da comisión de servizos por motivos de saúde solicitada, unha vez recibido o informe preceptivo da comisión de valoración.

A resolución, que porá fin ao procedemento, será motivada cando se aparte do sentido do informe emitido pola comisión de valoración.

Esta resolución exporase nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nas delegacións provinciais, e pola que se entenderán notificados, para todos os efectos, aos solicitantes aos que lles afecte.

Así mesmo, porase á disposición dos interesados unha relación actualizada destas comisións de servizo concedidas no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Contra a resolución ditada, os interesados poderán interpoñer, de conformidade co disposto nos artigos 107 e seguintes da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria ou directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de conformidade cos artigos 8.2º, 14.2º e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A deformación dos feitos ou calquera falsidade consignada na solicitude ou na documentación achegada será causa de denegación ou revogación, se é caso.

Transcorrido un prazo de tres meses, contados a partir da data de remate do prazo de presentación de solicitudes, sen que recaese resolución expresa, a petición da comisión de servizos por motivos de saúde entenderase desestimada.

Artigo 10º.-Adxudicación de destino.

Aos solicitantes aos que se lles conceda a comisión de servizos por motivos de saúde adxudicaráselles posto de traballo con carácter previo á adxudicación de destinos provisionais, no suposto recollido no parágrafo segundo do artigo 1º.

Artigo 11º.-Incompatibilidade e irrenunciabilidade da comisión.

Con carácter xeral, dous ou máis docentes vinculados familiarmente non poderán desfrutar dunha adscrición temporal polo mesmo motivo, debendo renunciar, se é o caso, un deles.

Non se poderá obter comisión de servizos por motivos de saúde se o interesado obtivese outra comisión de servizos para o curso vindeiro polo procedemento que sexa.

Unha vez feita a adxudicación non se aceptará a renuncia á praza solicitada, agás que a Administración educativa, por razóns perfectamente motivadas e por necesidade do servizo, estime a súa revogación.

Artigo 12º.-Toma de posesión.

Será a que dispoña a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nas súas normas reguladoras de comezo de curso.

Artigo 13º.-Vixencia.

A vixencia da comisión de servizos por motivos de saúde será dun curso escolar, sen prexuízo da prórroga, que poderá concederse, logo de solicitude do interesado, no suposto de persistencia das circunstancias que motivaron a súa concesión.

A solicitude de prórroga deberá reunir os mesmos requisitos formais e temporais exixidos para a solicitude de concesión.

Artigo 14º.-Seguimento e avaliación.

As comisións de servizo concedidas por motivos de saúde serán obxecto de avaliación e seguimento durante a súa pervivencia, analizando a evolución da situación que deu orixe a elas, na forma que se determine.

Artigo 15º.-Causas sobrevidas.

Os casos que puidesen xurdir por causa sobrevida fóra do prazo de solicitudes establecido tramitaranse directamente á Dirección Xeral de Persoal, que requirirá das delegacións provinciais os informes e documentos pertinentes, por vía de urxencia, resolvendo o que proceda, se é o caso, e con ocasión de vacante ou necesidade de profesorado para o curso académico correspondente.

Disposición transitoria

O prazo de presentación de solicitudes para o curso escolar 2004-2005 será de 15 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde, admitíndose para estes efectos todas aquelas solicitudes que fosen presentadas con anterioridade á apertura deste prazo.

Disposición derradeira

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Persoal a ditar as normas que sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2004.

Celso Ramón Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA