DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Xoves, 20 de maio de 2004 Páx. 7.176

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 96/2004, do 13 de maio, polo que se modifica o Decreto 71/1999, do 18 de marzo, polo que se regulan as axudas a empresas xornalísticas e de radiodifusión.

A actuación en Galicia de empresas de comunicación que, aínda tendo o seu domicilio social fóra dela, elaboran e difunden aquí parte da súa produción informativa, e que contan, ademais, cunha significativa presenza de medios humanos e materiais radicados establemente no territorio da Comunidade Autónoma, xustifica a súa inclusión entre as entidades beneficiarias das axudas reguladas polo Decreto 71/1999, do 18 de marzo.

Con independencia da súa contribución á diversificación da oferta informativa na Comunidade Autónoma, o traballo destas empresas redunda tamén en beneficio da difusión da realidade galega nos ámbitos nacionais e internacionais.

Por tal motivo, esta disposición ten por obxecto dar nova redacción ao artigo primeiro do decreto citado; precepto que xa fora modificado polo Decreto 37/2000, do 18 de febreiro (DOG nº 42, do 1 de marzo) co obxecto de incluír as empresas que realizan a súa actividade informativa diaria a través da internet.

Por todo o exposto, por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de maio de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo 1º do Decreto 71/1999 do 18 de marzo, que quedará redactado como segue:

1. Establécense axudas económicas as empresas xornalísticas radicadas en Galicia e debidamente inscritas no Rexistro Mercantil ou no que corresponda segundo a forma empresarial que adopten.

2. Para os efectos deste decreto entenderase:

a) Por empresas xornalísticas, as que teñan por obxecto da súa actividade, entre outras, a edición e distribución de xornais diarios co mesmo título e numeración sucesiva, as empresas radiofónicas privadas e aquelas que transmitan a súa actividade informativa diaria a través da internet, vía satélite ou por calquera outro sistema que empregue soportes das novas tecnoloxías da comunicación.

b) Por empresas radicadas en Galicia aquelas que conten cun cadro de persoal estable de polo menos cinco traballadores e que elaboren e difundan toda ou parte da súa produción informativa de forma específica no territorio da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

Primeira.-Facúltase o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública para o seu desenvolvemento e a execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de maio do dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente