DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Martes, 01 de xuño de 2004 Páx. 7.777

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 26 de abril de 2004, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da sentenza do Xulgado do Social número catro da Coruña sobre impugnación do convenio colectivo do Concello de Culleredo.

Visto o expediente da sentenza de data 22-3-2004 do Xulgado do Social número catro da Coruña sobre impugnación do convenio colectivo do Concello de

Culleredo, que tivo entrada nesta Delegación Provincial da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais o día 15-4-2004, de conformidade co disposto no artigo 2 d) do Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e artigo 164.3º do Real decreto 2/1995, do 7 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de procedemento laboral, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordenar o depósito do citado acordo no Servizo de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 26 de abril de 2004.

Luis Alberto Álvarez Freijido

Delegado provincial da Coruña

Sentenza.

Na cidade da Coruña, o vinte e dous de marzo de dous mil catro

Beatriz Rama Insua, maxistrada xuíza do Xulgado do Social número catro desta capital, viu estes autos sobre procedemento de oficio, seguidos por instancia da autoridade laboral que non compareceu contra o Concello de Culleredo representada pola letrada Nieves Fuentes Bermejo, UGT representada polo letrado José Páramo Sureda e CC.OO. representada polo letrado Santiago Guemez Abad.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data 3-6-2002, tivo entrada neste xulgado demanda de oficio subscrita polo demandante, na que tras expor os feitos e fundamentos de dereito, acabou suplicando que se dite sentenza pola que estimando a demanda se resolva sobre a legalidade do artigo 2 do convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Culleredo.

Segundo.-Que recibida a trámite a dita demanda foron convocadas as partes para o acto de conciliación e xuízo o día 2-3-2004, en el, dada conta dos autos solicitaron todas as partes intervenientes e de común acordo dar unha nova redacción ao artigo 2 do convenio colectivo nos termos nos que queda redactado na acta de xuízo celebrado o 2-3-2004 solicitando que se ditase sentenza axustada a dereito.

Terceiro.-Na tramitación destes autos observáronse as prescricións legais.

Feitos probados.

Primeiro.-Que o presente procedemento de oficio foi iniciado pola autoridade laboral ao entender que

a redacción do conenio colectivo do persoal laboral do Concello de Culleredo lesionaba os traballadores contratados a tempo parcial e aqueles traballadores con contratos financiados con subvencións doutros organismos ou institucións. Solicitando que se resolvese sobre a legalidade do artigo 2 do referido convenio.

Segundo.-No acto de xuízo a comisión negociadora do convenio citado, é dicir Concello de Culleredo, UGT, CC.OO., aceptou unha nova redacción do referido artigo, do seguinte teor literal:

«Artigo 2º.-Ámbito de aplicación persoal.

As normas contidas neste convenio colectivo serán de aplicación a todo o persoal indefinido suxeito á lexislación laboral, con excepción, se é o caso, do persoal de alta dirección definido segundo establece o artigo 2.1º do Estatuto dos traballadores. As normas contidas neste convenio aplicaranse así mesmo ao persoal laboral que non teña a condición de indefinido, coas adaptacións singulares que se deriven del e de cada contrato individual, e no que sexa compatible coas particularidades da súa específica relación laboral».

Fundamentos de dereito.

Único.-A redacción dada de común acordo por todas as partes integrantes da comisión negociadora do convenio colectivo do Concello de Culleredo, ao artigo 2º del, enténdese que non vulnera nin lesiona os dereitos dos traballadores por razón das características dos seus contratos de traballo, e en consecuencia resulta asustada a dereito, debendo manterse nos termos acordados.

Vistos os artigos citados e demais de xeral e pertinente aplicación:

Decido que resolvendo a demanda de oficio promovida pola autoridade laboral contra o Concello de Culleredo, UGT, CC.OO., debo declarar e declaro que a redacción do artigo 2º do convenio colectivo do concello acordada pola comisión negociadora, no acto do xuízo celebrado en data 2 de marzo de 2004, resulta axustada a dereito.

Notifíqueselles esta resolución ás partes e fágaselles saber que contra ela cabe recurso de suplicación, que se anunciará dentro dos cinco días seguintes á notificación da sentenza, ante este xulgado do que coñecerá, se é o caso, a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, tal como establecen os artigos 188 e ss. do texto refundido da Lei de procedemento laboral aprobado por Real decreto lexislativo 2/1995, do 7 de abril.

Así, por esta miña sentenza, definitivamente xulgando en primeira instancia, pronúncioo, mándoo e asínoo.