DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Martes, 11 de maio de 2004 Páx. 6.587

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 30 de abril de 2004 pola que se regula o procedemento para o pagamento e a presentación telemáticos das autoliquidacións correspondentes ao imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

O artigo 103 da Constitución española sinala a eficacia como un dos principios que deben rexer o actuar das administracións públicas. Pola súa parte a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, alude no seu artigo 3, xunto aos principios constitucionais, os de eficiencia e servizo aos cidadáns, recoñecendo no artigo 35 o dereito dos cidadáns a que se lles facilite o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas. Para o logro destes obxectivos a Lei 30/1992 destaca, no seu artigo 45, como instrumento idóneo, a utilización por parte das administracións de técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas no desenvolvemento da súa actividade e o exercicio das súas competencias, polo que insta a estas a que impulsen e apliquen as ditas técnicas.

No ámbito tributario, a Lei 1/1998, do 26 de febreiro, de dereitos e garantías dos contribuíntes, desenvolve no seu artigo 20 a obriga da Administración de facilitarlles a estes o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas, sinalando que as actuacións da Administración tributaria que requiran a súa intervención deberán levarse a cabo da forma que resulte menos gravosa para estes, sempre que iso non prexudique o cumprimento das súas obrigas tributarias.

De acordo co anterior, é claro que as novas tecnoloxías aplicadas aos procedementos xestores de tributos son un instrumento idóneo para conxugar os principios de eficacia da Administración tributaria e a limitación dos custos indirectos ao contribuínte, e nesta liña a presentación telemática de tributos ofrécelles a posibilidade de evitar desprazamentos ás oficinas xestoras ou ás entidades bancarias e caixas das delegacións para a realización do pagamento, así como a presentación dos tributos fóra do horario normal de atención ao público. Ao mesmo tempo, a utilización dos programas que a Administración tributaria implementa para a presentación telemática de tributos facilita a formalización destes, guiando o contribuínte na introducción dos datos, evitando a reiteración destes e ofrecéndolle unha axuda en liña.

A Consellería de Economía e Facenda, de acordo coas competencias normativas que o artigo 41 da Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con Estatuto de autonomía, outorga sobre a xestión e liquidación do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, e de acordo co establecido no artigo 2 da Lei 18/2002, do 1 de xullo, do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de

Galicia e de fixación do alcance e condicións da dita cesión, e tendo en conta a autorización que o artigo 5 da Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo, lle concede ao conselleiro de Economía e Facenda para a presentación das declaracións ou declaracións-liquidacións por vía telemática, así como para celebrar acordos con outras administracións públicas, así como coas entidades, institucións e organismos a que se refire o artigo 96 da Lei 230/1963, do 23 de decembro, xeral tributaria, para facer efectiva a colaboración social na presentación e ingreso das citadas declaracións ou declaracións-liquidacións mediante a utilización das técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos, regula nesta orde a presentación telemática deste imposto, tanto se esta a realizan directamente os suxeitos pasivos como se se realiza a través de determinados profesionais, tendo en conta que o carácter non periódico destes tributos implica con frecuencia a

presencia destes nos trámites previos á presentación.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Conceptos e definicións.

1. Número de referencia completo (NRC). O NRC é un código xerado informaticamente pola entidade de depósito mediante un sistema criptográfico que permitirá asociar a autoliquidación ao pagamento dela derivado.

O NRC está composto por 22 posicións co seguinte contido: posicións 01 13: alfanuméricas, corresponden ao número de xustificante da autoliquidación. Posición 14: alfanumérica, corresponde a un carácter de control adicional. Posicións 14 22: caracteres de control. As normas técnicas de xeración do NRC figuran no anexo a esta orde.

2. Usuarios. Terán a consideración de usuarios para os efectos previstos nesta norma calquera dos seguintes:

a) Os membros dos colexios profesionais que subscriban coa Comunidade Autónoma o correspondente convenio de colaboración, nos termos acordados neste.

b) Os suxeitos pasivos que dispoñan do correspondente certificado de usuario outorgado pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda (FNMT-RCM) para a presentación e o pagamento dos seus propios impostos.

Artigo 2º.-Procedemento para o pagamento e a presentación telemáticos das autoliquidacións correspondentes ao imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

1. O pagamento e a presentación telemáticos das declaracións-liquidacións correspondentes ao imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, que consonte os puntos de conexión establecidos no artigo 25 da Lei 21/2001, deba efectuarse á Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia, poderá realizarse por medios telemáticos, a través das aplicacións que a dita Administración poñerá á disposición dos usuarios, especialmente mediante os programas de axuda

existentes nas aplicacións de presentación telemática da páxina web desta consellería.

Para que se teña por realizada a presentación telemática destes impostos é necesario que previamente se realice o pagamento da cantidade resultante da autoliquidación. No caso contrario terase por non realizada a presentación.

2. O pagamento das autoliquidacións que se presentaren de forma telemática poderá efectuarse das seguintes formas:

a) Mediante ingreso presencial da cantidade resultante da autoliquidación en calquera das entidades colaboradoras autorizadas por esta consellería para o cobro de autoliquidacións presentadas telematicamente. O ingreso realizarase mediante o documento de ingreso que para estes efectos xerará a aplicación informática e imprimirá o usuario. Unha vez realizado o pagamento, a entidade colaboradora facilitará un número NRC identificativo do ingreso realizado que será requirido posteriormente pola aplicación informática para completar a presentación.

b) Mediante pagamento telemático. O usuario accederá ás aplicacións específicas a través da páxina web da Consellería de Economía e Facenda e efectuará o pagamento das correspondentes autoliquidacións a través das entidades colaboradoras autorizadas por esta consellería para o pagamento telemático. A entidade efectuará as comprobacións oportunas e aceptará ou rexeitará o cargo. Caso de ser aceptado o cargo, efectuará o aboamento na correspondente conta restrinxida de recadación de tributos e xerará un NRC por cada autoliquidación.

3. A xeración do NRC pola entidade de depósito implicará:

-Que o recibo no que figura responde a un ingreso realizado na entidade de depósito que o expide.

-Que o dito recibo corresponde á autoliquidación incorporada na carta de pagamento e non a outra.

-Que a partir do momento de xeración deste, queda a entidade de depósito obrigada fronte á Facenda da Comunidade Autónoma polo importe que figura na dita carta de pagamento, quedando o contribuínte liberado da súa obriga de pagamento fronte á citada Facenda.

Dadas as expectativas de dereitos, opoñibles fronte a terceiros, a que pode dar lugar a carta de pagamento validada co correspondente NRC, unha vez xerado este non se admitirá a retrocesión do pagamento por parte da entidade de depósito, debendo presentar o suxeito pasivo, de ser o caso, ante a Administración tributaria, a correspondente solicitude de devolución de ingresos indebidos axeitadamente fundamentada.

Pola súa parte, a entidade de depósito deberá realizar o aboamento na conta restrinxida de recadación con carácter previo á xeración do citado NRC.

As entidades que desexen adherirse aos sistemas de pagamento de autoliquidacións presentadas de forma telemática deberán solicitalo expresamente á Dirección Xeral de Tributos, de acordo co establecido na disposición adicional segunda da Orde do 5 de xuño de 2003, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se regula o procedemento para

o pagamento e a presentación telemáticos das autoliquidacións correspondentes ao imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, pola transmisión de determinados medios de transporte usados entre particulares.

Artigo 3º.-Xustificantes de pagamento e de presentación de autoliquidacións presentadas de forma telemática.

1. Unha vez que o contribuínte opte polo pagamento da autoliquidación de forma presencial na entidade colaboradora, a aplicación informática xerará dúas copias do documento de ingreso debidamente cuberto. Co dito documento acudirase á entidade colaboradora para a realización do pagamento, a cal quedará co exemplar para a entidade colaboradora e lle devolverá ao contribuínte o exemplar para o interesado co selo da entidade, data do ingreso, número e importe, así como co NRC. O dito documento servirá de xustificante de pagamento do número de autoliquidación impreso neste.

2. Se se opta polo pagamento telemático a aplicación informática, unha vez realizado o pagamento, xerará o recibo de cargo en conta que o contribuínte, deberá imprimir e conservar, no que se identificará o número da conta que realiza o pagamento, data do ingreso, importe, NIF e nome do contribuínte así como o NRC. O dito documento servirá de xustificante de pagamento do número de autoliquidación impreso neste.

3. A presentación da autoliquidación do imposto acreditarase mediante a impresión do documento (modelo 600) xerado pola aplicación informática no que constarán os datos identificativos do suxeito pasivo, transmitinte, presentador, datos do documento, datos do ben, operación ou acto e liquidación. Ademais xerarase un código interno que permitirá asociar de forma inequívoca a autoliquidación presentada telematicamente coa impresa polo contribuínte. Este documento acredita a presentación da autoliquidación así como da súa data.

4. Os xustificantes de pagamento e presentación sinalados nos parágrafos anteriores producirán os efectos liberatorios para coa Facenda da Comunidade Autónoma sinalados no Regulamento xeral de recadación e permitirán a inscrición nos correspondentes rexistros públicos daqueles documentos que incorporen o feito ou negocio que motivou o pagamento do imposto que estas acreditan.

Os contribuíntes deberán conservar os xustificantes de pagamento e presentación. No caso de que a autoliquidación presentada non dea lugar a ingreso, bastará a xustificación da presentación na forma sinalada no punto 3 anterior.

Artigo 4º.-Utilización do programa de axuda para a presentación do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

Aquelas persoas que non desexen realizar a presentación telemática deste imposto ou ben non dispoñan do certificado de usuario expedido pola FNMT-RCM, poderán formalizar a súa autoliquidación utilizando o programa de axuda existente na páxina web desta consellería. Para estes efectos e unha vez introducidos os datos correspondentes, o sistema imprimirá catro exemplares do modelo 600

(exemplar para o interesado, exemplar para a Administración, talón de cargo e carta de pagamento) que serán válidos para a presentación do imposto de forma presencial nas oficinas xestoras desta consellería.

Artigo 5º.-Presentación de documentos.

De acordo co establecido nos artigos 98 e 101 do Real decreto 828/1995, do 29 de maio, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, o contribuínte debe presentar ante a Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia os documentos comprensivos dos feitos impoñibles, en concreto a copia auténtica, acompañados de copia simple do documento notarial, xudicial e administrativo, o orixinal e copia do documento privado ou a declaración escrita substitutiva se o acto ou contrato non está incorporado ao documento.

No caso de presentación telemática do imposto, os usuarios deberán presentar a documentación anteriormente sinalada, xunto coa copia do exemplar para o interesado do modelo 600, no prazo de 15 días seguintes ao pagamento e presentación das autoliquidacións. Non será precisa a dita presentación cando o notario autorizante do documento público que motiva a autoliquidación lle envíe á Administración tributaria da Comunidade Autónoma copia autorizada deste por vía telemática.

Disposicións adicionais

Primeira.-Confidencialidade e representación.

Os profesionais colexiados, no exercicio das súas funcións e nas actuacións previstas nos convenios correspondentes, respectarán as normas establecidas na Lei 230/1963, do 28 de decembro, xeral tributaria, Lei 1/1998, do 26 de febreiro, de dereitos e garantías dos contribuíntes, e a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Os profesionais colexiados aos que o suxeito pasivo dos ditos impostos lles solicitase a colaboración para a presentación telemática do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, terán o carácter de presentadores do documento cos efectos previstos no regulamento do dito imposto.

Segunda.-Conservación de soportes informáticos.

No suposto de pagamento telemático das autoliquidacións referidas ao imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, a entidade de depósito autorizada, colaboradora na xestión recadadora, que xerase o correspondente NRC xustificante deste, conservará durante un período de seis anos os soportes informáticos que motivaron o dito NRC.

Terceira.-Presentación e pagamento en prazo.

A falta de resposta do ordenador da entidade de depósito autorizada, colaboradora na xestión recadadora, elixida polo interesado para realizar o pagamento telemático das autoliquidacións previstas nesta orde, así como a falta de conformidade da dita entidade a materializar a operación polos motivos que, con ocasión do intento de efectuar o dito pagamento poña en coñecemento do citado interesado, non escusarán a este do pagamento e presentación da autoliquidación dentro dos prazos establecidos na normativa dos correspondentes impostos.

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2004.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO

Normas técnicas para a xeración do NRC

A entidade financeira xerará o NRC (número de referencia completo) segundo a segunda norma técnica do anexo I da orde do Ministerio de Facenda, do 28 de decembro de 2000 (BOE do 3 de xaneiro de 2001), correspondente á xeración de NRC para documentos de ingreso expedidos polas oficinas tributarias. O NRC xerarase a partir dun rexistro de 48 caracteres codificados en EBCDIC:

* MMMNNNNNNNNNDC (14): número de xustificante, sendo:

-MMMNNNNNNNNND (13): número de xustificante asignado pola oficina tributaria.

-C (1): carácter de control calculado polo banco, utilizando o mesmo algoritmo especificado na citada orde. A oficina tributaria facilitaralle á entidade colaboradora o algoritmo para o cálculo deste carácter de control.

* XXXXXXXXX (9): NIF do debedor.

* NNNNNNNNNNNNN (13): importe de cargo.

* AAAAMMDD (8): data de cargo.

* XXXX (4): código de Banco de España da entidade.

O número de referencia completo (NRC) resultante terá 22 posicións:

* MMMNNNNNNNNNDC (14): número de xustificante (o mesmo que o especificado enriba).

* XXXXXXXX (8): caracteres de control resultantes de aplicar unha función MAC 4 do algoritmo DES (segundo norma X9.9-1) aos datos anteriores (48 caracteres) utilizando a clave privada do banco. Esta función xerará 8 caracteres de control; é dicir, a sinatura.