DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Xoves, 27 de maio de 2004 Páx. 7.459

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE E VOLUNTARIADO

ORDE do 21 de maio de 2004 pola que se convocan prazas para residencia de educadores en prácticas en centros de atención a menores dependentes da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 27.23º atribúelle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

O Decreto 195/2003, do 20 de marzo, que establece a estrutura orgánica da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, no seu artigo 1 asígnalle as competencias sobre protección de menores á citada consellería.

Coa realización desta convocatoria preténdese favorecer os estudantes con dificultades económicas para o seu acceso ao ensino universitario e aos licenciados universitarios que están realizando estudos de doutoramento, ao mesmo tempo que se dotan de apoio no eido educativo e asistencial aos centros de atención de menores que se relacionan no anexo II desta orde.

Para este fin destínase un crédito de 53.550 A con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.212B.228, que figura cunha dotación económica de 6.717.335 A nos estados de gastos do orzamento para o ano 2004 establecidos na Lei 8/2003, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 251, do 29 de decembro).

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto da convocatoria.

Convocar a cobertura de 35 prazas para residencia de educadores en prácticas para o curso escolar 2004-2005 nos centros de internado de menores dependentes da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, segundo o número e distribución que figura no anexo II desta orde.

Artigo 2º.-Condicións dos solicitantes.

Son requisitos para participar na convocatoria os seguintes:

a) Ser español/a ou nacional de calquera país membro da Unión Europea, legalmente establecido en España e con residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Non ter cumpridos os 26 anos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

c) Estar cursando estudos universitarios de 1º ou de 2ª ciclo, e ter aprobado integramente dous cursos dos devanditos estudos, ou ter finalizada unha licenciatura ou diplomatura.

d) Non ter perdido con anterioridade a condición de educador en prácticas por causa imputable ao solicitante.

e) Non padecer defecto físico que impida o desenvolvemento normal da actividade do centro.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. Os interesados deberán cubrir a solicitude que figura no anexo I, podendo optar soamente por centro/s dunha mesma provincia, remitila e presentala na delegación provincial da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado que corresponda, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude presentarán asemade os seguintes documentos:

a) Xustificación de ingresos da unidade familiar: copia da declaración do IRPF de cada membro da unidade familiar obrigado a declarar.

No caso de non ter obriga de presentar declaración:

-Os solicitantes de devolución rápida (mod. 104) achegarán copia da comunicación que lles envía a Axencia Estatal de Administración Tributaria en aplicación do artigo 100 do Real decreto lexislativo 3/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do imposto sobre a renda das persoas físicas.

-As persoas non obrigadas a declarar e que non solicitan devolución rápida (mod. 104) achegarán certificación dos datos existentes na Administración, expedida pola Axencia Estatal de Administración Tributaria, en aplicación do artigo 16 da Lei 1/1998, do 26 de febreiro, de dereitos e garantías dos contribuíntes.

b) Orixinal ou fotocopia compulsada do expediente académico.

c) Proxecto sobre un taller para realizar cos menores dos centros que se soliciten.

d) Fotocopia compulsada dos certificados que acrediten a experiencia en traballo e intervención educativa cos menores, animación sociocultural e coñecementos específicos en materia físico-deportiva.

e) Fotocopia compulsada da matrícula en facultades ou escolas universitarias e/ou do título que acredite os estudos realizados.

f) Acreditación, se é o caso, da condición de educador en prácticas en anos anteriores dalgún centro de menores dependente na actualidade desta consellería.

g) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade do solicitante, ou da tarxeta de residencia en réxime comunitario no suposto de nacionais da Unión Europea ou do espazo económico europeo legalmente establecidos en España.

h) Certificado médico que acredite non padecer defecto físico que impida o desenvolvemento normal da actividade do centro.

i) Declaración de non realizar actividades profesionais remuneradas por conta propia ou allea, nin recibir bolsas equiparables ás desta convocatoria.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, os interesados disporán dun prazo de dez días para emendar calquera falta ou acompañar os documentos preceptivos nos termos que establece o artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Dereitos dos adxudicatarios.

A concesión da praza comporta para o/a educador/a en prácticas:

a) Aloxamento e mantenza gratuítos no centro desde o comezo das prácticas. O aloxamento será de tal xeito que lle permita ao/á educador/a en prácticas a normal realización dos seus estudos.

b) A asunción pola Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado dos gastos seguintes:

-Custos de matrícula de estudos universitarios nunha facultade ou escola universitaria ou nun curso de doutoramento, posgrao ou master, ata un importe de 210 euros, logo de xustificación.

-Custos pola adquisición de libros relacionados cos estudos cursados, ata un importe de 120 euros, logo de xustificación.

c) A asunción pola Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado de ata 120 euros/mes durante dez meses en concepto de bolsa, logo de xustificación polo director do centro da realización das prácticas como educador/a nos meses correspondentes.

d) A solicitar das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, no caso de ser alumnos

delas, o recoñecemento de 2 créditos de libre elección curricular.

Para o recoñecemento destes créditos, os alumnos deberán presentar nas universidades que lles correspondan a seguinte documentación:

-Diploma ou certificación acreditativa da superación das prácticas realizadas.

-Unha memoria da actividade realizada no centro.

Estes créditos recoñeceranse como de libre configuración curricular, sen que sexa posible superar os límites que para estes efectos establecen os correspondentes plans de estudos.

Artigo 5º.-Obrigas dos adxudicatarios.

A condición de educador en prácticas obriga ao adxudicatario dunha praza ao seguinte:

a) A realizar as tarefas relacionadas coas prácticas, que a dirección do centro lle encomende, en horario de actividade extraescolar. Estas deberanse realizar de tal xeito que resulten compatibles co aproveitamento académico do propio educador en prácticas.

b) A gardar absoluta confidencialidade sobre os datos persoais e familiares aos que teñan acceso como consecuencia das actividades realizadas e documentación observada nas unidades nas que realicen as prácticas.

c) Os datos obtidos ou observados, dos que se teña constancia por medio das prácticas realizadas, relativos ás diferentes materias xurídico-administrativas referentes aos centros (funcionamento, actividades, programas, persoal, etc.) que se puideran coñecer e utilizar en traballos de natureza académica non poderán facerse públicos de ningún xeito e, por suposto, en ningún medio de comunicación público ou privado, agás que a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado o autorice expresamente.

d) A presentar unha memoria da actividade realizada no centro, ao remate do período de prácticas e estadía no centro, que será remitida á Dirección Xeral de Familia, edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

Artigo 6º.-Duración das prácticas.

A duración das prácticas, e polo tanto, as estadías nos centros dos adxudicatarios das prazas, será do 1 de setembro de 2004 ao 30 de xuño de 2005.

Ao rematar a estadía no centro, seralles entregado polo/a delegado/a provincial da consellería e logo do informe favorable do director do centro, un diploma acreditativo das prácticas realizadas.

Artigo 7º.-Procedemento para a avaliación das solicitudes.

Para a adxudicación das prazas procederase da seguinte maneira:

1. Constituirase unha comisión por cada provincia onde se sitúen os centros, presidida polo respectivo xefe do Servizo de Familia, Infancia e Menores e actuando como vogais, un funcionario designado polo delegado provincial e os directores dos centros que deban recibir os educadores en prácticas.

2. A dita comisión examinará as solicitudes presentadas, valorando no seu conxunto os seguintes datos:

a) Expediente académico universitario (de 0 a 5 puntos).

b) Experiencia en animación sociocultural e coñecementos específicos en actividades deportivas (de 0 a 2 puntos).

c) Experiencia en traballo e intervención educativa de menores. (de 0 a 2 puntos).

d) Situación económica da unidade familiar (de 0 a 6 puntos).

e) Ter sido educador en prácticas dalgún centro de atención a menores dependente na actualidade desta consellería (de 0 a 5 puntos).

f) Entrevista persoal, na que se terán en conta as aptitudes e actitudes persoais para a función que se vai desempeñar (de 0 a 10 puntos).

A puntuación máxima será de 30 puntos.

3. En canto ás titulacións, terase en conta o ámbito de actuación no que se desenvolverán as prácticas polo que, neste sentido, terán prioridade os solicitantes con estudos máis directamente relacionados coas funcións que hai que realizar nun centro de menores, como son os estudos de psicoloxía, ciencias da educación, psicopedagoxía, mestre nas diferentes especialidades e educación social.

4. A comisión competente confeccionará unha lista, por orde de preferencia, das solicitudes recibidas para cada centro, elevando a correspondente proposta de resolución ao delegado provincial da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado no prazo máximo de quince días, contados a partir do remate do prazo de presentación das instancias.

Se algún solicitante fose seleccionado como educador en prácticas para máis dun centro, lle será comunicada tal circunstancia, para que nun prazo non superior a 10 días desde a data de comunicación, opte por un dos centros nos que foi seleccionado.

Artigo 8º.-Resolución.

1. A resolución correspóndelle ao delegado provincial da consellería que a dita, logo da fiscalización da intervención, e comunicarase tanto aos centros como a todos os solicitantes. O prazo máximo para resolver será de 2 meses, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. No caso de non existir resolución expresa transcorrido o prazo, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

Esta resolución non pon fin á vía administrativa e contra ela pode interporse recurso de alzada ante a conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, de acordo co previsto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os seleccionados terán un prazo de 10 días desde a notificación da concesión da praza para acreditar a domiciliación bancaria, para efectos do pagamento, así como calquera outra documentación alegada na solicitude, que lle fose requirida pola delegación provincial correspondente.

A non presentación en prazo da acreditación referida ou a non suficiente acreditación dos méritos alegados na solicitude, suporá a perda do dereito á praza, procedéndose a adxudicar a mesma ao seguinte solicitante que figura por orde de puntuación na lista confeccionada inicialmente.

3. Utilizarase este mesmo procedemento cando, durante o curso escolar se producise algunha vacante nas prazas ofertadas.

4. No caso de non haber solicitudes para determinado centro ou as que houbese fosen valoradas negativamente, a praza de educador/a será considerada deserta.

5. Unha vez que lle sexa asignada a praza de educador/a en prácticas nun centro determinado, deberase pór en práctica o proxecto presentado para ese centro.

Artigo 9º.-Natureza da relación entre o educador en prácticas e a Xunta de Galicia.

A concesión da praza non xera ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra orde entre a Xunta de Galicia e o adxudicatario.

Artigo 10º.-Perda da condición de educador en prácticas.

1. A condición de educador en prácticas extínguese ao rematar o curso académico na data fixada no artigo 6º desta convocatoria, así como por renuncia expresa do interesado.

Así mesmo, o incumprimento por parte do educador das obrigas ás que se refire esta orde, a ausencia inxustificada, o non cumprimento da disciplina do centro, a obtención da praza sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou a non utilización coa finalidade para a que foi concedida, serán causas da perda da condición de educador en prácticas a todos os efectos.

2. A resolución pola que se acorde esta circunstancia correspóndelle aos delegados provinciais desta consellería logo de instrución do oportuno expediente de conformidade coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Familia para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2004.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude, Deporte

e Voluntariado

ANEXO II

Relación de centros e prazas de educadores

en prácticas

ProvinciaCentroLocalidade

prazas

A CoruñaCentro Virxe do CarmeFerrol3

A CoruñaColexio San José de CalasanzA Coruña3

A CoruñaResidencia de Estudios SoutomaiorFerrol4

A CoruñaCentro de menores Xoán Vicente ViqueiraSantiago de Compostela2

LugoCentro Educativo Santo Anxo da GardaRábade2

LugoCentro Educativo Virxe dos Ollos GrandesLugo2

OurenseCentro Educativo MontealegreOurense3

OurenseResidencia de Estudios A CarballeiraOurense8

PontevedraCentro Especial Avelino MonteroPontevedra4

PontevedraCentro de Menores de MarínMarín1

PontevedraCentro Fogar San PaioVigo3

Total de prazas:35