DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Luns, 10 de maio de 2004 Páx. 6.536

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 6 de abril de 2004, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Cambados.

Visto o texto do convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Cambados, con nº de código 3603282, que tivo entrada no rexistro único do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo o día 30-3-2004, subscrito en representación da parte económica pola representación do concello, e da parte social, polos delegados de persoal en decembro de 2003, e aprobado polo pleno da corporación o día 26-12-2003. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordenar o seu depósito no Servizo de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 6 de abril de 2004.

Joaquín Macías Sánchez

Delegado provincial de Vigo

Convenio colectivo polo que se regulan condicións de emprego do persoal laboral fixo ao servizo do Concello de Cambados

Exposición de motivos

O obxecto deste documento é o de regular determinadas condicións de emprego do persoal laboral fixo, asimilado en certos dereitos ao persoal funcionario, do Concello de Cambados, carente neste momento de documento algún que estableza aquelas condicións especialmente non recollidas na lexislación vixente, aínda que algunhas destas tamén se inclúan no mesmo para a súa máis completa claridade na aplicación dos dereitos e deberes do dito persoal municipal.

Celebradas varias xuntanzas entre a representación da corporación e os delegados representantes do persoal, redactouse este convenio, que se eleva á aprobación do Pleno da Corporación, para os efectos da súa posterior publicación e entrada en vigor, quedando redactado nos seguintes termos:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio colectivo será de aplicación, neste Concello de Cambados, ao persoal laboral fixo (asimilado), regulándose no mesmo as condicións de emprego do dito persoal, con establecemento dos seus dereitos e deberes básicos, no desempeño das súas funcións.

O resto do persoal laboral (fixo non asimilado e temporal), rexerase polos convenios colectivos que lles resulten de aplicación, segundo as súas tarefas.

Artigo 2º.-Ámbito temporal (duración e denuncia do convenio).

Este convenio regulador das condicións de emprego do persoal laboral fixo ao que atinxe, entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no diario oficial correspondente, previa a súa aprobación polo Pleno da Corporación.

O seu período de vixencia será, inicialmente, o de catro anos. Este período entenderase prorrogado por anualidades sempre que non se formule denuncia, por algunha das partes, e continuará en vigor ata que se acorde a súa modificación ou se aprobe un novo convenio.

Ambas as partes conveñen en que este convenio considerarase denunciado cando se formule esta por escrito, e cun mínimo de tres meses de antelación ao da finalización da súa vixencia, ou de calquera das súas prórrogas, momento a partir do que deberán iniciarse as negociacións para a fixación das condicións do novo convenio que se pretenda aprobar, debendo obrigatoriamente iniciarse estas negociacións dentro do mes seguinte ao da data de presentación do escrito de denuncia.

Artigo 3º.-Obxecto.

Este convenio regula e facilita o normal desenvolvemento das relacións de traballo do persoal laboral fixo ao servizo do Concello de Cambados, ao que lle resulte de aplicación, e no que inclúen, ademais dos dereitos e deberes básicos establecidos na vixente lexislación, aquel outros resultantes das negociacións celebradas para tal efecto.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Se por establecelo así unha futura lexislación, acordalo a corporación, ou calquera outra causa legal, resultasen de aplicación condicións máis beneficiosas que as contempladas neste documento, serán estas as que prevalezan, en substitución das correspondentes que figuran no convenio aprobado.

Artigo 5º.-Irrenunciabilidade e aplicación directa.

Terase por nula e non feita a renuncia por parte dos traballadores afectados de calquera beneficio establecido neste convenio colectivo.

Unha vez aprobado este convenio tacharase de nulidade, e non xurdirá ningún efecto, calquera outro acordo, resolución ou cláusula, que fixe condicións menos beneficiosas para os empregados do concello.

En todo caso, para calquera modificación ou establecemento de novas condicións, será imprescindible e obrigatoria a previa celebración de negociacións cos representantes do persoal, e a correspondente aprobación plenaria.

Artigo 6º.-Publicidade do convenio.

Este convenio publicarase pola delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no diario oficial correspondente, en cumprimento do establecido, enviándoselle un exemplar, unha vez publicado, a cada un dos sindicatos con representación no concello, e a cada un dos traballadores aos que lle resulte de aplicación.

Artigo 7º.-Conflictividade laboral.

Antes de adoptar algún tipo de medida disciplinaria, ou actitude conflictiva de carácter colectivo ou individual, as partes asinantes deste convenio, comprométense a esgotar a vía do diálogo, dentro do propio concello, acudíndo, en todo caso, á comisión paritaria que se crea neste documento, co fin de analizar cada caso concreto.

Capítulo II

Seguimento e control do convenio colectivo

Artigo 8º.-Comisión paritaria de control e seguimento.

Co obxecto de analizar e resolver calquera dúbida que poida xurdir sobre a interpretación ou aplicación deste convenio, créase unha comisión paritaria de seguimento e control.

Esta comisión estará integrada por un número de membros igual ao dobre do número de delegados do persoal laboral fixo, e un secretario. Será presidida polo alcalde, o que designará de entre os concelleiros o número de membros preciso para garantir que os representantes da corporación e os representantes dos traballadores sexan iguais en número. En representación do persoal figurarán os delegados de persoal do sector laboral fixo, debendo estar representados todos os sindicatos ou candidaturas que obtivesen representatividade nas eleccións correspondentes.

O secretario, que será designado por resolución da alcaldía, actuará con voz, pero sen voto, redactará as actas de cada reunión; librará as certificacións dos acordos que se adopten, a petición dos membros da mesma; e cantos outros cometidos lle sexan encomendados pola comisión, en relación co propio convenio.

Esta comisión deberá constituírse no prazo de quince días a contar da entrada en vigor deste documento.

Artigo 9º.-Funcións da comisión paritaria.

Son funcións da comisión paritaria:

* A interpretación do texto do convenio, na súa aplicación práctica.

* A resolución definitiva de cantos asuntos e reclamacións se sometan, por escrito, á súa decisión, en relación coas condicións establecidas no acordo.

* A arbitraxe, mediación e conciliación no tratamento e solución das cuestións e conflitos de carácter colectivo que se sometan á súa consideración, se as partes discordantes o solicitan expresamente e a comisión acepta a función arbitral mediadora ou conciliadora.

* A vixilancia do cumprimento colectivo e total do pactado no convenio, segundo as oportunas recomendacións e interpretacións.

* A denuncia do incumprimento do convenio.

* O estudio da evolución das relacións entre as partes signatarias do convenio.

* Ter coñecemento dos acordos dos órganos da corporación que afecten o persoal atinxido por este convenio colectivo.

* Emitir informe, cando así lle sexa solicitado, en relación coas propostas de clasificación e valoración de postos de traballo, antes da súa aprobación polos órganos competentes do Concello de Cambados.

* Calquera outra que se lle poida atribuír, ao amparo de disposicións que no futuro se promulguen.

Artigo 10º.-Do funcionamento da comisión paritaria.

A comisión reunirase con carácter ordinario, dentro da última semana de cada trimestre natural, podendo convocarse con carácter extraordinario can

do así o dispoña a presidencia ou o solicite, a lo menos, o 50% dos seus membros.

As convocatorias das sesións da comisión efectuaranse cunha antelación mínima de corenta e oito horas.

Para que as sesións poidan celebrarse validamente será precisa a asistencia, polo menos, de dous representantes da corporación e outros dous dos representantes do persoal. De cada xuntanza o secretario redactará a correspondente acta, que arquivará no seu poder, a disposición da comisión.

As actas de cada sesión serán sometidas a aprobación na seguinte, podendo darse traslado do seu contido á Comisión de Goberno ou ao Pleno da Corporación, segundo o dispoña a propia comisión.

En caso de non chegarse a un acordo entre os grupos integrantes da comisión (corporación e persoal) nun prazo máximo de tres meses, someteranse as súas diferencias á mediación ou arbitraxe do Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC), ao que as partes remitirán a documentación que resulte pertinente.

A decisión do servizo será determinante para a comisión a que deberá aceptala, salvo no caso de que ambas as dúas partes chegasen a un acordo posterior ou simultáneo, co que a resolución do SMAC consideraríase sen efecto.

O concello colaborará coa comisión, facilitando canta axuda e información se lle requira en relación coa materia do convenio, e iso en cumprimento do pactado no seu texto.

A comisión paritaria poderá utilizar os servizos, ocasionais ou permanentes, de asesores, con voz pero sen voto.

Capítulo III

Da negociación colectiva

Artigo 11º.-Do dereito á negociación colectiva do persoal municipal.

O persoal incluído no ámbito funcional deste convenio, terá dereito a participar na determinación das súas condicións de traballo, conforme a lexislación vixente aplicable e ao disposto nos seguintes artigos.

Artigo 12º.-Da mesa xeral de negociación.

No Concello de Cambados, e coa finalidade de posibilitar a participación dos empregados públicos na determinación das súas condicións de traballo, constituirase unha mesa xeral de negociación na que estarán presentes os representantes da Administración, os representantes dos traballadores (delegados de persoal), e os representantes das organizacións sindicais máis representativas.

A mesa xeral de negociación reunirase unha vez ao ano, antes da aprobación inicial do orzamento xeral do Concello de Cambados.

As decisións da mesa xeral de negociación adoptaranse por maioría absoluta dos membros asistentes, sendo vinculantes para a corporación.

Artigo 13º.-Principio de boa fe.

As negociación realizaranse sempre baixo o principio de boa fe.

Capítulo IV

Dereitos e deberes

Artigo 14º.-Dereitos e deberes.

No relativo aos dereitos e deberes do persoal laboral fixo (asimilado) ao servizo do Concello de Cambados, rexerá o disposto pola lexislación vixente aplicable ao respecto, así como os recoñecidos expresamente neste convenio para o dito persoal, aplicándoselle, en todo caso, os mesmos dereitos de carácter económico e asistencial que os que lles corresponden ao persoal funcionario.

Capítulo V

Asistencia e permanencia no traballo

Artigo 15º.-Calendario laboral.

O calendario laboral quedará suxeito ás seguintes circunstancias:

1. Será de aplicación o calendario que se estableza anualmente polos organismos competentes da Administración central, da autonómica ou da local, dentro das súas respectivas competencias, e que afecten o Concello de Cambados; e,

2. Os días 22 de maio (Sta. Rita) e 24 e 31 de decembro, consideraranse como días de permiso para o persoal, permanecendo pechadas as oficinas públicas, a excepción dos servizos de información e rexistro xeral, que permanecerán abertos ao público de 9.00 a 13.00 horas, sendo compensada a persoa que preste o servizo cun día de xornada normal.

Artigo 16º.-Xornada laboral.

1. A xornada ordinaria de traballo establécese, en similitude coa fixada para o persoal funcionario, en 37,5 horas semanais.

2. A xornada laboral axustarase, con carácter xeral, aos seguinte criterios:

* Será de 8.00 a 15.00 horas, de luns a venres (con dez minutos de cortesía á entrada e saída).

* Os sábados pola mañá permanecerá aberto o servizo de rexistro xeral, de 9.00 a 13.00 horas; e, se é o caso, xustificadamente, outros servizos especiais.

* Os traballadores que realicen cursos de formación poderán adaptar o seu horario de traballo para a asistencia a estes, sempre que sexa compatible co horario de traballo dos compañeiros.

* Xornada de verán. Durante o período comprendido entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, ambos inclusive, a xornada será reducida nunha hora diaria. Para os servizos da policía local e operarios, ao non

beneficiarse da reducción de xornada, gozarán, en compensación, de sete días libres que non coincidirán cos días libres de servizo.

* A diferencia horaria que poida producirse completarase con outros servizos prestados, de tal xeito que no cómputo mensual se cumpra a obriga da xornada mínima legal de 37,5 horas semanais.

Artigo 17º.-Distribución da xornada.

1. Todo o persoal gozará, durante a xornada, dunha pausa de media hora, que se computará como de traballo efectivo.

2. Considerarase tamén como traballo efectivo o tempo que sexa imprescindible para recoller, ordenar, e gardar a roupa, materiais e útiles de traballo. A mesma consideración teraa o tempo utilizado para cumprir coas normas de seguridade e hixiene.

3. Para o persoal que desenvolva a súa actividade en lugares de traballo non fixo ou itinerantes, o cómputo da xornada normal comezará e rematará no lugar de recollida ou de reunión establecido a tal efecto.

4. As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora diaria de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha redución da xornada normal en media hora, coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser gozado, indistintamente, pola nai ou o pai, en caso de que ambos os dous traballen.

O mesmo dereito terán os pais, en caso de adopción dun neno de ata nove meses de idade.

Quen, por razóns de garda legal, teña ao seu coidado directo algún menor de seis anos, ou un diminuído psíquico ou físico, que non desempeñe actividade retribuída, terá dereito a unha redución da xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario, entre, polo menos, un terzo e un máximo da metade da duración daquela.

Artigo 18º.-Horas extraordinarias.

1. As horas extraordinarias serán voluntarias, e terán unha consideración excepcional, debendo ser argumentadas, baseándose en excepcionais necesidades do servizo; en todo caso, non excederán de oitenta ao ano por traballador/a.

2. Para o debido control do número de horas extraordinarias feitas, entregaráselle trimestralmente aos representantes do persoal, copia das mesmas.

3. As horas extraordinarias compensaranse, preferentemente, con descansos, a razón dunha hora por cada hora deste tipo traballada. No caso de que sexan realizadas en domingos, festivos, días de descanso ou nocturnas, compensaranse con dúas horas por cada unha traballadas.

Poderán ser acumulables para o seu gozo ata completar xornadas íntegras de traballo.

4. De non ser posible a súa compensación en días, por necesidades do servizo, ao longo do ano, serán

compensadas economicamente como gratificacións na contía fixada nas bases de execución do orzamento.

Artigo 19º.-Servizos especiais ou de urxencia.

1. Estes servizos poderán dispoñer dun sistema de quendas, atendendo á dispoñibilidade do persoal e aos servizos a realizar, respectando, en todo caso, o descanso entre xornadas, que non poderá ser inferior a doce horas. Os traballadores afectados coñecerán antes de encomezar o mes, por medio de cuadrante de servizos, ou similar, as quendas de traballo, días libres, etc., do mes seguinte.

O persoal de servizos especiais, ao final de cada ano, virá gozando da metade dos domingos e festivos establecidos como descanso.

2. A xornada non excederá, en cómputo anual, do que se sinale para o resto do persoal.

3. O horario de prestación de servizos especiais será negociado polo concello cos representantes dos traballadores, oídos os empregados afectados, e se prestan servizo en días inhábiles, terase dereito a dous días de descanso compensatorio, dentro da mesma semana, e, de non ser posible, os traballadores serán compensados economicamente (con gratificacións extraordinarias ou produtividade).

4. Os traballadores que teñan que traballar en domingo ou festivo recibirán unha compensación de 6 euros por domingo ou festivo traballado en xornada ordinaria.

5. Terá a consideración de hora extraordinaria, cada hora de traballo que se realice sobre a duración máxima da xornada de traballo, regulándose o seu aboamento ou compensación no anexo a este convenio e, en todo caso, segundo o disposto nas bases de execución do orzamento.

Artigo 20º.-Vacacións anuais.

a) As vacacións anuais terán unha duración dun mes, podendo ser fraccionables en períodos mínimos de sete días naturais consecutivos.

b) Gozaranse preferentemente, e con carácter xeral, entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, respectando sempre as necesidades do servizo.

c) No caso de persoal que traballa en quendas, non poderá comezar o período vacacional en descanso semanal establecido.

d) No suposto de baixa por enfermidade ou accidente, non se interromperá o cómputo do período vacacional, de xeito que os días durante os que se padeza a enfermidade ou accidente, non poderán gozarse como vacacións en momento distinto.

e) O plan de vacacións anuais será elaborado de tal xeito que cada traballador poida coñecer as datas que lle correspondan, polo menos con dous meses de antelación á data de comezo daquelas.

f) Nos servizos onde poidan producirse colisión de intereses respecto ao gozo das vacacións, orga

nizaranse as quendas de forma obrigatoria, de xeito rotativo, comezando polo traballador que gozase do seu período vacacional no inverno.

g) As vacacións non poderán ser compensadas en metálico, nin en todo nin en parte, agás cando no transcurso do ano se produza a extinción da relación de emprego do traballador/a ou sexa declarado este en situación de excedencia ou de suspensión de funcións e aínda non teña gozado ou completado, a súa totalidade, ou gozo do período vacacional.

h) O calendario anual de vacacións poderá ser modificado tras a solicitude dos interesados, sempre que non exista oposición fundamentada en razóns obxectivas do servizo, e non afecte a intereses de terceiros no ámbito das quendas establecidas.

i) A traballadora embarazada, terá dereito a escoller a data das súas vacacións regulamentarias, podendo unilas, se así o desexa, ao permiso por maternidade.

Artigo 21º.-Licenzas e permisos.

Sen prexuízo da adaptación automática que se producirá en caso de modificación da vixente lexislación sobre permisos e licenzas, queda establecido, para o persoal laboral fixo asimilado, o seguinte réxime de licenzas e permisos:

1. Poderanse conceder permisos ou licenzas polas seguintes causas xustificadas:

a) Polo nacemento dun fillo, e pola morte ou enfermidade grave dun familiar, ata o segundo grado de consanguinidade ou afinidade, dous días, cando o suceso se produza na mesma localidade, e catro días, cando sexa en localidade distinta.

b) Por traslado de domicilio, sen cambio de residencia, un día.

c) Para realizar funcións sindicais, de formación sindical ou de representación do persoal, nos termos legalmente establecidos.

d) Para concorrer a exames finais e demais probas definitivas de aptitude e avaliación en centros oficiais, durante os días da súa celebración.

Poderanse conceder licenzas para a realización de estudos sobre materias directamente relacionadas coa Administración pública.

e) O traballador cun fillo menor de nove meses terá dereito á redución da xornada, segundo o establecido no punto 4) do artigo 17º deste documento.

f) Quen por razóns de garda legal teña ao seu coidado directo algún menor de seis anos, ou un diminuído psíquico ou físico que non desempeñe actividade retribuída, terá dereito a unha diminución dun terzo ou dun medio da xornada de traballo, coa redución proporcional das súas retribucións.

g) Poderase dispoñer de ata nove días ao ano, como máximo, de permiso por asuntos persoais, sen xustificación, atendendo sempre ás necesidades do servizo.

h) Por matrimonio, o traballador terá dereito a unha licenza retribuída de quince días naturais ininterrompidos.

i) No suposto de parto, as traballadoras terán dereito a un permiso de dezaseis semanas ininterrompidas, ampliables en caso de parto múltiple en dúas semanas máis por cada fillo a partir do segundo. O permiso distribuirase a opción da traballadora, sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ao parto. En caso de falecemento da nai, o pai, poderá facer uso da totalidade ou, se é o caso, da parte que reste do permiso. Non obstante o anterior, e sen prexuízo das seis semanas inmediatas posteriores ao parto de descanso obrigatorio para a nai, no caso de que a nai e o pai traballen, esta, ao iniciarse o período de descanso por maternidade, poderá optar porque o pai goce dunha parte determinada e ininterrompida do período de descanso posterior ao parto, ben de forma simultánea ou sucesiva co da nai, salvo que no momento da súa efectividade a incorporación ao traballo da nai supoña un risco para a súa saúde.

j) En caso de adopción ou acollemento, tanto preadoptivo como permanente, de menores de ata 6 anos, o permiso terá unha duración de dezaseis semanas ininterrompidas, ampliables no suposto de adopción ou acollemento múltiple en dúas semanas máis por cada fillo, a partir do segundo, contadas á elección do traballador ben a partir da decisión administrativa ou xudicial de acollemento, ben a partir da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción. A duración do permiso será, así mesmo, de dezaseis semanas nos supostos de adopción ou acollemento de menores, maiores de seis anos de idade cando se trate de menores discapacitados ou minusválidos, ou que, polas súas circunstancias, e experiencias persoais, ou que, por proceder do estranxeiro, teñan especiais dificultades de inserción social e familiar, debidamente acreditadas polos servizos sociais competentes. En caso de que a nai e o pai traballen, o permiso distribuirase a opción dos interesados, que poderán gozalo de forma

simultánea ou sucesiva, sempre con períodos ininterrompidos.

Nos casos de gozo simultáneo de períodos de descanso, a suma dos mesmos non poderá exceder das dezaseis semanas previstas nos apartados anteriores, ou das que correspondan en caso de parto múltiple.

Nos supostos de adopción internacional, cando sexa necesario o desprazamento previo dos pais ao país de orixe do adoptado, o permiso previsto para cada caso poderá iniciarse ata catro semanas antes da resolución pola que se constitúa a adopción.

k) Poderase conceder permiso polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal.

l) Permisos non retribuídos: por asuntos propios poderán concederse licenzas sen retribuír, dunha duración determinada que non poderá exceder de tres meses cada dous anos.

2. Os efectos do establecido na letra a) do punto anterior, consideraranse como graves as enfermidades ou accidentes que reúnan os seguintes requisitos:

* En caso de enfermidade, que requira internamento hospitalario.

* En caso de accidentes, parte expedido por facultativo onde figure o prognóstico de grave ou moi grave.

* En casos excepcionais de enfermidade de familiares ou persoas que convivan no domicilio do solicitante (ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade), e afecten gravemente o normal desenvolvemento da vida familiar, o alcalde poderá autorizar permisos, redución de xornadas ou xornadas especiais, mentres se soluciona a situación.

Artigo 22º.-Excedencia por coidado de fillos.

O persoal laboral fixo asimilado terá dereito a un período de excedencia, non superior a tres anos, para atender o coidado de cada fillo, tanto cando o sexa por natureza ou por adopción, a contar desde a data de nacemento deste ou da adopción. Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia, que porá fin ao que se viñese gozando.

Cando o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

Artigo 23º.-Común a permisos e licenzas.

Nas referencias feitas neste capítulo, a días de permiso ou licenzas, entenderanse feitas a días naturais, sexan laborables ou non, agás no relativo a permisos por asuntos propios, que se entenderán sempre como días laborables.

En todo caso, os días de permiso por traslado de domicilio, asistencia a exames, matrimonio de parentes, enfermidades, accidentes ou falecemento de familiares, deberán de coincidir necesariamente co día no que se produza o evento.

O tempo de gozo da excedencia prevista no artigo anterior, computará para os efectos de antigüidade. Para os efectos de cotización á Seguridade Social, rexerá o disposto no Real decreto 2064/1995, do 22 de decembro, e normativa concordante, ou disposición que o substitúa.

Artigo 24º

Os traballadores que exerzan o dereito de folga non terán dereito a percibir, nin percibirán as retribucións correspondentes ao tempo que permanezan nesta situación sen que a dedución de haberes que se efectúe teña, en ningún caso, carácter de sanción disciplinaria, nin afecte o réxime respectivo das súas prestacións sociais.

Capítulo VI

Condicións profesionais: formación e capacitación

Artigo 25º.-Principio xeral de acceso á Administración e sistema de selección.

En todo caso, rexerá o que lle sexa de aplicación do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, polo

que se aproba o Regulamento xeral de ingreso do persoal ao servizo da Administración xeral do Estado e de provisión de postos de traballo e promoción profesional.

En concordancia coa normativa mencionada, estarase tamén nesta materia ao disposto no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 26º.-Acceso.

O ingreso do persoal laboral fixo ao servizo do Concello de Cambados realizarase a través da oferta de emprego público, con total respecto aos principios básicos de acceso a postos da Administración, de conformidade cos postulados constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, establecendo como mecanismos de garantía os seguintes:

a) Publicidade da convocatoria a través dos medios que se coiden axeitados, segundo o posto que se oferte; e, en todo caso, nun xornal de tirada provincial. Para o caso de prazas de persoal temporal, as convocatorias expoñeranse no taboleiro de anuncios do concello.

b) Nas probas eliminatorias garantirase o anonimato dos aspirantes, naquelas en que sexa posible.

c) Os tribunais ou comisións de selección estarán integrados por un número impar de membros, non inferior a cinco, cos seus respectivos suplentes, debendo posuír a totalidade destes un nivel de titulación igual ou superior ao exixido para o ingreso no posto de que se trate, e dos que formarán parte, con voz e voto, un representante dos sindicatos, elixido de forma rotatoria. Para iso o concello notificará os distintos sindicatos para que nomeen o representante concreto en cada caso.

d) Para poder participar nos procesos selectivos convocados polo Concello de Cambados será necesario reunir os seguintes requisitos:

* Posuir a nacionalidade española ou a dun estado membro da Unión Europea, nos termos previstos na lexislación vixente.

