DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Venres, 14 de maio de 2004 Páx. 6.839

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 7 de maio de 2004 pola que se convocan os premios de iniciativas de mellora da calidade de xestión de servizos nas entidades locais de Galicia.

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, en virtude das súas competencias en materia de relación coas corporacións locais, establecidas polo artigo 11 do Decreto 226/2003, do 11 de abril, polo que se establece a estrutura orgá

nica da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, modificado polo Decreto 16/2004, do 15 de xaneiro, pretende premiar o esforzo e recoñecer a mellora dos resultados acadada ou proxectada coa implantación de iniciativas de calidade postas en marcha polas entidades locais, así como o recoñecemento activo das actuacións que en materia de xestión da calidade se leven a cabo no eido da Administración local galega, como mellora na prestacións de servizos ao cidadán.

Así, a través da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, no marco do compromiso da mesma coa implantación de actuacións vencelladas á mellora e racionalización da xestión na prestación dos servizos públicos que os entes locais teñen encomendados, aprobouse o Decreto 195/2002, do 23 de maio, polo que se crean os Premios de Iniciativas de Mellora da Calidade de Xestión de Servizos nas Entidades Locais de Galicia.

O devandito Decreto 195/2002, do 23 de maio, establece no seu artigo cuarto, que a convocatoria dos mesmos realizarase con carácter anual, mediante orde da consellería competente en materia de Administración local, determinándose nela as bases polas que se deberá rexer a súa concesión, as categorías dos premios, así como a composición do xurado, e calquera outro aspecto relacionado cos premios.

Así, en cumprimento do anteriormente sinalado e de conformidade co previsto na disposición derradeira primeira do Decreto 195/2002, do 23 de maio de 2002,

DISPOÑO:

Artigo único.-Convócanse os Premios de Iniciativas de Mellora da Calidade de Xestión de Servizos no ámbito da Administración local en Galicia, co fin de estimular e recoñecer a actuación das entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia que se teñan distinguido pola implantación -proxectada ou xa realizada- de actividades de mellora na xestión dos servizos que teñen encomendados, de acordo coas bases que se fan públicas no anexo I desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Administración Local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto no Decreto 195/2002 e nesta orde, rexerá o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2004.

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local

ANEXO I

BASES

Primeira.

Poderán concorrer aos premios entidades locais de Galicia que teñan iniciativas de mellora da calidade en fase de execución na actualidade, e aqueloutras que teñan proxectada a implantación de actividades conducentes ao mesmo fin para o ano 2005.

A convocatoria abrangue a deputacións provinciais, concellos, consorcios e mancomunidades e demais entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.

Os que desexen participar na convocatoria dos premios formularán a petición, por medio de instancia dirixida ao conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, e presentarana no rexistro central da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, no das delegacións provinciais, ou por calquera outro dos medios a que se refire o artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, durante o prazo de corenta días naturais, contados dende o seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

A entidade local interesada xuntará á solicitude a seguinte documentación:

1. Documentación administrativa (sobre A).

No sobre A, pechado, figurará o nome da iniciativa, o da entidade local que a asume, e categoría á que opta, e nel incluirase:

-Declaración xurada do titular do órgano responsable da entidade local que concorre á convocatoria, conforme se dá fe dos resultados obtidos ou do compromiso de realizar as actuacións de mellora no prazo previsto.

-Certificación do acordo da entidade local pola que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta orde.

-Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

2. Documentación técnica (sobre B).

No sobre B incluirase unha memoria na que se describirá a iniciativa, acompañada da documentación que se estime oportuna. Presentaranse en CD-ROM ou disquete en programa compatible con Windows e en soporte de papel DIN-A4, escritas mecanicamente a dobre espazo e por unha soa cara en letra tamaño 12.

As memorias integrarán no seu contido os seguintes elementos:

-Descrición do órgano/unidade e do propio servizo atendendo a cada un dos procesos que o integran,

dando conta ademais dos recursos materiais e persoais, internos e externos.

-Diagnóstico da situación prevista no que constará a identificación das áreas de mellora.

-Descrición da/s actuación/s de mellora, atendendo aos obxectivos marcados, á organización e planificación das actividades e ao nivel de implicación e participación de persoas, incluíndo os responsables.

-Fixación do calendario de aplicación.

-Resultados unicamente naquelas iniciativas presentadas que xa se atopen en fase de execución e implementación- considerando os obtidos de cara aos usuarios e destinatarios; de cara ás persoas que forman o cadro de persoal da unidade ou servizo; e de cara á sociedade en xeral. No percorrido deste capítulo deberá facerse unha comparativa entre obxectivos previstos e resultados obtidos coa identificación de posibles desviacións.

-Avaliación, na que deberá facerse constar o seguimento -en fase de execución ou proxectado- das actividades de autoavaliación (avaliación da planificación da acción de mellora; avaliación do desenvolvemento da acción de mellora; avaliación dos resultados globais).

O defecto na solicitude seralles notificado aos interesados pola Dirección Xeral de Administración Local, e daráselles un prazo de dez días para emendar os erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Terceira.

A valoración das iniciativas presentadas corresponderalle a un xurado especial, que estará integrado por unha comisión de expertos, composta por cinco membros do ámbito da calidade nas administracións públicas, nomeados do seguinte xeito:

Pola Xunta de Galicia (tres), en representación do eido universitario (un) e da FEGAMP (un).

Cuarta.

Para a valoración das iniciativas presentadas, o xurado poderá solicitar cantos informes técnicos estime oportunos e, en todo caso, teranse en conta os seguintes criterios referidos ao contido do sobre de referencias técnicas das actuacións de mellora da calidade, valorándose ata un máximo de cen puntos, coas puntuacións indicadas en cada un dos epígrafes:

1. Obter resultados que melloran os servizos prestados aos usuarios (20 puntos).

2. Obter resultados que melloran o funcionamento interno dos servizos (15 puntos).

3. Ter un alto grao de implicación do persoal das unidade/s ou servizos/s (10 puntos).

4. Que as experiencias de mellora servisen de referencia a outras organizacións ou que as accións de mellora proxectadas tomen como referencia experiencias exitosas doutras organizacións en ámbitos similares de actuación (5 puntos).

5. Adecuarse ou ter proxectada a adecuación total ou parcial ao Modelo Europeo de Xestión de Calidade (Modelo da Fundación Europea para a Xestión da Calidade - EFQM) (10 puntos).

6. Carácter innovador e consistencia das accións de mellora proxectadas para a súa implementación (10 puntos).

7. Vocación de permanencia e aplicabilidade, coa presencia de mecanismos que garantan o seguimento da correcta aplicación das iniciativas, a súa efectividade, e nunha idea de mellora continua (10 puntos).

8. Especialmente, valorarase a aplicación da ferramenta das cartas de servizos como instrumento idóneo para expresar o compromiso do servizo público cos seus usuarios, sendo ademais útiles para evidenciar a efectividade do funcionamento da Administración no contacto diario e esporádico que cada persoa establece con ela (20 puntos).

Quinta.

Establécense os seguintes premios:

-Primeiro premio, con dotación de 9.500 euros.

-Segundo premio, con dotación de 8.000 euros.

-Terceiro premio, con dotación de 6.500 euros.

-Cuarto premio, con dotación de 3.000 euros.

Sexta.

As entidades locais interesadas en concorrer aos premios poderán presentar as súas iniciativas en calquera dos seguintes eidos:

1. Innovacións na xestión das tecnoloxías.

2. Simplificación de procedementos administrativos.

3. Prevención de riscos laborais.

4. Implantación de cartas de servizos.

Innovacións na xestión das tecnoloxías.

Nesta categoría valoraranse posibilidades de acercamento da Administración ao cidadán a través das novas tecnoloxías da información e comunicación, en dinámicas que tendan á racionalización dos procesos administrativos. Preténdese a través do establecemento desta modalidade, valorar e avaliar o uso e rendemento de aplicacións informáticas na prestación de servizos por parte da Administración local.

Simplificación de procedementos administrativos.

Abrangue accións de mellora da calidade na prestación de servizos públicos por parte das entidades locais, atendendo ao ámbito de simplificación de procedementos administrativos, con obxecto de

satisfacer plenamente a usuarios e interesados, xerando cada vez maior valor a partir da racionalización na organización deles.

Prevención de riscos laborais.

Inclúense neste campo actuacións tendentes á implantación, no ámbito das entidades locais, de políticas en materia de prevención de riscos laborais, en recoñecemento da súa importancia como dimensión da calidade nas organizacións.

Implantación de cartas de servizos.

Engloba actuacións orientadas á elaboración e aplicación de cartas de servizos como instrumento de comunicación e calidade ao respecto de unidades administrativas ou servizos que, no marco funcional das entidades locais, presten servizos con significativo impacto social. Como documentos a través dos cales as organizacións informan publicamente aos cidadáns sobre os servizos que xestionan e acerca dos compromisos de calidade na súa prestación, os obxectivos das cartas de servizos cubren tres dimensións:

a) Facilitar aos cidadáns o exercicio efectivo dos seus dereitos, proporcionándolles unha influencia máis directa sobre os servizos administrativos e permitíndolles comparar o que poden esperar co que reciben realmente.

b) Fomentar a mellora continua da calidade, dando aos xestores a oportunidade de coñecer -de forma consciente, realista e obxectiva- cómo son utilizados os recursos e o nivel de calidade que poden acadar.

c) Facer explícita a responsabilidade dos xestores públicos con respecto á satisfacción dos usuarios ante o servizo prestado.

Sétima.

O xurado, unha vez avaliadas as iniciativas, elaborará a correspondente proposta mediante acta motivada, que se elevará ao director xeral, quen á súa vez elevará proposta de resolución ao conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, quen resolverá a adxudicación dos premios, podendo quedar desertos todos ou algún dos premios convocados.

A resolución notificaráselles a todos os gañadores, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non notificarse resolución no prazo de seis meses contados desde a publicación desta Orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. Todo isto sen perxuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da devandita lei.

Contra esta resolución, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local no prazo dun mes contado a partir do día

seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Así mesmo, o órgano competente para a concesión destes premios poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse, en todo caso, os requisitos recollidos no artigo 12.2º, do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A entrega dos premios poderá levarse a cabo en acto público, na sala de xuntas da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, en data que, se é o caso, se determinará oportunamente.

Oitava.

O importe dos premios farase efectivo con cargo á aplicación orzamentaria 13.04.484.0, programa 123.A da Dirección Xeral de Administración Local, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, alcanzando un máximo total de 27.000 euros.

Novena.

O presidente da entidade local gañadora disporá dun prazo de quince días, contados a partir da recepción da resolución para comunicar a aceptación das condicións contidas nela. Así mesmo, no momento da aceptación, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación, de non xustificarse suficientemente a concorrencia de circunstancias excepcionais que impidan facelo, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local poderá anular a resolución.

As cantidades que resultasen sobrantes por causa de renuncia expresa ou non presentación da documentación requirida por parte das entidades locais beneficiarias, poderán adicarse a premiar a outras entidades locais que presentaron, en prazo, solicitude de participar na convocatoria ao abeiro desta orde.

Transcorrido o prazo establecido no parágrafo 1º sen ter presentada a correspondente documentación requirida poderase anular a concesión do premio a esa entidade local, podendo esta consellería utilizar o dito crédito en beneficio doutros posibles beneficiarios.

Décima.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios ou, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas

por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal e como se establece no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Décimo primeira.

No caso de o gañador do premio incumprir algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local anulará os beneficios concedidos e, conforme o disposto no artigo 78.5 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora debidos polos mesmos, segundo o procedemento que establece o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, anteriormente citado; e se procede instruirá o correspondente expediente sancionador, conforme o previsto no citado decreto.

Décimo segunda.

A Dirección Xeral de Administración Local reserva para si o dereito de publicar e divulgar as iniciativas premiadas, citando as entidades locais que as presentaron, comprometéndose estas mesmas a colaborar nas tarefas de difusión.

Así mesmo, as entidades premiadas poderán mencionar nos seus locais, publicacións e material impreso, que obtiveron o correspondente galardón.

Décimo terceira.

As iniciativas non premiadas seranlles devoltas ás entidades locais, logo da petición expresa delas, no prazo de tres meses seguintes ao da data na que lles sexa notificada a decisión do xurado.

Rematado o devandito prazo sen que se solicite a devolución, poderase proceder á súa destrución.

Décimo cuarta.

A presentación de iniciativas para os premios implicará a aceptación polas entidades locais destas bases.

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE

E VOLUNTARIADO