DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Martes, 25 de maio de 2004 Páx. 7.315

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 99/2004, do 21 de maio, polo que se regula a organización e o funcionamento da Inspección Educativa e o acceso ao corpo de inspectores de Educación na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Constitución española no artigo 27.8º establece a obrigatoriedade para os poderes públicos de inspeccionar os centros educativos para garantir o cumprimento das leis.

O Estatuto de autonomía de Galicia no artigo 31 establece a competencia plena desta Comunidade para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que a desenvolven.

A Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación, fai referencia expresa no seu artigo 1.k) que son principios de calidade xunto coa avaliación a inspección do conxunto do sistema educativo, tanto do seu deseño e organización coma dos procesos de ensino e aprendizaxe.

A mesma Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, no capítulo II do título VII, regula as funcións e organización da Inspección Educativa, así como a formación permanente dos inspectores de educación; e na súa disposición adicional undécima establece, no marco da carreira docente, o procedemento de acceso ao corpo de inspectores de Educación.

O modelo de Inspección Educativa que a Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, define en canto á súa configuración básica, responde á necesidade de especialización. Trátase, en efecto, de asegurar en cada un dos ámbitos territoriais, para os efectos de acceso ao corpo de inspectores de Educación e de provisión de postos de traballo mediante concurso de traslados de ámbito nacional, unhas exixencias básicas comúns para todo o Estado, sempre sen prexuízo da organización específica que para os servizos de Inspección cada Administración educativa determine no ámbito das súas competencias.

En desenvolvemento da citada lei orgánica aprobáronse, por un lado, o Real decreto 1538/2003, do 5 de decembro, que establece as especialidades básicas da Inspección Educativa, considerando un dos principios de calidade do sistema educativo a inspección do conxunto do sistema educativo e, por outro, o Real decreto 334/2004, do 27 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, accesos e adquisición de novas especialidades nos corpos docentes que imparten as ensinanzas escolares do sistema educativo e no corpo de inspectores de Educación.

Na súa virtude, no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1993, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e por proposta do con

selleiro de Educación e Ordenación Universitaria, logo do informe do Consello Escolar de Galicia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e un de maio de dous mil catro,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións de carácter xeral

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O presente decreto ten por obxecto regular a organización e o funcionamento da Inspección Educativa na Comunidade Autónoma de Galicia, así como o procedemento de acceso ao corpo de inspectores de Educación.

2. A estrutura e o funcionamento da Inspección Educativa articularase, en todo caso, tendo en conta as especialidades establecidas polo Goberno do Estado en uso das competencias atribuídas polo artigo 106.1º da Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, atendendo aos diferentes niveis educativos e especialidades docentes.

Artigo 2º.-Inspección Educativa.

1. A consellería competente en materia de educación, no desempeño das súas atribucións, exercerá a inspección sobre todos os centros docentes, servizos, programas e actividades que integran o sistema educativo de Galicia, tanto de titularidade pública como privada, en todos os niveis educativos, co fin de asegurar o cumprimento das leis, contribuír á mellora do sistema educativo, á calidade do ensino, así como á garantía dos dereitos e á observancia dos deberes de cantos participan nos procesos de ensino e aprendizaxe.

2. A Inspección Educativa é a organización integrada na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a que se lle atribúe a inspección a que se refire o punto anterior.

3. Os funcionarios do corpo de inspectores de Educación e do corpo a extinguir de inspectores ao servizo da Administración educativa estarán integrados na Inspección Educativa.

Artigo 3º.-Funcións da Inspección Educativa.

As funcións da Inspección Educativa serán as seguintes:

a) Controlar e supervisar, desde o punto de vista pedagóxico e organizativo, o funcionamento dos centros educativos, tanto de titularidade pública como privada.

b) Supervisar a práctica docente e colaborar na súa mellora continua e na do funcionamento dos centros, así como nos procesos de reforma educativa e de renovación pedagóxica.

c) Participar na avaliación do sistema educativo, especialmente na que corresponde aos centros escolares, á función directiva e á función docente, a través da análise da organización, funcionamento e resultados destes.

d) Velar polo cumprimento nos centros educativos das leis, regulamentos e demais disposicións que afecten o sistema educativo.

e) Asesorar, orientar e informar os distintos sectores da comunidade educativa no exercicio dos seus dereitos e no cumprimento das súas obrigas.

f) Informar sobre os programas e actividades de carácter educativo promovidos ou autorizados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, así como sobre calquera aspecto relacionado co ensino que lle sexa requirido pola autoridade competente ou que coñeza no exercicio das súas funcións, a través das canles regulamentarias.

g) Cantas outras se lle atribúan dentro do ámbito das súas competencias.

Artigo 4º.-Exercicio das funcións de Inspección.

1. As funcións da Inspección Educativa serán desempeñadas polos inspectores de Educación. Son inspectores de Educación os funcionarios pertencentes ao corpo de inspectores de Educación e ao corpo dos inspectores ao servizo da Administración educativa.

2. No ámbito das súas competencias, os inspectores de Educación levarán a cabo as funcións que lles son propias, tanto por iniciativa propia, como por instancia razoada de parte interesada, como por orde superior.

3. No exercicio das súas funcións, os inspectores de Educación terán a consideración de autoridade pública e, como tal, están facultados para levantar actas con natureza de documento público e recibirán dos diferentes membros da comunidade educativa así como doutras autoridades, organismos e institucións a axuda e a colaboración necesarias para o desenvolvemento da súa actividade.

4. As funcións que neste decreto se lle asignan á Inspección Educativa exerceranse sen prexuízo das que as disposicións vixentes lles atribúan aos órganos de goberno e de participación no control e na xestión dos centros docentes.

5. A actividade dos inspectores de Educación terá unha dobre vertente: a xeral, común a todos, e a especializada, vencellada á especialidade a que cada inspector estea adscrito.

Artigo 5º.-Procedemento de actuación.

As actuacións dos inspectores de educación concretaranse en informes, propostas, actas e dictames que, de ordinario, serán dirixido ao delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou, cando sexa o caso, ao subdirector xeral de Inspección Educativa ou autoridade educativa superior que así o demande.

Artigo 6º.-Atribucións dos inspectores de Educación.

Os inspectores de Educación, no exercicio das súas funcións, terán as seguintes atribucións:

a) Supervisar todos os centros, ensinanzas, etapas, niveis, programas e servizos educativos sen prexuízo de que o inspector do centro ou autoridade superior requiran a intervención dun inspector especialista.

b) Acceder aos centros docentes públicos e privados, así como aos servizos e instalacións nos que se desenvolven actividades promovidas ou autorizadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co fin de observar e analizar o seu desenvolvemento, para poder valorar a súa organización, funcionamento e rendemento.

c) Coñecer directamente todas as actividades que se realicen nos centros tanto públicos como privados, e, en concreto, observar o desenvolvemento das actividades docentes e comprobar, se é o caso, mediante os procedementos de avaliación que se determinen, a adecuación do nivel de coñecementos dos alumnos cos establecidos nos respectivos currículos.

d) Supervisar a documentación académica, económica, psicopedagóxica e administrativa dos centros docentes, tanto públicos como privados, e dos servizos educativos, podendo solicitar informes, documentos e antecedentes que consideren necesarios para poder levar a cabo as súas actuacións, sen máis límites que os establecidos polas leis.

e) Convocar ou pedir a convocatoria, celebrar e presidir reunións cos diferentes órganos de participación no control e xestión, cos de coordinación docente e cos responsables de programas, así como cos membros dos diferentes centros e sectores da comunidade educativa.

f) Requirir, a través das canles establecidas, os responsables dos centros docentes, tanto públicos como privados, para que adecúen a súa organización e funcionamento á normativa vixente.

g) Acceder, a través das canles establecidas, á información dos outros órganos e servizos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que sexa necesaria para o exercicio das súas funcións.

h) Formar parte de comisións, xuntas e tribunais cando así o determine a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

i) Mediar nas situacións de desacordo ou disparidade de criterio que puideran levar a conflitos, formulando propostas de solución ou de posibles alternativas.

k) Aquelas outras atribucións que se lles encomenden no ámbito das súas competencias.

Capítulo II

Organización e funcionamento

da Inspección Educativa

Sección primeira

Estrutura e organización da Inspección Educativa

Artigo 7º.-Estrutura da Inspección Educativa.

1. A Inspección Educativa estruturarase do seguinte xeito:

a) Subdirección Xeral de Inspección Educativa.

b) Servizos provinciais de Inspección Educativa.

2. Órganos de coordinación e asesoramento:

a) A xunta de xefes de servizo.

b) As xuntas provinciais de coordinación.

c) As xuntas provinciais de inspectores.

Artigo 8º.-Organización.

1. A Inspección Educativa organizarase con criterios de xerarquía, traballo en equipo, profesionalidade, internivelaridade e especialización.

2. A organización territorial da Inspección Educativa, dentro do ámbito provincial, levarase a cabo a través das sedes, sectores e subsectores de Inspección. Cando a Administración educativa o considere necesario poderanse ordenar actuacións de inspección que excedan do ámbito do sector ou da provincia.

Sección segunda

Plans de actuación da Inspección Educativa

Artigo 9º.-Plan xeral da Inspección Educativa.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria fixará periodicamente as liñas e os criterios de actuación da Inspección Educativa. A concreción destas liñas, criterios e actividades que os inspectores de Educación deben levar adiante para o desenvolvemento das súas funcións constitúe o Plan xeral da Inspección, que será supervisado polo subdirector xeral de Inspección Educativa e aprobado polo director xeral de Centros e Ordenación Educativa ou órgano que teña atribuída a competencia.

2. Anualmente avaliarase o grao de cumprimento do Plan xeral de Inspección. As conclusións máis relevantes recolleranse na memoria anual de funcionamento da Inspección, que será elaborada polo subdirector xeral de Inspección Educativa e elevada ao director xeral de Centros e Ordenación Educativa ou órgano que teña atribuída a competencia.

Artigo 10º.-Plans provinciais de actuación da Inspección.

1. Os plans provinciais de actuación da Inspección desenvolverán e concretarán, no ámbito provincial, o contido do Plan xeral da Inspección.

2. Cada plan provincial de actuación da Inspección será elaborado para cada curso escolar polo correspondente xefe do Servizo Provincial de Inspección Educativa e aprobado polo subdirector xeral.

3. Ao rematar o curso avaliarase o desenvolvemento dos plans provinciais de actuación da Inspección. As conclusións máis relevantes recolleranse na respectiva memoria anual de funcionamento do Servizo Provincial de inspección, que será elaborada polo xefe do servizo e elevada ao subdirector xeral de Inspección Educativa.

Sección terceira

A Subdirección Xeral de Inspección Educativa

Artigo 11º.-A Subdirección Xeral de Inspección Educativa.

1. A Inspección Educativa dependerá da Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa ou órgano que teña atribuída a competencia.

2. A dirección inmediata e a coordinación das funcións que realiza a Inspección Educativa será exercida pola Subdirección Xeral de Inspección Educativa.

3. A Subdirección Xeral de Inspección Educativa estará constituída por:

-O subdirector xeral de Inspección Educativa.

-O xefe do Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo.

-O xefe do Servizo de Coordinación e Planificación da Inspección Educativa.

4. Na estrutura da Subdirección Xeral poderá determinarse a existencia de inspectores adxuntos, adscritos aos servizos anteriores.

Artigo 12º.-Funcións da Subdirección Xeral de Inspección Educativa.

Á Subdirección Xeral de Inspección Educativa correspóndelle:

a) Dirixir e supervisar a elaboración do Plan xeral de actuación da Inspección de Educación e supervisar o seu cumprimento.

b) Coordinar o traballo dos servizos provinciais de Inspección Educativa.

c) Elaborar e propoñer o Plan de perfeccionamento e actualización para os membros da Inspección Educativa.

d) Elevar dictames, informes e propostas aos distintos centros directivos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

e) Realizar as accións de avaliación xeral e mellora dos réximes e niveis das ensinanzas escolares do sistema educativo de Galicia.

f) Participar nas accións de avaliación programadas polo Instituto Nacional de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo.

g) Elaborar a memoria anual do funcionamento da Inspección Educativa.

Artigo 13º.-O subdirector xeral de Inspección Educativa.

1. O subdirector xeral de Inspección Educativa dirixirá e coordinará as actuacións da Subdirección Xeral, proporá ao director xeral de Centros e Ordenación Educativa a aprobación do Plan xeral da Inspección Educativa e garantirá a coordinación dos servizos provinciais de Inspección Educativa.

2. O subdirector xeral de Inspección Educativa será nomeado polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria polo procedemento de libre designación, mediante convocatoria pública, entre funcionarios do corpo de inspectores de Educación, do corpo de inspectores ao servizo da Administración educativa ou funcionarios que reúnan os requisitos para o acceso ao corpo de inspectores de educación.

Artigo 14º.-Os xefes de servizo e os inspectores adxuntos.

O xefe do Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, o xefe do Servizo de Coordinación e Planificación da Inspección Educativa e os inspectores adxuntos, se é o caso, serán nomeados polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, polo procedemento de libre designación, mediante convocatoria pública, entre funcionarios do corpo de inspectores de Educación ou do corpo de inspectores ao servizo da Administración edu

cativa ou funcionarios que reúnan os requisitos para o o acceso ao corpo de inspectores de educación.

Artigo 15º.-Funcións do xefe do Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo.

Ao xefe do Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo correspóndelle, baixo a dirección do subdirector xeral, o exercicio das seguintes funcións:

a) Realizar o deseño, planificación e execución das accións de avaliación xeral e de mellora da calidade das ensinanzas escolares do sistema educativo de Galicia que se integrará no Plan xeral de actuación da Inspección de Educación.

b) Elaborar e coordinar as accións para a avaliación xeral dos réximes e niveis das ensinanzas escolares do sistema educativo de Galicia, de acordo coas prioridades determinadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, así como avaliar os proxectos e programas educativos en funcionamento.

c) Elaborar e coordinar os plans de avaliación dos centros e de mellora de calidade.

d) Asumir as tarefas inherentes á participación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Instituto Nacional de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, así como nos estudios de avaliación de ámbito estatal ou internacional.

e) Elaborar informes sobre os resultados das avaliacións realizadas.

f) Cantas outras lle sexan encomendadas no ámbito das súas competencias.

Artigo 16º.-Funcións do xefe do Servizo de Planificación e Coordinación da Inspección Educativa.

Ao xefe do Servizo de Planificación e Coordinación da Inspección Educativa correspóndelle, baixo a dirección do subdirector xeral, o exercicio das seguintes funcións:

a) Coordinar o cumprimento das funcións que teñen encomendadas os servizos provinciais de Inspección Educativa.

b) Elaborar o Plan xeral da Inspección, baixo a supervisión do subdirector xeral de Inspección Educativa.

c) Supervisar o cumprimento do Plan xeral de Inspección.

d) Elaborar e executar o plan de perfeccionamento e actualización dos inspectores de Educación baixo a supervisión do subdirector xeral de Inspección Educativa.

e) Elaborar informes e propostas derivados de estudios de necesidades da Inspección Educativa.

f) Elaborar a memoria anual de funcionamento da Inspección Educativa, baixo a supervisión do subdirector xeral de Inspección Educativa.

g) Cantas outras lle sexan encomendadas no ámbito das súas competencias.

Sección cuarta

Os servizos provinciais de Inspección Educativa

Artigo 17º.-Os servizos provinciais de Inspección Educativa.

1. Os inspectores de educación destinados en cada delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria integran o Servizo Provincial de Inspección Educativa.

2. O Servizo Provincial de Inspección Educativa dependerá funcionalmente do delegado provincial e do subdirector xeral de Inspección Educativa.

3. O exercicio das funcións da Inspección Educativa realizarase, en cada provincia, de acordo co Plan xeral de actuación da Inspección Educativa.

4. A xornada de traballo dos inspectores de educación estruturarase coa flexibilidade necesaria para que permita o contacto coa comunidade educativa dos centros docentes.

Artigo 18º.-Sedes da Inspección Educativa.

1. Con carácter xeral, a sede do Servizo Provincial de Inspección Educativa será a da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. De acordo coas características de cada provincia ou outras circunstancias que así o aconsellen, a Consellería poderá establecer sedes de Inspección Educativa dependentes do Servizo Provincial de Inspección noutras localidades da provincia.

3. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria determinará os postos de traballo de cada unha das sedes de Inspección Educativa.

Artigo 19º.-Xefatura do Servizo Provincial de Inspección Educativa.

1. En cada servizo provincial haberá un xefe do servizo, que dirixirá, baixo a dependencia do delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a organización da Inspección provincial e dos recursos humanos e materiais de que dispoña.

2. O xefe do Servizo Provincial de Inspección será nomeado polo conselleiro de Educación polo procedemento de libre designación, de entre os funcionarios en activo do corpo de inspectores de Educación ou do corpo de inspectores ao servizo da Administración educativa.

3. De cada xefe do Servizo Provincial de Inspección Educativa dependerán todos os inspectores con destino na provincia.

Artigo 20º.-Funcións do xefe do Servizo Provincial de Inspección Educativa.

Serán funcións do xefe do Servizo Provincial de Inspección Educativa:

a) Dirixir e coordinar todas as actividades do Servizo Provincial de Inspección Educativa.

b) Elaborar a proposta do Plan provincial de Inspección Educativa a que se refire o artigo 10 deste

decreto e elevala, co visto e prace do delegado provincial, ao subdirector xeral de Inspección Educativa para a súa aprobación.

c) Realizar o seguimento e a avaliación do Plan provincial de Inspección Educativa e adoptar, se é o caso, as medidas correctoras oportunas.

d) Elevar ao subdirector xeral de Inspección Educativa, co visto e prace do delegado provincial, a memoria anual de funcionamento do servizo provincial e de avaliación do Plan provincial.

e) Elevar informes e propostas ao delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, así como visar e tramitar os realizados polos inspectores de educación do servizo provincial.

f) Convocar e presidir as reunións das xuntas provinciais de coordinación e das xuntas provinciais de inspectores ás que se refiren respectivamente os artigos 26 e 27 deste decreto, así como daquelas outras que sexan necesarias para a organización e o funcionamento do servizo provincial.

g) Propoñer ao delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a adscrición dos inspectores de educación aos equipos de inspección aos que se refire o artigo 22º deste decreto.

h) Propoñer ao delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria o nomeamento dos inspectores coordinadores de sector aos que se refire o artigo 23º deste decreto, así como a adscrición dos inspectores aos subsectores correspondentes.

Sección quinta

Organización territorial da Inspección Educativa

Artigo 21º.-Sectores e subsectores de Inspección.

1. Para o desenvolvemento das tarefas asignadas, cada unha das provincias poderase dividir en sectores educativos, de acordo coa planificación e ordenación educativa.

2. O sector educativo é unha unidade xeográfica na que exercerán as súas funcións os inspectores de educación adscritos a el, conformando o equipo de sector.

3. Cada sector dividirase en subsectores que estarán integrados por un ou varios concellos limítrofes. Exceptúanse os concellos das sete cidades que son sede da Inspección. Os centros educativos destes concellos distribuiranse de maneira equitativa entre os subsectores do sector correspondente. Á fronte de cada subsector estará un inspector que será o responsable de todos os centros deste.

4. O titular da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establecerá o ámbito xeográfico de cada un dos sectores e subsectores de Inspección da súa provincia.

Artigo 22º.-Equipos de inspección de sector educativo.

1. En cada sector constituirase un equipo de inspección de sector, que levará a cabo as funcións que se sinalan no artigo 3º deste decreto.

2. A adscrición dos inspectores aos equipos de inspección de sector realizaraa o titular da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a proposta do titular da xefatura do Servizo Provincial de Inspección Educativa, oída a Xunta Provincial de Inspección.

3. De igual modo procederase á adscrición de inspectores aos subsectores.

4. No proceso de adscrición terase en conta ademais das atribucións recollidas no artigo 6.a), as necesidades educativas de cada sector e subsector, as prioridades do inspector, a experiencia profesional e a antigüidade no cadro de persoal, no corpo e como funcionario.

5. A adscrición realizarase por un período de cinco cursos, debendo cambiar de sector ou de subsector cada cinco anos como máximo.

6. Na adscrición dos inspectores ao correspondente equipo de sector terase en conta unha distribución equilibrada dos diferentes sectores educativos, do número de centros e do número de profesores.

7. Á fronte de cada equipo de inspección de sector, o titular da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, por proposta do xefe do Servizo Provincial de Inspección, e unha vez oído o equipo de inspectores, nomeará un inspector coordinador.

Artigo 23º.-Coordinadores de sector.

O inspector coordinador do equipo de sector realizará as seguintes funcións:

a) Coordinar no seu sector a realización das tarefas incluídas no Plan provincial da actuación da Inspección Educativa.

b) Convocar e presidir as reunións do equipo de inspectores do sector.

c) Informar ao titular da xefatura do Servizo Provincial de Inspección Educativa sobre o desenvolvemento e aplicación do Plan provincial de actuación da Inspección Educativa no seu sector e colaborar no seu seguimento e avaliación.

Sección sexta

Organización especializada da Inspección

Educativa

Artigo 24º.-Áreas específicas de traballo.

1. En cada Servizo Provincial de Inspección Educativa constituiranse áreas específicas de traballo estruturais e áreas específicas de traballo curriculares.

2. As áreas específicas de traballo estruturais teñen por obxecto organizar a intervención da Inspección Educativa nos campos da avaliación, o control administrativo, a organización escolar, a planificación dos recursos e a escolarización. Estas áreas específicas poderán ampliarse de acordo co que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria planifique.

3. As áreas específicas de traballo curriculares teñen por obxecto organizar a intervención da Inspección Educativa, de acordo coas áreas e materias que integran os currículos do sistema educativo.

4. Todos os inspectores de Educación estarán adscritos, cando menos, a unha área específica de traballo estrutural e a unha área específica de traballo curricular, en función da súa especialidade, da súa experiencia profesional, da súa formación específica, así como das necesidades de funcionamento da Inspección Educativa.

Sección sétima

Órganos de coordinación e asesoramento

da Inspección Educativa

Artigo 25º.-Xunta de xefes de servizo.

1. A xunta de xefes de servizo é o órgano de asesoramento do subdirector xeral de Inspección Educativa e de coordinación entre os servizos provinciais.

2. Integran a xunta de xefes de servizo o subdirector xeral de Inspección Educativa, que a presidirá, os xefes de servizo da Subdirección Xeral de Inspección Educativa e os xefes dos servizos provinciais.

3. A xunta de xefes de servizo terá as seguintes funcións:

a) Asesorar o subdirector xeral de Inspección Educativa na elaboración da proposta do Plan xeral da Inspección.

b) Informar o subdirector xeral de Inspección Educativa sobre o desenvolvemento do Plan xeral da Inspección.

c) Propoñer criterios para a coordinación das actuacións da Inspección Educativa en Galicia.

d) Asesorar o subdirector xeral de Inspección Educativa na elaboración da memoria anual da Inspección Educativa.

e) Asesorar o subdirector xeral de Inspección Educativa na elaboración da proposta do plan de perfeccionamento e actualización no exercicio profesional da Inspección Educativa.

Artigo 26º.-Xuntas provinciais de coordinación.

1. Nos servizos provinciais de Inspección Educativa integrados por máis dun sector de Inspección constituírase a Xunta Provincial de Coordinación, que terá como función a unificación de criterios de actuación e procedementos de traballo da provincia, así como o asesoramento e colaboración co xefe do Servizo Provincial na elaboración do Plan provincial de Inspección e da memoria anual de funcionamento.

2. A Xunta Provincial de Coordinación estará integrada polo xefe do servizo provincial, que a presidirá, e polos inspectores coordinadores de sector.

Artigo 27º.-Xunta Provincial de Inspección.

1. A Xunta Provincial de Inspección, que terá función asesora, estará integrada pola totalidade dos inspectores de Educación da provincia e será presidida polo xefe do servizo provincial.

2. A Xunta Provincial de Inspección terá as seguintes funcións:

a) Definir os criterios e procedementos para a elaboración da proposta do Plan Provincial de Inspección.

b) Informar sobre o desenvolvemento do Plan Provincial de Inspección.

c) Elaborar as propostas sobre o perfeccionamento e actualización no exercicio profesional da Inspección Educativa.

Capítulo III

Acceso ao corpo de inspectores de Educación

e provisión de postos de traballo

Sección primeira

Principios rectores e órgano convocante

Artigo 28º.-Principios rectores do procedemento.

O procedemento de acceso regulado neste decreto realizarase mediante convocatoria pública e garantirá, en todo caso, os principios de igualdade, mérito e capacidade, así como o de publicidade.

O procedemento a que se refire esta norma rexerase polas bases da convocatoria respectiva, que se axustarán, en todo caso, ao disposto neste decreto e ás demais normas que resulten de aplicación.

Artigo 29º.-Órgano convocante.

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, unha vez aprobadas as súas respectivas ofertas de emprego, procederá a realizar a convocatoria para a provisión das prazas autorizadas na dita oferta, con suxeición en todo caso ás normas de función pública que lle sexan de aplicación.

Sección segunda

Órganos de selección

Artigo 30º.-Órganos de selección.

1. A selección dos participantes no procedemento selectivo de acceso ao corpo de inspectores de Educación será realizada por tribunais que serán nomeados polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, cuxos membros serán designados por sorteo, agás o presidente que o designará o conselleiro, de conformidade co que establece o artigo 7 do Real decreto 334/2004, do 27 de febreiro.

2. No caso de que o número de participantes por especialidade o requira poderanse nomear os tribunais que se consideren necesarios. Nese caso a convocatoria deberá determinar a constitución da comisión de selección para o efecto.

Artigo 31º.-Funcións dos órganos de selección.

1. Corresponderá ao tribunal, unha vez constituído, todas ou algunhas das seguintes funcións:

a) A cualificación das distintas probas da fase de oposición.

b) A valoración dos méritos da fase de concurso.

c) O desenvolvemento do procedemento selectivo de acordo co que dispoña a convocatoria,.

d) No caso de tribunal único a agregación das puntuacións da fase de concurso ás obtidas na fase de oposición, a ordenación dos aspirantes, a elaboración das listas dos aspirantes que superasen ambas as dúas fases, a declaración dos aspirantes que teñan superado as citadas fases de concurso e oposición, a publicación das listas correspondentes, así como a elevación destas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. No caso de que se constitúa unha comisión de selección de acordo co previsto no artigo 30.2º, a convocatoria atribuiralle as seguintes funcións:

a) A coordinación dos tribunais.

b) A determinación dos criterios de actuación dos tribunais e a súa homoxeneización.

c) A agregación das puntuacións da fase de concurso ás adxudicadas polos tribunais na fase de oposición, a ordenación dos aspirantes e a elaboración das listas dos aspirantes que teñan superadas ambas as dúas fases.

d) A declaración dos aspirantes que teñan superadas as fases de concurso e oposición, a publicación das listas correspondentes a eles, así como a súa elevación á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. A convocatoria poderá determinar que a asignación da puntuación que corresponda aos aspirantes na fase de concurso, de acordo co baremo, para todos ou algún dos méritos incluídos neles, se lle encomende á comisión de selección. Igualmente poderá determinar que se encomende a outro órgano da Administración distinto dos tribunais ou da comisión de selección, que realizará esta valoración por delegación destes, as tarefas materiais e puramente regradas de aplicación do baremo de méritos, achegándolles, unha vez concluída a fase de oposición, os resultados da súa actuación.

Artigo 32º.-Composición dos órganos de selección.

A composición dos tribunais e da comisión de selección axustarase aos principios básicos establecidos no artigo 7 do Real decreto 334/2004, do 27 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, accesos e adquisición de novas especialidades nos corpos docentes que imparten ensinanzas escolares do sistema educativo e no corpo de inspectores de Educación (BOE do 28 de febreiro).

Artigo 33º.-Regras adicionais sobre a composición e funcionamento.

1. Os tribunais ou, se é o caso, a comisión de selección, poderá propoñer, de acordo co que estableza a convocatoria, a incorporación aos seus traballos de asesores especialistas e axudantes. Serán funcións dos primeiros o asesoramento dos membros do órgano de selección na avaliación dos coñecementos e méritos obxecto da súa especialidade. Os axudantes colaborarán con estes órganos mediante a realización das tarefas técnicas de apoio que estes lles asignen. Na súa actividade, uns e outros, limitaranse ao exercicio das súas respectivas competencias.

Os asesores e axudantes deberán ter a capacidade profesional propia da función para a que sexan designados.

2. A convocatoria poderá establecer que a agregación das puntuacións das fases de concurso ás adxudicadas polos tribunais na fase de oposición, a ordenación dos aspirantes e a elaboración das listas dos aspirantes que superasen ambas as dúas fases, se encomende a un órgano da Administración distinto

dos tribunais ou comisión de selección, o que realizará estas funcións por delegación dos referidos órganos de selección, achegándolles os resultados que obteñan.

3. A participación nos órganos de selección ten carácter obrigatorio. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá determinar as circunstancias en que pola súa situación administrativa, por causa de forza maior ou por outros motivos debidamente xustificados que se establezan, determinados funcionarios poidan ser dispensados desta participación.

4. Cando concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 28 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou se realizasen tarefas de preparación de aspirantes as probas selectivas para ingreso no corpo de inspectores de Educación, nos cinco anos anteriores, os membros dos órganos de selección deberán absterse de intervir, e notificarano, coa debida xustificación documental, á autoridade convocante, quen resolverá o que proceda.

5. Poderá promoverse a recusación dos membros dos órganos de selección nos casos e forma previstos no artigo 29 da mesma lei.

Sección terceira

Da convocatoria

Artigo 34º.-Publicación da convocatoria.

1. A convocatoria do procedemento selectivo de acceso ao corpo de inspectores de Educación e as súas bases publicarase no Diario Oficial de Galicia e no BOE. A publicación no BOE poderá substituírse pola inserción dun anuncio no que se indique que convoca o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, o corpo de inspectores de Educación afectado pola convocatoria, o número de prazas convocadas, o número do Diario Oficial de Galicia e a data na que se fai pública a convocatoria, a data de remate do prazo de presentación de instancias e o órgano ou dependencia a que estas deben dirixirse.

2. As bases das convocatoria vincularán a Administración, os órganos de selección e os que participen nelas.

3. A convocatoria e as súas bases, unha vez publicadas, só poderán ser modificadas con suxeición estrita ás normas da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non obstante, cando a modificación supoña unicamente o aumento de prazas vacantes convocadas, non será preceptiva a apertura dun novo prazo de presentación de instancias, agás se se engaden prazas vacantes dunha especialidade que non figurase na convocatoria.

4. A convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven daquela e da actuación dos órganos de selección poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma prevista na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 35º.-Contido da convocatoria.

A convocatoria debera incluír, ademais dos elementos previstos no artigo 31 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, os seguintes:

1. O número total de prazas convocadas por especialidades.

2. Manifestación expresa de que os órganos de selección non poderán declarar que superaron o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao de prazas fixadas na convocatoria.

3. Prescrición de que os aspirantes que superen o proceso selectivo deberán obter o primeiro destino definitivo no ámbito da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, na forma que se determine na convocatoria.

4. Naquelas probas escritas nas que non se requira exposición oral polo candidato ou lectura ante o tribunal, deberá garantirse o anonimato dos aspirantes.

5. A determinación da forma en que, de acordo co previsto no artigo 59 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, teña que realizarse a publicación das restantes actuacións do procedemento selectivo.

6. As características e duración do período de prácticas.

Artigo 36º.-Prazas e especialidades.

As especialidades do corpo de inspectores de Educación que se terán en conta para determinar as prazas que serán obxecto da convocatoria do procedemento selectivo de acceso ao mencionado corpo, son as que a seguir se relacionan:

NivelEspecialidade

Educación infantil, educación primaria.

Educación secundaria, formación profesional de grao superior.

Educación preescolar, infantil e primaria.

Lingua galega.

Lingua.

Humanidades.

Linguas estranxeiras e ensinanzas de idiomas.

Matemáticas.

Ciencias.

Tecnoloxía e formación profesional.

Educación física e deportes.

Educación artística.

Pedagoxía e psicoloxía.

Sección cuarta

Desenvolvemento do procedemento selectivo

Artigo 37º.-Requisitos xerais dos participantes.

Os aspirantes a participar no procedemento selectivo de acceso ao corpo de inspectores de Educación deberán cumprir as condicións xerais seguintes:

1. Ser español ou ter a nacionalidade dalgún dos demais Estados membros da Unión Europea, ou dalgún Estado ao que, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, lle sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.

Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, o cónxuxe dos españois e dos

nacionais dalgún dos demais estados membros da Unión Europea e, cando así o prevexa o correspondente tratado, o dos nacionais dalgún estado ao que, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, lle sexa de aplicación a libre circulación de traballadores, sempre que non estean separados de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións, poderán participar os seus descendentes e os do cónxuxe, menores de 21 anos e maiores da dita idade que vivan ás súas expensas.

2. Ter cumpridos 18 anos e non ter alcanzado a idade establecida, con carácter xeral, para a xubilación.

3. Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das funcións correspondentes ao corpo e especialidade a que se opta.

4. Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servizo de calquera das administracións públicas, nin encontrarse inhabilitado para o exercicio das funcións públicas.

Os aspirantes que non teñan nacionalidade española deberán acreditar, igualmente, non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso a función pública.

5. Non ser funcionario de carreira en prácticas ou estar pendente do correspondente nomeamento do corpo de inspectores de Educación, salvo que se concorra aos procedementos para adquisición de novas especialidades.

Artigo 38º.-Requisitos específicos dos participantes.

1. Pertencer a algún dos corpos docentes que imparten as ensinanzas a que se refire a LOCE.

2. Acreditar unha experiencia mínima docente de seis anos como funcionario de carreira do corpo desde o que opta.

3. Estar en posesión do título de doutor, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto.

Artigo 39º.-Prazo no que deben reunir os requisitos.

Todas as condicións e requisitos enumerados nos artigos 37º e 38º deberán reunirse na data na que finalicen os prazos de presentación de instancias e manterse ata a toma de posesión como funcionarios de carreira.

Artigo 40º.-Acreditación do coñecemento da lingua galega.

Os aspirantes que non teñan destino na Comunidade Autónoma de Galicia deberán acreditar o coñecemento da lingua galega mediante o certificado de superación do curso de perfeccionamento ou equivalente sempre que estea homologado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. No caso de non posuílo, deberá acreditalo mediante a superación dunha proba, na que se comprobará que posúe o nivel adecuado de comprensión oral e escrita desta lingua.

Sección quinta

Sistema de ingreso

Artigo 41º.-Sistema de selección.

1. O sistema de selección debe de permitir avaliar a cualificación dos aspirantes para o exercicio da función inspectora. Para iso o procedemento de selección comprobará no só os coñecementos, senón as capacidades científicas, didácticas e profesionais que sexan necesarias para o exercicio da inspección educativa.

2. De conformidade co establecido na disposición adicional undécima, punto 3, da Lei 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación, o sistema de ingreso no corpo de inspectores de Educación será o de concurso-oposición, que atenderá, en todo caso, as especialidades establecidas. Existirá ademais unha fase de prácticas que formará parte do sistema selectivo.

Artigo 42º.-Coñecementos e técnicas específicas.

Na fase de oposición do corpo de inspectores de Educación valoraranse no aspirante os seus coñecementos pedagóxicos, de administración e lexislación educativa, así como os coñecementos e técnicas específicos para o desempeño das funcións inspectoras de control, avaliación e asesoramento. Igualmente se valorará a súa actualización científica e didáctica nas áreas ou materias das que impartiu ensino, así como o exercicio das actividades desenvolvidas no centro.

Artigo 43º.-Temarios.

1. Os temarios sobre os que versaran as probas da fase de oposición serán os que publique o Ministerio de Educación Cultura e Deporte, logo de consulta ás comunidades autónomas. O temario da especialidade de lingua galega será establecido e publicado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. A orde de realización das probas será a que se establece no artigo 44º deste decreto.

Artigo 44º.-Probas da fase de oposición.

No procedemento de ingreso ao corpo de inspectores de Educación, as probas da fase de oposición nas que deberá terse en conta o disposto no artigo 42º desde decreto, desenvolveranse pola orde que se estableza na convocatoria e axustaranse ao que a continuación se indica:

1. Unha proba que constará de dúas partes:

a) Primeira parte: consistirá no desenvolvemento por escrito de dous temas, un da parte A e outro da parte B do temario, elixidos polo aspirante de entre catro, dous de cada parte, extraídos por sorteo polo tribunal. O aspirante disporá polo menos de dúas horas para a realización desta primeira parte. Os escritos correspondente serán lidos ante o tribunal, que lle poderá formular ao aspirante as preguntas ou aclaracións que estime pertinentes. Esta primeira parte da proba cualificarase de cero a dez puntos debendo obter o aspirante, para a súa supe

ración, unha puntuación igual ou superior a cinco puntos.

b) Segunda parte: consistirá na exposición oral dun tema da parte C do temario elixido polo aspirante de entre dous extraídos por sorteo polo tribunal. O aspirante disporá polo menos de tres horas para a preparación deste exercicio, podendo utilizar os medios adecuados que considere oportunos e que deberá achegar el mesmo. Para a exposición oral do exercicio, o aspirante disporá, como máximo, dunha hora, podendo o tribunal formular as preguntas ou aclaracións que estime pertinentes. Esta segunda parte cualificarase de cero a dez puntos, debendo obter o aspirante, para a súa superación, unha puntuación igual ou superior a cinco puntos. A cualificación da proba será a media das cualificacións obtidas en cada unha das partes.

2. Elaboración e defensa dunha memoria que terá dúas partes: unha sobre a actualización científica e didáctica do aspirante nalgunha das áreas, materias ou módulos dos que impartiu ensino e outra sobre aspectos, que se concretarán na respectiva convocatoria, relacionados coas actividades desenvolvidas nos centros e o modo no que o exercicio da función inspectora incide na mellora das ditas actividades. A memoria elaborada polo aspirante deberá presentarse no momento que estableza a convocatoria. O aspirante disporá dunha hora para a exposición e defensa da memoria, podendo o tribunal formular as preguntas ou aclaracións que estime pertinentes. Esta proba cualificarase de cero a dez puntos, debendo obter o aspirante, para a súa superación, unha puntuación igual ou superior a cinco puntos.

3. Análise por escrito dun caso práctico que será proposto polo tribunal. O aspirante analizará o caso e formulará unha proposta razoada de actuación do inspector neste suposto sobre as técnicas adecuadas para a actuación da Inspección Educativa. A proba será lida ante o tribunal, que lle poderá formular ao aspirante as preguntas ou aclaracións que estime pertinentes. O aspirante disporá de dúas horas para a súa defensa e de vinte minutos para as aclaracións. Esta proba cualificarase de cero a dez puntos, debendo obter o aspirante, para a súa superación, unha puntuación igual ou superior a cinco puntos.

Sección sexta

Fase de concurso

Artigo 45º.-Méritos.

1. Na fase de concurso ao corpo de inspectores de Educación valorarase a traxectoria profesional dos aspirantes e os seus méritos específicos como docentes. Entre estes méritos, terase especialmente en conta a preparación científica e didáctica nas áreas, materias ou módulos dos que impartiu ensino; o desempeño de cargos directivos con avaliación positiva e pertencer a calquera dos corpos de catedráticos das ensinanzas escolares. En todo caso, o baremo da convocatoria deberá respectar as especificacións que se recollen no anexo deste decreto.

2. A cualificación da fase de concurso aplicarase unicamente aos aspirantes que teñan superado a fase de oposición.

Sección sétima

Cualificación das distintas fases e selección

dos aspirantes para a realización

da fase de prácticas

Artigo 46º.-Publicidade das cualificacións.

A convocatoria sinalará o modo de facer públicos os resultados obtidos polos aspirantes ao longo do proceso de selección. En todo caso, terán carácter público os resultados das probas que permiten acceder a outra proba posterior e as puntuacións da fase de concurso e finais dos seleccionados.

Artigo 47º.-Sistema de cualificación.

1. Cada unha das probas da fase de oposición terá carácter eliminatorio.

2. A cualificación correspondente á fase de oposición será a media aritmética das puntuacións obtidas nas probas integrantes desta fase, cando todas elas fosen superadas.

3. A ponderación da fase de oposición e concurso para formar a puntuación global será de dous tercios para a fase de oposición e dun tercio para a fase de concurso.

Artigo 48º.-Superación das fases de concurso e oposición.

1. Resultarán seleccionados para pasar á fase de prácticas aqueles aspirantes que, unha vez ordenados segundo a puntuación global das fases de oposición e concurso, teñan un número de orde igual ou menor que o número total de prazas convocadas en cada especialidade.

2. No caso de que se producisen empates, estes resolveranse atendendo sucesivamente aos seguintes criterios:

a) Maior puntuación na fase de oposición.

b) Maior puntuación en cada un dos exercicios da fase de oposición pola orde establecida no artigo 41º.

c) Maior puntuación nos epígrafes do baremo de méritos pola orde en que estes aparezan na convocatoria.

d) Maior puntuación nos subepígrafes do baremo, polo orde en que estes aparezan na convocatoria.

Unha vez aplicados os criterios anteriores, se persistira o empate, a convocatoria establecerá un quinto criterio de desempate, consistente na realización das probas de capacitación complementarias que aquela determine.

Artigo 49º.-Publicación das listas de aspirantes seleccionados que superaron a fase de concurso e oposición.

Unha vez rematada a selección dos aspirantes, os órganos de selección farán pública a relación de aspirantes seleccionados que superaron as fases de concurso e oposición por orde de puntuación, non podendo superar estes o número de prazas convocadas e elevarán esta relación á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo co disposto no artigo 18.5º da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública.

Sección oitava

Da fase de prácticas

Artigo 50º.-Nomeamento de funcionarios en prácticas.

Unha vez formadas estas listas, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria procederá a nomear funcionarios en prácticas os integrantes destas, asignándolles destino para efectualas de acordo coas necesidades do servizo.

Artigo 51º.-Obxecto e duración.

1. A realización da fase de prácticas tuteladas forma parte do procedemento selectivo e terá por obxecto comprobar a aptitude para o exercicio das funcións da Inspección de Educación dos aspirantes seleccionados.

2. Esta fase terá unha duración maior a un trimestre e non superior a un curso e poderá incluír cursos de formación.

Artigo 52º.-Características.

1. Todos os funcionarios en prácticas do corpo de inspectores de Educación realizarán a fase de prácticas baixo a tutela do inspector coordinador do equipo de sector.

2. Durante esa fase o coordinador do equipo de sector fará un seguimento da realización das funcións inspectoras nos centros que teña asignados o inspector en prácticas, emitindo un informe mensual no que fará especial referencia ao cumprimento das funcións indicadas no artigo 3, letras a), b), d) e e).

3. O inspector en prácticas realizará unha memoria razoada sobre a realización das funcións inspectoras no sector e centros asignados de acordo co establecido no Plan xeral de Inspección e no Plan provincial de actuación, que remitirá á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dos vinte días seguintes ao do remate da fase de prácticas.

Artigo 53º.-A avaliación da fase de prácticas.

1. A avaliación da fase de prácticas deberá garantir que os aspirantes posúan a adecuada preparación para levar a cabo as funcións atribuídas ao corpo de inspectores de Educación na especialidade correspondente.

2. O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria nomeará a comisión que realizará a avaliación de todos os aspirantes que realizaron a fase de prácticas e que estará formada por funcionarios en activo do corpo de inspectores de Educación.

3. Ao finalizar a fase de prácticas, avaliarase cada aspirante nos termos de apto e non apto. Neste último caso, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria poderá autorizar a repetición desa fase por unha soa vez, podendo estes aspirantes incorporarse cos seleccionados da seguinte promoción, ocupando, nesta promoción, o número de orde seguinte ao do último seleccionado na súa especialidade. Caso de non poder incorporarse á seguinte promoción por non terse convocado ese ano procedemento selectivo de ingreso ó mesmo corpo e especialidade, realizarán a fase de prácticas durante o curso seguinte a aquel no que foi cualificado como non apto. Quen non se incorpore ou sexa declarado

non apto por segunda vez, perderá todos os dereitos ao seu nomeamento como funcionario de carreira.

4. O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria declarará, mediante resolución motivada, a perda de todos os dereitos ao nomeamento como funcionario de carreira dos aspirantes que sexan cualificados como non aptos na fase de prácticas.

Artigo 54º.-Nomeamento de funcionarios de carreira.

Concluída a fase de práctica e comprobado que todos os aspirantes declarados aptos nela reúnen os requisitos específicos de participación establecidos na convocatoria, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria aprobará o expediente do procedemento selectivo que fará público na mesma forma que se fixo pública a convocatoria e remitirán a lista de seleccionados no corpo de inspectores de Educación ao Ministerio de Educación Cultura e Deporte, para os efectos do seu nomeamento e expedición dos correspondentes títulos de funcionarios de carreira.

Capítulo IV

Formación e perfeccionamento

dos inspectores de Educación

Artigo 55º.-Formación e perfeccionamento.

1. O perfeccionamento e actualización no exercicio profesional é un dereito e un deber dos inspectores de Educación.

2. A formación dos inspectores de Educación na Comunidade Autónoma de Galicia será competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 56º.-Plan de perfeccionamento e actualización.

1. Este dereito e deber de perfeccionamento e actualización profesional dos inspectores de Educación desenvolverase anualmente a través do plan de perfeccionamento e actualización no exercicio profesional da Inspección Educativa, no que se procurará a colaboración das universidades e institucións superiores de formación.

2. Ese plan estará constituído polo conxunto de actividades de formación nas súas diversas modalidades, cursos, xornadas, grupos de traballo, seminarios permanentes, licencias por estudios, que anualmente se programarán e que, para efectos de xestión económica e administrativa, formará parte do plan de formación do profesorado.

3. Na elaboración e proposta deste plan, competencia da Subdirección Xeral de Inspección Educativa, teranse en conta as propostas formulada polos servizos provinciais de Inspección.

Artigo 57º.-Convocatorias de formación.

As convocatorias relacionadas coa actualización e mellora continua da cualificación do profesorado como licencias por estudios, reintegros individuais, actividades formativa de inglés e francés, programas europeos e outras similares que se poidan establecer, incluirán a posibilidade de participación dos inspectores de Educación.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os funcionarios docentes que accedan mediante convocatoria pública polo procedemento de libre designación a un posto da estrutura da Inspección Educativa conservarán o seu destino de orixe.

Segunda.-Excepcionalmente, con ocasión de vacante, poderán ser designados inspectores de Educación con carácter temporal, funcionarios pertencentes aos corpos docentes que reúnan os requisitos establecidos para o acceso ao corpo de inspectores de Educación. A súa situación administrativa será a que establece o artigo 50.2º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia (DOG do 1 de xuño).

Disposición transitoria

Os funcionarios do corpo de inspectores ao servizo da Administración educativa e do corpo de inspectores de Educación que actualmente estean exercendo as súas funcións na Comunidade Autónoma de Galicia, por razóns debidamente xustificadas, poderán optar pola asignación de centros educativos do mesmo nivel que aqueles nos que están exercendo as funcións inspectoras.

Disposición derrogatoria

Primeira.-Queda derrogado o Decreto 135/1993, do 24 de xuño, polo que se regulan as funcións e organización da Inspección Educativa na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 29 de xuño).

Segunda.-Así mesmo, quedan sen efecto todas aquelas normas de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido no presente decreto.

Santiago de Compostela, vinte e un de maio de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Especificacións ás que debe axustarse o baremo

de méritos para o ingreso no corpo de inspectores

de educación

MéritoPuntuaciónPuntuación

máx. do bloque

1. Traxectoria profesional.

1.1. Traballo desenvolvido.

1.1.1. Por cada ano de experiencia docente a maiores dos seis exixidos como requisito, como funcionario de carreira dos Corpos docentes que imparten as ensinanzas a que se refire a LOCE.0,500

1.1.2. Por cada ano en postos de inspector accidental.0,500

1.1.3. Por cada ano de servicio en postos de Administración educativa de nivel 26 ou superior.

Por este subepígrafe só serán tidos en conta os anos prestados como inspector accidental en postos obtidos como resultado da súa participación nos concursos de méritos convocados para a súa provisión.

En relación co traballo desenvolvido, as convocatorias establecerán a puntuación correspondente a cada mes/fracción de ano de modo proporcional á valoración asignada a cada un dos tres elementos que integran este subepígrafe.

0,500

MéritoPuntuaciónPuntuación

máx. do bloque

1.2. Por pertencer ao corpo de catedráticos.2,0005,000

2. Exercicio de cargos directivos.

2.1. Por cada ano como director, con avaliación positiva. 0,750

2.2. Polo desempeño doutros cargos directivos.

2.2.1. Por cada ano como xefe de estudios, secretario, subdirector, administrador ou análogos.0,500

2.2.2.Por cada de servizo como coordinador de ciclo na educación primaria ou xefe de departamento na educación secundaria ou análogos.0,1004,000

3. Preparación científica e didáctica e outros méritos.

Serán determinados na convocatoria e entre eles teranse en conta a preparación científica e didáctica, así como a avaliación voluntaria.2,000

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA