DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Mércores, 26 de maio de 2004 Páx. 7.407

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 102/2004, do 5 de maio, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Ares, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de rede de saneamento en Chanteiro.

O Concello de Ares, en sesión do día un de marzo de dous mil dous, aprobou o proxecto de rede de saneamento en Chanteiro e, na sesión do vinte de maio de dous mil tres, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do Concello de Ares foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día trinta e un de xullo de dous mil tres.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día once de xullo de dous mil tres.

Augas de Galicia, no exercicio das súas competencias, realiza diversas consideracións á actuación, que se deberán respectar logo da súa execución. O dito informe tivo entrada no rexistro desta consellería o día trinta de xaneiro de dous mil catro.

A Dirección Xeral de Recursos Mariños da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, sinala no seu informe que na zona na que o proxecto afecta a servidume de protección do dominio público marítimo terreste, o promotor do proxecto deberá solicitar e obter a preceptiva autorización en materia de costas. O dito informe tivo entrada nesta consellería o día un de marzo de dous mil catro.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente considera que non procede someter esta actuación ao trámite de avaliación de impacto ambiental. O dito informe tivo data de entrada no rexistro desta consellería o día cinco de abril de dous mil catro.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente emitiu informe sobre o proxecto, no que formula diversas consideracións que se deberán ter en conta para minimizar os posibles efectos negativos. O dito informe tivo data de entrada no rexistro desta consellería o día cinco de abril de dous mil catro.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala o concello, a execución das obras son de vital importancia para a zona, debido ao grave prexuízo para os intereses públicos e xerais en materia de saúde pública e ambiente, ao non existir hoxe en día unha rede xeral de evacuación e tratamento de augas sucias, problema que se agrava ao chegar a tempada estival. Cómpre sinalar igualmente a necesidade da construción da depuradora para o tratamento de augas para as zonas rurais limítrofes con Chanteiro, que actualmente están conectadas coa rede do núcleo urbano de Ares, o que xera grande cantidade de problemas ao non estar suficientemente dimensionada para recoller os novos entronques dos núcleos rurais que se están enlazando coa antiga rede urbana.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de maio de dous mil catro

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Ares para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de rede de saneamento en Chanteiro, debendo, se é o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que foran necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras e nas condicións previstas nos distintos informes emitidos no expediente.

Santiago de Compostela, cinco de maio de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local