DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Xoves, 27 de maio de 2004 Páx. 7.463

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 19 de maio de 2004 pola que se regula o exercicio de dereito ao voto dos traballadores por conta allea nas eleccións de deputados ao Parlamento Europeo, convocadas para o día 13 de xuño de 2004 polo Real decreto 561/2004, do 19 de abril.

Convocadas eleccións de deputados ao Parlamento Europeo polo Real decreto 561/2004, do 19 de abril e ao abeiro do artigo 37.3º d) do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, cómpre regular as diversas situacións que poidan presentarse para o exercicio do dereito ao voto daqueles traballadores que non desfruten do seu descanso semanal o día da votación, así como das persoas que interveñen dentro do proceso electoral, posto que as eleccións terán lugar en domingo, todo isto de conformidade co disposto no artigo 13 do Real decreto 605/1999, do 16 de abril, de regulación complementaria dos procesos electorais.

Para este fin, e logo de acordo co delegado do Goberno de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Estas normas seranlles de aplicación a aqueles traballadores por conta allea que teñan a condición de electores, e non desfruten do devandito día de descanso semanal previsto no artigo 37.1º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e a aqueles en que concorra a condición de membros de mesas electorais, interventores ou apoderados nas eleccións do 13 de xuño de 2004.

Artigo 2º

Para que os traballadores por conta allea poidan participar nas eleccións de deputados ao Parlamento Europeo, que se levarán a cabo o día 13 de xuño do 2004, no suposto de que non desfruten en tal data de descanso semanal, gozarán do permiso retribuído correspondente, consonte as seguintes prescricións:

a) Os traballadores por conta allea, cun horario de traballo que non coincida co de apertura de mesas electorais ou que coincida nun período inferior a dúas horas, non terán dereito a permiso retribuído.

b) Os traballadores por conta allea, cun horario de traballo que coincida en dúas ou máis horas e menos de catro co período de apertura das mesas electorais desfrutarán dun permiso retribuído de dúas horas.

c) Os traballadores por conta allea, cun horario de traballo que coincida en catro ou máis horas e menos de seis co período de apertura das mesas electorais desfrutarán dun permiso retribuído de tres horas.

d) Os traballadores por conta allea, cun horario de traballo que coincida en seis ou máis horas co período de apertura das mesas electorais, desfrutarán dun permiso retribuído de catro horas.

Cando o traballo se preste en xornada reducida, efectuarase a correspondente redución proporcional do permiso.

Correspóndelle ao empresario a distribución, consonte a organización do traballo, do período en que os traballadores disporán de permiso para acudiren a votar.

Artigo 3º

No suposto de traballadores por conta allea que teñan previsto que na data da votación non se atopen na localidade onde lles corresponde exercer o seu dereito ao voto, ou que non poidan exercer o dereito de sufraxio o día das eleccións, disporán, no seu horario laboral, de ata catro horas libres, de igual maneira co establecido no artigo anterior, para que poidan formular persoalmente a solicitude do certificado de inscrición no censo, así como para efectuar a remisión do voto por correo.

Artigo 4º

Os traballadores por conta allea nomeados presidente ou vocal das mesas electorais e os que acrediten a súa condición de interventores, disporán durante o día da votación dun permiso retribuído de xornada completa, se non desfrutan en tal data de descanso semanal, e terán dereito a unha redución da súa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior, segundo os artigos 28.1º e 78.4º da Lei orgánica do réxime electoral xeral.

Se algún dos traballadores aos que se refire o parágrafo anterior tivese que traballar na quenda de noite na data inmediatamente anterior ao día da votación, a empresa cambiaralle a quenda para que poida descansar esa noite.

Artigo 5º

Os traballadores por conta allea que acrediten a súa condición de apoderados de acordo co previsto no artigo 76.4º da Lei orgánica do réxime electoral xeral teñen dereito a un permiso retribuído durante o día da votación, se non desfrutan en tal data do descanso semanal.

Artigo 6º

Os empresarios poderán solicitar dos traballadores que exerzan os dereitos regulados na presente orde, a certificación de voto, ou se é o caso, a acreditación da mesa electoral.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2004.

Mª José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais