DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Mércores, 26 de maio de 2004 Páx. 7.386

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 100/2004, do 13 de maio, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado da nova estrada de conexión N-525 coa OU-536 (antiga C-536), treito: A Granxa-Rairo. (Clave: OU/02/190.01).

Con data do 29 de abril de 2004 o director xeral de obras públicas, por delegación do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda aprobou o proxecto de trazado da nova estrada de conexión N-525 coa OU-536 (antiga C-536), treito: A Granxa-Rairo (clave: OU/02/190.01).

Os bens e dereitos en que se concreta a declaración de urxente ocupación aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.

A competencia para efectuar a declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia en virtude do artigo segundo do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas e a súa asignación á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, considerándose xustificada a referida declaración pola súa incidencia na seguranza vial.

En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación co previsto no artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de maio de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios

e que se concretan no expediente administrativo instruído para efectos de expropiación no proxecto de trazado da nova estrada de conexión N-525 coa OU-536 (antiga C-536), treito: A Granxa-Rairo (clave: OU/02/190.01).

Santiago de Compostela, trece de maio de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Alberto Núñez Feijoo

Conselleiro de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda