DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Xoves, 27 de maio de 2004 Páx. 7.458

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 26 de maio de 2004 pola que se regula o exercicio dos dereitos electorais do persoal ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia, nas eleccións de deputados ao Parlamento Europeo.

Convocadas eleccións de deputados ao Parlamento Europeo polo Real decreto 561/2004, do 19 de abril, que terán lugar o vindeiro día 13 de xuño do ano que corre, é preciso adoptar as medidas oportunas para facilitar o exercicio dos dereitos e deberes do persoal ao servicio desta Administración autonómica.

En consecuencia, en virtude do previsto nos artigos 28, 76 e 78 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, e no artigo 13 do Real decreto 605/1999, do 16 de abril, de regulación complementaria dos procesos electorais, e demais disposicións concordantes, esta consellería, de conformidade coas facultades que lle confire o artigo 13 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia,

DISPÓN:

Artigo 1º

1. O persoal ao servizo da Administración pública da Galicia que o día das eleccións non desfrute do seu descanso semanal, terá dereito a un permiso retribuído de catro horas libres para exercer o seu dereito ao voto, sempre que a súa quenda de traballo, o día 13 de xuño de 2004, coincida polo menos en catro horas co tempo no que permanecerán abertas as mesas electorais. Cando o traballo se preste en xornada reducida, efectuarase a correspondente redución proporcional do permiso.

2. O persoal ao servizo da Administración pública de Galicia que teña previsto que na data da votación non se atope na localidade onde lle corresponda exercer o seu dereito ao voto, ou que non poida exercer o dereito de sufraxio o día das eleccións, disporán no seu horario laboral, de ata catro horas libres para que poida formular persoalmente a solicitude de certificación acreditativa da súa inscrición no censo, que se recolle no artigo 72 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, así como para a remisión do voto por correo.

Artigo 2º

1. O persoal nomeado presidente ou vocal de mesas electorais, e os que acrediten a súa condición de interventores, teñen dereito, durante o día da votación, a un permiso retribuído de xornada completa se non desfrutan en tal data de descanso semanal, e a unha redución da súa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior.

2. Os que acrediten a súa condición de apoderados teñen dereito a un permiso retribuído durante o día da votación, se non desfrutan nese día de descanso semanal.

Artigo 3º

De conformidade co disposto na Orde do 20 de novembro de 1989 en relación co establecido así

mesmo na Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, o persoal ao servizo da Administración pública de Galicia que se presente como candidato ás eleccións que se celebrarán o vindeiro 13 de xuño poderá ser dispensado, logo de solicitude do interesado, da prestación do servizo nas súas respectivas unidades durante a campaña electoral, que terá lugar entre o 28 de maio e o 11 de xuño do ano que corre, ambos os dous incluídos. A competencia para a concesión do referido permiso corresponderalle ao secretario xeral de cada consellería.

Artigo 4º

Os directores ou xefes de persoal das dependencias onde presta os seus servizos o persoal afectado por esta orde, exixiranlle ao mencionado persoal os oportunos xustificantes expedidos polas mesas electorais de que exercen o seu dereito ao voto.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2004.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública