DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Mércores, 26 de maio de 2004 Páx. 7.407

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 14 de maio de 2004 pola que se modifica a do 10 de marzo de 2004 publicada no Diario Oficial de Galicia número 67, do 6 de abril, pola que se regula o réxime de subvencións extraordinarias ás agrupacións de voluntarios de protección civil.

No Diario Oficial de Galicia número 248, do 23 de decembro de 2003, publicouse a Orde do 18

de decembro de 2003 pola que se dispón a aprobación e a publicación do Plan de Protección Civil de Atención ao Peregrino 2004 (PAP 2004), e no punto 7 do anexo prevense os grupos de protección civil de atención ao peregrino.

No punto 7.2. indícase que os grupos de protección civil estarán constituídos polos voluntarios das agrupacións de voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia situadas nos concellos por onde discorren as distintas rutas xacobeas. No punto 7.4. establécense as misións que deben realizar, concretándose as funcións que se van desenvolver no punto 7.7. que se especifican nos subpuntos 7.7.1. «patrulla nas distintas rutas xacobeas», 7.7.2. «atención aos peregrinos dos distintos camiños xacobeos», 7.7.3. «atención ao peregrino en grandes concentracións» e 7.7.4. «informar o peregrino».

Na Orde do 10 de marzo de 2004 que regula o réxime de subvencións ás agrupacións de voluntarios de protección civil prevense axudas de tres tipos, unha delas relacionada co Xacobeo.

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, a través da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, co obxecto de que as agrupacións de voluntarios de protección civil poidan realizar as funcións previstas no Plan de Protección Civil de Atención ao Peregrino 2004 (PAP 2004), con cargo á aplicación orzamentaria do presente ano 2004 13.03.231A.480.0, dispón dun crédito extraordinario para este fin de 210.600 euros.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, se establecen os requisitos xerais ás subvencións e axudas concedidas pola Administración autonómica, normativa á que en consecuencia se adaptará esta orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Amplíase o crédito orzamentario previsto na Orde do 10 de marzo de 2004, no artigo 1º, punto 2 c), en 210.600 A, debendo destinarse esta cantidade integramente a este concepto.

Artigo 2º

Amplíanse os beneficiarios do artigo 2º da Orde do 10 de marzo de 2004, punto 3, tamén a aquelas agrupacións de voluntarios de protección civil colaboradoras en grandes concentracións na cidade de Santiago de Compostela.

Artigo 3º

Modifícanse os criterios establecidos no artigo 8º, letra C, quedando a nova redacción como segue:

C. Para as axudas relacionadas co Xacobeo 2004 teranse en conta:

a) Os quilómetros de percorrido do grupo de atención ao peregrino na/s ruta/s que veña/n asignada/s a AVPC no PAP 2004, ata un 30%.

b) Comunicación de apertura e peche diaria de operativos ao Centro de Xestión de Emerxencias 112 SOS-Galicia. Información de incidencias ao citado centro. Colaboración coas autoridades de protección civil da Xunta de Galicia, ata un 25%.

c) Atención aos peregrinos en albergues, polideportivos e outros centros de acollida, ata un 20%.

d) Colaboracións específicas realizadas en Santiago de Compostela, ata un 15%.

e) Atención ao peregrino en grandes concentracións, ata un 10%.

Artigo 4º

Amplíase o prazo de presentación de solicitudes para as axudas destinadas ao Xacobeo 2004 ata o día 31 de xullo de 2004.

Artigo 5º

En todo o non previsto nesta orde, aplicarase o establecido na Orde do 10 de marzo de 2004 pola que se regula o réxime de subvencións ás agrupacións de voluntarios de protección civil, da que esta é complementaria.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2004.

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local