DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Venres, 14 de maio de 2004 Páx. 6.838

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 13 de maio de 2004 pola que se ditan normas para garantir os servizos esenciais durante a folga convocada polas organizacións sindicais Comisións Obreiras (CC.OO.) e Unión Xeral de Traballadores (UGT) no sector de telemárketing, que afectará os traballadores da empresa GSS, adxudicataria do servizo de telemárketing da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia 061.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde, e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga que afecta o persoal da empresa GSS, adxudicataria do servizo de telemárketing da Fundación Pública Urxencias de Galicia 061, que se levará a efecto durante os seguintes días:

14 de maio de 2004, das 11.00 ás 12.00 h e das 18.00 ás 19.00 h.

15 de maio de 2004, das 0.00 á 1.00 h.

17 de maio de 2004, das 11.00 ás 12.00 h e das 18.00 ás 19.00 h.

18 de maio de 2004, das 0.00 á 1.00 h.

20 de maio de 2004, das 11.00 h ás 12.00 h e das 18.00 ás 19.00 h.

21 de maio de 2004, das 0.00 ás 1.00 h.

27 de maio de 2004, das 11.00 ás 13.00 h e das 18.00 ás 20.00 h.

28 de maio de 2004, das 0.00 ás 2.00 h e das 11.00 ás 13.00 h e das 18.00 ás 20.00 h.

29 de maio de 2004, das 0.00 ás 2.00 h.

9 de xuño de 2004, das 0.00 ás 24.00 horas. Toda a xornada, comezará ao inicio da primeira quenda, aínda que esta empece antes das cero horas.

Logo de audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A folga convocada durante os periodos mencionados, que afecta o persoal da empresa GSS, adxudicataria do servizo de telemárketing da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias 061, enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos necesarios en adecuada correspondencia cos criterios rectores que se explicitan neste artigo, quedando a súa fixación debidamente motivada no expediente.

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061 presta atención sanitaria de urxencias e emerxencias extrahospitalarias á poboación de toda a Comunidade Autónoma, 24 horas ao día, os 365 días ao ano. Desde a Central de Coordinación movilízanse todos os recursos asistenciais e urxencias, polo que os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a adecuada cobertura na Central de Urxencias Médicas 061 de Galicia, en evitación de que se produzan graves prexuízos irreparables aos cidadáns, que poden afectar incluso á vida das persoas.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respeto ineludible ao exercicio do dereito á folga coa atención aos usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos, polas características do servizo dispensado, tendo en conta ademais a duración da folga.

Establécense os seguintes servizos mínimos:

-Quenda de mañá e de tarde: persoal teleoperadores máis supervisión: 87%; radiooperadores, 75%.

-Quenda de noite: teleoperadores máis supervisión e radiooperadores, 100%.

-Persoal non de sala: persoal de datos administrativos 25%, polivalentes do dispositivo xacobeo, 25% en cada quenda.

Artigo 2º

A designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubrir o servizo será determinada polo director-xerente, procedéndose á súa publicación nos taboleiros de anuncios do centro de traballo.

Artigo 3º

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos centros sanitarios.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2004.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL