DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Mércores, 05 de maio de 2004 Páx. 6.314

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 27 de abril de 2004 pola que se convoca un curso de Access.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2004, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun curso de Access que deberá desenvolverse de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Conseguir que o alumno comprenda a utilidade dunha base de datos e capacitalo para o manexo das funcións máis empregadas neste tipo de aplicación informática.

Segunda.-Destinatarios.

Membros das agrupacións de voluntarios de protección civil que teñan realizado o curso básico de protección civil e posúan coñecementos medios de informática.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas para este curso é de 15.

2. Duración e data: o curso desenvolverase durante os días 2 e 3 de xuño de 2004, en xornada de mañá e tarde, cunha duración de 16 horas.

O horario será o seguinte: das 9.30 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 20.00 horas.

3. Lugar: o curso terá lugar na Academia Galega de Seguridade, sita na avda. da Cultura, s/n, 36680 A Estrada (Pontevedra).

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

2. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 27 de maio de 2004.

4. As instancias deberán vir asinadas polo presidente da agrupación e seladas, e no caso de haber máis dunha solicitude da mesma agrupación, relacionalas en orde prioritaria. Este será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As instancias deberán enviarse por correo, fax, etc. á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, nº fax 986 59 09 88, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

Nel trataranse os seguintes temas:

1. Crear bases de datos con Access. Traballar con táboas.

2. Imprimir táboas. Realizar consultas na base de datos.

3. Formularios e informes.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización do curso exporase no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, sen prexuízo da oportuna notificación aos seleccionados con antelación á celebración do curso. Tamén poden confirmar a súa asistencia chamando ao teléfono 986 59 00 21.

Sétima.-Certificado de asistencia e aproveitamento.

Ao remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Oitava.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 27 de abril de 2004.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

AXENCIA PARA A CALIDADE DO SISTEMA UNIVERSITARIO

DE GALICIA