DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Venres, 14 de maio de 2004 Páx. 6.856

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EMIGRACIÓN

ORDE do 7 de maio de 2004 pola que se acorda a cesión en propiedade de equipamentos informáticos e mobiliario, propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia, a favor da Fundación Axencia Humanitaria de Galicia.

A Fundación Axencia Humanitaria de Galicia constituiuse mediante escritura pública o 31 de xullo de 2003, cunha dotación inicial de trinta mil euros, achegada pola Xunta de Galicia.

Mediante orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 1 de outubro de 2003 clasificouse como benéfico-social. E pola orde da Consellería de Emigración do 6 de outubro de 2003 foi declarada de interese galego.

Esta fundación ten por obxecto intermediar na xestión das actuacións necesarias para a obtención dos fondos dos organismos nacionais e internacionais destinadas a financiar programas de axuda humanitaria. Igualmente, a prestación de asistencia de forma rápida e eficaz en crises humanitarias en casos de urxente necesidade, e particularmente en coordinación coas comunidades galegas radicadas nas áreas afectadas. Así mesmo, realizará actividades formativas que teñan como finalidade a capacitación de voluntarios e profesionais en materia de asistencia humanitaria, así como campañas de sensibilización entre a poboación galega e as comunidades galegas no exterior.

A Consellería de Emigración é o órgano da Xunta de Galicia que exerce o protectorado sobre a devandita fundación.

No marco das relacións de colaboración que teñen lugar entre as dúas entidades, e dado o grande interese social das actividades da fundación e os escasos recursos cos que conta para iniciar o desenvolvemento delas, por esta orde a Consellería de Emigración cédelle en propiedade á Fundación Axencia Humanitaria de Galicia uns equipamentos informáticos e mobiliario.

Esta cesión de bens mobles vén amparada pola Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, sempre que se dediquen a fins de utilidade pública ou interese social. De conformidade co Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da citada lei, a orde de cesión debe expresar a finalidade concreta á que as entidades beneficiarias deben destinar os bens, así como as súas condicións.

Na súa virtude, e en uso das facultades que teño atribuídas

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é acordar a cesión en propiedade duns equipamentos informáticos e mobiliario (relacionados no anexo) a favor da Fundación Axencia Humanitaria de Galicia.

Artigo 2º.-Condicións da cesión.

A cesión queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) Coa cesión outórgaselle a propiedade dos equipamentos informáticos e mobiliario relacionados no anexo á Fundación Axencia Humanitaria de Galicia.

b) Os bens cedidos destinaranse ao uso do persoal da fundación no desenvolvemento das súas actuacións de interese social, tal como exixe o artigo 35 bis da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 3º.-Formalización da cesión.

De conformidade co establecido na Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega e no Decreto 50/1989, do 9 de marzo,

polo que se aproba o regulamento para a execución da citada lei, a cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral desta consellería, ou funcionario en quen delegue, e polo órgano competente da fundación, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Artigo 4º.-Facultades de control, vixilancia e revisión.

1. Se os bens cedidos non se aplicasen para o fin sinalado ou deixasen de estalo con posterioridade, se se descoidasen ou utilizasen con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e os bens revertarán á Comunidade Autónoma, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.

2. Á consellería cedente corresponderanlle as facultades de control e vixilancia da cesión, así como, se é o caso, a resolución dos expedientes de reversión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral desta consellería para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde, así como para realizar os trámites necesarios para a súa efectividade.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2004.

Aurelio Miras Portugal

Conselleiro de Emigración

ANEXO

Relación de equipamentos informáticos e mobiliario que se ceden en propiedade á Fundación Axencia Humanitaria de Galicia para seren utilizados polo seu persoal no desenvolvemento das súas actividades de interese social.

-1 ordenador persoal marca ASUS coas seguintes características:

PIV: 2.0.

Memoria 256 Mb de Ram.

Disco duro de 40 Gb.

Cd-Rom.

Son.

Disqueteira.

Pantalla de 17''.

Teclado e rato.

-1 ordenador persoal marca NEC coas seguintes características:

PIV: 1.6.

Memoria 128 Mb de Ram.

Disco duro de 20 Gb.

Cd-Rom.

Son.

Disqueteira.

Pantalla de 17''.

Teclado e rato.

-1 ordenador persoal marca UNISYS coas seguintes características:

PII: 233.

Memoria 32 Mb de Ram.

Disco duro de 4 Gb.

Cd-Rom.

Son.

Disqueteira.

Pantalla de 15''.

Teclado e rato.

-1 mesa redonda de oficina, de 1,16 m de diámetro e 74 cm de alto, de material contra chapado e de cor castaño escuro.

-2 mesas rinconeira de oficina, que consta cada unha de mesa principal (88 cm de largo, 1,80 m de longo, e 74 cm de alto) e mesa auxiliar (55 cm de largo e 97 cm de longo), de material contra chapado e de cor castaño escuro.

-5 cadeiras de oficina, reclinables, con repousa brazos, tapizadas en cor acibeche.

-1 cadeira de oficina, con respaldo alto, xiratoria, con rodamento, regulable en altura, con repousa brazos e en cor acibeche.

-2 cadeiras de oficina, en cor negra.

-1 armario-andel, de 42,5 cm de largo, 95 cm de longo, e 1,98 m de alto, de material contra chapado e de cor castaño escuro. Consta de 2 módulos, un deles contén 3 estantes abertos na parte superior e 2 arquivadores na inferior, o outro é un armario percheiro con 2 estantes. Con chaves.

-1 armario-andel, de 42,5 cm de largo, 95 cm de longo, e 1,97 m de alto, de material contra chapado, de cor acibeche, cor frontal castaño escuro. Conta con 3 estantes abertos e 2 arquivadores na parte inferior. Con chaves.

-2 caixoneiras, de material contra chapado, de cor castaño escuro. Contan cada unha delas cun caixón e un arquivador. Con rodas.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA