DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Martes, 01 de xuño de 2004 Páx. 7.745

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 21 de maio de 2004 pola que se clasifica como benéfico-social a Fundación Galega para a Dinamización do Emprego.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Galega para a Dinamización do Emprego, con domicilio en Vigo (Pontevedra).

Supostos de feito.

1. A fundación formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Galega para a Dinamización do Emprego foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día vinte e nove de setembro de dous mil tres, ante o notario Carlos de la Torre Deza, co número de protocolo mil cento oito, por Xesús Mosquera Sueiro, Eusebio Justo Santos, Xesús E. Seixo Fernández e José Antonio Neira Cortés; interveñen Xesús Mosquera Sueiro, en representación da Unión Xeral de Traballadores de Galicia; Xesús E. Seixo Fernández, en representación da Confederación Intersindical Galega; Eusebio Justo Santos, en representación do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia, e José Antonio Neira Cortés, en representación da Confederación de Empresarios de Galicia. Esta escritura foi emendada por outra posterior do vinte e nove de marzo de dous mil catro, outorgada ante o mesmo notario e co número de protocolo catrocentos setenta.

3. A fundación ten como obxecto, segundo establece o artigo seis dos estatutos, a realización de actividades dirixidas a promover a formación, a cualificación profesional e o emprego, especialmente nas pequenas empresas.

Concretamente a través da planificación, organización e xestión de accións de formación ocupacional, orientación laboral e profesional e prospección de recursos ociosos ou infrautilizados e de proxectos empresariais e iniciativas innovadoras para a xeración de emprego, así como a difusión e estímulo das potenciais oportunidades de creación de actividades entre desempregados. E por último, calquera outra acción que o padroado decida en cumprimento do fin establecido no parágrafo anterior.

4. O padroado da fundación estará integrado por Antonio Fontenla Ramil como presidente; Xesús Mosquera Sueiro como vicepresidente; José Ardavín Álvarez, Eduardo Jiménez Domínguez, José María Hidalgo González, José Manuel Fernández Alvariño, Francisco Rodríguez García, José Benito Núñez López, Xan María Castro Paz, Eusebio Justo Santos,

Xoán Xosé Bouzas Aboi e Serafín Otero Fernández como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico-social da Fundación Galega para a Dinamización do Emprego, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos exixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico-social e a súa adscrición á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 18 de maio de 2004.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico-social a Fundación Galega para a Dinamización do Emprego e adscribila á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2004.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia Relacións

Institucionais e Administración Pública