DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Luns, 10 de maio de 2004 Páx. 6.547

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 20 de abril de 2004 pola que se publica o orzamento da Universidade de Santiago de Compostela para 2004.

Con data 14 de abril de 2004 foi aprobado polo Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela o orzamento da universidade para o ano 2004.

Este reitorado, en uso das atribucións conferidas polo artigo 171 dos estatutos da universidade, resolve publicar o acordo do Consello Social, así como as súas bases de execución.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2004.

Senén Barro Ameneiro

Reitor da Universidade de

Santiago de Compostela

Orzamentos da Universidade de Santiago de Compostela para o ano 2004

En virtude do disposto no artigo 81 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e no artigo 171 dos estatutos da universidade aprobados por Decreto 28/2004, do 22 de xaneiro, apróbanse os orzamentos da Universidade de Santiago de Compostela para o exercicio 2004, que acadan a contía inicial en ingresos e gastos de cento oitenta e sete millóns noventa e oito mil trescentos vinte euros.

1. Clasificación económica

INGRESOS187.098.320,00

Capítulo IIIPrezos públicos e outros ingresos 35.168.590,00

Capítulo IVTransferencias correntes 105.235.520,00

Capítulo VIngresos patrimoniais 420.000,00

Capítulo VIAlleamento de investimentos reais 4.507.600,00

Capítulo VIITransferencias de capital 27.796.490,00

Capítulo IXVariación de pasivos financeiros 13.970.120,00

GASTOS187.098.320,00

Capítulo IRetribucións de persoal 111.001.650,00

Capítulo IIGastos en bens correntes e servizos 22.517.220,00

Capítulo IIIGastos financeiros 625.000,00

Capítulo IVTransferencias correntes 3.055.370,00

Capítulo VIInvestimentos reais 49.118.960,00

Capítulo IXVariación de pasivos financeiros 780.120,00

2. Normas de execución do orzamento

Dos gastos de persoal

Artigo 1º

1. As retribucións do persoal activo ao servizo da universidade quedan suxeitas ao que, nesta materia, dispón a Lei de orzamentos da comunidade autónoma galega. Os incrementos retributivos do persoal laboral deberán ser autorizados pola comunidade autónoma, segundo a lei orzamentaria.

2. Os custos do persoal laboral eventual contratado para substituír o persoal funcionario ou laboral de

administración e servizos serán financiados con cargo aos créditos dos correspondentes cadros de persoal.

3. Poderase xerar crédito no capítulo I para gastos de persoal con motivo da prestación de servizos financiados con prezos. Os gastos deste persoal, incluídas as cotas sociais, non poderán superar os ingresos.

4. A xerencia determinará os gastos de persoal que deban ser cofinanciados entre distintas partidas do orzamento e emitirá os cargos internos correspondentes.

5. Terán a consideración de créditos ampliables os créditos para o pagamento dos gastos de mérito docente, produtividade investigadora, trienios e seguridade social.

6. Inclúense no capítulo I os créditos destinados ao financiamento dos plans de formación do persoal de administración e servizos, así como os correspondentes á achega da universidade ao plan de pensións do persoal.

7. O Servizo de Planificación e Programación Docente e Persoal Docente e Investigador e o Servizo de Planificación e Programación de PAS deberán efectuar trimestralmente o control orzamentario das partidas e categorías correspondentes.

Dos créditos e as súas modificacións

Artigo 2º

1. Os créditos autorizados teñen carácter vinculante e limitativo a nivel de concepto. Non obstante, os créditos destinados a gastos de persoal terán carácter vinculante a nivel de capítulo, agás o artigo 15 (gratificacións e produtividade). Os investimentos reais, activos e pasivos financeiros terán carácter vinculante a nivel de artigo. Os gastos en bens correntes e servizos terán carácter vinculante a nivel de capítulo.

2. Con carácter xeral terán carácter vinculantes os créditos con financiamento específico, e, a nivel de subconcepto, as subvencións nominativas.

3. Non se poderán adquirir compromisos de gastos por contía superior ao importe dos créditos autorizados no estado de gastos e serán nulos de pleno dereito os actos administrativos e as disposicións xerais que infrinxan esta norma, sen prexuízo das responsabilidades que correspondan.

4. Os créditos asignados polo Consello de Goberno e o Consello Social ás facultades, Escola Politécnica Superior e escolas universitarias terán por finalidade financiar os gastos da docencia, así como tamén aqueles gastos que son necesarios para o funcionamento ordinario do centro.

5. Os créditos distribuídos aos departamentos teñen como primeiro obxectivo atender os gastos derivados da investigación que se faga neles, e debe

rán financiar, ademais, outros gastos asociados ao seu funcionamento ordinario.

6. Non se poderá contratar persoal ou nomear bolseiros con cargo aos créditos dos departamentos.

7. Para a adopción de medidas de mellora da calidade docente ou investigadora, coa autorización do Vicerreitorado de Organización Académica e Profesorado ou do Vicerreitorado de Investigación e Innovación, os centros e departamentos poderán tramitar diante da xerencia proposta de cofinanciamento de persoal de apoio con cargo aos seus respectivos créditos.

8. As partidas orzamentarias do orzamento para o 2004 preséntanse de acordo coas clasificacións económica, funcional e orgánica, sen establecer vinculacións xurídicas dentro da clasificación funcional.

9. Os responsables de asuntos económicos deberán facer as retencións de crédito e sucesivos axustes dos gastos correspondentes ás nóminas de persoal contratado con cargo a créditos financiados con achegas específicas conforme lle sexa comunicado pola unidade administrativa correspondente.

10. Os gastos de reparación e mantemento de edificios que sexan inferiores a 1.200 A deberán financiarse con cargo ao crédito descentralizado aos centros para esa finalidade.

11. A dotación de anualidades ou novas partidas orzamentaria para contratos, convenios, proxectos e infraestruturas de investigación realizaranse pola Oficina de Investigación e Tecnoloxía (OIT) con distribución desde as partidas xenéricas 8050.2000.62300 (infraestruturas) 8050.2000.64100 (proxectos) e 8050.2000.64100 (contratos e convenios). O importe dotado corresponderase coa anualidade indicada na resolución da correspondente subvención e, no caso de prestación de servizos, co importe da facturación prevista para 2004. No caso de que as dotacións para realizar superen o importe das referidas partidas efectuarase a correspondente xeración de crédito. A comunicación das dotacións orzamentarias que efectúa a OIT aos directores dos centros de gasto e responsables de asuntos económicos é plenamente operativa, sen que sexa precisa a comunicación polo Servizo de Contabilidade e Orzamentos.

12. Autorízase o vicerreitor de Economía e Financiamento a executar os axustes de créditos que procedan como consecuencia das desviacións que se poidan producir entre o orzamento prorrogado e o orzamento que se aproba por esta resolución.

Artigo 3º

A Xunta de Centro e o Consello do Departamento teñen a obriga de aprobar a distribución anual dos seus créditos así como a súa execución.

Artigo 4º

1. A modificación dos créditos orzamentarios axustarase ao disposto no artigo 171 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, mentres

non se efectúe o desenvolvemento do artigo 82 da Lei orgánica de universidades, e nestas bases.

2. O Consello Social delega no Consello de Goberno a aprobación de suplementos de crédito e créditos extraordinarios cando estes correspondan a expedientes con financiamento específico achegado por outros entes públicos ou privados. O reitor dará conta ao Consello Social dos expedientes aprobados.

3. O reitor poderá autorizar as transferencias de crédito entre os capítulos de gastos correntes e de gastos correntes a gastos de capital, sempre e cando:

* O gasto corrente figure orzado no capítulo II, III ou IV.

* O importe da transferencia non exceda de 30.000 A.

4. Poderán xerar crédito nos estados de gastos do orzamento da universidade os ingresos liquidados que superen a previsión de ingresos orzada, derivados das seguintes operacións:

* Prestacións de servizos.

* Achegas de persoas naturais ou xurídicas para financiar gastos que pola súa natureza estean comprendidos nos fins ou obxectivos da universidade.

* Corresponde ao reitor a aprobación dos expedientes de xeración de crédito.

Artigo 5º

5. O reitor poderá determinar, por iniciativa do director do centro de gasto correspondente, a imputación a créditos do exercicio corrente de obrigas xeradas en exercicios anteriores, como consecuencia de compromisos adquiridos, de conformidade co ordenamento, para os que existise crédito dispoñible no exercicio de procedencia.

6. A facturación por cargos internos, os documentos de gasto pagados con cargo á conta de anticipos para xustificar correspondentes a exercicios anteriores, así como as indemnizacións por razón do servizo pendentes ao cerramento do exercicio, imputaranse ao exercicio corrente sen o trámite establecido no parágrafo anterior ao non existir obriga con terceiros e estar só pendente de contabilización ou tratarse de gastos de persoal.

Artigo 6º

1. Son remanentes específicos os créditos non obrigados o 31 de decembro correspondentes a infraestrutura, proxectos contratos e convenios de investigación, prácticas de campo, créditos por accións de calidade, cursos, congresos, e en xeral os créditos financiados con achegas específicas.

2. No capítulo IV só poderán ser obxecto de incorporación ao exercicio seguinte os créditos financiados con achegas específicas.

3. A incorporación destes créditos deberá autorizala o reitor, que dará conta ao Consello de Goberno e mais ao Consello Social dos expedientes aprobados.

4. O financiamento de créditos no estado de gastos con cargo ao remanente xenérico de tesourería será aprobado polo Consello de Goberno.

5. A incorporación de remanentes de crédito correspondentes a departamentos e outras operacións de capital será autorizada polo reitor en función das dispoñibilidades financeiras existentes despois de realizada a liquidación do exercicio.

Da contratación administrativa

Artigo 7º

1. Serán de aplicación para o exercicio 2004 a Lei de contratos das administracións públicas e as disposicións que a desenvolvan e o Regulamento de contratación da Universidade de Santiago de Compostela aprobado polo Consello de Goberno e o Consello Social.

2. Procederá poñer en coñecemento do Servizo de Xestión Económica todos aqueles gastos para os que, con independencia da súa contía, se considere procedente a sinatura de contrato.

Disposición adicional

1. Co obxectivo de integrar no orzamento do vindeiro ano 2005 a totalidade de tarifas que se aplican na universidade pola prestación de servizos, durante este exercicio procederase á revisión de todas as tarifas existentes de acordo cos principios máis abaixo expostos. Deberá presentarse unha proposta antes do 1 de outubro que será analizada e aprobada pola xerencia, quen a tramitirá ao Consello de Dirección para a súa aprobación e posterior integración ao orzamento.

a) O importe da tarifa determinarase ao nivel que cubra, como mínimo, os custos económicos orixinados pola realización das actividades ou a prestación dos servizos ou a un nivel que resulte equivalente á utilidade derivada deles.

b) Cando existan razóns sociais, benéficas, culturais ou de interese público que así o aconsellen, poderán sinalarse prezos que resulten inferiores aos parámetros previstos no punto anterior, logo da adopción das previsións orzamentarias oportunas para a cobertura da parte do prezo subvencionado.

Toda proposta de establecemento ou modificación da contía das tarifas deberá ir acompañada dunha memoria económico-financeira que xustificará o seu importe que se propoñan e o grao de cobertura financeira dos custos correspondentes.

2. Autorízase o xerente da universidade a que dite as instrucións necesarias para a adaptación e desenvolvemento das normas de execución do orzamento.

Disposición transitoria

Autorízase o vicerreitor de Economía e Financiamento para que, mentres non se formalice definitivamente a operación de préstamo incluída nos orzamentos, habilite temporalmente os procedementos orzamentarios que permitan afrontar os gastos de

investimentos urxentes e ineludibles contra outras partidas de ingresos, procedendo con posterioridade á súa regularización, dando conta de todo isto ao Consello de Goberno e ao Consello Social.

Disposición derradeira

Estas normas entrarán en vigor ao día seguinte da aprobación definitiva do orzamento polo Consello Social, sen prexuízo de que a súa executividade se entenda a partir do 1 de xaneiro de 2004.