* Estar en posesión da titulación exixida ou en condicións de obtela no prazo de presentación de solicitudes.

* Ter cumpridos 18 anos, na data de finalización do prazo para presentación de instancias.

* Non estar separado, mediante expediente disciplinario, para ocupación de postos de traballo na Administración pública.

Artigo 27º.-Oferta de emprego público.

Aplicaranse na oferta de emprego público os seguintes criterios:

1. Os postos de traballo dotados orzamentariamente, que non sexan susceptibles de ser cubertos por

persoal do concello, constituirán a oferta de emprego público, unha vez consensuada na mesa de negociación, axustándose ao que dispoña a Lei de orzamentos xerais do Estado, cada ano.

Nas ofertas de emprego público deberá figurar o número porcentual que a lexislación vixente reserve a persoas con minusvalía, especificando a denominación e características das prazas.

2. En ningún caso poderá constituír mérito para acceder a postos de traballo na Administración, de carácter fixo, o ter desempeñado un posto de traballo con carácter eventual.

3. Cando, en cómputo anual, e por grupos ou categorías profesionais, se exceda de 800 horas extraordinarias deberá crearse unha nova praza no cadro de persoal.

4. En todo caso, os procedementos de selección de persoal derivados da oferta pública deberán estar rematados antes de que se publique a seguinte oferta.

Artigo 28º.-Provisión de postos de traballo.

A provisión de postos de traballo do persoal laboral fixo, realizarase a través do sistema de concurso-oposición ou probas de aptitude, que se reflicten nas bases que se aproben para tal efecto.

As bases e convocatorias serán publicadas a través dos medios que resulten máis axeitados e, en todo caso, no taboleiro da consistorial. O anuncio da convocatoria insertarase, así mesmo, nun xornal, cando menos, de ámbito provincial.

As bases conterán necesariamente:

1. O posto que se convoca.

2. Os requisitos exixidos para o seu desempeño.

3. O prazo de presentación de solicitudes, que en ningún caso poderá ser inferior a 15 días hábiles, contados a partir da súa publicación.

4. Baremo. Méritos (para a fase de concurso cando proceda) e avaliaranse como tales:

a) Antigüidade no desempeño de postos de traballo na Administración pública, calquera que fose o seu carácter.

b) Cursos de formación e perfeccionamento (relacionados sempre coas funcións do posto ao que se aspira).

c) Titulacións académicas superiores, excluíndo as que serviron para obter outra superior ou complementarias das que se exixen para o acceso ao grupo relacionadas con funcións propias do posto de traballo e outras homologadas por organismos oficiais, relacionadas coas funcións propias do posto.

d) Coñecemento do idioma galego.

e) Poderase incluír así mesmo unha entrevista e/ou un test psicotécnico para valorar a idoneidade para o desempeño do posto de traballo que se convoca para a súa provisión.

f) No caso de empate, terá preferencia para que lle sexa adxudicado o posto ao que obtivese maior puntuación polo punto primeiro, e, de persistir o empate, terá preferencia o de maior idade.

Artigo 29º.-Situacións de despedimento.

Para os efectos de manter o principio de aplicación das condicións máis beneficiosas para o traballador, ante unha resolución xudicial firme, que estableza a improcedencia dun despedimento, o Concello de Cambados permitirá ao despedido escoller entre a indemnización ou a readmisión, salvo informe desfavorable dos representantes sindicais.

Artigo 30º.-Asistencia xurídica, responsabilidade civil, seguro de accidentes e mutua de accidentes de traballo.

O Concello de Cambados garantirá a prestación de asistencia xurídica especializada a todos os traballadores que a precisen por razón de conflitos con terceiros, derivados da prestación do servizo.

Así mesmo o concello asumirá as posibles responsabilidades civís que puidesen derivarse da prestación do servizo dos traballadores propios, agás no caso de neglixencia destes últimos, debidamente probada. Para estes casos o concello subscribirá unha póliza que garanta unha cobertura adecuada por este concepto.

Do mesmo xeito, o Concello de Cambados concertará unha póliza de seguro colectivo de accidentes para os seus traballadores, que cubra os riscos de morte e incapacidade laboral permanente.

A elección da mutua de accidentes de traballo será realizada polo eomité de empresa.

Artigo 31º.-Segunda actividade.

O persoal laboral fixo, adscrito ao Concello de Cambados, estará obrigado a desempeñar todas as funcións inherentes ao seu posto de traballo (primeira actividade), mentres non existan causas razoables que imposibiliten o desempeño normal destas, co que se pasaría a unha segunda actividade. Con este punto de partida, na definición de segunda actividade, faise necesario determinar cales son as causas razoables que posibilitarán o paso á escala de segunda actividade, o que se poderá facer:

a) Voluntariamente. Para o persoal operario, cando cumpran os 55 anos de idade ou 25 anos de servizos efectivos nas situacións de servizo activo, servizos especiais ou excedencia forzosa, e teñan diminución de facultades acreditadas cos certificados médicos ou psicotécnicos correspondentes.

b) De oficio, por causas xustificadas. Cando o traballador estea adscrito a servizos que conleven perigosidade, e teña cumpridos os 55 anos de idade(o traballador afectado poderá neste caso tamén renunciar ao dereito de pase a segunda actividade e continuar no seu posto, estando, neste caso, obrigados a desempeñar todas as funcións do posto que ocupa).

c) Por insuficiencia das aptitudes psicofísicas. Cando o traballador estea incapacitado para o exercicio da súa función habitual, sempre que non sexa causa de xubilación anticipada por incapacidade permanente. Neste caso, o pase á segunda actividade requirirá o exame dun tribunal médico.

En calquera caso o pase á segunda actividade implicará obrigatoriamente a non prestación de servizo nocturno.

d) O persoal encadrado na segunda actividade conservará a totalidade das retribucións que viña percibindo.

e) O Concello de Cambados determinará anualmente os postos de segunda actividade, dentro da relación de postos de traballo (se esta fose aprobada) os cales serán negociados coa representación legal dos traballadores, dentro do último trimestre de cada ano, creándose vacantes cando o requiran as necesidades do servizo.

Excepto cando sexa de oficio, o persoal interesado no pase á segunda actividade deberá formular a correspondente solicitude antes do mes de setembro de cada ano, e dirixida ao alcalde-presidente.

Artigo 32º.-Incompatibilidades.

A todo o persoal incluído no ámbito de aplicación deste convenio aplicaráselle o réxime de incompatibilidades, de conformidade coas normas estatais e autonómicas vixentes na materia.

Artigo 33º.-Situacións administrativas.

En materia de situacións administrativas, o concello poderá acordar a aplicación, ao persoal laboral fixo, do establecido no Real decreto 365/1995, de 10 de marzo, que regula as situacións administrativas dos funcionarios civís da Administración xeral do Estado, e na Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Artigo 34º.-Uso da lingua galega.

Os traballadores do Concello de Cambados teñen o dereito e o deber de desenvolver a súa actividade laboral e profesional no idioma galego, como lingua da Comunidade Autónoma, e, en particular da Administración local e, polo tanto, acceder a vías de formación lingüística en relación co seu posto de traballo.

O concello proporcionará os instrumentos axeitados para propiciar un coñecemento adecuado da lingua galega.

Os traballadores do concello teñen o dereito a asistir a cursos de aprendizaxe, perfeccionamento e especialización do idioma galego dentro do horario de traballo.

No caso de que os cursos de galego non se realicen dentro dun plan de formación lingüística do persoal ao cargo do concello, ou non sexan organizados por

este, o concello aboará, logo da xustificación documental, as axudas de custo e gastos de desprazamento pertinentes.

Artigo 35º.-Formación e capacitación.

A prol de que o servizo ao cidadán, por parte do concello, sexa cada día máis áxil, eficaz e produtivo, establécese que todo o persoal que curse estudios relacionados coa materia do seu posto de traballo, e cando os horarios coincidan en todo ou en parte coa xornada laboral, terá dereito a que o concello adecúe o seu horario de traballo para facer ambos compatibles.

O concello promoverá a capacitación profesional do persoal ao seu servizo, mediante a impartición de cursiños de capacitación profesional, que se realizarán, de ser posible, dentro da xornada laboral.

De todas as comunicacións de impartición de cursiños recibidas no concello darase traslado aos distintos centros de traballo, co obxecto dunha máis ampla difusión entre o persoal e os seus delegados.

O persoal que desexe asistir a algún destes cursos deberá solicitalo, mediante escrito dirixido á alcaldía.

Para a asistencia a cursos será necesaria a conformidade do xefe do servizo, e a autorización da alcaldía. O concello aboará a matrícula e os gastos de desprazamento, así como as dietas por manutención na contía legalmente establecida.

Artigo 36º.-Vestiario.

O persoal ao servizo do Concello de Cambados, adscrito ao Servizo de Vías e Obras, será dotado das prendas de traballo que precise, así como de todos os elementos para o desempeño da súa función, en base ao que o Comité de Seguridade e Saúde Laboral estableza.

A dotación de vestiario será a seguinte:

* 2 conxuntos de chaqueta e pantalón, e funda de traballo (material reflectinte).

* 2 camisas de manga longa ao ano.

* 2 camisas de manga curta ao ano.

* 2 camisetas de manga curta ao ano.

* 1 par de botas de auga, en caso de necesidade, ao ano.

* 4 pares de luvas ao ano.

* 1 chaquetón ou anorak de abrigo ao ano (material reflectinte).

* 1 chaleco de abrigo ao ano.

* 1 roupa de augas, en caso de necesidade, ao ano.

* 2 pares de zapatos ou botas de seguridade, ao ano.

Capítulo VII

Sistema retributivo

Artigo 37º.-Estrutura retributiva.

En virtude da asimilación que se recoñece a todo o persoal laboral fixo deste concello, en materia retributiva, a súa estrutura é a seguinte:

1. Retribucións básicas.

Estas retribucións comprenden o soldo base, trienios e pagas extraordinarias, reguladas polas disposicións legais vixentes en cada momento, de acordo coas que correspondan ao corpo ou escala ao que se atope asimilado o traballador.

2. Retribucións complementarias.

Estas retribucións comprenden o complemento de destino e o complemento específico.

Artigo 38º.-Retribucións persoais.

Defínense como retribucións persoais as correspondentes ao complemento de produtividade e ás gratificacións. No caso de que as gratificacións sexan para aboar horas extras, a súa concesión rexerase polos seguintes criterios:

1. Valor da hora (normal e especial): será o que figura no cadro correspondente das bases de execución do orzamento.

2. A súa aplicación será do seguinte xeito:

a) Hora extra traballada entre as 8.00 e as 22.00 horas: terá o valor dunha hora extraordinaria normal, segundo o grupo ao que pertenza o traballador.

b) Hora extra traballada entre as 22.00 e as 8.00 horas: terá o valor dunha hora extraordinaria especial, segundo o grupo ao que pertenza o traballador.

c) Traballos extras realizados en sábados, días libres, domingos e festivos, aplicaráselles o valor dunha hora extraordinaria especial.

Artigo 39º.-Pagas extraordinarias.

Todo o persoal do Concello de Cambados, percibirá, nos meses de xuño e decembro, dúas pagas extraordinarias, tal e como establece a normativa legal que lle resulte de aplicación.

Artigo 40º.-Constitución dun fondo social.

Nos orzamentos anuais consignarase unha partida, cunha contía mínima de 6.000 euros para facer fronte, se fose o caso, a situacións de penuria grave (incendios, accidentes, etc.), a que será concedida por acordo da Comisión de Goberno, a proposta da comisión paritaria, a aqueles traballadores que o soliciten e o xustifiquen debidamente, e que lle será aboada en concepto de anticipo sen xuro. Estas cantidades serán independentes dos anticipos previstos no artigo seguinte.

Artigo 41º.-Anticipos.

Os traballadores do concello poderán percibir un anticipo de ata unha mensualidade das súas retri

bucións íntegras, previa solicitude, e para asuntos de carácter persoal, debendo reintegrarse nun máximo de doce mensualidades, que lle serán retidas pola tesouraría municipal, nas nóminas correspondentes. Estes anticipos serán sen xuro.

O traballador non poderá solicitar un novo anticipo ata que non remate a amortización do anteriormente concedido.

Artigo 42º.-Axuda de estudos para o persoal e os seus fillos.

Co indicado fin consignarase, nos orzamentos municipais, unha partida para cubrir as necesidades nesta materia.

A consignación da mesma será, para os orzamentos futuros, a que se acorde, ano por ano, na mesa de negociación.

Anualmente elaboraranse os módulos de axudas aos estudos para os distintos niveis educativos, que serán aprobados pola Comisión de Goberno, a proposta dos representantes sindicais.

Para o exercicio 2004 fíxanse as contías que figuran no apartado correspondente do anexo deste convenio.

Artigo 43º.-Complementos (quilometraxe).

Cando por necesidades do servizo o persoal do concello teña que realizar viaxes, reintegraránselle os gastos que se lle ocasionen con tal motivo.

Para o caso de que aos viaxes se realicen en vehículo propio, aboaráselle a quilometraxe a razón de 0,14 euros/km.

Esta contía será de aplicación a todo o persoal, independentemente do posto de traballo que desempeñe.

Artigo 44º.-Gratificacións especiais.

Todo o persoal do concello que, por necesidades do servizo, se vexa obrigado a traballar as noites dos días 24 e 31 de decembro, percibirán unha gratificación especial, consistente en computar as horas traballadas como horas extraordinarias especiais.

Artigo 45º.-Réxime de licenzas por enfermidade.

En virtude do disposto polo artigo 142 do Real decreto lexislativo 781/1986 (TRRL) e en ampliación do establecido polo artigo 69 da Lei 315/1964, de funcionarios civís do Estado, o persoal laboral fixo asimilado deste concello, terá dereito, en caso de enfermidade que impida o normal desempeño das súas funcións, a licenza por enfermidade, de ata 6 meses de duración, cada ano natural, con plenitude de dereitos económicos.

Estas licenzas poderán prorrogarse por períodos mensuais, ata un máximo total de 18 meses, devengando só as retribucións básicas.

Capítulo VIII

Réxime disciplinario

Artigo 46º.-Réxime disciplinario.

1. O persoal do Concello de Cambados poderá ser sancionado pola comisión de faltas tipificadas, a través do procedemento establecido polo Regulamento de réxime disciplinario, aprobado por decreto da Xunta de Galicia nº 94/1991, do 20 de marzo, e

polo Regulamento de réxime disciplinario dos funcionarios da Administración do Estado, aprobado por Real decreto 33/1986, do 10 de xaneiro, lexislación que se declara de aplicación ao persoal laboral fixo, ao que lle resulte de aplicación a este convenio.

2. O réxime disciplinario establecido enténdese sen prexuízo da responsabilidade civil ou penal en que poida incorrer o dito persoal, a que se fará efectiva na forma que determina a lexislación vixente.

3. As faltas cometidas polos traballadores, no exercicio dos seus cargos, poderán ser tipificadas como: moi graves, graves e leves, tal como se establece na lexislación á que se fai referencia.

As persoas responsables, sancións disciplinarias, extinción de responsabilidade disciplinaria, tramitación (disposicións xerais, ordenación, iniciación, desenvolvemento e terminación), xunto coas disposicións adicionais transitorias e derrogatorias, configurarán no seu conxunto o procedemento disciplinario.

En todo caso garantirase a audiencia do interesado e a presentación pola súa parte das alegacións que estime oportunas, durante o procedemento, así como a audiencia dos órganos de representación sindical, nos momentos procesuais importantes: incoación, prego de cargos e proposta de resolución.

Capítulo VIII

Dereitos sindicais

Artigo 47º.-Principios xerais.

O Concello de Cambados, a través deste convenio, recoñece de aplicación ao seu persoal laboral fixo, o disposto pola Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de libertade sindical (LOLS), modificada pola Lei orgánica 14/1994, do 19 de maio, así como o establecido no Estatuto dos traballadores, e demais lexislación que lle resulte de aplicación en materia de negociación colectiva e participación nas condicións de traballo.

Artigo 48º.-Garantías e facultades dos representantes dos traballadores.

1. Os membros dos órganos de representación dos traballadores, dada a súa condición de asimilados aos funcionarios, en diversos aspectos, nesta materia, terán as seguintes garantías e facultades:

a) Audiencia do órgano competente nos supostos de seguirse procedemento disciplinario a un deles, sen prexuízo da do interesado, que se regule no dito procedemento.

b) Expresar individualmente e colexiadamente, con liberdade, as súas opinións nas materias relativas á esfera da súa representación, podendo confeccionar, publicar e distribuír as informacións de interese profesional, laboral e social, comunicándoo ao presidente da corporación.

Para estes efectos o Concello de Cambados dispoñerá a colocación, ao seu cargo, de taboleiros de anuncios para a exposición con carácter exclusivo,

para os órganos de representación de calquera información do tipo anteriormente reseñada, en todos os centros de traballo pertencentes ao Concello de Cambados, en lugares adecuados e visibles do centro, de forma que se garanta a publicidade máis ampla do que se expoña.

Así mesmo, o concello deberá facilitarlles aos órganos de representación, a utilización de medios e materiais de traballo para a confección das informacións antes citadas, sempre que se efectúe de forma racional e moderada, e non prexudique o normal funcionamento dos servizos.

c) Non poder ser sancionados disciplinariamente, nin discriminados no seu traballo, promoción económica ou profesional, nin trasladados con carácter forzoso, en razón, precisamente, do desempeño da súa representación, durante o seu mandato, nin dentro do ano seguinte á expiración deste.

d) Dispoñer dun número de horas mensuais das correspondentes á súa xornada de traballo, sen diminución das súas retribucións, para o exercicio das súas funcións de representación de acordo coa escala que establece a normativa legal (15 horas neste concello).

e) No cómputo das asignacións horarias excluirase o tempo investido na asistencia a sesións de comisións informativas ou órganos da entidade, ou reunións por esta promovidas, e a negociación de ámbito funcional do concello.

f) Utilizar para o desenvolvemento da súa actividade, e logo de autorización da alcaldía, os locais ou oficinas da casa do concello, sen que, en ningún caso, se poidan interromper ou perturbar os servizos municipais.

g) Serlles admitida a súa abstención ou recusación no suposto de ser designados como instrutores ou secretarios nun expediente disciplinario.

Artigo 49º.-Capacidade e competencias.

Os órganos de representación terán capacidade xurídica para exercer accións administrativas ou xurídicas en todo o relativo ao ámbito das súas competencias, por decisión maioritaria dos seus membros.

Serán competencias dos órganos de representación:

a) Recibir, directamente, a máis completa información dos asuntos que afecten o sector do persoal do concello que representan.

b) Investigar e informarse, por iniciativa propia, de todas as cuestións que se refiran ao persoal, agás as que afecten a súa intimidade, dispoñendo para tal fin de acceso, consulta e reprodución gratuíta de toda a documentación relativa ás ditas cuestións, por simple solicitude ou obter autorización por escrito para o efecto.

Neste sentido, os xefes das dependencias ou servizos nas que conste a documentación relativa aos

ditos asuntos, veranse obrigados a facilitala, permitindo a súa consulta ou reprodución, sen prexuízo das garantías que se estime oportuno adoptar para evitar o extravío dos documentos, así como das responsabilidades nas que os solicitantes puidesen incorrer por incumprimento do deber de reserva profesional.

c) Formar parte ou designar os seus representantes en cantos tribunais de selección de persoal teñan lugar no Concello de Cambados, se así estivese previsto nas bases da convocatoria, exercendo de pleno dereito con voz e voto.

Para tal fin, os representantes dos traballadores nomearán un traballador/a de igual ou superior titulación académica á exixida para a praza ou prazas ofertadas, podendo ser ou non un dos delegados, para que integren o tribunal.

d) Participar e colaborar, así como informar, xunto cos delegados de prevención en materia de prevención de riscos laborais e determinación das condicións de traballo.

e) Convocar reunións de persoal ou asembleas de traballadores, preferentemente fóra da xornada de traballo, podendo, non obstante, convocarse dentro da xornada normal, se así o autorizase previamente o alcalde.

Neste sentido, están lexitimados para convocar reunións ou asembleas de persoal no Concello de Cambados, dun sector ou do seu conxunto:

1. As organizacións sindicais, ou a través dos delegados sindicais.

2. Órganos de representación electos (delegados de persoal).

3. Calquera colectivo público sempre que o seu número non sexa inferior ao 40% do colectivo afectado.

Artigo 50º.-Exercicio do dereito de reunión ou asemblea tanto de afiliados a unha sección sindical como de persoal en xeral. Requisitos.

1. A convocatoria formularase cunha antelación mínima de dous días hábiles, salvo en casos excepcionais.

2. Sinalar a hora, o lugar e a data da celebración.

3. Remitir datos dos asinantes que acrediten estar lexitimados para convocar a reunión ou asemblea.

4. Se no prazo de 24 horas seguintes á data na que se rexistrou a solicitude de autorización o alcalde, ou concelleiro delegado, non formulase obxeccións por escrito ao respecto, poderá celebrarse sen outro requisito posterior.

5. Cando as reunións vaian ter lugar dentro da xornada de traballo, a convocatoria deberá referirse á totalidade do persoal laboral fixo, salvo nas reunións das seccións sindicais.

6. Non existirá ningún tipo de limitacións para celebrar reunións fóra da xornada de traballo, salvo a seguridade de instalacións e dependencias, e que a súa realización teña lugar cando se atopen abertos os lugares de reunión ou a súa apertura non supoña dificultades importantes.

Artigo 51º.-Extensión ás parellas de feito dos dereitos concedidos aos cónxuxes.

Todas as mencións feitas aos cónxuxes considéranse feitas tamén ás parellas de feito. Para estes efectos para acreditar a parella de feito será suficiente a declaración do traballador e a presentación dun certificado de convivencia.

Disposición derradeira

Este convenio, unha vez finalizada a súa tramitación, entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no BOP.

Cambados, decembro de 2003

O alcaldeOs delegados de persoal

ANEXO

Convenio colectivo do persoal laboral fixo do Concello de Cambados

1. Axudas para próteses.

Fíxanse estas axudas nas contías que se indican a continuación:

a) Ortopédicas:

* Calzado corrector seriado, con ou sen plantillas ortopédicas60 A.

* Plantillas ortopédicas, non incorporadas a calzado corrector25 A.

b) Dentarias:

* Empastes(por unidade) 50% (ata 25 A).

* Endodoncias en uniradiculares/multiradiculares.

(Dentes/moas)(por unidade) 50% (ata 50 A).

* Pernos(por unidade) 50% (ata 47 A).

* Coroas(por unidade) 50% (ata 95 A).

* Próteses parciais(por unidade) 50% (ata 190 A).

* Próteses completas (superior e inferior)50% (ata 380 A).

* Hixiene dental50% (ata 20 A).

* Selladores foxas e fisuras(por unidade) 50% (ata 17 A).

* Mantedor de espazos(por unidade) 50% (ata 40 A).

* Placa de bruxismo(por unidade) 50% (ata 67 A).

* Ortodoncias (iniciadas antes dos 15 anos)(por unidade) 45% (ata 402 A)

c) Oculares:

* Lentes para lonxe ou cerca60% (ata 80 A).

* Lentes bifocais60% (ata 100 A).

* Lentes progresivas60% (ata 245 A).

* Substitución de cristais (cada un)60% (ata 20 A).

* Substitución de cristais progresivos (cada un)60% (ata 67 A).

* Lentes de contacto (cada unha)60% (ata 41 A).

d) Auditivas:

* Audífono (por cada un)60% (ata 400 A).

2. Axudas para estudos.

Para o ano 2004 fíxanse as contías que por axudas para estudos e por cualificación académica lle corresponderán ao persoal atinxido:

* Por cada fillo en educación infantil ou gardería: 34 A.

* Por cada fillo en educación primaria: 68 A.

* Por cada fillo no 1º ciclo da ESO ou equivalente: 83 A.

* Por cada fillo no 2º ciclo da ESO ou equivalente: 100 A.

* Por cada fillo en ESPO ou equivalente: 133 A.

* Por cada fillo na Universidade: 234 A.